Inicio Horarios Contactar

Presentación
Onde estamos
Historia
Programación 2016-2017
Horarios
Organización
Publicacións
Ligazóns
Noticias
Curso 2016-2017
Curso 2015-2016
Curso 2014-2015
Curso 2013-2014
Curso 2012-2013
Curso 2011-2012
Curso 2010-2011
Curso 2009-2010
Curso 2008-2009
Curso 2007-2008
Curso 2006-2007
Curso 2005-2006
Curso 2004-2005
Curso 2003-2004

AxendaAmosar axenda completa

En castellano

25/06/2014

O CONSELLO DE PASTORAL REVISA O CURSO PASTORAL

Despois de que cada un dos grupos dedicou un tempo a revisar o curso pastoral que remata, os membros do Consello de Pastoral Parroquial reuníronse o día 23 de xuño ás 20,30 h para valorar todas as contribucións que envíaron os grupos.

A valoración é positiva e merece un enorme grazas a cantos participan nos diferentes grupos parroquiais e dinamizan e empuxan os mesmos. Queda un esforzo por seguir medrando en comuñón interna e coa realidade diocesana así como un dinamismo misioneiro con novo empeño en orde a incorporar a xente xoven. A incorporación de nenos, pais e mozos á vida parroquial é unha materia pendente que reclama afrontar o traballo pastoral. Así mesmo é necesario un replantexamento dado que moitos grupos son tan pouco numerosos que deben cuestionarse o unirse a outros en orde a non multiplicar innecesariamente as tarefas, e así mesmo flexibilizar os horarios de Catequese para poder compatibilizar a oferta catequética cos horarios de actividades dos nenos.

Un feliz descanso e que empecemos o vindeiro curso con novo ánimo vivindo "Ourense en misión con María".

FIN DE CURSO DO EQUIPO DE CARITAS

O día 16 de xuño ás 20 h os membros do Equipo de Caritas Parroquial e algúns colaboradores reuníronse para celebrar o final do curso pastoral 2013-2014.

Comezou o encontro cunha celebración da fe e concluíu cunha cea compartida na que non faltou o humor e as actuacións dos propios voluntarios animando o bo clima e a ledicia con que traballan ao servizo dos máis pobres.

Múltiples grazas polo voso traballo e a seguir, porque o servizo aos pobres non coñece vacacións.

FIN DE CURSO DO EQUIPO DE LITURXIA

O día 9 de xuño, os membros do Equipo de Liturxia parroquial, reuníronse para concluir o curso pastoral.

Despois de celebrar a fe coa comunidade participando na Eucaristía parroquial, compartíuse unha amena cena con gran ledicia e colorido.

Grazas polo voso traballo e a descansar para volver con ánimos renovados.

 

24/06/2014

ENCONTRO DE NOIVOS

Os días 21 e 22 de xuño celebrouse, no Centro Prematrimonial de Santiago das Caldas, o encontro de noivos no que participaron trece parellas de distintas Parroquias da cidade.

Animalos a todos eles a que vivan o sacramento do matrimonio, que en palabras do Papa Francisco é "unha longa viaxe que non é por partes, que dura toda a vida, e precisan a axuda de Xesús para camiñar xuntos, con confianza, para acollerse, un ao outro cada día, e perdoarse cada día". Felicidades a todos.

 

10/06/2014

CÁRITAS INFORMA

Recordamos que a colecta das Eucaristías do día 15 de xuño estarán destinadas a Caritas Diocesana.

Apelamos á vosa solidariedade, a compartir o pouco que teñamos, a concienciarnos de que Cáritas somos toda a comunidade parroquial.

Sexamos responsables das nosas accións.

MOITAS GRAZAS POR A VOSA COLABORACIÓN.

 

05/06/2014

ENCONTRO DE CARITAS INTERPARROQUIAL

O sábado 31 de maio, tivo lugar na Parroquia Santiago das Caldas o encontro das Cáritas interparroquiais da cidade. Participamos 23 persoas das Cáritas de: San Pio X, San Xosé de Vistahermosa, Sagrado Corazón, Cristo Rei e Santiago das Caldas.

Levouse a cabo a posta en común do traballo de formación programado para este curso: "Coñecer e afondar na nosa identidade como voluntarios de Cáritas Parroquiais ", ademais de repasar o do curso pasado: "Buscamos mellorar a acollida"

Fixemos un momento de descanso para compartir un café e confraternizar uns con outros.

Despois puxemos en común os resultados do traballo de grupos onde se valorou a necesidade da formación e do acompañamento dos sacerdotes na nosa labor de voluntarios.

Finalizamos cunha oración: A mirada de Xesús e oración do voluntario dirixida por Don Bruno.

Despedímonos sobre as oito da tarde co desexo de volver a encontrarnos no vindeiro curso.


26/05/2014

UNCIÓN DE ENFERMOS COMUNITARIA

21 persoas enfermas e anciáns recibiron onte, na Comunidade Parroquial, a Unción dos Enfermos, un Sacramento para pedir a Deus a saúde corporal se convén, o perdón dos pecados e consolo e fortaleza para soportar o sufrimento que a enfemidade pode levar.

¡Noraboa a todos! e que o seu testemuño axude a outros a “perder o medo” a este Sacramento de sanación.

30/04/2014

ATRÉVETE A SERVIR

Estamos en tempo de Pascua, despois de pasar a Coresma, na que se nos convidaba a " atrevernos a cambiar" deixándonos primerear por Deus que sae ao noso encontro, que nos convida a involucrarnos na misión de encher o mundo do Evanxeo da ledicia, festexando e gozando cada pequeno froito.

Despois vivimos a Semana Santa acompañando ao Señor, tentando descubrir en profundidade a súa forma de vivir, de entregarse e incluso de morrer. E celebramos con gran gozo, a gran noite santa, a Vixilia Pascual, anunciando a RESURRECCIÓN de Cristo.

Desde o Equipo de Liturxia, damos as GRAZAS, a todas as persoas que colaboraron para poder levar a cabo as distintas Celebracións.

¡ATRÉVETE A SERVIR! ¡ALELUIA!

 

12/04/2014

VIACRUCIS PRIMEIRA COMUÑÓN

O venres 4 de abril, ás 20:30h, na Igrexa, tivo lugar o "Viacrucis" das Catequistas de Primeira Comuñón. Foi moi participativo por parte dos nenos/as, de Primeira Comuñón, os seus pais e a Comunidade Parroquial.

Os nenos/as, aprenderon nesta tarde o que é un Viacrucis. Gustoulles participar nel lendo: as Reflexións e as Oracións. Cantando. Ao final, fixeron un xesto: un neno levaba unha Pomba (que simboliza o Espírito Santo, que é a forza que Él nos dá), e unha nena un Corazón, (que simboliza o máis importante que Xesús, nos ensinou, o Amor, o nos amar todos como Él no lo demostrou sempre). Dúas cousas moi importantes para a nosa Vida e a nosa Fe. E dúas nenas cunhas cartolinas nas que ía a frase: "¡CELEBRA A VIDA!" (que ía unido a un vídeo con imaxes e música), (no que se nos dicía as cousas importantes que hai na vida, e polas que hai que loitar sempre, para que o mundo sexa mellor).

Percorremos con Xesús, o Camiño da Cruz, para aprender a Amar de verdade como Él nos ama…
Saibamos neste tempo de Coresma, que o noso Amor se traduza en obras. E "ATRÉVETE A CAMBIAR". ¡Non deixes só a XESÚS!

 

01/04/2014

ENCONTRO PREMATRIMONIAL

Os días 22 e 23 de marzo, un nutrido grupo de parellas tiveron, nos locais da Parroquia, o Encontro de Prematrimoniais.

A todos eles desexarlles que o Deus do Amor os axude e guie na aventura de camiñar xuntos pola vida. Noraboa e moitas felicidades.

 

 

24/03/2014

EUCARISTÍA DE ENTREGA DO CREDO

A comunidade parroquial de Santiago das Caldas entregou, o pasado 9 de marzo, aos catecúmenos de primeiro ano de Confirmación, o Credo, Símbolo da nosa fe; que resume toda a historia do amor de Deus.

Eles aceptárono con ledicia e esperanza e co desexo de coñecelo, asumilo e vivilo, comprometéndose a superar as tentacións que os separan de Deus.

 

 

22/03/2014

CELEBRACIÓN PRIMEIRA CONFESIÓN

O martes día 18 de marzo, ás 18:00h, os nenos/as de Primeira Comuñón, tiveron a súa primeira "Celebración Penitencial", a experiencia gozosa do perdón de Deus. Estiveron acompañados polos seus pais e as súas Catequistas.

Cantaron: "Hola Dios". Acendeuse o Cirio Pascual, como presenza luminosa de Xesús, que quere facerse presente na Celebración, para que todos “Nos atrevamos a cambiar".
Leuse: "A Parábola do Fillo Pródigo". (Texto Dialogado. Participaron: 2 nenos, unha Catequista e o Sacerdote). Para que os nenos/as, entendesen que Deus o noso Pai, quérenos sempre porque somos os seus fillos.

Logo, unha Catequista, co Cirio Pascual, púxose no centro do Presbiterio e sete nenos/as, fixeron unha barreira diante do Cirio, que impedía chegar a Deus. Cada un cun folio, e neles ía escrita unha actitude de pecado, pola que se pediu perdón de maneira comunitaria. Mentres un dos nenos lía a petición de perdón, o que estaba na cadea rompe o folio e o tira nunha papeleira. Ao rematar todos, queda despexado diante o Cirio e así, poder chegar a Deus. Cando se acabaron de confesar, convidouse aos nenos/as, a expresar espontaneamente algúns motivos de "Acción de Grazas".

Ao final, unha nena leu a "Oración de Acción de Grazas". E rezamos todos xuntos o Noso pai.
Neste "Sacramento do Perdón", que recibiron hoxe, viron a Ledicia do Perdón, Xesús ámanos, perdoa e o noso corazón medra. E así, nós poidamos amar e perdoar aos demais. E isto, que os polo camiño de seguir medrando na súa fe e seguir formándose na súa Iniciación Cristiá.

 

12/03/2014

CORESMA

A Coresma 2014, xunto co lema: "¡Atrévete a cambiar!", proponnos un signo para facer visible esa conversión: "Xaxún e Abstinencia Solidarios"

Convidámosvos a ser xenerosos cos que menos teñen, vai reunindo o froito das túas privacións e entrégao nas cestas da colecta do Xoves Santo, día do Amor Fraterno, para axudar ao comedor social de Cáritas.

Sede xenerosos.

Agardamos as vosas contribucións.

ENCONTRO INTERPARROQUIAL DE CARITAS

O sábado día 8 de marzo celebrouse na casa parroquial de Santiago das Caldas, o encontro de Cáritas Interparroquiais no que participaron unhas 40 persoas das parroquias de: San Pio X, San Xosé de Vistahermosa, Cristo Rei, Santiago das Caldas, Nª Sª de Fátima e Sagrado Corazón. Acompañounos Xosé Antonio González García que nos axudou a afondar na nosa identidade de voluntarios con dúas reflexións que titulou: Chamados e envíados.

Gozamos da claridade da exposición, que a través dun texto de Xeremías, lembrounos que Deus "chama" dunha forma libre, gratuíta e persoal. E a través dun texto de Lucas foi debullando a misión, o "envío".

Toda a reflexión está en conexión coa temática da formación deste curso: Coñecer e afondar na nosa identidade como voluntarios de Cáritas Parroquiais.

 

05/03/2014

EUCARISTÍA PETICIÓN DE PRIMEIRA COMUÑÓN

O domingo 23 de febreiro, VII Domingo do Tempo Ordinario, na celebración das 12:30 h, os nenos e nenas de Primeira Comuñón tiveron a súa Eucaristía de "Petición de Primeira Comuñón".

Convocados por Xesús e neste ano da "Nova Evanxelización", na que se nos propón de maneira especial "Facer novas todas as cousas", os nenos e nenas pedíronlle á comunidade o ser acollidos, para recibir neste curs, dous Sacramentos máis no seu medrar na fe: a Penitencia e a Eucaristía. E ademais de ser unha gran ledicia para eles dar este paso, dixéronlle a Xesús que están aquí para comprometerse e nunca deixar de participar na Eucaristía dos domingos e así, poder seguir medrando na súa Iniciación Cristiá.

Os nenos e nenas foron moi participativos en toda a celebración: lendo, contestando e cantando con xestos. Gozaron moito. Ao final, entregóuselles un recordatorio coas contestacións da Eucaristía.

 

04/02/2014

FESTA DAS CANDELAS

O domingo día 2 de febreiro, festa da Presentación do Señor, celebrouse ás 12:30 a eucaristía do Aniversario do Bautismo. Un grupo de pais xunto cos seus fillos participaron de maneira activa na mesma e comprometéronse a seguir sendo transmisores da fe co testemuño das súas vidas.

Noraboa a todos e que o Señor sexa a Luz das nosas vidas.

 

 

28/01/2014

EUCARISTÍA DE CATEQUESE DE SEGUNDO NA CASA

O domingo, 26 de xaneiro, ás 12,30 h, os nenos e nenas de 2º de Catequese na Casa celebraron a Eucaristía con toda a comunidade parroquial.

Iniciárona camiñando detrás da Cruz, que é o signo de todo cristián e desde onde Xesús nos convida a "facer novas todas as cousas".

Neste ano da Nova Evanxelización, e como lembranza do noso Bautismo, antes de proclamar os artigos do Credo, dado que se celebraba a Xornada da Infancia Misioneira, a cinco nenos fóiselles acendendo unha vela de diferente cor para ter presentes a todos os nenos do mundo.

No momento da Comuñón, convidóuselles a achegarse a recibir a bendición cos brazos cruzados sobre o peito.

Ao rematar entregóuselles o folleto: "As oracións do cristián II".

 

27/01/2014

CAMPAÑA DE NADAL DE CARITAS 2013

DOAZÓNS EN ALIMENTOS
FAMILIAS DA PARROQUIA....... ..........................392 kg
BANCO DE ALIMENTOS DE OURENSE.......3.124 kg
PARROQUIA SAN MIGUEL DO CAMPO............115 kg
NENOS DE CATEQUESE....................................132 kg
ASOCIACIÓN AMENCER................................. 1.100 kg
TOTAL................................................................. 4.800 kg

DOAZÓNS EN DIÑEIRO.............................. 14.200,00 €

FAMILIAS ATENDIDAS............................................. 113
PERSOAS ATENDIDAS........................................... 341

GRACIAS POR AXUDAR A QUE AXUDEMOS

Os datos son sempre fríos, pero con eles queremos expresar as nosas máis sinceras grazas a todos os que colaboraron na campaña facendo posible que en moitos fogares se puidese vivir " o NADAL"

O plan de Deus sobre as persoas é: que saibamos compartir, poñernos no lugar do outro, imitar os valores do Evanxeo. Irmáns, estamos no camiño.

Grazas a vós, Xesús fíxose presente en moitos fogares.

MOITÍSIMAS GRAZAS A TODOS POLA VOSA COLABORACIÓN

20/01/2014

EUCARISTÍA DE CATEQUESE DE PRIMEIRO NA CASA

O día 19 de xaneiro ás 12,30 horas, os nenos e nenas de Primeiro de Catequese na Casa pediron á comunidade parroquial que os admitise á Catequese.

Iniciaron a Eucaristía camiñando detrás da Cruz expresando así que son cristiáns e antes da Profesión de Fe achegáronse á Pila Bautismal, mollaron os dedos na auga e fixeron a Sinal da Cruz.

Na Comuñón convidóuselles a achegarse a recibir a bendición cos brazos cruzados sobre o peito.

Ao rematar a celebración entregóuselles o folleto "As oracións do cristián I".

 

15/01/2014

ENCONTRO INMIGRANTES

O día 14 de xaneiro do 2014, na parroquia de Santiago das Caldas, tivo lugar o encontro entre Cáritas parroquial e os inmigrantes, como é habitual todos os anos.
Reunímonos 55 persoas adultas de diferentes países. Asistiron tamén 20 nenos, temos dúas persoas - ás que agradecemos a súa colaboración - que se ocupan dos nenos con distintas actividades lúdicas e a merenda correspondente.

Foi unha tarde de encontro, de intercambio de experiencias, de ledicia por compartir xuntos: diálogo, proximidade e uns pinchiños (había alimentos típicos de diferentes países que aportaron algúns asistentes). Todo isto axúdanos a coñecernos, coñecen aos que os acollen, aos que colaboran na distribución (roupa ou alimentos) pero non aos demais que traballan en toda esta labor parroquial.

A valoración do encontro é moi positiva, incluída a dos nenos.

ATA O VINDEIRO ANO

 

20/12/2013

INFORMAR PARA CRECER EN COMUÑÓN

Na primeira semana de Advento, as Visitadoras parroquiais fixeron chegar as caixas de correos dos fogares da nosa Parroquia a felicitación do Nadal e un novo número da revista "Parroquia en Camiño". A través dela, o Equipo de Caritas Parroquial informa de todas as actividades realizadas durante o ano grazas á colaboración da comunidade parroquial e as entidades colaboradoras. Durante o ano distribuíronse 40.609,7 quilos de alimentos e investíronse 18.663,42 € en axuda a persoas en situación de necesidade.

Todo iso é froito da xenerosa colaboración de todos e do traballo impagable dos voluntarios. Se todos colaboramos, todos temos dereito á información máis sinxela e clara posible para coñecer o que se fai coas nosas contribucións, este é o obxectivo desta publicación. Agora convídase a todos a colaborar un ano máis na Campaña de Nadal. ¡Grazas, moitas grazas a todos!

A FESTA DA FRATERNIDADE

O día 18 de decembro reunímonos 80 persoas dos diferentes grupos da Parroquia para dar grazas a Deus polo trimestre que remata e celebrar xuntos a ledicia de sentirnos unha familia unida polos lazos da fe.

Ás 19 h comezou o encontro coa Oración de Vésperas no Templo parroquial. A celebración, preparada polo Equipo de Liturxia e animada polo Coro parroquial, foi dunha gran beleza e clima de oración. Logo no salón parroquial agardábanos a festa preparada polo Equipo de Catequistas de preparación á Primeira Comuñón. Un sinxelo ágape e a creatividade de membros de diferentes grupos que nos fixeron gozar: Unha táboa de ximnasia, a actuación dos mozos con cancións do momento, a Coral Parroquial e a actuación estelar de ABBA (xa teñen clube de fans). Logo seguiu un momento de festa animada por todos con cancións populares e gran ledicia.

Grazas a tódolos que, con traballo xeneroso, regalástesnos este momento de gozo.

XENEROSIDADE EN TEMPOS DE CRISE

A Campaña de Nadal está poñendo de manifesto, un ano máis, a xenerosidade dos crentes da nosa comunidade. Xa se recadaron máis de nove mil euros e o grupo de voluntarios tense que multiplicar para recoller, contabilizar e distribuír os alimentos doados para que a ninguén falte o imprescindible nestes días.

¡Que Deus vos bendiga a todos e a fe nos siga alentando para construír un mundo máis xusto e habitable!

OS NENOS PARTICIPAN NA VIDA DIOCESANA

O día 15 de decembro, terceiro domingo de Advento, un grupo de Catequistas, educadores, nenos e pais dirixíanse á Santa Igrexa Catedral para participar na celebración da bendición da imaxe do Neno Xesús polo noso pastor e Bispo Dn. Leonardo.

Logo, o día 17 uníronse ao grupo do Movemento Scout en Santa María Nai para participar na celebración da "Luz da Paz de Belén" e traela ata a nosa Parroquia onde o domingo 22 distribuirémola a tódolos fregueses que a desexen para que ilumine os seus fogares a noite de Nadal.

A todos vos desexamos un moi Feliz Nadal.

26/11/2013

CÁRITAS INFORMA

A tarde do día 16 de novembro do 2013 reunímonos, na Parroquia de Santiago das Caldas, 35 persoas das Cáritas Parroquiais de: S. Pio X, Cristo Rei, Nª Sª de Fátima, Sagrado Corazón, San Xosé de Vistahermosa e Santiago das Caldas. Acompañounos Dña. Patricia de Cáritas Diocesana.
O tema do encontro: Repercusións da pobreza na vida familiar. Presentouno Don Carlos González Prieto, Director do COF.
Despois dun traballo de grupos, no que fomos descubrindo como a pobreza pode ser fonte de conflitos familiares e como os conflitos familiares poden ser fonte de pobreza, Don Carlos foi iluminando a posta en común convidándonos a tomar conciencia da necesidade de facer presente o amor de Deus na proximidade solidaria ás persoas.
Brindounos a oportunidade de acudir ao COF ante calquera dúbida no noso traballo.

Aproveitamos esta oportunidade para lembrarvos a "Campaña de Nadal".
Precisamos o voso apoio, a vosa oración e tamén os vosos donativos.
Os máis desfavorecidos precisan integrarse na sociedade, pero antes de falarlles de promoción, de integración, de proxectos… precisan comer e alimentar aos seus fillos.
Nestas datas é aínda máis doloroso carecer do indispensable. Agardamos que este Advento, no que Xesús vén para "facer novas tódas as cousas", nos fagas máis xenerosos e solidarios.

GRAZAS DE ANTEMÁN

19/11/2013

MISA CATEQUISTAS PRIMEIRA COMUÑÓN

O domingo día 10 de novembro ás 12,30 h, as Catequistas de Primeira Comuñón celebraron a Eucaristía acompañadas da Comunidade Parroquial e na que participaron os nenos e nenas de Primeira Comuñón e os seus pais que se seguen implicando no seu proceso catequético.

Os nenos e nenas foron participativos lendo a oración dos fieis, na presentación dos dons e nos cantos facendo os xestos e cantando: "Ola Deus", "Santo", "Paz no ceo", "O meu Deus está vivo"…

Resaltóuselles nesta celebración que Deus non é un ídolo que domine e engane, senón Alguén que nos dá a vida xenerosa e abundante, Alguén que FAI NOVAS TODAS AS COUSAS.

Que esta celebración da Eucaristía dominical sexa para estes nenos e nenas escola e alimento na súa fe.

 

12/11/2013

POUCOS PERO BEN UNIDOS

Na tarde chuviosa do día 9 de novembro desprazámonos un grupo de 7 mozos e 3 animadores á Parroquia de San Miguel do Campo, para celebrar o Magosto. Ao chegar instalámonos na Casa Parroquial e, aproveitando unha pausa da chuvia, fomos dando un paseo ata a capela da "Virxe do Carpazal", venerada nesta Parroquia. Logo o volver, fixemos un momento de oración e preparamos a Misa do domingo. A continuación preparamos a cea, fixemos xogos e… a tentación levounos á festa a Sabadelle. Despois de durmir un pouco, participamos na Misa parroquial. Logo fixemos o churrasco e o magosto, recollemos a casa, outro paseo polos arredores nun día soleado e regresamos a casa. Non fomos moitos, pero pasámolo xenial.

DIGNIFICAR A LITURXIA PARROQUIAL

Unhas 70 persoas reunímonos no Templo parroquial o día 7 de novembro, convocados polo Equipo de Liturxia parroquial co obxectivo de poñer en marcha unha das accións da programación diocesana: "dignificar as celebracións litúrxicas".

Xuntos reflexionamos sobre aspectos da vida litúrxica da Parroquia e aspectos para unha mellor participación e vivencia: Situarnos xuntos, coidar o silencio e a orde, coidar o canto… son elementos que nos axudarán a vivir con maior profundidade e crear un clima que faga que as nosas celebracións sexan evanxelizadoras.

PARROQUIA E NOVA EVANXELIZACIÓN

O día 6 de novembro reunímonos 42 persoas que colaboramos na Parroquia en diferentes grupos para reflexionar xuntos sobre a Parroquia e a Nova Evanxelización. Nun mundo secularizado como o noso a misión da Parroquia segue sendo a mesma: Evanxelizar. Pero o xeito de facelo reclama un espírito e actitude novos. Precisamos conversión persoal e de estruturas. Tempos novos requiren indubidablemente estilos novos, pero sobre todo un espírito novo.

Comezamos cun momento de oración dispóndonos para iso coa audición da canción de Ricardo Cantalapiedra, "A casa do meu amigo" e a reflexión sobre Hch.4,22 para concluír coa oración pola miña comunidade. Logo, tras unha breve introdución, na que se nos presentou o ambiente actual, pasamos aos grupos para xuntos buscar camiños para poñer á comunidade na dirección cara a Nova Evanxelización. Descubrimos como a superación do individualismo e a opción polo testemuño comunitario, a formación de axentes, unhas celebracións máis vivas, por iso máis racionalizadas e participadas por todos, o testemuño da solidariedade… son os camiños mallados que habemos de percorrer cun espírito novo e en comuñón coa Igrexa diocesana.

 

07/10/2013

CARITAS PARROQUIAL

Neste novo comezo de curso pastoral o equipo de Caritas, no nome de toda a comunidade parroquial de Santiago das Caldas, convídavos e anímavos a colaborar e a compartir o pouco ou moito que temos cos que non teñen nada ( é moi triste oír: " mamá, ¿mañá temos leite para almorzar? ").

A tan nomeada crise, o paro, as inxustizas, a explotación… fan que cada día sexan máis as familias necesitadas. E non aparecen co novo curso pastoral, estiveron aí xa todo o verán, non poden coller vacacións.

Temos aberto o roupeiro parroquial desde o 4-09-13 para adaptar a recollida ao comezo do curso escolar. Lembrarlles que só se recolle e se entrega roupa ás persoas que viven na Parroquia.
Que ten que entregarse a roupa en boas condicións (o que non vale para min, non vale para o outro, "o irmán"). Respectar horarios e datas de recollida e de entrega (os voluntarios non poden dispor das 24 horas do día para estar á nosa disposición porque teñen tamén vida propia).

Contamos coa vosa axuda, a vosa xenerosidade e a vosa colaboración para levar a cabo a misión que se nos encomendou, pero lembrade sempre que:

CARITAS SOMOS TODA A COMUNIDADE PARROQUIAL

20/09/2013

INICIO DO NOVO CURSO

O día 7 de outubro empezan as actividades do novo curso pastoral de tódolos grupos.

Martes 1: Reunión do Consello de Pastoral Parroquial.

Venres 4: Empeza a devoción dos Primeiros Venres, tódolos enfermos ou persoas que non poden saír das súas casas e desexen comungar, que nos avisen.

Sábado 5: Aniversarios comunitarios ás 19,00 h.

Domingo 6: Inauguración do curso pastoral.

Luns 7: Ás 16,30 h ou ás 18,30 h, inicio da Catequese de Poscomuñón (segundo o horario elixido) e ás 20,30 h, reunión de pais de nenos de 1º de Catequese na Casa.

Martes 8: Ás 18,00 h iníciase a Catequese de terceiro ano de preparación á Primeira Comuñón (os do sábado comezan o día 19 dado que o 12 é festivo). Ás 10,00 h iníciase a oración de Laudes e adoración do Santísimo no Templo.

Mércores 9: Ás 20,30 h reunión de pais de nenos de 2º de Catequese na Casa.

Xoves 10: Ás 10,00 h, Laudes e adoración do Santísimo no Templo, ás 17,00 h reunión do grupo da Lexión de María e ás 20,30 h Exposición do Santísimo.

ENCONTRO DE PRESENTACIÓN DO PROXECTO DE PROGRAMACIÓN

O martes 17 e mércores 18 pasados ás 20,30 h reunímonos no Salón Parroquial os responsables de grupos e algúns membros dos mesmos que desexaron participar para coñecer o Proxecto de Programación Pastoral Parroquial 2013-2014.

Despois da oración, o primeiro día enmarcouse o Proxecto dentro da Pastoral Diocesana, de modo que colaboremos á súa posta en marcha e logo presentáronse as accións referidas á Formación na fe. Unhas comúns para tódolos grupos e membros da Parroquia e outras propias de cada grupo. Na segunda sesión, coñecemos as propostas a nivel de Liturxia, Caridade e servizo da comuñón.

Agora queda ata o día 27 tempo para que os diferentes grupos estuden o Proxecto e fagan todas aquelas propostas ou correccións que consideren oportuno de modo que, na reunión do Consello de Pastoral Parroquial do 1 de outubro, se aprobe a Programación Pastoral deste curso.

 

30/08/2013

ARRANCANDO MOTORES...

O mes de Agosto toca á súa fin e xa está todo preparado para o comezo do curso 2013-2014.

Como lectura de fin de verán, pódeslle ir botando un ollo ó borrador da nova programación pastoral (pincha aquí). ¡Seguro que hai algún grupo ou actividade que che interesa!

Ó longo do próximo mes de Setembro, os distintos grupos traballarán sobre el e realizarán as aportacións que consideren oportunas para que finalmente o Consello de Pastoral Parroquial leve a a cabo a súa aprobación na reunión do día 1 de Outubro.

 

28/08/2013

NOVO HORARIO DE MISAS

O domingo, día 1 de setembro, entra en vigor o novo horario de Misas que afecta aos domingos e festivos.

Pola semana o horario é o habitual, é dicir, pola mañá ás 11,30 h, excepto o mércores que é ás 10,00 h, e pola tarde ás 20,00 h, ata o cambio de hora que pasará ás 19,00 h.

Os domingos e festivos, pola mañá hai Misa ás 10,00 h, ás 11,00 h e ás 12,30 h e pola tarde será ás 20,00 h, ata o cambio de hora que pasará ás 19,00 h.

 
www.santiagocaldas.org © 2016 Parroquia de Santiago
Avda. de las Caldas, 28. 32001 Ourense
info@santiagocaldas.org (+34) 988 211 954