Inicio Horarios Contactar

Presentación
Onde estamos
Historia
Programación 2017-2018
Horarios
Organización
Publicacións
Ligazóns
Noticias
Curso 2017-2018
Curso 2016-2017
Curso 2015-2016
Curso 2014-2015
Curso 2013-2014
Curso 2012-2013
Curso 2011-2012
Curso 2010-2011
Curso 2009-2010
Curso 2008-2009
Curso 2007-2008
Curso 2006-2007
Curso 2005-2006
Curso 2004-2005
Curso 2003-2004

AxendaAmosar axenda completa

En castellano

29/07/2013

UNHA FESTA MARCADA POLA DOR DUNHA TRAXEDIA

A noite do 24 de xullo de 2013 quedará na lembranza de todos nós. Un tráxico accidente vestiu de loito a nosa terra e levou a dor a moitas familias. Moitos desta Parroquia, vinculados a Renfe, viviron unha noite para esquecer. E as nosas festas tinguíronse de dor solidaria. Unha procesión sen música, sen o soar gozoso das campás, percorreu nun silencio meditativo as rúas do barrio. Foi unha auténtica procesión, sen folclore.

Na celebración, o que presidía, Dn. Xosé Pérez Domínguez, Vicario de Pastoral, convidounos a reflexionar sobre o tráxico accidente e a gardar un minuto de silencio trala súa luminosa homilía. Ao rematar, suprimíuse o Himno galego co que cada ano nos unimos, antes de separarnos, á celebración do día de Galicia, e un responso elevouse ao ceo por tódolos falecidos que rematou cun sonoro aplauso en sinal de recordo e solidariedade con tódolos afectados por ese tráxico suceso e en agradecemento a tantos homes e mulleres, cidadáns anónimos, forzas de seguridade, protección civil, persoal do mundo sanitario que deron mostras dunha gran solidariedade e capacidade de resposta ante estas situacións sempre imprevisibles.

A IMAXE DE SAN ROQUE LUCE NOVO ASPECTO

Seguindo co empeño da comunidade de conservar o patrimonio histórico-artístico parroquial, o centro de restauración San Martín da Diocese de Ourense levou a cabo un espléndido traballo de restauración da imaxe de San Roque que se conservaba, retirada do culto, na nosa comunidade parroquial.

 

Agora luce esplendoroso e haberá que estudar o modo de poñelo ao público para que poida ser admirado e venerado polos seus moitos devotos.

SEN PRÉSA PERO SEN PAUSA…

Coa puntualidade característica, chegou ás nosas mans o tríptico coa Programación Pastoral que a Vigairía de Pastoral elaborou tralas xornadas de Programación Diocesana.

Durante este tempo, membros de diferentes grupos parroquiais, tendo en conta os obxectivos e propostas de acción diocesana, elaboran as súas propostas de programación que durante o mes de agosto coordinaranse para ser estudadas por tódolos membros dos grupos a finais de setembro e ser aprobada a Programación Pastoral polo Consello de Pastoral a primeiros de outubro.

NOVENA E FESTA NA HONRA DO NOSO PATRÓN: SANTIAGO APÓSTOLO

Desde o día 16 ao 24 de xullo, celebrouse a novena na honra do noso patrón, o Apóstolo Santiago, con gran participación dos fieis da comunidade parroquial. O día 25 ás 12 h celebrouse a solemne procesión e santa Misa presidida polo Sr. Vicario de Pastoral, Dn. Xosé Pérez Domínguez acompañado polo copárroco Dn. Luis Pérez.

PRIMEIRAS COMUÑÓNS

O pasado sábado, día 20 de xullo, celebraron a Primeira Comuñón 3 nenos da nosa comunidade parroquial e o domingo, día 21, trece nenos e nenas incorporáronse por primeira vez á participación plena na Eucaristía.

 

20/06/2013

NOVOS GRADUADOS

Coa ledicia e creatividade que lles caracteriza, o Equipo de Liturxia parroquial celebrou o final dun curso pastoral, que non o final do seu traballo, que non ten vacacións. Despois de participar na Eucaristía e Adoración con toda a comunidade parroquial, á que tanto enriquecen coordinando e preparando tantas celebracións ao longo do ano, reuníronse no Salón Parroquial acompañados do persoal que traballa nas oficinas parroquiais, equipo de párrocos e colaboradores e os familiares dalgúns dos membros que quixeron acompañarnos. Como sempre, nunha mesa ben adornada e con manxares sinxelos, pero moi saborosos, compartimos un rato moi agradable que concluíu coa entrega de diplomas e bandas aos membros do Equipo.

Noraboa rapazas e que medre o Equipo para seguir animando á comunidade a celebrar con gozo a fe.

CONSELLO DE PASTORAL PARROQUIAL

O día 19 de xuño ás 20 h, reuniámonos os membros do Consello de Pastoral Parroquial coa finalidade de avaliar a marcha da Parroquia á luz da revisión realizada polos grupos. Dúas horas de reflexión e busca de camiños para seguir avanzando. Cos nosos fallos e lagoas, comprobamos o moito e bo que, ao longo do curso, realizouse para avivar a nosa fe e axudar a outros a tela un pouco máis viva. Constatamos os problemas que a vida xera e que urxe afrontar para seguir medrando e a urxencia de que os mozos asuman a súa responsabilidade na vida parroquial tomando parte activa nela.

Nesta ocasión, por razóns de idade e familiares, deixaron o Consello os representantes do Roupeiriño e incorporábase por primeira vez un representante dos Pais e outro de Prematrimoniais e Prebautismais. Sen dúbida que será proveitosa a súa contribución para dinamizar a pastoral familiar e de Iniciación cristiá. Agora, á luz da revisión e as propostas que foron xurdindo, trala Programación Pastoral Diocesana que se elaborará nos Milagres os días 27 e 28 de xuño próximos, os grupos farán propostas para confeccionar durante o mes de agosto a programación do próximo curso pastoral e en setembro estudarémos o proxecto para seguir anunciando o Evanxeo con novo impulso, novo ardor e novas expresións. ¿Apúntaste? Contamos contigo.

19/06/2013

FIN DE CURSO

O domingo, 16 de xuño, celebramos a Eucaristía de fin de curso.

"Acoller e reavivar nas nosas comunidades o don gozoso da fe profesada, celebrada e vivida", era o obxectivo co que, ilusionados, comezamos a traballar neste curso.

Feito o balance na celebración deste domingo presentamos como ofrenda a labor realizada por tódolos grupos da Parroquia, e desde a homilía convidousenos a seguir, cos coñecementos e experiencias recibidas ao longo deste curso, a profesar, celebrar e vivir o don da Fe. Tamén se nos animou a sentirnos Parroquia, participando alí onde nos encontremos. Por último tamén se nos lembrou que non hai vacacións para a Fe, só para algunhas actividades.

Felices Vacacións a todos.

05/06/2013

OUTRA ETAPA E SEGUIMOS ALENTANDO A SOLIDARIEDADE

O día 3 de xuño o equipo de Caritas parroquial celebraba a súa última reunión deste curso pastoral. Despois da oración, coa que iniciamos tódolos encontros, traballáronse os temas de formación e a análise de casos pendentes de solución para pasar logo a un ágape fraternal compartido por tódolos voluntarios. Un clima de ledicia e bo compañeirismo entre todos que tentamos cultivar e acrecentar con estes momentos de convivencia para seguir servindo con gozo, no nome de toda a comunidade, aos irmáns máis necesitados da mesma. Facemos unha paréntese nas reunións, pero non no traballo dado que a solidariedade non descansa e menos neste tempo.

Un GRAZAS enorme a tódolos voluntarios pola ledicia, entrega, cariño e delicadeza con que realizan o seu labor sendo o rostro samaritano da comunidade e amosando que a Eucaristía celebrada lévanos á vida compartida.

Estas cifras son algúns anacos dunha labor admirable:

Nº total de persoas atendidas: 375 (159 nacionais e 206 inmigrantes)
Nº total de familias atendidas: 139
Nº de intervencións realizadas: 1.236
Recursos económicos empleados: 4.262,24 €

 

30/05/2013

ACÁBASE O CURSO

Coa última reunión, o Equipo de Liturxia fai balance dos logros e das carencias deste curso, tentando mellorar o seu labor, polo que presenta tamén as súas propostas. Aínda que queda traballo por facer, esta valoración axuda ao equipo a seguir mellorando para unha mellor labor parroquial. Grazas a todos polo seu esforzo e participación.

 

29/05/2013

OUTRA NOVA EDICIÓN DA ROMARÍA DA PALABRA

O sábado 25 de maio, atopámonos nos Milagres persoas de varias parroquias da Diocese que ao longo do ano reunímonos en grupos en torno á Palabra de Deus. Persoas de Allariz, Celanova, Carballiño, Xinzo, Ourense cidade, Ribadavia, Padrenda… Da Parroquia participamos 13 persoas. Comezou a reunión co saúdo por parte do Sr. Vicario de Pastoral e o Vicario para a Nova Evanxelización, seguiu un momento de oración seguindo a dinámica da Lectio divina dun texto de Hebreos 11. A continuación Dn. Xosé Antonio Gil Sousa presentóunos a fe na Carta a Santiago en orde a vivir coherentemente o que cremos.

Chegado o mediodía compartíuse a comida e a sobremesa para concluír no Santuario cunha celebración da Palabra e o rezo do Santo Rosario aos pés da Nª Sª dos Milagres. Ela, a oínte da Palabra que a concibiu no seu corazón antes que nas súas entrañas, nos axude a seguir medrando en amor e preocupación por coñecer, meditar, estudar e vivir a Palabra de Deus.

 

20/05/2013

CONVIVENCIA DE MOZOS

Os días 17 e 18 de maio, un grupo de mozos dos grupos parroquiais celebramos unha xornada de convivencia. Saímos ás 10 da mañá en dirección a Porto do Son, cun tempo chuvioso e frío. De camiño detivémonos na "Fervenza do Toxa", onde admiramos o espectáculo da auga e soportamos unha gran sarabiada.

Logo seguimos rumbo á casa onde nos instalamos, comemos e tras descansar un rato fomos á Praia dás Furnas en Xuño e á volta detivémonos no Castro de Baroña. De regreso a casa, un tempo de reflexión en torno á Eucaristía seguindo o Youcat e a oración da tarde. Logo dispuxémonos a preparar a cena, ver a final da copa do Rei e un momento de xogos compartidos.

Á mañá seguinte, despois de levantarse, preparar o almorzo e dar boa conta del, preparamos a Eucaristía e celebrámola con sosego para baixar a última hora da mañá ó mercadillo do pobo. De regreso facer a comida, comer, limpar e recoller para emprender o regreso parando no monte Pedroso en Santiago, un intre na noria das festas da cidade do Apóstolo e a visita á Cidade da Cultura, chegando a casa á hora prevista. Agora queda compartir fotos, vídeos e demais material con aqueles que non puideron participar. A pesar do tempo, foi un día divertido.

 

07/05/2013

AVIVAR A FE NA ENFERMIDADE E NA ANCIANIDADE

O VI domingo de Pascua 19 membros da comunidade Parroquial, debido á súa situación de enfermidade seria ou idade avanzada, recibían na Misa de 12 h o Sacramento da Santa Unción dos enfermos. Logo ao rematar, o párroco desprazábase ao domicilio doutras dúas persoas, que non puideron acudir ao Templo, a celebrar o sacramento con elas e as súas familias no fogar. Unha boa oportunidade neste Ano da fe para descubrir a Deus como compañeiro a nosa beira cando a debilidade polo paso dos anos mingúanos nas nosas capacidades ou a enfermidade seria pon en crise a nosa existencia. Ante o misterio da dor, Deus a miúdo cala, pero non nos deixa sos e deixounos este Sacramento como bálsamo de salvación para o camiño. Xestos así axudarannos a ir perdendo o medo e redimir a este Sacramento do estigma de "Extrema Unción " que tanto dano lle fai e leva a que moitos crentes, por medo e pouca formación na súa fe, non aproveiten este instrumento de salvación para pedir a saúde do corpo e da alma que Deus deixou á súa Igrexa.

A nosa noraboa a tódolos irmáns e irmás os que Deus se achegou como samaritano por medio da Santa Unción dos enfermos.

 

06/05/2013

OS VOLUNTARIOS DE CARITAS AVIVANDO O SERVIZO DA FE XUNTO Á VIRXE DE FÁTIMA

Ó caer a tarde do domingo 5 de maio, os voluntarios da nosa Caritas parroquial, xunto aos doutras parroquias, participamos na Eucaristía no Santuario da Nª Sª de Fátima. Dela aprendemos a saír apresurados a levar a ledicia a tantas persoas que nos piden acollida, axuda material e esperanza. A fe en Cristo Xesús, celebrada con gozo en cada Eucaristía, é a sinal da nosa identidade. Os voluntarios de Caritas actuamos no nome da Parroquia e movidos pola fe alimentada ao calor da Palabra e o Pan de Vida. Non somos unha ONG máis, somos a Igrexa amando e servindo ó Cristo sufrinte que se nos fai presente en cada irmán que acode pedindo axuda no medio desta sociedade excluínte que estamos creando entre todos.

Grazas, voluntarios, polo voso traballo, por tantas horas de entrega gratuíta e calada, por nos amosar que a fe profesada e celebrada non se queda en palabras bonitas, senón que se fai servizo e entrega aos demais e facémolo no nome e grazas á colaboración de cantos nos axudades e encomendades esta misión da parroquia. Que Nª Sª de Fátima nos alenté, e axude aos nosos gobernantes a deixar de buscar os seus intereses e poñerse de verdade a traballar polo ben común priorizando os gastos no esencial e eliminando tanto gasto inútil e tanta corrupción que causa fame e angustia a moitas persoas.

AVIVAR A FE NO REGAZO DE MARÍA

O sábado día 4 de maio, acollendo a cordial invitación da Parroquia de Nª Sª de Fátima, peregrinamos como comunidade parroquial a celebrar a fe no inicio da novena en honor da Nª Sª de Fátima.

Un nutrido grupo de fregueses responderon con fidelidade a esta chamada e alí celebramos con gozo a Eucaristía poñendo aos pés da nosa Nai os nosos sonos e anhelos e suplicándolle que nos axude a avivar o don da fe para que a nosa comunidade parroquial navegue, en comuñón con toda a Igrexa, no medio das dificultades do momento, profesando, celebrando e vivindo o don da fe con novo impulso, novo ardor e novas expresións.

O coro parroquial axudounos a orar gozosos co canto, o equipo de liturxia preparou con gusto e ó detalle a celebración da Eucaristía e promoveu a participación dos membros da comunidade nos diferentes ministerios; un grupo numeroso de acólitos déronlle bulicio á celebración e o anagrama do Ano da fe, reconstruído peza a peza no momento do ofertorio, lembrounos que somos un pobo crente acompañados pola Nai dos crentes.

Vaia o noso agradecemento á Parroquia de Fátima pola súa invitación e cariñosa acollida e a cantos, de diferentes maneiras, fixestes posible esta celebración gozosa da fe. Que a nosa Nai de Fátima nos protexa e acompañe.

 

16/04/2013

SEMANA DA FAMILIA

Un grupo importante de pais, nais, avós e algún educador participaron na charla da X Semana da Familia na Parroquia. Agradecemos a súa participación nun tema tan interesante como "A familia educadora da fe. ¿Ten sentido crer hoxe?", así como o traballo da Delegación Diocesana de Pastoral Familiar e a contribución dos matrimonios que impartiron a conferencia, Dn. Javier e Dña Mariluz e Dn. Antonio e Dña. Mariluz.

Un cambio xeracional como estamos vivindo implica unha profunda reflexión para encontrar xuntos camiños para testemuñar a fe ante as novas xeracións e poner as ferramentas adecuadas para alimentala e fortalecela nas nosas vidas persoais e familiares. Grazas a todos e a cantos silenciosamente puxestes o voso grao de area na acollida.

E lembrar que o venres día 19 ás 20,15 h no Centro Cultural da Deputación de Ourense, conferencia de clausura a cargo do profesor, experto en antropoloxía, Dn. Antonio Sastre sobre o tema "¿Ten sentido crer hoxe?" e o domingo ás 12 na S.I. Catedral, Misa das familias presidida polo Sr. Bispo, Dn. Leonardo Lemos. Todos apoiando á familia e acompañando os seus sufrimentos e ledicias para que a esperanza renaza.

 

04/04/2013

SEMANA SANTA

Durante o mes de marzo o Equipo de Liturxia reuníuse tódolos martes e algún que outro día máis, para poder preparar as celebracións desta Semana Santa e Pascua.

Co Vía Lucis, ao que todos estades convidados a participar o venres día 5 de abril, poñerá un punto seguido a un esforzo conxunto por facer chegar a mensaxe do que celebramos durante estes días, da forma máis próxima a tódolos que asistiron ás celebracións.

Este esforzo ten a súa recompensa ao participar nas celebracións, cando todos navegando nesta barca da Igrexa e baixo a vela da nosa Fe, conseguimos facer chegar principalmente dúas mensaxes a todos: "vivir a ledicia de crer" e sumar para "aumentar a nosa Fe". Feliz Pascua de Resurrección a todos.

25/03/2013

EUCARISTÍA DA DEVOLUCIÓN DO CREDO

O domingo, 17 de marzo, os confirmandos da parroquia da Ponte tiveron unha celebración especial dentro da súa preparación. Nese día fixeron a devolución do Credo que recibiron o curso pasado e que lles axudou a reafirmar a súa fe e a renovar o seu compromiso bautismal, reflexionárono e asumírono. Por iso ao facer a súa entrega ante a comunidade afirman acollelo libremente e estar convencidos do contido das súas palabras, dicindo:

"Creo, asumo e trato de vivir o contido neste Credo"

CELEBRACIÓN PENITENCIAL PRIMEIRA COMUÑÓN

O martes día 19 de marzo, festividade de San Xosé, os nenos/as de Primeira Comuñón, tiveron no Templo a "Celebración Penitencial", a súa Primeira Confesión como preparación para recibir a Xesús por primeira vez na Eucaristía. Celebraron entre nervios e ledicia a gran festa do perdón.

Queira Deus que a ledicia que viviron ao recibir o perdón de Xesús lles axude tamén a eles a saber perdoar aos demais.

VÍA CRUCIS PRIMEIRA COMUÑÓN

O venres día 8 de marzo, os nenos/as de Primeira Comuñón, tiveron o "Vía Crucis". Co Viacrucis coñeceron un pouco máis a Xesús na súa entrega de amor por todos nós. Participaron levando a Cruz e os cirios no percorrido polas estacións e leron os comentarios e oracións e ao final facendo unha cruz cunhas velas cantaron todos, nas escaleiras do presbiterio: Ti eres o Deus que nos salva.

Que todo o realizado lles axude a descubrir a ledicia de crer.

 

11/03/2013

EUCARISTÍA PETICIÓN DE PRIMEIRA COMUÑÓN

O domingo 24 de febreiro (II domingo de Coresma), día da Transfiguración do Señor, os nenos de Primeira Comuñón que este ano van recibir por primeira vez a Xesús, na Eucaristía pedíronlle á Comunidade Parroquial o ser acollidos para poder participar o día da súa Primeira Comuñón de maneira plena, do Corpo e da Sangue de Xesús.

En dita celebración, dado que estamos celebrando o Ano da Fe, rezamos todos xuntos o "Credo dos Apóstolos" e a medida que iamos rezando os doce artigos, unha nena ía destapando a cara dos doce Apóstolos.

Os nenos foron moi participativos: lendo, cantando…e estiveron moi atentos e encantóulles a Eucaristía. Ao final levaron como recordo as respostas da Eucaristía.

 

04/03/2013

ENCONTRO INTERPARROQUIAL DE CARITAS

O sábado 2 de marzo, de 5 a 8 da tarde, nos salóns da casa parroquial de Santiago das Caldas, tivo lugar o Encontro Interparroquial de Caritas.
Reunímonos compañeiros das Parroquias de: Fátima, Sagrado Corazón, San Pio X, Vistahermosa, Cristo Rei e Santiago das Caldas.

O poñente, Xosé Antonio González García, foi iluminando a misión de Caritas incidindo na "acollida" a través da parábola do Bo Samaritano.
Destacou nela unha parte de denuncia e outra de invitación ao comportamento auténtico que Deus quere que teñamos cos irmáns.

"Deus púxonos a nós no camiño para que atendamos ao ferido e só é nosa a responsabilidade de achegarnos e, co que temos, acollelo e curalo, ou dar un rodeo e pasar de longo xustificándonos, culpando a Deus, á relixión e á Igrexa do mal que vai todo".

VIACRUCIS DE CONFIRMACIÓN

O venres día 1 de marzo os rapaces do Catecumenado de Confirmación acompañaron a Xesús no seu percorrido cara a cruz, a través das estacións do Viacrucis.

Deus saca sempre algo bo do malo. Tras o sufrimento chega a luz, tanto no Calvario como na nosa vida, por iso debemos estar atentos para ver que lección debemos aprender en todo o que nos vai acontecendo e solamente lo faremo grazas á fe.

Camiñando todos xuntos DESCUBRAMOS A LEDICIA DE CRER.

CURSILLO PREMATRIMONIAL

O pasado fin de semana, 23 e 24 de febreiro, levouse a cabo o Encontro Prematrimonial na Parroquia de Santiago das Caldas, ao que asistiron un nutrido grupo de noivos para preparar o que vai ser un dos acontecementos máis importantes da súa vida: a celebración do Sacramento do Matrimonio.

O equipo de prematrimoniais parroquial e toda a comunidade de Santiago da Caldas deséxalles a todos eles que sexan felices e que Deus lles conceda o mellor para as súas vidas.

 

28/02/2013

LECTIO DIVINA

O mércores 27 de febreiro ás 19:30 horas celebramos a Palabra.

Neste Ano da Fe, no templo, coa celebración da Lectio Divina, achegámonos á Palabra de Deus para que ela nos ilumine, sexa luz para os nosos pasos, e, guiados por ela, descubramos a ledicia de crer. Nesta ocasión lemos e meditamos un fragmento da Carta do Apóstolo Santiago, onde se nos convida a descubrir que a fe é un modo de vivir, e, a que se recoñeza a nosa fe polas obras que facemos.

 

19/02/2013

EUCARISTIA DE ENTREGA DEL CREDO

Es Primer Domingo de Cuaresma y empezamos a dar los primeros pasos de conversión hacia la Pascua. Escuchamos en el Evangelio “no sólo de pan vive el hombre” por eso los chicos y chicas de Catequesis y Junior que están en el primer año del Catecumenado de Confirmación, participaron en la Eucaristía dominical de Entrega del Credo.

Juntos quieren caminar hacia Jesús compartiendo el regalo más importante, el don de la fe, alimentándola con la oración y la penitencia. Unidos a la comunidad parroquial quieren avivarla, por ello al recoger el Símbolo de manos del sacerdote también están presentes sus padres que les animan a profesarlo, celebrarlo y vivirlo.

 

18/02/2013

VIACRUCIS DO EQUIPO DE CARITAS

O día 15 de febreiro, primeiro venres de Coresma, oramos en comunidade co Viacrucis preparado por Caritas Parroquial.

Acompañando á Cruz por dentro do Templo, de estación en estación, fomos percorrendo con Xesús o seu camiño cara o Calvario tentando poñer nel a tódolos "crucificados" de hoxe : inmigrantes, explotados, sen teito, afectados pola crise, enfermos …

Deixando que Deus nos fale a través dos acontecementos, queremos DESCUBRIR A ledicia DE CRER. DeSde a Cruz afirmamos a nosa FE na resurrección. Anunciamos con ledicia e esperanza a presenza liberadora de Xesús entre nós.

Grazas pola vosa participación.

13/02/2013

ANIVERSARIO DO BAUTISMO

Como vén sendo tradición tódolos anos na Parroquia, en torno á festividade do día da Festa das Candelas ou día da Presentación de Xesús no Templo, (concretamente este ano o domingo día 3 de febreiro) convidouse aos pais dos nenos e nenas que foron bautizados o ano pasado, para celebrar o aniversario do seu Bautismo, na Eucaristía das 12.

Daba gusto ver e oír aos máis pequenos sentíndose coma na súa casa, aínda que os seus pais estivesen nerviosos, por se molestaban.

Na Eucaristía uns pais, no nome de todos, presentaron aos seus fillos ao Señor, pedindo a súa protección e a súa axuda para levar a cabo a súa misión de acompañar e ser testemuñas na fe dos seus fillos.
Ao remate da mesma, fixoselles entrega dun recordatorio por esta data.

08/02/2013

ENCONTRO DE FORMACIÓN

O mércores, 6 de febreiro celebrouse no salón parroquial o encontro de formación intergrupal. O tema no que se traballou foi "A igrexa que quixo o Concilio Vaticano II".

Con máis de 35 persoas de asistencia, formáronse diferentes grupos nos que se nos animou a reflexionar e facer unha posta en común de dous temas:
1. Trazos significativos nos que se poñen de manifesto o cambio que o Concilio Vaticano II produciu na Igrexa.

2. Como Parroquia, que facer para seguir aplicándoo na Igrexa de hoxe.
Por último sacáronse conclusións e completouse a formación cunha presentación que expuxo Don Francisco Pernas.

REVISTA PARROQUIAL

Recibimos nos nosos caixas de correos a revista parroquial “Parroquia en camino” na que, co lema "descobre a ledicia de crer", convídasenos a coñecer máis fondamente a Xesús vivindo a Coresma. Nela podemos atopar todo o programa das celebracións coresmais, Semana Santa e Pascua de Resurrección.

 

07/02/2013

EUCARISTÍA NENOS DE SEGUNDO NA CASA

O día 27 de xaneiro, día da Infancia Misioneira, os nenos de Segundo de Catequese na Casa, celebraron unha Eucaristía, lembrando o seu Bautismo.

Iniciárona levando a súa partida de Bautismo e facendo a Sinal da Cruz na Pila Bautismal. No Credo, acendeuse unha vela no Cirio Pascual e con esa luz acendeuse cada unha das velas que levaban os 12 nenos, logo a dous coros, rezamos os 12 artigos do Credo. No momento da Comuñón, recibiron a bendición do sacerdote.

Ao finalizar a Eucaristía entregóuselles como recordo da mesma: "AS MIÑAS PRIMEIRAS ORACIÓNS DO CRISTIÁN II".

EUCARISTÍA NENOS DE PRIMEIRO NA CASA

O día 20 de xaneiro, día Mundial das Migracións, os nenos de Primeiro de Catequese na Casa, celebraron unha Eucaristía para pedir á Comunidade Parroquial que os admita á Catequese.

Os nenos participaron nesta Celebración: cantando, rezando e lendo. Achegáronse á Pila Bautismal e fixeron a Sinal da Cruz, lembrando o seu Bautismo. Leron os 12 artigos do Credo, tendo presente o Ano da Fe e no momento da Comuñón, recibiron a bendición do sacerdote.

Ao finalizar a eucaristía entregóuselles como recordo da mesma: "AS MIÑAS PRIMEIRAS ORACIÓNS DO CRISTIÁN I".

REUNIÓN DO EQUIPO DE LITURXIA

O Equipo de Liturxia, na reunión do luns 28 de xaneiro, lembrou o papel do Consello de Pastoral, a súa finalidade e o papel que xogamos nel. É importante lembralo para valorar a súa importancia.

 


Seguidamente realizouse a elección do representante e o suplente do grupo para esta labor durante os próximos catro anos.

 

17/01/2013

ENCONTRO INMIGRANTES

O día 12 de xaneiro tivo lugar, no Salón Parroquial, o encontro de Caritas cos inmigrantes que acoden á nosa comunidade parroquial.
Asistiron ó redor de 70 persoas de 14 nacionalidades diferentes, máis os voluntarios de Caritas.

Programa :
• Acollida e oración inicial.
• Presentámosvos Caritas: Montaxe.
• Coloquio aberto.
• Confraternización.

Foron unhas horas de convivencia moi rica para todos, nas que compartimos experiencias, anécdotas, situacións… Tanto do que eles nos aportan a nós, como do que nós lles aportamos a eles. Tamén houbo comidas típicas de diferentes países.

Valoramos moi positivamente a celebración do encontro, e propómonos continuar celebrándoos.

Grazas a todos por facelo posible.

11/01/2013

REUNIÓN DO EQUIPO DE ECONOMÍA

O 9 de xaneiro de 2013 reunímonos na casa parroquial o "Equipo de Economía". Somos uns dos grupos existentes quizais máis descoñecidos no ámbito da Parroquia. A nosa tarefa consiste en orzamentar e controlar tódolos movementos que impliquen un gasto ou un ingreso económico.
Temos, ao menos, tres reunións ao ano. Na primeira establécese o orzamento e nas seguintes controlamos e avaliamos o desenvolvemento do mesmo, así como o estudo e solución dos posibles imprevistos que poidan aparecer.

As reunións celébranse en horario posterior á xornada laboral debido ás obrigas laborais ou persoais de cada un de nós.
Na última reunión tivemos un recordo cariñoso para dous membros do equipo (Carlos e Rogelio) que nos deixaron, aos que nunca esqueceremos e non lles decimos adeus senón un ATA SEMPRE.

CAMPAÑA DE NADAL 2012

Resultado das contribucións á campaña de Nadal 2012:

• Familias atendidas:108
• Nº de persoas:290
• Quilogramos conseguidos:3.961

Procedencia das doazóns:

• Nenos da catequese parroquial.
• Familias anónimas.
• Banco de Alimentos de Ourense.
• Asociación Amencer.
• Aceites Abril.
• Adegas Arnoya.
• Parroquias colaboradoras: Castrelo do Vale, Pepín, Retorta, Vences, San Salvador de Prexegueiró, San Miguel do Campo.

Agradecer a tódalas persoas que fixeron posible que tantas familias puidesen ter "Nadal".
Constatamos que, no medio de tanta crise, non se deixa de compartir e ser solidairos cos que menos teñen, imitando así a Xesús que estaba sempre á beira do máis pobre.
Lembrarlles que seguimos precisando a súa axuda porque todas estas familias teñen que comer todo o ano e non solamente en Nadal.

Moitas grazas a todos, seguimos contando co voso apoio e as vosas contribucións.

"GRAZAS"

 

20/12/2012

RECUPERAR O ENTUSIASMO DE CRER XUNTOS

O día 19 de decembro, uns sesenta colaboradores dos diferentes grupos Parroquiais, reunímonos para orar xuntos e pasar un rato de festa. A celebración comezou cunhas solemnes Vésperas no Templo Parroquial e a continuación un ágape no salón. Momento de convivencia distendida espléndidamente preparado este ano polos membros do Equipo de Liturxia. A mesa servida con elegancia, actuacións cheas de humor e bo facer de humoristas e o corpo de baile das que teñen tempo para traballar, rezar e facer ximnasia e logo o tempo de baile amenizado por Ana e o seu acordeón xunto a Epi e a súa guitarra, acompañados pola percusión de Dora.

Outro ano máis agradecemos aos que nos regalaron este tempo de encontro e convivencia festiva para recuperar o entusiasmo de crer, medrar e camiñar xuntos e que, cada ano, se sigan sumando máis convencidos de que vale máis pouco feito xuntos que grandes marabillas feitas por libre. Bo Nadal a todos.

A LABOR DOS ABNEGADOS VOLUNTARIOS DE CARITAS

Vivimos tempos recios nos que a crise cébase, de modo especial, cos máis febles. Pero como para Deus nada hai imposible, fai xurdir "anxos do amor" que con moitos poucos fan moito. As contribucións en metálico á Campaña de Nadal superan xa os nove mil euros e os voluntarios de Caritas Parroquial multiplican as horas para recoller, seleccionar e organizar a distribución dos Quilos de alimentos doados polos nenos de Catequese, fregueses, entidades e peñas de amigos. Sen dúbida que esta crise estanos aportando moitas cousas positivas: Tomar conciencia da responsabilidade persoal nas pequenas accións para vencer a corrupción instalada na nosa sociedade e recuperar a conciencia solidaria para empeñarnos de xeito firme e decidido polo ben común.

E aí están os voluntarios co seu esforzo, entrega e xenerosidade amosando que, se se quere, pódese e descóbrese que o amor canto máis se reparte máis medra. A eles grazas e a todos unha moi Feliz Nadal, no Nacemento do Deus que non atopou sitio na pousada.

 

14/12/2012

FELIZ NADAL

A Parroquia de Santiago das Caldas desexa a tódolos seus fregueses e a cantos visitan a nosa web un moi Feliz Nadal e próspero Ano Novo.

CELEBRACIÓN PENITENCIAL

Un nutrido grupo de fregueses reunímonos o pasado día 12 ás 19,30 h para celebrar a misericordia de Deus con nós e preparar así, un pouco mellor, o noso corazón para acoller ao Señor que vén. Unha celebración preparada polo Equipo de Liturxia parroquial cun clima sosegado, propicio para a reflexión, a oración e o encontro co Señor.

Damos grazas a Deus pola súa xenerosidade no don (per-dón) e a cantos fixeron posible este momento de paz nas nosas vidas.

CAMPAÑA DE NADAL

Un ano máis o Equipo de Caritas parroquial convócanos a colaborar na Campaña de Nadal. A pesar da crise que afecta a tódolos ordes da nosa vida, a xenerosidade desbórdase por todas partes: os nenos, os pais, os mozos, peñas de amigos, entidades… todos aportan o seu grao de area.

Por todo iso os voluntarios ven aumentado o seu traballo e teñen que multiplicarse para acoller as demandas e contribucións que van chegando. Esta Campaña, que ten o seu momento forte durante o Advento-Nadal, nunca se pecha dado que, como di Deus, "os pobres sempre os teredes con vós" e, en tempos de crise, moito máis. A nosa gratitude a todos e sigamos amosando que a fe móvenos a orar a Deus e servir ao irmán.

AVIVA A TÚA FE… PREPARANDO O CAMIÑO AO SEÑOR

O Advento vai percorrendo o seu camiño e o Equipo de Liturxia esfórzase por axudarnos a vivilo.

Os signos externos queren remover o noso interior para que a fe non se adormeza e saiamos cheos de gozo ao encontro do Señor, facendoo presente coa nosa vida e descubrindoo no noso contorno.

A coroa de Advento, as carteleiras co seu colorido, as pancartas, as celebracións… todo iso quere ser un reclamo e unha advertencia para abrir as portas ao Salvador acollendo aos máis empobrecidos.

 

26/11/2012

NOVENA Á VIRXE MILAGROSA

Desde o día 18 ao 27 de novembro estase celebrando a Novena na honra da Virxe Milagrosa con gran asistencia de fieis.

O día 27 celebraremos solemnemente a súa festa agradecendo a María tantos dons como nos outorga para poder avivar a nosa fe e seguir cada día un pouco máis fielmente ao seu Fillo Xesuscristo no seo da nosa Igrexa.

Grazas a tódalas persoas que participan e a cantos organizaron esta Novena e que sigamos medrando en sentido comunitario.

ENCONTRO DIOCESANO DE CARITAS

O sábado, día 24 de novembro, celebrouse no Seminario Maior, organizado por Cáritas Diocesana, un encontro para voluntarios e outros membros interesados das comunidades cristiás sobre a "Identidade de Cáritas".

Comezou cun momento de oración e logo o relatorio a cargo de Dn. Xoán Xosé Fernández Delgado, Delegado Episcopal de Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol.

Tras un breve descanso, realizouse un traballo de grupos e coa posta en común concluíu a mañá. Nove membros do noso Equipo de Cáritas parroquial participaron neste encontro.

PREPARANDO O ADVENTO

Un ano máis estamos preparando o Advento. Co lema: "AVIVAMOS A FE PREPARANDO OS TEUS CAMIÑOS" queremos vivir este tempo con esperanza e abrindo os ollos para descubrir os signos da chegada do Señor a este o noso mundo.

Un deses signos é a labor dos voluntarios de Cáritas Parroquial cuia tarefa fai palpable o amor de Deus na historia. Labor que realizan grazas á xenerosidade e colaboración encomiable da comunidade parroquial e entidades que ano a ano lles permiten paliar o sufrimento de moitas persoas.

Agardamos que este ano o noso Advento sexa tempo de fe, esperanza e caridade. O termómetro será a colaboración na Campaña de Nadal. Non dubidamos de que a nosa comunidade, en tempos de crise, botará o resto porque o seu amor a Deus lévaos a amar a tantos irmáns que viven na estreiteza. Colaborando e Kilaborando preparamos os camiños. Non te quedes fóra.

CARITAS INFORMA

A transparencia é unha das nosas máximas. O que é de todos debe administrarse informando a todos e sendo sensibles ás contribucións de todos. Esta información pretende ofrecer os datos do traballo que, coa vosa colaboración realizou a nosa Cáritas Parroquial desde o 1 de novembro de 2011 ao 31 de outubro de 2012. Grazas e sigamos poñendo o noso grao de area para que o amor de Deus se manifeste próximo aos pobres.

Familias atendidas 164 APORTACION EN KG ALIMENTOS.
Nº de beneficiarios 455 Procedentes do FEGA (Excedentes UE) 25.222
Familias: 2 veces semana 45 Procedentes do FOGGA (Excedentes hortícolas) 3.427
POR COLECTIVOS Banco de Alimentos de Ourense 3.855
Nacionales 198 Catequese Parroquial 378
Inmigrantes 227 Parroquias rurais colaboradoras 1.344
Outros 30 AMENCER, Operación Kilo 650
INTERVENCIÓNS REALIZADAS Caritas Diocesana 450
Polos voluntarios 2.782 Supermercados FROIZ (mermas) 460

Nº de Voluntarios: Caritas 27 e Conferencias de San Vicente de Paul 11.

DISCIBRAO (Productos lácteos) 2.160
COREN GRILL (Recollida de mermas) 1.000
Outras entidades 400
TOTAL KILOS 39.346

 

INGRESOS

GASTOS

CONCEPTO

CONCEPTO

Donativos

7.476,00

Ayuda familiar

4.460,08

Colecta aniversarios

1.226,27

Transeúntes

1.032,00

Devolución préstamos

565,00

ATOX

721,20

Campaña Nadal 2011

12.255,00

CSVP

780,00

Otros

2.701,00

Proxecto Home

360,60

TOTAL

24.223,27

Préstamos

3.808,58

A fe medra crendo e maniféstase na solidariedade co irmán..

Misións e outros

3.113,50

TOTAL

14.276,48

 

20/11/2012

MAGOSTO DOS NENOS

O sábado 17 de novembro celebrouse na Parroquia o Magosto dos nenos de Catequese e Junior. A nosa intención era chegar ata o Seminario Maior e alí facer honra á nosa querida tradición de asar chourizos e castañas, pero non foi posible porque o día amañeceu chuvioso. Por iso decidimos quedarnos no Salón Parroquial e pasar parte do día coñecéndonos e xogando.

Eramos preto de corenta persoas, entre nenos e adultos, e non faltou en ningún momento a diversión e a boa disposición por parte de todos para xogar, rir e pasalo ben. Por suposto, non podían faltar á hora de comer os chourizos, as castañas, algunhas "chucherías" e uns prostres deliciosos.

Agardamos con ilusión o Magosto do ano próximo coa esperanza de que poida ser ao aire libre, como manda a tradición.

16/11/2012

Á LUZ DA PALABRA DE DEUS

O día 21 de novembro, ás 19,30 h, celebraremos no Templo Parroquial un encontro de Lectio Divina aberto para tódalas persoas que desexen participar. Será un momento pausado de lectura, oración e reflexión á luz do capítulo 11 da Carta aos Hebreos co cal queremos poñer un grao de area para avivar a nosa fe e fortalecela.

Animamos a todos a participar nesta experiencia de lectura crente da Palabra de Deus.

ENCONTRO PRESENTACIÓN DE PORTA FIDEI

O pasado martes, día 13 de novembro, reunímonos no salón parroquial un nutrido grupo de colaboradores da Parroquia para reflexionar sobre a Carta do Papa Benedicto XVI: Porta Fidei. 58 persoas compartimos un momento de oración, traballo de grupos e presentación dos contidos da carta.

Foi un momento de convivencia e formación que nos axuda a crear comunidade e avivar xuntos a nosa fe. Oxalá que o ánimo non decaia.

QUILOS DE SOLIDARIEDADE

Os voluntarios de Caritas distribuíron ó redor de seis mil quilos de alimentos procedentes dos excedentes da Unión Europea a través do Banco de Alimentos entre 126 familias da nosa Parroquia. Á crise fáiselle fronte con solidariedade e entrega; é o que nos lembra este equipo de voluntarios que con, empeño, traballo e dedicación, serven aos que a sociedade esquece. E todo iso porque comprenderon que o amor a Deus implica amar ao irmán, sen discursos e sen teorías, con feitos dado que "obras son amores". A eles o noso recoñecemento e gratitude pois no nome da Parroquia realizan esta labor.

 

05/11/2012

"CREO NA VIDA ETERNA"

O día 1 de novembro volvimos a reencontrarnos no Cemiterio de As Caldas para lembrar e orar polos nosos amigos, veciños e fregueses defuntos. Por primeira vez acompañounos Dn. Leonardo, o noso Bispo. Alí moitas persoas acudimos, ano tras ano, cunha lembranza agradecida, non nostálxica, para amosar o noso cariño aos irmáns que morreron e pedir a Deus que os acolla na súa casa e poidan alcanzar a vida plena que aquí soñamos.

Agradecemos a todos a vosa fidelidade a esta cita anual e que, o recordo e a oración, nos axuden a avivar a nosa fe na vida eterna e na resurrección. "A vida dos que en ti cremos, Señor, non acaba, transfórmase" (Prefacio I de defuntos)

 

30/10/2012

ESCOLA DE DOUTRINA SOCIAL DA IGREXA

O martes día 30 de outubro, ás 20,00 horas e no Salón parroquial, comezaba a súa andadura a Escola Parroquial de Doutrina Social da Igrexa.

Este curso abríase cun tema sobre o Concilio Vaticano II titulado "Un xiro copernicano e a contribución do Esquema XIII". A sesión comezou cun momento de oración onde se reflexionou sobre o papel dos cristiáns no mundo. A continuación tivo lugar un traballo de grupos onde se puxo en común o que cada persoa meditara e traballara na casa no tocante a súa experiencia sobre o Concilio Vaticano II. Unha vez feito este traballo, compartíronse as aportacións para continuar coa iluminación sobre o tema que consistiu nun breve percorrido sobre o Concilio, desde a súa convocatoria ata a súa clausura.

A partir da próxima sesión, que será o día 27 de novembro, a temática combinará temas da terceira parte do Catecismo da Igrexa Católica con apuntes de lectura crente sobre a actualidade a partir de temas que vaian xurdindo e que poden propor os propios participantes no mes anterior.

Estas sesións son abertas a tódolos grupos e persoas da comunidade.

 

03/10/2012

A CATEQUESE DE INFANCIA PONSE EN CAMIÑO

O luns día 8 de outubro comeza a Catequese parroquial para nenos. Inician os de Poscomuñón de 4,30 a 5,30 ou de 6,30 a 7,30, segundo o horario que mellor vaia aos nenos de 10 a 12 anos. Así mesmo os pais dos nenos de 6 anos que inician a súa preparación á Primeira Comuñón na Casa teñen reunión ás 20,30 h e os de segundo o día 10 á mesma hora.

Os do terceiro ano de preparación á Primeira Comuñón comezan o martes 9 de outubro de 6 a 7 no Templo Parroquial. Os do catecumenado de Confirmación (13 e 14 anos) comezarán o venres día 19 de 4,30 a 5,30 ou de 6,30 a 7,30, segundo lles coincida mellor.

Os de Junior comezarán o sábado día 20 de outubro de 12 a 13 h e os mozos o venres día 20 de 20,30 a 21,30 h. Progresivamente cada grupo irá iniciando o seu labor de acordo co programa aprobado polo Consello de Pastoral.

OS GRUPOS BÍBLICOS PÓÑENSE EN CAMIÑO

Co tema "Deus actúa na historia", os membros dos Grupos Bíblicos reuníronse o luns día 1 de outubro ás 20 h. para coñecer o programa deste curso. Comezou o encontro cun momento de oración e logo a presentación da temática e dinámica a seguir neste curso pastoral.

En comuñón coa proposta diocesana e seguindo o material da Casa da Biblia, editado por Verbo Divino, Deus actúa a historia (I). Guia para unha lectura comunitaria da historia da salvación. Antigo Testamento, máis de 60 persoas avivarán a súa fe a escoita, lectura, meditación e oración dos textos bíblicos propostos para este curso.

A PROGRAMACIÓN ESTÁ LISTA

Tras un longo proceso iniciado en xuño coa revisión do curso pastoral 2011-2012 de onde xurdiron propostas a poñer en marcha e cousas a mellorar e a Programación Pastoral Diocesana elaborada no Santuario dos Milagres que nos indica o camiño a percorrer na nosa Igrexa diocesana. Durante todo o mes de xullo os grupos que o desexaron envíaron propostas de acción e con todo elo se elaborou un Proxecto de Programación que estudaron o Equipo de copárrocos e algúns membros da Comisión Permanente do Consello de Pastoral e Secretaría Parroquial. Ese proxecto presentouse a tódolos responsables de grupos para logo traballalo en cada grupo e enviar as correccións e propostas que considerasen oportunas ao Consello de Pastoral para o seu análise e, no seu caso, integralas no programa.

Con todo ese material, na reunión Ordinaria do Consello de Pastoral do martes 2 de outubro, aprobouse a Programación Pastoral Parroquial para este curso 2012-2013, no Ano da Fe.

Coa colaboración de todos e a axuda de Deus agardamos convertela en vida para gloria de Deus e ben de tódolos homes.

24/08/2012

BÚSCANSE PERSOAS VOLUNTARIAS PARA…

- Quendas de Vela no Templo: ½ h semanal. Permitir que o Templo estea aberto e orar xuntos.

- Grupos Bíblicos: 1 h e ½ ao mes basicamente un segundo martes de 20 a 21,30 h. Se hai xente a outra hora crearanse máis grupos.

- Liturxia: 3 horas mensuais, 2º e 4º luns de 20 a 21,30 h e algún momento puntual.

- Catequese: 2 horas semanais en horas de Catequese.

- Grupos de mozos: 1 hora semanal os venres de 20,30 a 21,30 h.

- Roupeiro: Clasificar e distribuír roupa, varias tardes á semana.

… mira que te pode satisfacer máis e pregunta na Parroquia. Un pouco do teu tempo permitiranos facer moito polo Evanxeo. ¡Vive a Parroquia!

CONVENCHE TER PRESENTE…

- Se tes 6 anos e pensas facer a Primeira Comuñón debes inscribirte na Catequese entre o 20 de setembro e o 5 de outubro.

- A Catequese de terceiro ano de preparación á Primeira Comuñón é os martes de 6 a 7 na Parroquia.

- Se fixeches a Primeira Comuñón debes continuar en Catequese os luns de 4,30 a 5,30 ou se prefires, de 6,30 a 7,30. Non te abandones na túa vida de crente.

- Se tes máis de 18 anos e non te confirmaches e queres facelo debes prepararte: Pasa a informarte pola Parroquia a finais de setembro.

- Se te confirmaches agardámoste nos grupos de mozos os venres de 8,30 a 9,30 a partir do 12 de outubro.

NON TE ILLES, A FE SEN COMUNIDADE MORRE.
VEN A COÑECER A PARROQUIA, QUE NON CHA CONTEN.

 
www.santiagocaldas.org © 2017 Parroquia de Santiago
Avda. de las Caldas, 28. 32001 Ourense
info@santiagocaldas.org (+34) 988 211 954