Inicio Horarios Contactar

Presentación
Onde estamos
Historia
Programación 2017-2018
Horarios
Organización
Publicacións
Ligazóns
Noticias
Curso 2017-2018
Curso 2016-2017
Curso 2015-2016
Curso 2014-2015
Curso 2013-2014
Curso 2012-2013
Curso 2011-2012
Curso 2010-2011
Curso 2009-2010
Curso 2008-2009
Curso 2007-2008
Curso 2006-2007
Curso 2005-2006
Curso 2004-2005
Curso 2003-2004

AxendaAmosar axenda completa

En castellano

25/08/2011

E AGORA… ¡SE VÉS TI XA NON FALTA NINGUÉN!

As nosas parroquias necesitan vitalidade e para iso precisámosvos.

Por iso propómosvos participar nos grupos de mozos e xuntos programar unha misa xoven, festiva. Non un circo, senón unha celebración da fe, pero chea de entusiasmo e buscar vieiros para revitalizar a comunidade. ¿Atréveste?

Non teñas medo, Deus ámate e búscate. Deixate atopar, xogar as escondidas non te axuda a descubrir o sentido da túa vida.

…. XUNTOS ESTIVEMOS ALÍ

Non podiamos faltar… Só seis, pero alí estabamos para coller o autobús e xunto á Diocese ir a Madrid. O Papa convocounos para nos encontrar con Cristo. Outros pensarán noutras cousas, pero nós fomos ó que importa: Sentirnos discípulos de Xesús hoxe con outros moitos mozos. Pero sabemos que con nós: Ana, Paula, Thai, Miguel, Fernando e Maricarmen, estaban outros moitos. Sentímonos envíados pola Parroquia para facervos presentes en Madrid. En cada berro, xesto, canto, pregaria… estabades con nós.

E alí encontrámolos con eles, que viñeran a estar con nós e a outros, como Cristina voluntaria médico de Alcalá. Ela é de aquí pero vive e traballa alí e desde o primeiro momento ofreceuse para todo. Isto é a fe, isto é a Igrexa e é xoven e alegre e debemos facer que así se viva na nosa comunidade.

ELES ESTIVERON AQUÍ…

Si, vimolos polas nosas rúas, gozando e coñecendo a nosa Diocese e enchendo de ledicia mil currunchos. Viñan de Brasil, Lituania, Arxentina, Venezuela, Sudáfrica, Illas Virxes, Xapón, Filipinas e Paraguay. Todos distintos e unidos pola fe. Con eles sentimos o que significa ser católico: universal.

Rezamos e gozamos esforzándonos por comprender ós que rezaban en inglés, portugués, galego ou español. E entendiámonos. Durante estes días comprendemos a experiencia de Pentecoste: Todos sentiamos falar das marabilla de Deus na nosa propia lingua que era a súa e non a entendiamos, pero sentiamos o que expresaban como propio. Vimos a riqueza dunha Igrexa que non é uniforme, senón moi plural. E vímolos cheos de ledicia e sorrintes nos nosos templos. Sorrintes, si. E rezando en alto, sen complexos, cantando, aplaudindo, bailando… si bailando en plena celebración da Eucaristía. Pero non perdendo a compostura e cando chegaba o silencio, era profundo, recollido… Por iso ¡GRAZAS!. Si, con maiúsculas e en letras grandes: MUCHAS GRACIAS, GRAZAS, OBRIGADINHO, THANK YOU.
Só nos queda unha pena: Que non sexan máis os que o experimenten… ¡Ah! E sen un só disturbio, problema, nin distorsión da convivencia cidadá…

E quédanos unha palabra de gratitude a tódolos voluntarios da nosa Diocese: ¡Noraboa, rapaces! Bordástelo, non deixedes que decaia o que vivistes. A Diocese e a nosa parroquia precísanvos e os vosos colegas, os da vosa idade, tamén. E as familias que abristes os vosos fogares ou os que aportastes diñeiro para axudar a que a JMJ fóra un éxito, que Deus vos bendiga. Eles non vos esquecerán, e nós tampouco.

 

14/06/2011

FIN DE CURSO… ¡GRAN FESTA!

Era o día de San Antonio, despois de Pentecoste, e tódolos membros do Equipo de Liturxia reuníronse para orar e celebrar o final do traballo dun ano. Atrás quedaron moitas horas de reflexión, estudo, oración e traballo tratando de coordinar, impulsar e animar a vida litúrxica da comunidade. Momentos de ledicia e esperanza e momentos de loita e cansazo, pero todo para dar calidade e beleza ás celebracións.

E despois de orar con toda a comunidade, tendo como testemuña a San Antonio, chegou o momento da mesa compartida. E coa creatividade propia da "piollas" preparáronnos un suculento e elegante buffet co que cada un compartía cos demais.

E para o fin de festa a sorpresa dirixida pola "princesa do acordeón" que fixo cantar e bailar gozando dun final de curso gozoso e festivo. Agora queda agradecer a Deus tódolos dons que nos regala e o noso desexo de responder con xenerosidade para o próximo curso pastoral. ¡Felices vacacións a todos!

CASE 8.000 KILOS

A pesar de que o luns día 6 o Equipo de Caritas parroquial celebraba ás 8 da tarde, con toda a comunidade a Eucaristía dando grazas a Deus polo curso pastoral 2010-2011 e orando por familiares dos voluntarios que faleceron neste período de tempo e que logo compartían un sinxelo e festivo ágape no salón parroquial coas contribucións de todos eles, o seu traballo non se detén.

E durante estes días os seus voluntarios traballaron duro para distribuír preto de oito mil quilos de alimentos entre 92 familias (266 persoas) da nosa parroquia os que a crise golpea con dureza. O traballo dos voluntarios e a colaboración da empresa Aceites Abril no transporte fan que Caritas parroquial poida optimizar ó máximo os recursos con que conta e colaborar co Banco de Alimentos no reparto destas partidas de alimentos.

Aparte desta labor, os voluntarios de Caritas parroquial durante este primeiro semestre do ano realizaron 398 intervencións que abarcan reparto de alimentos, distribución de roupa e outro tipo de axudas.

PRIMEIRAS COMUÑÓNS E CONFIRMACIÓNS

O día 5 de xuño, festividade da Ascensión, un grupo de 12 nenos e nenas celebraron a festa da súa Primeira Comuñón coa comunidade parroquial ás 13 h. Moitos familiares e amigos, así como as súas catequistas, acompañáronos neste día importante para eles e para a comunidade cristiá.

E o día 10 de xuño, na Eucaristía presidida polo Sr. Vicario diocesano para asuntos económicos, Dn. José Rodríguez Gallego, 35 mozos e mozas celebraban o final do seu proceso de Iniciación Cristiá recibindo o Sacramento da Confirmación.

A todos, a nosa máis cordial noraboa e o desexo de que vivan coherentemente o que celebraron axudados polo testemuño dos seus e de toda a comunidade parroquial.

CHEGARON Á META… ¡NORABOA!

O día 11, Samuel, que foi veciño e membro da nosa comunidade, recibía cheo de gozo en Segovia a súa ordenación sacerdotal na congregación dos Misioneiros Claretianos e o día 18 na súa parroquia natal de Pombeiro celebrará a súa primeira Misa.

Ese mesmo día, ás 11 da mañá na capela do Seminario Maior, Dn. Jacobo Curto Polo, que prestou o seu servizo diaconal á nosa comunidade durante este curso pastoral, recibirá a Orde Sacerdotal de mans do Administrador Apostólico da nosa Diocese, Dn. Luis Quintiero, bispo de Tuy-Vigo. E o día 19 ás 12 h presidirá, por primeira vez, na nosa parroquia a Eucaristía. Xuntamente con el ordenarase Dn. Segundo, veciño da nosa parroquia.

A todos eles a nosa máis cordial noraboa.

CARA A JMJ

A Xornada Mundial da Xuventude achégase cada día máis. Dúas familias da nosa parroquia acollerán a mozos doutros países que do 11 ao 16 de agosto farán a preparación previa ó encontro co Papa na nosa Diocese.

Serán cinco os mozos da nosa parroquia os que se desprazarán a Madrid a vivir esta experiencia única de fe e festa que é unha JMJ.

A nosa máis cordial benvida ós que se achegan a nós e que sexa unha gran manifestación eclesial o encontro en Madrid.

 


17/05/2011

CELEBRANDO O DÍA DO BO PASTOR

Despois de celebrar a Eucaristía na comunidade parroquial, corenta persoas dos diferentes grupos parroquiais desprazámonos ó Seminario Maior a compartir un día de convivencia festiva.

A comida común, o canto e a festa permitíronnos pasar un momento moi agradable, deses que crean comunidade. Ó final, unha breve oración na capela orando polas vocacións e pedindo ó Dono da mies que nunca deixe de enviar ás nosas comunidades os pastores que precisan.

Agradecemos a toda a comunidade do Seminario a súa cordial acollida, en especial ó Sr. Reitor e ó Administrador do mesmo. Agardamos que esta experiencia iniciada neste curso poida atopar novas perspectivas e se converta nun día de festa e convivencia da comunidade.

XUNTO A MARÍA

O pasado día 4 de maio, como vén sendo habitual os últimos anos, cruzamos o río para ir a avivar a nosa fe ó lado da nosa nai de Fátima. Foron moitos os fregueses da Parroquia que se uniron a esta tradicional peregrinación da nosa Parroquia e non poucos os doutras que compartiron con nós a fe e a chamada a recuperar a nosa identidade cristiá.

O Equipo de Liturxia preparou con esmero a celebración e o coro parroquial ambientou con ledicia a mesma. Lectores e ministros extraordinarios da comuñón, xunto con outros membros da comunidade, contribuíron co seu servizo ó bo clima e beleza da celebración da Eucaristía. Agradecemos á comunidade parroquial de Nª Sª de Fátima a súa cordialísima acollida e a invitación a poñernos ós pés da Nai para avivar a nosa fe nestes tempos de inverno eclesial.

REVISANDO O CURSO

O tempo vai pasando e as actividades pastorais, coa chegada do verán e a dispersión dos membros da Parroquia, ralentizan o seu ritmo.

É tempo de mirar atrás e revisar o camiño andado, discernindo, non só o que se fixo ou non, senón como o fixemos e en que medida contribuíu a avivar a nosa fe e impregnar do espírito evanxélico o ambiente no que vivimos.

Nenos, mozos e adultos neste final de maio reflexionamos para ir sinalando as pistas por onde deseñar o novo camiño.

 

02/05/2011

CELEBRACIÓNS DE CATEQUESE DE PRIMEIRA COMUÑÓN

O martes día 5 de abril, de 6 a 7 da tarde, os nenos que están no terceiro ano de preparación para a Primeira Comuñón, tiveron a súa primeira Celebración Penitencial na que participaron tamén os seus pais.

Antes de confesarse, fíxose un pequeno xesto no que os nenos achegábanse ata o altar cun papeliño nas mans no que escribiran algunha das falta das que lles gustaría arrepentirse; unha vez alí depositábano nun recipiente e ó final queimábanse todos.

Con este paso, agardamos que sexan un pouco máis conscientes da importancia do Sacramento da Penitencia nas súas vidas.

Por outro lado, o domingo día 10 de abril, as catequistas de Primeira Comuñón, prepararon a Eucaristía na que tamén participaron os nenos e os seus pais.

Con este domingo, ponse fin a serie de Evanxeos que nos ilustraron sobre o sentido da Coresma e o Bautismo.

Que todo isto nos axude como bautizados a reavivar a nosa fe e sentirnos Igrexa e vivir unha vida en plenitude.


12/04/2011

CONVIVENCIA EN SANABRIA

Os días 9 e 10 de abril, un grupo de 8 persoas entre mozos e animadores, desprazámonos ata Puebla de Sanabria para pasar un fin de semana de convivencia.

O sábado pola mañá, unha vez visitámos o centro do pobo, dirixímonos ó famoso Lago de Sanabria onde aproveitamos para comer á sombra das árbores e gozar da marabillosa paisaxe que se divisaba. Despois dun rato de sobremesa, algúns demos un agradable paseo e "as máis valentes" atrevéronse a mergullarse no Lago.

A media tarde dirixímonos, montaña arriba, cara un lugar chamado o "Lago dos Peixes" onde fomos testemuñas de algo moi curioso: aínda que lucía un sol radiante, aínda se conservaban zonas con neve. Foi algo realmente sorprendente.

Chegada a noite e despois dun rato de oración, demos boa conta da cena para dispornos despois a unha sesión de chistes e xogos.

O domingo pola mañá celebramos a Eucaristía e demos un paseo polo pobo. Ó regresar preparamos a comida e despois dun rato de sobremesa, recollemos e reemprendemos o regreso, un pouco cansados pero con gañas de repetir a experiencia.

ENCONTRO DE INMIGRANTES

O día 9 de abril, na Casa Parroquial de Santiago das Caldas, reunímonos unhas 50 persoas entre inmigrantes, voluntarios de Caritas Parroquial e dous membros de Caritas Diocesana.

Foi un momento emotivo, no que, despois das presentacións e de orar todos xuntos, algúns inmigrantes compartiron con nós e con moita emoción, as súas experiencias, as súas situacións concretas e as súas vivencias persoais. Todos eles chegaron buscando novos horizontes, tentando gañar un diñeiro para manter ás súas familias, que en moitos casos quedou no seu lugar de orixe. Comentaron que o que se atoparon ó chegar non era o que se lles contaba no seu país. Expoñían todos, a boa acollida e axuda que tiveron por parte dos españois, especialmente de Caritas.

Os que levan xa un tempo, contábannos como pouco a pouco se vai afianzando a súa situación, despois de pasalo mal ó principio, e eles mesmos animaban aos que levan pouco tempo e aínda se senten tristes e preocupados.

Dúas persoas, unha de Caritas Diocesana e outra de Caritas Parroquial, deron unha visión do que é Caritas, do que pretende e do seu método de traballo. O termómetro para ver se se está traballando ben é "ir perdendo clientela".

A continuación compartimos diálogo e uns pinchos que se prepararon coas contribucións de todos, algúns dos inmigrantes aportaron pratos típicos do seu país, sen llo pedir previamente.

A valoración do encontro é moi positiva, tanto por parte dos voluntarios como dos inmigrantes, algúns dos cales o describían como día de festa. Todos pedimos e agardamos repetilo.

 

30/03/2011

ORANDO CO VÍA CRUCIS

O pasado día 25 de marzo, os rapaces de Primeiro de Confirmación oraron co Vía Crucis, como cada ano na nosa parroquia durante os venres de Coresma.

Achegáronse ao Templo e, nun clima de silencio e atención, participaron con oracións e cantos, acompañando ao Señor nas catorce estacións de dor e morte, pero sen perder de vista que tras elas triunfa a Resurrección. Cristo resucitará e o mundo enteiro, cheo de esperanza berrará ¡Aleluia! ¡Cristo Vive!.

Non podemos quedarnos na escuridade, temos que saír á vida rebordando amor no corazón coa certeza de que, despois da morte, virá a Vida.

 

14/03/2011

PARROQUIA SOLIDARIA

Os días 12 e 13 de marzo, nun fin de semana pasado por auga, o Equipo de Animación Misioneira organizou unha venda de plantas co fin de recadar fondos para financiar un proxecto educativo na misión de Camerún onde realizan o seu labor os misioneiros espiritanos, congregación á que pertence o noso amigo Luis Cachaldora.

Grazas á comunidade parroquial que, unha vez máis, colaborou de forma tan xenerosa a que cada día sexan máis os que coñezan a Boa Nova do Evanxeo. María, Raíña das Misións, acompaña aos misioneiros na súa tarefa evanxelizadora.

ENTREGA DO CREDO

Chegou a Coresma, tempo de conversión e oración. Neste primeiro Domingo, os catecúmenos de 1º de Confirmación, en presenza da comunidade parroquial, reciben o Credo, como se facía antigamente cos catecúmenos que ían ser bautizados o día de Pascua. Neste Domingo das Tentacións, a celebración iníciase cunha procesión na que invocando aos santos pedimos a súa intercesión para, como Xesús, vencer as tentacións do Poder, do Ter e do Aparentar.

Ao termo da celebración entrégaselles o Credo non só para que o saiban senón para que o vivan e confesen no noso camiñar cara a Pascua.

12/03/2011

COMEZA A CORESMA

O mércores día 9 de marzo, inauguramos a Coresma na comunidade parroquial coa celebración do Mércores de Cinza. Ás dez da mañá e ás sete da tarde celebrouse a Eucaristía na que se nos lembrou que este tempo de Coresma debe ser un tempo de gozo que teriamos que aproveitar para converternos e reavivar o noso Bautismo. Foi unha celebración na que destacaron algúns signos significativos: retiráronse os Santos Óleos como signo de espera dos mesmos na Pascua, indicóusenos que durante este tempo de Coresma suprimirase o xesto da Paz nas Eucaristías para resaltalo na Pascua como don do Resucitado e “selouse" a Pila Bautismal para lembrarnos que durante a Coresma non se celebran bautizos pois é o tempo de preparación dos catecúmenos para a gran noite bautismal que é a Vixilia Pascual. No momento da imposición da Cinza, ademais de poner a nosa man sobre a Biblia, signámonos con auga bendita en lembranza do noso Bautismo e perfumáronsenos as mans porque o Señor quere que nos perfumemos cando xaxuamos para que ninguén o note e ademais como signo do bo olor de Cristo.

Ese mesmo día, ás seis da tarde, eran os nenos e os mozos da comunidade parroquial os que se reunían no Templo para celebrar o Mércores de Cinza. A través da historia dun "Monigote de papel" explicóuselles que significa converterse e que podemos facer durante a Coresma para avanzar no proceso da iniciación cristiá. No momento da imposición da cinza, convidóuselles a poner a súa man sobre a Pila Bautismal en lembranza do seu Bautismo e, ao igual que na Eucaristía, retiráronse os Santos Óleos e “selouse" a Pila Bautismal. Grazas aos pais e catequistas que os acompañaron.

CELEBRANDO O CARNAVAL

O venres día 4 de marzo, un grupo de mozos da nosa comunidade parroquial celebramos o Carnaval cunha pequena festa na Casa Parroquial. Alí había meigas, militares, piratas, instrumentos musicais, exipcios, mouro, coelliños e ata un rei de corazóns. Durante un bo rato compartimos bromas e chistes mentres xogabamos ao Party e tomabamos un pequeno "refrixerio". Foi un momento divertido e agradable e a todos nos quedaron gañas de repetir o próximo ano.

 

O sábado día 5 de marzo os nenos do Junior unímonos a troula carnavalesca cunha festa na Casa Parroquial. Reunímonos ás doce da mañá e a festa prolongouse ata as catro e media da tarde. Despois de degustar unhas sabrosas pizzas, a sobremesa consistiu nunha serie de xogos entre os que destaca o xogo do "Xenio Akinator" que nos abraiou a todos co seu poder mental para adivinar o pensamento. Non faltaron á festa piratas, poliños, guerreiros, gánsters, superhéroes, deportistas, mimos, fantasmas e ata o Conde Drácula. Aínda que un pouco cansados, nos fomos todos para a casa pensando xa no Carnaval do ano que vén.

04/03/2011

AXUDANDO ÁS MISIÓNS

O Equipo de Animación Misioneira da nosa Parroquia organiza os días 12 e 13 de marzo unha venda de plantas para financiar un proxecto na misión africana onde colabora o noso amigo (nativo desta Parroquia) Luis Cachaldora. A nosa contribución servirá para axudar na educación de nenos e mozos que non teñen medios para sair adiante e formarse como homes e mulleres preparados para o futuro.

 

Convidamos a todos a colaborar. Adquirir unha planta axuda a outros a ter unha vida digna.

REUNIÓN EXTRAORDINARIA DO CONSELLO DE PASTORAL

O día 2 de marzo reunímonos os membros do Consello de Pastoral parroquial, contando con algúns membros de grupos parroquiais convidados para reflexionar sobre o tema: "A Iniciación cristiá: oportunidade e desafíos para a pastoral con mozos". Axudounos na reflexión Dn. Luis Rodríguez Álvarez, párroco de San Pio X e profesor de Pastoral do IT Divino Mestre.

Trala oración e a presentación do tema, levouse a cabo un traballo de grupos no que se percibe a urxencia dunha renovación da dinámica dos procesos de Catequese de modo que sexan máis experienciais e axuden aos nenos a descubrir o que significa vivir en cristián. Así mesmo, se ve que urxe dar a coñecer toda a vida que hai nos grupos parroquiais e motivar aos mozos con creatividade para que volvan a descubrir o moito que a Parroquia pode aportar ás súas vidas.

ENCONTRO INTERPARROQUIAL DE CARITAS

O sábado 26 de febreiro reunímonos no Salón Parroquial 62 voluntarios dos grupos de Caritas das Parroquias de Sagrado Corazón, Nª Sª de Fátima, Nª Sª da Asunción, Cristo Rei, San Xosé de Vistahermosa, San Pio X e Santiago das Caldas para formarnos e compartir unha tarde de convivencia.

Acompañounos Dn. Xosé Antonio González García profesor de Sagrada Escritura do ITC que nos guiou na reflexión sobre dous temas de vital importancia para os voluntarios: Xesús predica o Reino e As Benaventuranzas, espello do voluntario de Caritas. Entre relatorio e relatorio compartimos un café e un rato de convivencia. Acompañounos tamén Dn. Ignacio Bedoya de Caritas Diocesana.

PÓRTICO DO PARAISO

O día 22 de febreiro ás 20 h tivo lugar un magnífico concerto organizado polo Concello no noso templo parroquial. O grupo La Tempestad e a soprano Cristina Andueza deleitaron ao público, que abarrotou o templo, co seu bo facer musical.

Agradecemos ao noso Concello e aos organizadores deste ciclo de Concertos "Pórtico do Paraíso" o que decidiran cruzar o "pai Miño" e elixisen o noso templo parroquial para facernos gozar da beleza da música que é camiño para descubrir ó Deus que se revela na harmonía e bo facer.

28/02/2011

DE CELEBRACIÓN EN CELEBRACIÓN

O domingo día 13 de febreiro celebrouse a Eucaristía na que os nenos que se están preparando para recibir a Primeira Comuñón presentáronse á comunidade parroquial. Participaron nela 49 dos 55 nenos que se están preparando, acompañados dos seus pais e catequistas. Foi unha celebración que prepararon con moita ilusión na que algúns deles participaron de forma activa pedindo á comunidade ser admitidos para celebrar a súa Primeira Confesión e Primeira Comuñón. Ó finalizar entregóuselles un pequeno recordatorio coas parte da Misa.

 

Así mesmo, o domingo día 20 de febreiro, 28 confirmandos celebraron a Eucaristía coa comunidade parroquial e pediron ser admitidos ao sacramento da Confirmación acompañados polos seus pais e catequistas. Un membro da comunidade, no nome da mesma, aceptou a súa petición e convidounos e animou a completar a súa iniciación cristiá así como a seguir vinculados á comunidade parroquial a través dos grupos de mozos.

 

Grazas ós pais e catequistas por acompañar a estes nenos no seu proceso de iniciación cristiá e á comunidade parroquial por aceptalos no seu seo e así poidan tomar conciencia de que polo Bautismo son membros activos e corresponsables na misión da Igrexa.

16/02/2011

ESCOLA DE DOUTRINA SOCIAL DA IGREXA

A Escola de Doutrina Social da Igrexa parroquial segue o seu curso e así o día 15 de febreiro, martes, abordábase nela un tema de máxima actualidade e urxencia para a comunidade cristiá: a falta de presbíteros.

O tema, sen ser social directamente, ten moito que ver co ambiente e a presenza da Igrexa e o seu servizo ás comunidades cristiás. Máis alá de tópicos e simplezas é un tema que require reflexión por parte de toda a comunidade cristiá, dado que o problema non é "dos Bispos ou presbíteros actuais" só, senón da mesma comunidade crente.

Un total de 21 persoas, 4 delas da parroquia de San Pio X, reuníronse para reflexionar e compartir sobre este tema. Despois dun momento de oración persoal en silencio, fíxose un traballo de grupos onde se convidaba a reflexionar sobre tres cuestións:
1.- ¿Cal cres que é o papel do presbítero na Igrexa?
2.- ¿Cales son, o teu modo de entender, as causas da crise vocacional que se vive entre nós e en que argumentos apoias a túa reflexión?
3.- ¿Que camiños de futuro albiscamos?

Unha vez concluído o traballo de grupos, púxose en común o aportado en cada un deles ao mesmo tempo que se ía explicando cal é o papel do presbítero na comunidade e cales son os camiños de futuro que deberemos afrontar ante a falta de pastores que presidan as nosas comunidades crentes. É fundamental reflexionar e asumir a identidade do presbítero e do leigo na comunidade e, sobre todo, manter a esperanza.

10/02/2011

MIRANDO O CAMIÑO ANDADO

O día 8 de febreiro reuníuse o plenario do Consello de Pastoral Parroquial co obxectivo de revisar a marcha do curso pastoral 2010-2011. O membros fixeron unha valoración positiva da marcha da Parroquia resaltando a cantidade e calidade do traballo realizado nos diferentes equipos, a partir da revisión realizada nos grupos.

Como lagoas se destaca a falta de asistencia a actos comúns como os Encontros de Formación, que non se lle saque todo o proveito a actos formativos de gran calidade que se ofrecen e que non se avise cando un non pode acudir ás reunións. Así mesmo constátase un certo estancamento nos grupos pois percíbese pouca incorporación de caras novas e sobre todo a gran lagoa é a iniciación cristiá e os mozos. A reflexionar este tema dedicaremos unha reunión extraordinaria á que se suxire que se convide a persoas de grupos de Catequese e mozos.

Tras o informe económico, a presentación do proxecto da revista de Coresma e a invitación a tomar como cousa de todos a páxina web e enviar a tempo as aportacións aos boletíns de avisos, rematouse a reunión ás 21,30 h.

07/02/2011

A IGREXA SOMOS TODOS

CELEBRACIÓN DO ANIVERSARIO DO BAUTISMO
Tras o Concilio, soa como un slogan reivindicativo: "a Igrexa somos todos". E é verdade, pero para todo. A Igrexa somos todos para limpar o seu rostro engurrado por tantos pecados dos bautizados; somos todos para levar adiante a súa misión evanxelizadora; somos todos para implicarnos corresponsablemente nela; somos todos para colaborar ao seu sostemento… Somos todos para todo e, sobre todo, para asumir cada un a nosa responsabilidade, antes de lle esixir a outros a súa.

O domingo 6 de febreiro, trala festa da Presentación do Señor, 15 parellas, pais de nenos bautizados o ano pasado, responderon á invitación da Parroquia a celebrar o aniversario do Bautismo coa comunidade e amosar así, ante a mesma, que eles están en camiño de asumir os compromisos bautismais. Outros non puideron porque o inverno e os virus fan mela nos máis pequenos. Pero non podemos negalo, a invitación dirixíuse a 35 parellas, todo os que acudiron á comunidade solicitando o Bautismo dos seus fillos.

Noraboa a todo os que responderon a esta iniciativa e oxalá que xuntos saibamos ir creando unha comunidade evanxélica que axude aos vosos fillos a descubrir que a fe é luz e sal para as súas vidas e un piar da súa felicidade.

DÍA DE CONVIVENCIA EN MANZANEDA

O sábado día 5 de febreiro, un grupo de 42 mozos e nenos, acompañados por 6 adultos, dirixímonos a Manzaneda coa ilusión de ver a neve e poder pasar un día de festa e convivencia. A partir das nove da mañá fómonos reunindo fronte á Casa Parroquial e ás nove e media saiamos deixando a algúns pais con gañas de nos acompañar.

A mañá estaba fría e con néboa pero aos poucos quilómetros de Ourense xa puidemos comprobar como a néboa desaparecía e o sol quería facer acto de presenza. Ó chegar a Castro Caldelas fixemos unha parada "técnica" para estirar as pernas e tomar un pouco o aire. Despois de vinte minutos continuamos cara Manzaneda e ao irnos achegando xa puidemos albiscar a presenza da neve.

Ó chegar á cume, e despois de recibir unhas cantas indicacións, dirixímonos á neve e provistos de sacos comezamos a nos esvarar por ela. Tampouco faltaron as tradicionais "guerras" de bolas de neve. Foi un momento no que gozamos tanto os pequenos como os máis maiores.

En torno ás dúas da tarde, e despois de cambiar as roupas molladas por outras secas, dispuxémonos a comer e a dar boa conta das nosas viandas onde non faltaron os "bocatas", a empanada e algunha que outra "chuchería".

Despois dun rato de sobremesa e un paseo ao sol, comezamos a viaxe de regreso con parada outra vez en Castro Caldelas para visitar o Castelo onde parece ser que agardaba "unha princesa encantada".

Un pouco despois das cinco da tarde e con algo de adianto sobre o horario previsto, chegamos ao noso destino, cansados pero con gañas de repetir o próximo ano.

04/02/2011

ENCONTRO DE FORMACIÓN: UNHA IGREXA XOVEN

O sábado 29 de xaneiro celebrouse o segundo encontro intergrupal de formación co tema "Somos Igrexa Xoven".
Iniciouse coa invocación ao Espírito Santo e un traballo de grupos reflexionando sobre a Parroquia e os mozos. Logo presentouse a situación dos mozos en España e o influxo da cultura actual no seu xeito de vivir. Fomos compartindo e reflexionado nos grupos en orde a camiñar cara << Unha parroquia na que os mozos se sintan a gusto>>.

Este encontro aberto á comunidade e dirixido especialmente aos participantes de grupos tivo unha asistencia activa, participando nel un total de 39 persoas.
Os participantes deron as súas opinións sobre a situación da sociedade actual no contorno da xuventude. Aportaron ideas para que a Igrexa sexa unha porta aberta á xuventude, e onde atopen razóns e respostas para quedarse.

Entre as diferentes propostas destacouse non só o contorno familiar, que é importante, senón tamén traballar no contorno no que os mozos se moven hoxe en día. A realidade de que a xuventude abandona os grupos parroquiais despois da Confirmación é unha preocupación que require que todos traballemos por unha Parroquia formada por grupos comunitarios que sirvan de referente aos mozos e lles axuden a atoparse con Xesuscristo.

Nestes encontros non só mantemos e aportamos riqueza á nosa formación, renovando o compromiso, senón tamén hai un encontro de interrelación entre os diversos grupos que participan na Parroquia conseguindo así que todos camiñemos na mesma dirección. Grazas a todos pola súa asistencia.

24/01/2011

CELEBRANDO A EUCARISTÍA COS MÁIS PEQUENOS

Os domingos 16 e 23 de xaneiro, o Templo parroquial encheuse de barullo e ledicia debido á presenza na Eucaristía das 12 da mañá dos nenos de Catequese na Casa.

O día 16 eran os nenos de Primeiro os que, acompañados polos seus pais, axudáronnos a celebrar a Eucaristía renovando as promesas bautismais que un día fixeron por nós os nosos pais e padriños.

O día 23, os nenos de Segundo celebraron con toda a comunidade parroquial a Eucaristía na que se nos lembrou que todos somos Igrexa e que como tal temos que sentirnos membros vivos e activos da mesma. Neste día os nenos e nenas do Movemento Junior colaboraron na celebración lendo e presentando algúns símbolos.

Grazas aos pais destes nenos que os acompañan no seu proceso de preparación á Primeira Comuñón e ao Equipo de Catequese na Casa que con cariño e dedicación prepara estas Eucaristías.

29/12/2010

UN ANO DE GRATITUDE E UN ANO DE ESPERANZA

O ano 2010 váisenos. Deixa como herdanza o traballo admirable de tantos voluntarios que, con sacrificio e tesón, dedicaron moitas horas do seu tempo para que a labor evanxelizadora da comunidade parroquial continuase o seu curso. Na Catequese e formación bíblica e da Doutrina Social da Igrexa, en movementos e grupos, na Vela no Templo, a preparación litúrxica, os coros, a acción socio caritativa, o roupeiro e o roupeiriño, no acompañamento de mozos e nenos… moitos membros da comunidade dan testemuño da súa fe e xenerosidade ao servizo da Parroquia. E sempre con ledicia e unha dispoñibilidade admirable. A pena é que a vida da Parroquia, por dentro, é descoñecida para moitas persoas.

E chega 2011 e con el os bos propósitos e desexos. Gustaríame formular algúns:

- Que perdésemos o medo a xuntarnos nos primeiros bancos do Templo e na nave central, dando testemuño de comunidade cando celebramos a Eucaristía a diario.
- Que os móbiles deixasen de soar en celebracións e reunións, para favorecer o clima de oración e traballo.
- Que fosen máis os que se esforzasen por formarse na súa fe e coñecer a Biblia participando en grupos bíblicos e escolas de formación.
- Que a caridade cara os máis pobres seguise medrando.
- Que criticásemos menos e nos comprometésemos máis vivindo a corrección fraterna.
- Que se medrase en sentido comunitario e se pensase en todos e de xeito especial nos quen traballan ao servizo da parroquia e non só no que a cada un lle vai mellor.
- Que os mozos viñesen a coñecer por dentro a súa comunidade parroquial, se implicasen nela e vivisen e celebrasen a súa fe con valentía.
- Que as familias asuman a educación e vivencia da fe dos seus membros e non celebren máis sacra mientos, senón sacramentos auténticos.
- Que a Confirmación deixe de ser a xubilación da vida parroquial.
- Que nas celebracións do matrimonio importase, polo menos, tanto a fe e a celebración, como o aparato externo e que se celebren na comunidade e non "ao meu aire" e antepondo todo á comunidade.
- Que deixemos que Deus sexa Deus nas nosas vidas e avivemos a conciencia de pertenza á Igrexa desde unha clara identidade cristiá froito do Bautismo.

Que Santiago Apóstolo nos guie e acompañe para que avancemos "arraigados en Cristo e firmes na fe" para maior gloria de Deus e ben do noso barrio. Feliz 2011.

CELEBRAMOS O NADAL 2010

O día 24 de decembro ás 19 h. acompañados polo Coro Parroquial na celebración da Eucaristía bendicimos o Belén 2010 e o día 25, na Misa de 12, celebramos solemnemente o nacemento de Xesús. Axudáronnos a elo os nenos que se preparan para celebrar a súa Primeira Confesión e Eucaristía que escenificaron, en diversos momentos, escenas do Nadal. Agradecemos aos seus pais o esforzo por acompañalos e ás súas catequistas as longas horas de ensaio. Que o Neno de Belén bendíganos a todos.

O día 26, festa da Sagrada Familia, o Coro Parroquial foi acompañar aos anciáns do xeriátrico de Piñor celebrando con eles a Eucaristía e levándolles a ledicia propia destas datas.

 

21/12/2010

FELICITACIÓN DE NADAL

VEN A CELEBRAR O NADAL

Como tódolos anos a comunidade parroquial convídate a celebrar as festas do Nadal participando na liturxia. O día 24, ás 19 h celebraremos a bendición do Belén; o 25, coa participación dos nenos de Primeira Comuñón, celebraremos ás 12 a Misa do Nadal.

O día 26 celebraremos a festa da Sagrada Familia e o coro parroquial abandona a comunidade para ir a participar na celebración nun centro xeriátrico. E o día de Reis celebraremos ás 12 solemnemente a chegada das súas Maxestades de Oriente á nosa comunidade para manifestar a gloria do Deus feito neno.
Goza destas festas do nacemento do noso Salvador.

A LUZ DA PAZ DE BELÉN

Un grupo de nenos e catequistas participarán na celebración da Luz da Paz de Belén o día 21 en Santa María Nai. Ata alí os membros do Movemento Scout traerán a luz que ata Santiago farán chegar membros dos Scouts de Galicia despois de recollela de mans dos Scouts de Austria que cada ano, a primeiros de decembro, diríxense á gruta da Natividade en Belén e alí acenden unha luz que logo difunden polo mundo.

O Equipo de Liturxia logo o día 22, ao final da Misa das 7 da tarde ofreceránola para que poidamos levala aos nosos fogares e colocala ao carón do Belén ou na fiestra do noso fogar como signo de que queremos acoller, na noite do Nadal, ao Príncipe da Paz e ser construtores da súa paz nas nosas relacións e pedir que a todo o mundo chegue a paz.

SOLIDARIEDADE

A Campaña de Nadal parroquial segue sendo o medio ordinario a través do cal o Equipo de Caritas parroquial reúne fondos para facer fronte ás necesidades que se lles presentan durante o ano. Ata este momento a xenerosidade dos crentes do barrio permitiu reunir 5.443 €. A iso hai que engadir a contribución dos nenos de Catequese e persoas que aportaron alimentos.

E non podemos menos de agradecer a colaboración das Parroquias de Dn. Oscar (Castrelo do Vale, Pepin, Retorta e Vences) e de Dn. Camilo (San Salvador e San Miguel do Campo) que aportaron unha gran cantidade de alimentos doados polos fregueses desas comunidades.

PASIÑO A PASIÑO FAISE COMUÑÓN

O pasado día 15, a nosa comunidade viviu unha xornada de gozo e festa. Ás cinco da tarde os membros dos grupos de Vida Ascendente, Roperillo, Vela no Templo e Lexión de María oramos xuntos dando gracias a Deus e compartimos logo un café celebrando o final deste trimestre e agradecendo a Deus que conte con nós para seguir levando adiante a misión de evanxelizar.

Ás 19,30 h o resto dos grupos reunímonos no Templo para celebrar unhas solemnes Vésperas preparadas polo Equipo de Liturxia Parroquial. Tralas mesmas, membros dos Coros, Catequistas, Equipo de Caritas, Liturxia, Grupos Bíblicos, reunímonos no Salón Parroquial para compartir un ágape fraterno. Foi unha xornada onde, dun xeito sinxelo e festivo, demos visibilidade á comuñón que pedimos a Deus cada día.

ENTRE XASTRES E ESTATUAS

O día 17, os mozos dos grupos parroquiais celebramos a festa de fin de trimestre. O "soto" converteuse en improvisada discoteca onde nos divertimos bailando e xogando.

 

Entre xastres e estatuas rímonos moito. Agora quédanos montar o Belén e preparar o día de Reis. E, como non, un lixeiro descanso ata volver a vernos. Feliz Nadal a todos.

O MEU AMIGO INVISIBLE

Os nenos do Junior celebraron a súa festa de Nadal o sábado, 18 de decembro. Tras un momento de oración e a preparación do boletín de avisos de xaneiro, realizaron o xogo do amigo invisible compartindo regalos entre eles que lles envíaba o seu amigo invisible.

Durante as vacacións de Nadal, tentarán indagar quen é o amigo invisible de cada un. Logo cuns sinxelos aperitivos deron por finalizado este primeiro trimestre de traballo.

FORMÁNDONOS PARA SERVIR COMO VOLUNTARIOS

Doce membros do Equipo de Caritas parroquial desprazámonos á Parroquia do Sagrado Corazón para participar nun curso sobre o Voluntariado. Impartiu o curso Dn. Emilio López Salas director do Programa de Voluntariado de Caritas Española.


Os voluntarios de Caritas dedican gratuítamente unha parte do seu tempo libre ao servizo dos máis pobres e á captación de recursos para satisfacer as necesidades que se lles presentan. Para iso fórmanse, posto que a boa vontade soamente non chega. Como nos dixo Dn. Emilio, os doce desafíos dun voluntario serían:


1. C ercano: Compartindo cóbado a cóbado.
2. O bxectivo descentrado: Ollando cara os marxes.
3. M otivado.
4. P aciente.
5. R esponsable (formado).
6. O rganizado (traballando en equipo)
7. M ediador (traer á reflexión o que outros non queren ver)
8. E mpático (ponse no lugar do outro: compasivo e misericordioso)
9. T olerante.
10. I lusionado.
11. D inamizador.
12. O brigado (camiñar para que todos sexan voluntarios)

 

14/12/2010

PREPARÁNDOSE PARA ACOLLER A LUZ DE BELÉN

Os grupos de Catequese estanse preparando estes días de Advento para acudir o vindeiro día 21 ó templo de Sta María Nai e recibir a Luz de Belén que os membros do movemento Scout traen tódolos anos desde a gruta da Natividade e logo levala á Parroquia e poder difundila aos fogares daquelas familias que desexen tela na súa casa na noite do Nadal.

Agardamos que os pais colaboren para que os nenos, acompañados polas súas catequistas, poidan participar e poñer un signo máis do noso desexo de preparar un Nadal cristiá.

NADAL MISIONEIRO

O equipo de Animación Misioneira parroquial coordina un ano máis a Campaña de felicitación do Nadal a tódolos misioneiros diocesanos espallados polo mundo.

Trala elaboración da tarxeta por parte dun membro do Equipo solicítase a colaboración dos grupos de Catequese e demais equipos parroquiais para facerlles chegar o noso cariño aos case douscentos misioneiros ourensáns.

O equipo quere facerlles chegar a todos o desexo dun Nadal moi feliz e verdadeiramente misioneiro.

CAMPAÑA DO NADAL

Un ano máis Caritas Parroquial de Santiago das Caldas convócanos á xenerosidade. A Campaña do Nadal iniciada co primeiro domingo de Advento pretende constituír un fondo de diñeiro para poder afrontar as necesidades materiais dos membros da comunidade durante o ano. O equipo difúndea envíando a tódolas caixas do correo dos fregueses unha revista coa publicación das contas do ano e a información das actividades realizadas grazas á inestimable colaboración do Equipo de Visitadoras parroquiais. Aprovéitase ademais para enviar a felicitación do Nadal da Parroquia a tódolos habitantes do territorio da Parroquia, sexan ou non practicantes da fe. Pola súa parte os grupos de mozos visitaron aos nenos dos grupos de Catequese convidándoos a colaborar cun quilo de produtos non perecedoiros.

Un ano máis agardamos a xenerosa colaboración de todos de xeito que cada cal aporte segundo as súas posibilidades e cada un reciba segundo as súas necesidades. O equipo de Caritas agradece de corazón a xenerosa colaboración da comunidade tanto na Campaña do ano 2009, como durante o ano. Grazas a iso e á colaboración voluntaria dos 22 membros do Equipo, máis de 116 familias recibiron atención durante este ano. Grazas a todos pois "polos seus froitos coñecerédelos".

VIXILIA DA INMACULADA

Na tarde do día 7 de decembro, 9 mozos da Parroquia participaron na Celebración da Vixilia da Inmaculada na Parroquia de Sta Eufemia. Participamos na preparación e desenvolvemento da mesma xunto con outros mozos de San Pio X, Sta. Eufemia, Sta Teresita, Sta Marta de Velle, que animaron o canto, e a Delegación Diocesana de Xuventude.

A celebración, no 250 aniversario da proclamación da Inmaculada como patrona de España, consistiu na oración de Vésperas. Iniciouse coa audición da canción "A casa do meu amigo" e unha oración que nos convidaba a dispornos para a oración avivando a nosa pertenza á Igrexa desde a nosa condición de Bautizados e asumir a súa misión evanxelizadora como algo propio. Xuntos oramos con paz e sosego e volvemos contentos a pesar da intensa chuvia que caía.

EQUIPO DE LITURXIA. AMBIENTANDO O ADVENTO

"O Señor vén, ábrelle o teu corazón". Con este lema o Equipo de Liturxia convoca á comunidade parroquial a prepararse ao Nadal. Para avivar a memoria do Advento elaboráronse as carteleiras da entrada (exterior) do Templo que permiten que tódolos que circulen pola rúa lembren da necesidade de estar vixiantes e vivir en permanente conversión. Ó entrar no Templo os fieis, ademais da coroa de Advento, atópanse con sete pancartas moradas, unha en cada columna do templo e a última no presbiterio, co inicio das sete antífonas das feiras maiores (antífonas da "O"), como invitación a orar "Ven Oh chave… oh raíz…". Así mesmo o equipo elaborou un guión litúrxico para as celebracións da semana e propostas para os grupos que, cada domingo, teñen a misión de preparara Eucaristía.

Agora o Equipo prepara a celebración da celebración penitencial de preparación ao Nadal e as Vésperas solemnes coas que os grupos parroquiais celebraremos o final de trimestre e a chegada do Nadal que concluirán cun ágape fraterno no Salón Parroquial.

VIXILIA DE ADVENTO

A Parroquia de Santiago das Caldas era a encargada de preparar e animar a celebración da Vixilia de Advento na S.I. Catedral en coordinación coa Vigairía de Pastoral.
Un nutrido grupo de fregueses desprazámonos, a pesar do frío, para orar e dispornos, coa nosa Igrexa Diocesana, a abrir o corazón ao Señor que vén. A celebración, presidida polo Administrador Apostólico da Diocese Dn. Luis Quinteiro, iniciouse coa bendición da coroa de Advento e logo as Primeiras Vésperas de Advento e a Eucaristía, na que acollemos solemnemente o leccionario que contén a Palabra de Deus correspondente ao ciclo A da lectura continua no que proclamaremos o Evanxeo de San Mateo e oramos pola vida nacente cunha pregaria de Xoán Paulo II.

Agradecemos a dispoñibilidade das persoas, tanto dos que participaron, como dos que desempeñaron algún ministerio: Monitores, lectores, cantores…

DOMUND 2010: GRACIAS

EN CAMERUN , COS MAIS POBRES: CONTINUANDO A MISION DE XESUS

Carta aberta do Pai Luis Cachaldora, á Comunidade Parroquial de Santiago das Caldas
……………………………………………………………………………..

Aos meus queridos coparroquianos e amigos:

Moitos de vós vístesme nacer á vida e á fe na nosa querida parroquia da Ponte, e tamén compartistes comigo un dos momentos máis grandes da miña historia: a celebración da miña Primeira Misa fai xa case dous anos na Ponte.
Despois de moitas vivencias ao longo dos meus 42 anos de vida, Deus chamoume á vida relixiosa e misioneira para formar parte da Congregación do Espírito Santo, máis coñecida como "Misioneiros Espiritanos". Despois do tempo de formación correspondente, fun envíado no ano 2004 cara o corazón de África, concretamente ó Extremo Norte do Camerún, para traballar na diocese de Maroua-Mokolo.

Son moitas as experiencias e sentimentos que me gustaría compartir con vós neste domingo día do DOMUND, pero ó ter que me limitar ó espazo que me dá esta carta, quixéravos transmitir aquilo ao que o fundador da nosa Congregación chamaba "o momento de Deus". Certamente son moitos os momentos nos que un crente pode sentir e vivir a proximidade e a acción de Deus na súa vida. Ese momento para min foi o poder compartir coa miña xente de África a vida e a fe, o poder sentirme un máis no medio deles, gozar da súa acollida e da súa ledicia. Si, digo ledicia, porque a pesar de estar inmersos nun mar de miseria e sufrimento, a nosa xente de alí aínda sabe sorrir con inocencia, compartir co irmán ata aquilo que non ten, e, sobre todo sabe querer e deixarse querer.

Meus queridos amigos da Ponte, da miña comunidade parroquial, no Camerúm, nesta comunidade, a Igrexa constrúese cada día paso a paso, Igrexa misioneira, solidaria, Igrexa que asume o papel de avogada dos pobres e excluídos como opción de fe.
Hoxe día no que tódolos misioneiros estamos sendo mirados de forma especial e con cariño desde tantos e tantos lugares, como misioneiro quero lle dar grazas a Deus en primeiro lugar por me conceder a graza de poder lle servir naqueles que reflicten nos seus rostros o rostro de Xesús: os máis pobres entre os pobres.
E en segundo lugar, como non, grazas tamén ao Señor, por formar parte da Comunidade parroquial de Santiago das Caldas, á cal, aínda que desde a distancia síntome cada máis unido e querido.
Cheguei do Camerún o día 11 do pasado mes de agosto, e pódovos asegurar que na miña maleta de volta non traía grandes cousas, pero si un agradecemento profundo e sincero da comunidade de Doualare, misión na que servín e agardo seguir servindo a Cristo e á Igrexa nos meus irmáns. Agradecemento que me sae do corazón cara a Parroquia na que fun bautizado e na que, sempre guiado pola bondade e santidade do noso querido D. Xesús, fun dando pasos cara a meta que o bo Deus tiña preparada para min. Agradecemento a todo o equipo parroquial, especialmente aos meus dous compañeiros D. Francisco e D. Luis, os nosos párrocos, que con todo o cariño apoiaron os proxectos da nosa misión, sobre todo aqueles que son básicos para a educación dos nosos nenos e mozos, carentes por desgracia, de medios para saír adiante e formarse como homes e mulleres preparados para o futuro.

Gracias á colaboración económica desta parroquia puidemos asumir a escolarización de varios mozos para o presente curso escolar e tamén comprar ordenadores para complementar a súa formación, nunha sociedade na que o uso da informática faise cada día máis necesaria.
Me despido cun GRAAS moi sentido, para todos vós veciños e fregueses do Ponte, pedindo a vosa pregaria para que de verdade este pobo e tantos outros, a pesar do sufrimento e a pobreza, séntense cada vez máis unidos a todos nós.
Teño a certeza de que gracias a vós e a moita xente de boa vontade, cada día faise un pouco máis realidade a Benaventuranza da que nos fala Xesús no Evanxeo:

"BENAVENTURADOS OS QUE TEÑEN FAME E SEDE DA XUSTIZA, PORQUE ELES QUEDARÁN SACIADOS"

Quérovos e lémbrovos na miña oración de cada mañá:
Pai Luis Cachaldora, misioneiro fregués desta parroquia

12/11/2010

MAGOSTO DOS MOZOS

Os días 6 e 7 de novembro, un pequeno grupo de mozos da Parroquia fómonos de Magosto a Baltar. Saímos de Ourense o sábado pola tarde e ao chegar ao noso destino estábanos agardando Néstor que nos abriu a súa casa de par en par e fixo que nos sentísemos coma se estivésemos na nosa.

A tarde do sábado dedicámola a visitar os arredores chegando a Portugal e gozando da paisaxe e do bo tempo que nos acompañou en todo momento. Ao regresar, preparamos a cena onde non podían faltar os chourizos e as castañas e unha vez que cenamos e recollemos, reunímonos no salón para xogar, charlar e pasar un rato divertido.

O domingo pola mañá celebramos a Eucaristía, presidida por Néstor, cos veciños do pobo e a continuación dispuxémonos a preparar a comida: churrasco e castañas, dos que demos boa conta. Despois dun rato de sobremesa, recollemos e regresamos a Ourense, un pouco cansados pero agardando xa o do próximo ano.

Grazas Néstor por nos recibir na túa casa e por tódalas atencións que tiveches con nós.

09/10/2010

INICIANDO O CAMIÑO

Unha quincena de mozos da Parroquia, cos nosos animadores, desprazámonos a Porto do Son para vivir un fin de semana de convivencia.
Chegamos o sábado a mediodía e tras situarnos e comer, saímos a facer un percorrido pola zona a pesar da intensa chuvia e vento. Ó caer a tarde, reunímonos para reflexionar e orar un momento concretando a programación pastoral xuvenil para ese ano marcado pola celebración da XMX en Madrid 2011.

Despois da cena, chegou o momento da festa e os xogos. Cansados, a maioría retirouse a descansar mentres os máis valentes agardaban o amencer. Á mañá, trala oración e almorzo, preparamos a Eucaristía que celebramos con pausa. Como o tempo non permitía grandes cousas, mentres uns preparaban unha fermosa paella, os demais pasamos un rato convivindo. Trala comida e recoller un pouco a casa, regresamos ás nosas casas xa pensando no vindeiro magosto que nos agarda.

EU SON A PORTA

Fai xa algún tempo que a porta de acceso ó Templo parroquial atopábase en mal estado.

A chuvia, o sol e os anos facían mela na súa madeira. Por fin chegou o día en que foi renovada por unha nova con motivos xacobeos.

Agora, cada vez que a crucemos, lembremos as palabras do Mestre: "Eu son a porta…" e sintámonos membros vivos e activos da comunidade.

SON IGREXA… VEN E VERÁS

O día 1 de outubro reuníuse o Consello de Pastoral Parroquial para acoller as contribucións realizadas por tódolos grupos ao Proxecto de Programación Parroquial e aprobar a programación definitiva.

Trala oración, a presentación da Programación Diocesana e o proxecto parroquial, debatéronse as propostas e aprobouse por unanimidade a Programación Pastoral 2010-2011.

Agora, coa axuda do Señor, agardamos levala adiante para que a misión evanxelizadora da Igrexa siga adiante e todos medremos na conciencia de ser membros vivos e activos da Igrexa na que queremos acoller con confianza aos mozos.

ORANDO POLAS MISIÓNS

O Equipo de Animación Misioneira elaborou diversos materiais para axudarnos ós grupos e a toda a comunidade parroquial a orar polas misións e avivar o noso espírito misioneiro.

Tódolos días o rezo do Santo Rosario ofrécese polas Igrexas dos países de misión e na Eucaristía convídase a orar polas misións.

Nos grupos difúndese a mensaxe do Papa para o DOMUND-2010 e para todos nós resoa con insistencia a súplica de tantos afastados: "Queremos ver a Xesús".

 

24/09/2010

PARA COÑECER A NOSA HISTORIA

O vindeiro día 30 de setembro ás 20,30 h no Salón Parroquial preséntase o libro "La vida en A Ponte hasta 1960. De las viñas al asfalto". O seu autor, José Manuel Fernández Sobrino, fai unha valiosa contribución que nos axudará a coñecer as raíces do noso barrio e poder así comprender a nosa idiosincrasia. Un pobo que descoñece a súa historia corre o risco de perder a súa identidade. O noso barrio, renovado nos últimos anos con moitas persoas que viñeron a habitar entre nós, precisa destas contribucións para non perder as súas raíces e manter a súa identidade.

Convidamos a tódolos veciños do barrio a acudir á presentación e coñecer así un pouco máis a fondo a vida de cantos nos precederon e fixeron posible o barrio do que agora, renovado, podemos gozar.

 

www.santiagocaldas.org © 2017 Parroquia de Santiago
Avda. de las Caldas, 28. 32001 Ourense
info@santiagocaldas.org (+34) 988 211 954