Inicio Horarios Contactar

Presentación
Onde estamos
Historia
Programación 2017-2018
Horarios
Organización
Publicacións
Ligazóns
Noticias
Curso 2017-2018
Curso 2016-2017
Curso 2015-2016
Curso 2014-2015
Curso 2013-2014
Curso 2012-2013
Curso 2011-2012
Curso 2010-2011
Curso 2009-2010
Curso 2008-2009
Curso 2007-2008
Curso 2006-2007
Curso 2005-2006
Curso 2004-2005
Curso 2003-2004

AxendaAmosar axenda completa

En castellano

18/08/2010

FESTA DA ASUNCIÓN: PRIMEIRAS COMUÑÓNS

O día 15 de agosto, festa da Asunción da Nª Sª, celebramos a Primeira Comuñón de seis nenas e nenos na nosa comunidade. A celebración foi seguida con gran silencio e participación por parte de familiares e amigos que os acompañaban neste día tan cheo de ilusión para eles.

Foi o último grupo deste curso pastoral no cal participaron por primeira vez na Eucaristía ó redor de cincuenta nenos e nenas. Que Santiago Apóstolo os guie e, coa axuda dos seus pais e o testemuño de toda a comunidade, se incorporen cada día a unha participación máis plena na Parroquia e na Igrexa.

 

09/08/2010

O PROXECTO DE PROGRAMACIÓN PASTORAL 2010-2011 EN MARCHA

O equipo de Pastoral da Parroquia está xa traballando no borrador da Programación Pastoral que, durante o mes de Setembro, os diferentes grupos irán traballando para que o Consello de Pastoral o aprobe a comezos de Outubro.

A súa base está na Programación Diocesana de Pastoral elaborada a finais de Xuño nas Xornadas do Santuario dos Milagres e a revisión do curso 2009-2010.

CELEBRAMOS AO NOSO PATRÓN

O día 25 de Xullo, como é tradicional, celebramos ao noso patrono Santiago Apóstolo. O feito de ser Ano Santo convidábanos a solemnizar de modo especial a nosa celebración.

Como sempre, contamos coa presenza da Corporación Municipal con todo o seu séquito e a Banda Municipal e a incomparable colaboración de "Queixume dos pinos" que aportou a súa innovación á procesión bailando, en plena Avenida de Santiago, unha danza tradicional na honra de Santiago seguida con entusiasmo polos centos de fieis que participaban na procesión.
Presidiu a celebración o Sr. Vigairo de Pastoral, Dn. Xosé Pérez Domínguez que nos convidou a dar testemuño da nosa fe e traballar xuntos polo ben da nosa terra e as súas xentes.

Agradecemos un ano máis o traballo da Comisión de Festas que con tesón e esforzo seguen levando adiante as festas máis emblemáticas da nosa cidade.

AVÓS COS AVÓS

O día de San Xoaquín e Santa Ana vivimos, un ano máis no marco das nosas festas patronais, unha celebración entrañable: O día dos avós.

Co templo abarrotado de xente e a colaboración de Coral de Ruada, a quen agradecemos o cariño cara a nosa comunidade e barrio, celebramos a nosa fe pedindo ó Señor que coide e alente aos nosos avós e que saibamos valorar e agradecer a súa incomparable contribución á familia e á sociedade neste momento.

 

27/07/2010

EXCURSIÓN DE FIN DE CURSO

Un ano máis as catequistas de A Ponte poñen o broche final a un curso cheo de traballo.

Coa tradicional excursión de fin de curso trasladáronse ata o Parque Natural das Fraguas do Eume, para disfrutar da grandeza de Deus feita natureza viva.

Alí compartiron tempo, experiencias e iluisións e gozaron dun día de espacios naturais singulares, arte e historia.

 

 

22/06/2010

"TI ES SACERDOTE ETERNO"

O día 19 de xuño, Dn. Néstor recibía no Seminario Maior a ordenación presbiteral de mans do Administrador Apostólico da nosa Diocese Monseñor Luis Quinteiro Fiuza.

E o día 20, ás doce, presidía a súa primeira Eucaristía na nosa comunidade parroquial. Todos nos alegramos con el e os seus compañeiros, Miguel e Jonatán. A nosa Diocese conta con tres novos sacerdotes.

Grazas Néstor por todo o que nos aportaches e que Deus te encha de ledicia e ilusión no teu ministerio.

UN CURSO QUE REMATA

O domingo día 13 celebramos a Misa de acción de grazas a Deus polo curso pastoral que remata. Foron moitos os dons que do Señor recibimos ao longo deste ano para reavivar e promover a adoración a Xesuscristo real e permanentemente presente na Eucaristía.
Preparada polo Equipo de Liturxia e coa participación dos diferentes grupos parroquiais, unímonos na oración.

A Parroquia non pecha durante o verán pero si modifica os seus horarios. A partir do 1 de xullo e ata o 15 de setembro suprímese a Misa de 13 h. os domingos e a Misa de diario de luns a sábado do 1 de xullo ao 31 de agosto será ás 10 h. Así mesmo a atención ó público nas oficinas parroquiais será de 17,00 a 20,30 h.

Desexamos a todos unhas reparadoras vacacións e que levemos a Xesús con nós para que nos axude a vivir desde dentro e gozar do descanso.

OS COROS FAN FESTA

O clima de ensaio era máis barulleiro que de costume. Aquel día a mesa estaba disposta, os cantos de todo tipo preparados e ao final o baile acompañados por "a moza do acordeón". Foi un momento de festa daqueles que ao longo do ano reúnense para ensaiar e logo poder animar a liturxia co seu canto.

Agradecemos a cantos, co seu xeneroso esforzo e sacrificio, animan as nosas celebracións. Quede aí a invitación a mozos, nenos e non tanto a participar, sexa con instrumentos, sexa coa súa voz, a crear un clima festivo na comunidade.

AVALIANDO O CAMIÑO ANDADO

O día 16 de xuño, o Consello de Pastoral Parroquial celebrou a súa reunión ordinaria para avaliar o curso pastoral. A partir da revisión realizada nos diferentes grupos constátase que a comunidade parroquial funciona ben e hai un inxente traballo en tódolos grupos e unha boa colaboración das persoas.

Agradecemos a cantos, co seu tempo e xenerosa entrega, fixeron posible, un ano máis, que a parroquia siga levando o Evanxeo a tantos lugares do barrio.

Agora queda trazado o camiño para, unha vez que a programación Diocesana deseñe os camiños para o curso 2010-2011, poder ir elaborando o proxecto de programación de modo que sigamos levando a cabo a tarefa que o Señor nos confíe.

 

07/06/2010

74 MOZOS CONFIRMADOS NA PARROQUIA

O día 28 de maio, 74 mozos e mozas das Parroquia de Santiago das Caldas, San Pedro de Cudeiro, A Purísima de Vilardastrés e San Miguel de Canedo recibiron o Sacramento da Confirmación de mans de Dn. José Antonio Gil Sousa, Director do Instituto Teolóxico Divino Mestre de Ourense.

Nunha celebración festiva e gozosa celebrouse a súa culminación da Iniciación cristiá, a súa incorporación plena á comunidade cristiá e o seu envío ó mundo para ser testemuñas, coa forza do Espírito Santo, de Xesuscristo no medio do ambiente onde viven.

O noso agradecemento a Dn. José Antonio, ós pais dos confirmandos pola súa participación e colaboración na súa formación e, como non, ás súas catequistas pola constancia e acompañamento destes rapaces durante dous anos de preparación para recibir este Sacramento. Queira Deus que deixen ó Espírito Santo producir os seus froitos e que acollendo os seus dons poidan aportar ás súas Parroquias a ilusión e a ledicia que precisan.

A ROMARÍA DA PALABRA DE DEUS

O Sábado día 29 de maio, máis de 150 persoas dos catro puntos da Diocese reunímonos para celebrar a III Romaría da Palabra. Un encontro co que culmina o curso pastoral de Grupo Bíblicos que desde o ano 2000 vaise afianzando na nosa Diocese. Os grupos bíblicos inícianse cun encontro no Seminario Maior o último Sábado de Setembro; no mes de Outubro o equipo diocesano visita tódalas zonas presentando o curso e, mes a mes, os grupos reúnense estudando os temas, meditándoos e orando para vivir cada día máis da Palabra de Deus.

O encontro comezou coa acollida por parte do Sr. Vicario de Pastoral ó que seguiu a entronización da Palabra de Deus e a "Lectio Divina" do relato da vida da primeira comunidade cristiá do Libro dos Feitos dos Apóstolos, dirixida por Dn. Francisco Pernas. Logo Dn. Julio Grande, biblista da nosa Diocese, presentóunos o libro dos feitos dos Apóstolos e rematou Dn. José Antonio Gil Sousa presentando o estilo de Igrexa que subxace neste libro.

Trala reflexión veu a comida no comedor do Colexio dos Milagres. E rematada a comida e unha breve sobremesa acabamos ó lado de María, a Virxe oínte e vivente da Palabra de Deus, celebrando a nosa fe. Foi un día de festa, reflexión, convivencia e oración que axuda a seguir vivindo e coñecendo a Palabra de Deus que agradecemos a cantos o organizaron e a Dn. Javier Seguín e Dn. Félix Álvarez que animaron o canto, Dn. Tomás que animou co seu humor a sobremesa e a tódolos que fixestes o esforzo de participar.

Da nosa Parroquia participamos dezasete persoas dos diferentes grupos bíblicos que hai na Parroquia. Oxalá cada ano váianse animando máis e a Palabra de Deus sexa máis coñecida e apreciada entre os crentes para poder así vivila coa axuda do Espírito Santo.

AS FESTAS DE SANTIAGO 2010 EN PREPARACIÓN

É Ano Santo Xacobeo e a Comisión de festas do Apóstolo Santiago 2010 do noso barrio de A Ponte están traballando para organizar estes festexos de fondas raíces históricas e referentes na nosa provincia.

Como tódolos anos pasan polos nosos domicilios solicitando a nosa colaboración para poder reunir os medios para organizar os festexos. Oxalá atopen, entre todos, unha boa acollida e xenerosa colaboración, a pesar da crise. Nos mesmos locais da Parroquia hai un talonario para as persoas que desexen deixar alí a súa contribución.

Como sempre lembrar que os membros da comisión, aparte de ser veciños coñecidos, van identificados e deixan sempre xustificante da contribución.

 

24/05/2010

CELEBRANDO A FIN DE CURSO

O sábado, 22 de maio, os nenos e nenas do Movemento Junior da nosa Parroquia, celebramos o final das reunións deste curso. Para iso, dedicamos boa parte da mañá a revisar o curso como preparación do Consello de Pastoral coa fin de que os responsables do grupo expoñan as nosas contribucións en dito Consello.

Como era un día de festa e non todo é traballar, a iso das dous e cuarto, dispuxémonos a compartir a comida na que non podía faltar a pizza e o xeado. E para finalizar a xornada, divertímonos un rato facendo diferentes xogos con globos e como non, demostramos as nosas dotes de futbolistas xogando un pequeno partido.

Esta curso remata pero xa fixemos as nosas propostas para que o próximo sexa, ó menos, tan divertido e frutífero como este.

Desde o Movemento Junior de Acción Católica desexámosvos a todos feliz verán e lembrade que Xesús non colle vacacións e agárdanos cada domingo no Sagrario.

 

21/05/2010

CARITAS: "EU ESTOU CON VÓS"

Caritas parroquial realiza o balance deste curso pastoral e da súa actividade. Constátese un incremento de familias con dificultade para chegar a fin de mes. A Parroquia, a través de Caritas, trata de paliar a súa situación coordinando a súa acción con Caritas Diocesana e os Servizos sociais. Grazas á implicación dos crentes da comunidade e a colaboración de entidades que aportan alimentos (Coren, Clesa, Aceites Abril…)

 


RESUMO OUTUBRO 2009- MAIO 2010.

       Nº TOTAL DE BENEFICIARIOS ATENDIDOS 280
       Nº TOTAL DE FAMILIAR ATENDIDAS 136
       Nº DE INTERVENCIÓNS REALIZADAS 930
       Recursos económicos empregados 6.003,21 €

Recursos aportados polos membros da comunidade parroquial e medios dispoñibles para afrontar necesidades:

     Campaña de Nadal-Un día de salario: 12.679 €
     Donativos desde Xaneiro a Abril: 957 €
     Colecta aniversarios: 481,75 € (T=14.117,75 €)
     Fondos dispoñibles a Maio: 21.627,88 €

A través da acción caritativo social, a comunidade cristiá mostra que a presenza real de Xesuscristo celebrada na Eucaristía faise fraternidade no compromiso a favor dos máis necesitados. Grazas a cantos con xenerosidade e sacrificio unen amor a Deus e ós irmáns e os 18 voluntarios de Cáritas Parroquial que ademais dedican o seu tempo ós preferidos de Deus, os empobrecidos.

Ó VOLVER A VISTA ATRÁS

Chegando ó final do curso pastoral 2009-2010 tódolos grupos parroquiais facemos un alto para mirar o camiño andado e descubrir as pegadas de Deus na nosa vida e acción pastoral. Revisar como fomos levando adiante as accións programadas é o medio idóneo para corrixir erros e aventurar novos camiños para que o Reino vaia medrando. Nenos, mozos e adultos exercemos así a nosa corresponsabilidade tomando conciencia de que a misión da Parroquia implica a colaboración de todos. Deus e a súa axuda non fallan, nós moitas veces deixámonos levar pola neglixencia, a apatía e a desgana. Pero Deus bríndanos cada ano unha nova oportunidade de volver a emprender o camiño.

Agradecemos a labor calada de tódolos que como Catequistas, Visitadoras, no Roupeiriño confeccionando e coidando as vestiduras litúrxicas, no Roupeiro clasificando e distribuíndo a roupa usada que chega, nos grupos de Caritas e as Conferencias, no Equipo de Liturxia, a Lexión de María, Vida Ascendente, preparación ó Bautismo e ó Matrimonio, Grupos Bíblicos, o Apostolado da Oración, a Vela no Templo, os Coros, grupos de mozos e tódolos grupos parroquiais fan posible que a Parroquia poida cumprir dignamente a súa misión. Oxalá que o seu exemplo de xenerosidade sea estímulo para que outros moitos atopen un pouco do seu tempo para cultivar a súa fe e axudar a outros a vivila. O tempo existe, o problema son as prioridades que nos propomos na nosa vida.

A SANTIAGO VOU

O Sábado, 22 de Maio, 55 persoas da nosa Parroquia e Vilar de Astrés emprenderán a viaxe a Santiago para unirse a toda a Diocese e gañar o xubileu. Neste Ano Santo Compostelán, peregrinar é unha oportunidade para renovar a nosa fe desde os seus raíces ó lado do Apóstolo de Xesús, Santiago o Maior.

Para gañar o xubileu é necesario ter fe, visitar o Templo Xubilar (a catedral de Compostela), rezar o Credo e polas intencións do Romano Pontífice e confesar e comungar (isto pode facerse nos quince días anteriores ou posteriores). O ano xubilar nun ano de perdón e reconciliación, tan necesarias para o noso mundo.

Santiago Apóstolo, roga por nós, en especial polos que sofren a causa da enfermidade ou a carencia do necesario para vivir dignamente.

NOVENA Ó SAGRADO CORAZÓN

Do 3 ó 11 de Xuño ás 20 h celebrarase na nosa Parroquia a Novena ó Sagrado Corazón de Xesús. Unha oportunidade para afondar no máis distintivo da nosa fe: "que vos amedes como eu vos amei". Se o Apóstolo Santiago di que "unha fe sen obras é unha fe morta", o amor é o modo de facer presente a Deus amor en medio do mundo. Non é unha "apoucamento", o corazón na mentalidade hebrea, onde beben as raíces da nosa fe, representa os sentimentos máis fondos da persoa. Sen dúbida que o amor é o que dinamiza a nosa vida. Vexamos, pois, o que somos capaces de facer por amor.

A Asociación do Apostolado da Oración na nosa Parroquia conta con máis de 200 asociados. Persoas que se comprometen a orar tódolos días polas intencións da Igrexa seguindo as indicacións da folla de intencións que, ó final de cada ano, fáiselles chegar. Promoven a devoción dos nove primeiros Venres de mes e a adoración a Xesuscristo os Xoves pola tarde. Un medio para alimentar a nosa fe xunto coa oración nocturna no fogar. Persoas que dedican unha hora ó mes, preferentemente pola noite, a orar e suplicar a misericordia de Deus sobre o noso mundo. Agardamos que, ó igual que tódolos anos, tódolos asociados e os que o desexen participen nesta novena que predicará Dn. Luis Pérez González, Copárroco da nosa parroquia.

 

10/05/2010

DÍA DO ENFERMO 2010

Trinta persoas da nosa comunidade parroquial recibiron o Sacramento da Unción na Misa de 11 do sexto domingo de Pascua. Enfermos e persoas maiores que queren pedir a Deus forzas para vivir a súa ancianidade e enfermidade ó lado do Señor.

Unha boa oportunidade para toda a comunidade para tomar conciencia do sentido deste sacramento que nos deixou o Resucitado para sentir a súa presenza e gracia salvadora no momento da enfermidade.

A nosa noraboa a todas e que o seu exemplo nos anime a aproveitar, cada día máis e mellor, este don de Deus por medio da súa Igrexa.

CON SANTIAGO PEREGRINOS XUNTO Á NAI DE FÁTIMA

O día 4 de Maio estaba convocada a nosa comunidade parroquial a peregrinar ó Santuario de Fátima no barrio de O Couto para celebrar a Eucaristía no inicio da novena.

Neste ano Santo Xacobeo quixemos que nos acompañase a imaxe, acabada de restaurar, do noso patrón Santiago peregrino.


Con fe e gran fervor un gran número de pontinos sentímonos, como sempre, moi ben acollidos pola irmá comunidade de Fátima e celebramos con gozo a nosa fe xunto á nosa nai.

Virxe de Fátima se alento no noso camiñar e non permitas que o desalentó medre na nosa misión apostólica.

CONVIVENCIA DE MOZOS

Os días 1 e 2 de Maio, dezanove membros dos grupos de mozos da Parroquia dirixímonos a Porto do Son a pasar un día de convivencia. A pesar do tempo, un pouco frío para a época, gozamos dunha experiencia de silencio no marco incomparable do Castro de Baroña e das ondas das praias próximas. Rematamos a xornada co rezo de Vésperas e compartindo as experiencias do momento de silencio. Trala cena, un momento de canto e convivencia con outro grupo que se atopaba na casa e logo os típicos xogos.

O domingo comezou con laudes e o almorzo. E, a pesar das caras de sono, un momento de catequese e preparación da Eucaristía. Trala celebración pausada da mesma, tempo para gozar da praia ou do paseo ó pobo. Trala deliciosa paella preparada polos nosos expertos cociñeiros, o fregoteo, recoller e limpar e con parada na Praia de Aguieira, voltamos a casa pensando xa na próxima.

 

14/04/2010

CAMPAÑA DO DOMINGO

A nosa comunidade, por terceiro ano consecutivo, únese á invitación da Diocese para chamar á nosa conciencia e convidarnos a participar no Domingo.

¡Sen o Domingo non podemos vivir!, dicían os mártires de Abitinia e é a experiencia de todos nós. Hoxe, máis que nunca, precisamos tomar conciencia de que sen o domingo a nosa fe desfalece nos brazos dos nosos caprichos.


"¡E Domingo!. Xuntos na Misa, ledos na esperanza". O noso ánimo a todos para que recuperemos o domingo e o vivamos facendo que teña un oco nos nosos proxectos de fin de semana.

SEMANA SANTA

¡BENDITO O QUE VÉN!

Un ano máis, o Domingo de Ramos encheu de bulicio as rúas do barrio para acompañar, con ramos e palmas, ó Señor que sobe a Xerusalén. Con gran participación e devoción abríase así a Semana Santa na nosa comunidade parroquial.

¡Que ledicia ver a tantas persoas! ¡Que festiva, participada e gozosa a celebración! E, para todos, a invitación do Mestre: "Quero celebrar a Pascua na túa casa".

 

XOVES SANTO. UN AMOR SACERDOTAL

A invitación de Xesús facíase realidade: "Quero celebrar a Pascua na túa casa". E reunímonos en torno ó Mestre para lembrar, un ano máis, "aquela memorable cea".

Unha celebración preparada polo Equipo de Caritas cuxos membros, doce, a imaxe dos apóstolos, rodeaban o altar. Neste ano sacerdotal lembramos xunto ó mandato do amor e a Eucaristía, de xeito especial, o gran don do sacerdocio.

 

VELANDO XUNTO AO MESTRE

Trala celebración do Xoves Santo, acompañamos ininterrumpidamente ó Señor na noite da súa Paixón. Quendas de vela, durante toda a tarde, noite e mañá, de persoas que acompañaban o Señor, adorando e lembrando: "Fágase a túa vontade". Pero non só momentos persoais, senón comunitarios: A Hora Santa da noite, Laudes na mañá do Venres e a Hora Santa na metade da mañá.

E durante toda a noite, os mozos oraron a quendas e permitiron, un ano máis, que o templo parroquial permanecese aberto. Moitas foron as persoas que se achegaron a orar un momento no silencio e a contemplación.

 

ATA O EXTREMO

Cun profundo silencio, prostrados en sinal de abraio e adoración, sen instrumentos musicais, pero cun canto ben afinado, como sempre por parte do Coro parroquial, celebramos o amor máis grande, o que se dá ata o extremo, ata o final, para dar Vida, unha vida que non ten fin.

E ó final, despois de adorar o madeiro da Cruz, en silencio agardamos con María o gran momento.

 

EN SILENCIO CON MARÍA

No gran silencio da mañá do Sábado Santo, con toda a Igrexa, acompañamos a María. Cos Laudes iniciamos a xornada e, a continuación, celebramos a acollida dos Óleos e o Santo Crisma. Os Óleos Santos expresan a unidade da Igrexa, garantida polo Episcopado, e remiten a Cristo, o verdadeiro pastor e gardián das nosas almas. Alí, nunha urna no altar do Sagrado Corazón, quedan expostos á veneración dos fieis xunto cunha pregaria dando gracias a Deus pola súa salvación que nos chega a través destes símbolos.

E chegada a metade da mañá, a comunidade convocounos a celebrar o Viacrucis de María. Cheo de contido, simboloxía e pregaria silenciosa, axudounos a vivir, xunto á Nai, o Calvario de quen dixo "fágase" en todo momento.

 

ALELUIA, CRISTO VIVE. PASADE A NOTICIA

A noite do Sábado, chuviosa e fría, non detivo á comunidade que, a pesar de todo, abarrotou o templo para celebrar a gran noite. No medio da escuridade, o Cirio Pascual iluminaba o noso templo e, pouco a pouco, as nosas velas acendidas da súa luz, encheron de luz o templo. Soou o Pregón, "esta é a noite" e a Palabra de Deus ía debullando as marabillas do amor salvador de Deus a favor do seu pobo. E por fin, o gozo rebordou co Gloria e as campás encheron da Boa Nova o aire da noite, e as flores e os cantos acompañados da música facíannos berrar: Cristo vive, pasade a noticia.

Foi unha Semana Santa chea de fervor e participación. Gracias á labor inestimable do Equipo de Liturxia que traballou durante moitos días para telo todo preparado, a colaboración do coro parroquial e dos diferentes ministerios que fixeron posible unha liturxia viva e vivencial. O noso agradecemento a todos e agardámosvos na Pascua semanal.

 

24/02/2010

A COOPERACIÓN PARROQUIAL: Ó COBRO O ANO 2010

A cooperación parroquial é un modo de colaborar ó sostemento da parroquia cunha cota anual mínima de 18 € por familia. A forma de facer efectivo o pago da mesma ofrece, de momento, dúas modalidades: Unha no domicilio e outra nas dependencias da Parroquia. No ano 2000, cando se actualizou a mesma, cada familia das que cooperan manifestou o seu desexo de facer o pago na súa casa ou na Parroquia. Ás que realizan o pago no seu domicilio comezará a pasar o cobrador a partir do vindeiro día un de Marzo. Se despois de pasar non se atopa ninguén no domicilio deixa unha tarxeta para que os interesados, se desexan facer efectivo o pago, o fagan na Parroquia.

Dado que das familias que fan efectivo o pago no seu domicilio, moitas seguen sen actualizar a cota fixada no ano 2000 en 12 €, sería desexable visen (segundo as súas posibilidades) a oportunidade de elevala a 15 € ou ao que se recomenda por familia: 18 €. Agradecemos a tódos a súa xenerosidade pois a parroquia somos todos, non só para esixir senón para contribuír a darlle vida colaborando co noso tempo e calidades e permitindo, coa nosa colaboración económica a que dispoña dos medios necesarios para unha acción pastoral digna. O noso agradecemento a cantos, con esforzo e xenerosidade cooperan e a nosa invitación a que os que usan os servizos da Parroquia e non cooperan, se animen a facelo.

Os que decidiron efectuar o seu abono na Parroquia teñen todo o ano para facelo en horario de atención ó público (12 a 14 de Luns a Sábado agás Mércores e de 16,30 a 21,30 de Luns a Venres; en tempo de vacacións escolares de 17 a 20,30 h).

CHARLAS CORESMAIS

Os días 8, 9, 10 e 11 de marzo celebraranse as Charlas Coresmais na Parroquia. Un medio para reflexionar e orar e nos preparar á Pascua deixando que Deus habite no noso corazón. Dúas oportunidades ofrecensenos para que, organizando o noso tempo, poidamos participar. Ás 16,30 no templo dirixidas por Dn Luis, Copárroco da nosa parroquia, e as 20 h no salón parroquial dirixidas por Dn. César Fernández, Copárroco da nosa Señora de Fátima e compañeiro de curso de Dn. Luis.

Oxalá fagamos un esforzo por nos organizar e participemos e nos axuden a vivir unha fe, menos de costumes e máis de opción persoal libre e responsable.

RESUMO DO CPP

Na reunión ordinaria do Consello de Pastoral parroquial celebrada o día 10 de Febreiro, trala revisión recollida nos diferentes grupos e a valoración dos representantes, constátase que:

1) A visión xeral do funcionamento da parroquia é positiva: Trabállase e faise con calidade. Fáisenos unha chamada a estar atentos e evitar o risco de nos pechar en cumprir o noso e esquecernos de que somos unha comunidade.

2) Percíbense algúns aspectos nos que se debe seguir insistindo e mellorando:

a. Cóstanos saír e participar na vida da Diocese e no común para tódolos grupos.
b. Valórase como boa a colaboración das persoas que participan nos grupos: Cada un aporta segundo as súas posibilidades e calidades.
c. Vese que a a parroque ofrece moitas posibilidades.

3) Demandas:

a. Por parte dos nenos mellores materiais e máis dinámicas á hora de realizar a catequese e que a Eucaristía se dinamice máis mediante preguntas.
b. Insístese en dar coñecer a labor duns grupos a outros, pois séguese descoñecendo.
c. En economía pidesenos a todos "preme-lo cinto". As obras (drenaxe exterior, portas e presbiterio) seguen en agarda de buscar financiamento.

Os diferentes grupos deben agora retomar as propostas e lagoas en orde a seguir mellorando de modo que, cada día, vivamos con maior fidelidade a misión confiada.

PETICIÓN DE PRIMEIRA COMUÑÓN

O día 31 de Xaneiro, os nenos de terceiro ano de preparación á Primeira Comuñón, pediron publicamente ante a comunidade parroquial ser admitidos á participación plena neste Sacramento. Agora está aberto o proceso no que os pais inscribirán aos seus fillos na data que consideren máis idónea para celebrar con solemnidade este Sacramento.

A Primeira Comuñón non debería cuestionarse como un puro acto social no que o que menos importa é a celebración do Sacramento senón as fotos, regalos, banquete, vestidos… Todo iso ten cabida e axuda a crear un clima de festa que ten a súa única razón na participación plena na Eucaristía.

A Parroquia, na celebración, aplica as normas que son oficiais na Diocese e están aparecendo, ano tras ano, na revista Comunidade: A celebración na Misa da parroquia, un só fotógrafo, celebración preparada con participación de pais e nenos, clima de silencio… Sería moi desexable que pais e convidados tivesen presentes as normas sobre o silencio, respecto e comportamento que se debe ter nos templos, de modo que, aquel que non estea disposto a respectalo, evite molestar aos demais e se absteña de asistir. O esixir respecto e honradez implica ser honrados e respectuosos cos demais. Queira Deus que non sexa, para ningún neno, a primeira e última comuñón. E iso vai depender de se os pais os acompañan, cada domingo, xa agora á Eucaristía dominical. ¿De que serve ir aquel día e non volver?

Pensemos todos con seriedade, a ninguén se obriga a ir, pero se imos asumamos todos as esixencias, que a culpa non é dos outros senón de cada un.

VIACRUCIS 1º CONFIRMACIÓN

Comezou a Coresma e a Parroquia convídanos cada Venres, despois da Misa da tarde, a acompañar ó Señor no camiño da Cruz. A devoción do Víacrucis é unha oportunidade para meditar no misterio pascual de Xesuscristo que actualizamos na celebración da Eucaristía e acompañar, xunto a Xesús, a tantos crucificados desta historia que nos toca vivir.

Este ano inauguraron a celebración do Viacrucis os rapaces do primeiro ano de preparación á Confirmación. Venres a Venres, axudarannos a vivilo outros grupos.

Que nos sintamos convidados a participar, meditando no seguimento de Xesús e, á vez, valorando o traballo dos outros. E, queira Deus, que ningún grupo parroquial se contente con participar no que lles toca preparar e animar. Un modo de valorar a outros e abrirse a eles é participar nos Viacrucis que, con tanto esforzo e cariño, preparan outros para axudarnos a camiñar cara a Pascua.

SOLIDARIEDADE COS POBRES. MANOS UNIDAS

O segundo domingo de Febreiro resoa sempre no noso corazón a chamada de Manos Unidas que nos lembra que o 85% da humanidade pasa fame. E este ano facíao cunha forza especial, polos problemas que se viven en Haití, e entre nós como froito da crise.

Un ano máis, a resposta da nosa comunidade foi xenerosa. Na colecta dese día reuníronse 2.574,58 € e durante a semana chegaron algúns donativos máis. Todo un exemplo para a nosa clase política que, lonxe de afrontar osproblemas, dedícase á retórica e ó malgasto.

Oxalá a sociedade civil sexamos conscientes de que é hora de esixir a tódolos nosos dirixentes un compromiso serio e coherente: Menos discursos e descualificacións, menos intereses electoralistas e insultos e máis compromiso polo ben común de toda a humanidade. O Papa dinolo a todos claramente en Caritas in Veritate.

EXERCICIOS PARA MATRIMONIOS

Os Equipos de Nuestra Señora, (ENS), Movemento de matrimonios, celebrarán como tódolos anos diversas tandas de exercicios para matrimonios. Un fin de semana, con diversas modalidades para facilitar unha experiencia de parella que lles permita afondar na espiritualidade conxugal. Sería moi desexable que matrimonios, aínda que non sexan de ENS, realizasen esta experiencia de dedicar un tempo a orar e reflexionar sobre as esixencias do sacramento do matrimonio.

As datas son: 6 e 7 de marzo na Casa Diocesana de Exercicios; 13 e 14 de Marzo no Seminario Maior e 9 e 10 de Abril nos Milagres. Se algún matrimonio desexase participar poñerse en contacto coa Parroquia.

CURSO DIOCESANO SOBRE A ADORACIÓN

O Sábado día 20 de febreiro, ás 10 da mañá, dez membros da comunidade parroquial participamos no Curso diocesano sobre a Adoración ó Señor que, a Vigairía de Pastoral organizaba no Seminario Maior. Dirixiu o encontro a Irmá Concepción González, relixiosa ourensana, especialista en Liturxia coa colaboración da Delegación Diocesana de Liturxia.

O encontro foi unha fermosa oportunidade para coñecer a cristiáns doutras comunidades e afondar no coñecemento da Adoración e as súas esixencias para a nosa vida e a das nosas comunidades en sintonía co obxectivo da programación pastoral.

ENCONTRO DE NOIVOS

O Sábado 20 de febreiro, de 16 a 20 h e o Domingo, 21 de 10 a 13 e de 16 a 20 h, dezaoito parellas de noivos realizaron o encontro de preparación prematrimonial no centro de pastoral que ten a súa sé na nosa comunidade parroquial. Acompañados por José Manuel e Valery e Paco e Cristina reflexionaron sobre as esixencias do matrimonio cristián.

Dn. Manuel Emilio, Vicechanceler do Bispado e párroco de Vilar de Astrés axudoulles a coñecer a liturxia e ofertou pistas para preparar a celebración de modo que non sexa un puro acto social, senón unha verdadeira celebración eclesial de fe.

 

20/02/2010

ADORACIÓN ARCIPRESTAL

O Xoves día 18 un moi nutrido grupo de fieis das Parroquias do Arciprestado Ourense-Norte reunímonos no Templo Parroquial de Santiago das Caldas para adorar ao Señor. Así preténdese impulsar e poñer en marcha o obxectivo da nosa programación pastoral cunha dimensión de comuñón. A Eucaristía debe levarnos a vivir eucarísticamente e medrar en capacidade de traballo conxunto entre tódalas parroquias do Arciprestado e coa Igrexa Diocesana.

Agradecemos a colaboración do Coro Parroquial que, facendo un alto nas múltiples ocupacións dos seus membros, axudáronnos cos seus cantos a crear un clima de oración. Así mesmo agradecémos o esforzo de cantos desde outras parroquias desprazáronse para orar xuntos. Que o Señor aumente os desexos de comuñón e as ganas de facer algo xuntos.

MÉRCORES DE CINZA

Inaugurámos a Coresma 2010 co rito da imposición da cinza. Moitos fieis achegáronse á Parroquia para iniciar este camiño interior de preparación para a Pascua.

A celebración máis festiva foi a Celebración da Palabra das seis da tarde onde os nenos de catequese e os seus pais abarrotaron a nave central do templo e Dn. Nestor alentounos e animounos a vivir este tempo con ilusión e gozo.

"Hoxe quero hospedarme na túa casa" é o lema que nos guiará durante este tempo cara a Pascua.

 

15/02/2010

"HOXE QUERO HOSPEDARME NA TÚA CASA". CORESMA 2010

Iniciamos un ano máis o tempo de Coresma. Un camiño interior de 40 etapas cara a Pascua. A Coresma convídanos a reavivar o noso Bautismo facendo un proceso de conversión en orde a vivir con maior fidelidade a nosa fe. Volver ao camiño do Evanxeo. Un proceso que non é froito dunha actitude voluntarista, senón de abrirnos á acción da graza, deixar que Deus faga en nós. Pero para iso debemos de acollelo, deixar que habite no noso corazón. A Parroquia ofreceranos medios para iso:

-Martes e Xoves: Laudes e exposición do Santísimo.
- Mércores: Vésperas, despois da Misa da tarde.
- Xoves ás 19,25: Exposición solemne do Santísimo.
- Venres ás 19,25: Viacrucis.
- Domingos: Despois da Misa de 9,30, Laudes e despois da Misa da tarde, momento de adoración do Santísimo.

E as Charlas Coresmais como oportunidade para confrontar a miña vida co Evanxeo axudado polo director que me convida a saír do meu individualismo e perigo do mero gusto persoal para abrirme a outras opcións que me abran camiños para mellorar. E non podemos esquecer as prácticas tradicionais:

- Xaxún: ¿De que debo xaxuar? De comida dous días (Mércores de Cinza e Venres Santo) pero hai moitas cousas das que deberiamos xaxuar (uso do móbil, a tele, ordenador, MP3 ou similares, individualismo, falta de tempo para Deus…). Cada un tería que concretar a súa para unha hixiene interior do espírito.

- Abstinencia: De carne os Venres (agás a Solemnidade de San Xosé), pero tamén de palabrotas, de insultos, de críticas e cotilleos… ¿Quen non temos cousas das que sería necesario absternos?

- Oración: Dedicar un tempo a Deus cada día, ademais da Eucaristía de cada domingo, e aos demais. ¿Como dicir que non teño tempo cando outras persoas, nas mesmas circunstancias cas miñas, sí o teñen? Ao final é cuestión de querer ou non querer. Quen quere prioriza e con esas prioridades mostra o que para el merece a pena. Quen non ten tempo para Deus e a súa fe, que non diga que é importante para el, porque se o fóra sabería atopar tempo para alimentala e vivila.

E sempre queda o ler algún libro, a Palabra de Deus, a visita ao Santísimo… Non o esquezas: Deus quere hospedarse na casa do teu corazón. Non lle peches a porta, que é o teu amigo e ámate. Déixate querer.

A TERRA É DE DEUS

José Antonio González, profesor de Sagrada Escritura do ITC e promotor dos grupos de estudios bíblicos na Diocese de Lugo, acompañounos na tarde do 13 de Febreiro aos membros dos grupos de Caritas da cidade. A pesar de ser carnavais, 59 persoas reunímonos para reflexionar sobre o Ano Xubilar na Biblia. O motivo deste encontro era contribuír á posta en marcha da Programación Pastoral da nosa Diocese e promover a formación dos membros dos diferentes grupos de Caritas da nosa cidade.

Nun clima de festa polo encontro e a oportunidade de cambiar experiencias, José Antonio guiounos na reflexión coa súa maestría habitual e a oración axudounos a interiorizar o escoitado.

Agradecémos a súa xenerosidade ao se desprazar para nos acompañar un ano máis, e a súa sabedoría e facilidade de comunicación que sempre nos alenta e axuda a centrar a nosa misión de facer, humildemente, que "hoxe se cumpra esta Escritura que acabades de oír".

 

11/02/2010

REUNIÓN DO CONSELLO DE PASTORAL

O día 10 de Febreiro ás 20 h, reuníronse os membros do Consello de Pastoral Parroquial coa finalidade de analizar a revisión da marcha deste curso pastoral 2009-2010, no seu primeiro cuadrimestre e facer os axustes necesarios.

Do resultado da reunión conclúese que a parroquia funciona moi ben e realiza unha labor de gran calidade nos seus servizos. Hai ofertas plurais, de modo que todos poden atopar un espazo para afondar e vivir a súa fe. Das contribucións dos nenos se percibe a urxencia de dinamizar a catequese e celebracións propias deles e no campo da economía a urxencia de premer o cinto reducindo tódolos gastos posibles.

Tras lembrar os eventos máis significativos do próximo trimestre entre os que destacan a despedida do que foi o noso pastor Dn. Luis Quinteiro, concluíuse a sesión pasadas as 21,30 h.

SEMANA DA FAMILIA

Os días 8 e 9 de Febreiro de 20,30 a 21,15 h desenroláronse as charlas da VII Semana da Familia no Salón Parroquial. A Semana da Familia é un servizo da Delegación Diocesana de Pastoral Familiar en orde a dinamizar a vida das nosas familias.

O tema desenrolado este ano, "A familia, espello da parella", convidou a todos a reflexionar nas claves para a educación en familia e o amor en parella, o primeiro día e, o segundo, sobre o diálogo, a fe e o proxecto de parella. As charlas foron impartidas por Paco e María Xesús, da Parroquia de Nª Sª de Fátima e Manolo e María de Santa Eufemia.Acudiron unhas cincuenta persoas cada día. Ao rematar estas xornadas quédanos unha pregunta: ¿por que os pais e parellas senten tan pouco interese por estas cousas? Indubidablemente o testemuño é a mellor educación e cando as cousas da fe non ocupan un lugar importante na vida da parella dificilmente o terá na vida dos fillos por máis que celebremos ritos relixiosos.

O noso agradecemento a cantos prepararon estas xornadas e colaboraron no seu desenvolvemento así como aos que, con esforzo e xenerosidade, participastes. Oxalá que a VIII Semana conte con mellor acollida por parte de pais, avós e educadores.

 

08/02/2010

SEMANA DA FAMILIA

Os días 8 e 9 de febreiro ás 20,30h, no Salón Parroquial, celébrase a VII Semana da Familia na nosa comunidade. A semana da familia organízaa a Delegación de Familia e celébrase en diferentes parroquias. O tema deste ano é: A parella espello da familia. Grazas á colaboración de diferentes matrimonios impártense estas xornadas en diferentes parroquias da Diocese en orde a revitalizar esta célula básica da Igrexa e a sociedade que é a familia.
Pais e educadores están convidados a estas xornadas.

A PRESENTACIÓN DOS BAUTIZADOS

O domingo día 7 de febreiro os pais que celebraron o Bautismo dos seus fillos no ano 2009, celebraron a presentación dos seus fillos ao Señor na Misa de 12. Vinte e catro parellas cos seus fillos encheron de ledicia e bulicio o Templo. É unha oportunidade para lembrar o seu compromiso de educar na fe aos seus fillos e renovar os compromisos adquiridos no Bautismo.

Agradecemos aos pais o esforzo realizado e a súa participación e convidámolos a camiñar na súa fe para ser cada día testemuñas máis coherentes ante os seus fillos e fillas do que cren e celebran na comunidade cristiá.

¿OS SACRAMENTOS SON FESTAS CIVÍS OU CELEBRACIÓNS DE FE?

Dáme pé a esta pregunta unha noticia aparecida nun programa de televisión sobre un párroco que non bautizou a un neno. Descoñezo a realidade a fondo pero simplemente lembrar cousas necesarias. O bautismo non se pode negar cando se pide razoablemente. Pero require condicións e unhas garantías mínimas. Sí produce a graza e perdoa o pecado por sí mesmo, por puro amor e don de Deus; pero require a colaboración do home. Os nenos bautízanse na fe da Igrexa representada polos seus pais e padriños. Iso require unhas condicións de vida minimamente coherente coa fe e estas as marca a Igrexa, non cada un. A fe non é algo á carta: Tomo o que me apetece e deixo o que non me vai. E isto non exclúe o necesario proceso que me axuda a camiñar, axudado pola graza e o testemuño da comunidade, descubrindo cada día máis as súas implicacións. Pero, ¿se non hai testemuño de fe e vida cristiá dos pais pódese bautizar só por facer unha festa? Evidentemente non.

E os padriños son garantes da fe, testemuñas e corresponsables cos pais da súa educación cristiá e deben cumprir unhas determinadas condicións que marca a Igrexa, non os pais nin eles. Estas esixencias son: Ter máis de 16 anos, estar bautizado, confirmado e levar unha vida coherente coa fe (Eucaristía habitual e de estar casado, que sexa pola Igrexa). Quen non as cumpre, por máis que queira, lle guste ou apeteza, non pode ser padriño. No fondo todo é cuestión de ter fe e vivila.

FÓMONOS A MANZANEDA

O sábado día 6 de febreiro, a mañá presentouse gris e ameazando chuvia, pero iso non foi obstáculo para que 54 rapaces de Catequese, Junior e Mozos e 10 adultos que os acompañabamos, dirixímonos cara a Estación de Montaña de Manzaneda para pasar un día na neve.

Un pouco despois das nove e media saímos en dous autobuses e en Castro Caldelas fixemos unha primeira parada para estirar un pouco as pernas e solucionar algunha que outra "necesidade". A medida que nos achegabamos ao noso destino íanse vendo os primeiros signos de neve que se confirmaron cando chegamos. Ao baixar do autobús o primeiro que fixemos foi unha "batalla" de bolas de neve e a continuación, despois de nos abrigar ben pois facía moito frío, nos diriximos ao lugar desde nos esvaramos unha e outra vez entre risas e algún que outro resbalón.
Despois de nos poñer roupa e calzado secos fómonos a comer e a dar unha volta pola zona e acto seguido emprendémos o regreso non sen antes facer outra parada en Castro Caldelas para visitar o seu castelo.
Á hora prevista chegamos ao noso destino, cansados pero con gañas de repetir a experiencia.

DE FESTA NO TAMEIRÓN

O pasado sábado 5 de febreiro, un grupo de persoas da nosa Parroquia foron ata o pobo do Tameirón, cerda da Gudiña para celebrar a festa de San Francisco Blanco, que naceu nesa localidade no ano 1567 e foi crucificado en Nagasaki (Xapón) o 5 de febreiro de 1597 xunto con outros 25 mátires cristiáns.
Representantes do coro parroquial colaboraron na celebración de Eucaristía, presidida polo Señor Bispo e o rematar desexóuselle o mellor no seu próximo destino ao frente da Diocese de Tui-Vigo.
Non podía faltar a representación do Equipo de Animación Misioneira, xa que San Francisco Blanco é o patrón dos misioneiros ourensáns e a cita é, ano tras ano, desde 1981, una das manifestacións do espírito misioneiro na Diocese.

Agradecer como sempre, a garimosa acollida das xentes do Tameirón e vémonos o vindeiro ano.

MISA DE PETICIÓN DA PRIMEIRA COMUÑÓN

O día 31 de xaneiro na Misa de doce, os nenos e nenas que participan na Catequese de terceiro ano de preparación á Primeira Comuñón e que celebrarán a finais deste curso a súa Primeira Confesión e Comuñón, presentáronse ante toda a comunidade parroquial solicitando ser admitidos ao banquete da Eucaristía.
A Primeira Comuñón forma parte dos Sacramentos da Iniciación Cristiá. Nos primeiros tempos da Igrexa, cando os bautizados eran adultos convertidos ou fillos de familias convertidas, os Sacramentos da Iniciación Cristiá (Bautismo, Confirmación e Eucaristía) recibíanse xuntos e por este orde. Certamente é o máis lóxico pois a meta da Iniciación Cristiá é a inserción plena na comunidade cristiá e por iso a participación plena na Eucaristía. Hoxe, cando moitos cristiáns viven como se non o fosen, incluso recibindo a Iniciación Cristiá, a Igrexa os espaza no tempo convidando á responsabilidade persoal do iniciando e ao testemuño da súa familia.

A Parroquia, con esta celebración, quere lembrar aos pais e a toda a comunidade a responsabilidade que temos en vivir e celebrar a fe e en descubrir a súa dimensión comunitaria. Agardamos que, día a día, asumámos a responsabilidade de ser coherentes co que cremos e non usar os Sacramentos soamente para solemnizar festas civís. Unha Primeira Comuñón é unha festa pero o seu centro non son os regalos e moito menos acudir ese día e non volver.

25/01/2010

COS NENOS DE PRIMEIRO NA CASA

O segundo domingo do Tempo Ordinario (17 de Xaneiro), iniciábase na nosa Diocese a Campaña para "reavivar e promover a adoración". A adoración é o culto que os católicos tributamos só a Deus. Tamén se chama "culto de latría". Adorar é recoñecer que Deus é o só santo e o único Señor ante o que nos sentimos dependentes como criaturas súas que somos. Esa actitude interior expresámola con signos externos: Axeonllarse, prostrarse, inclinarse… Este ano lémbrasenos que temos que cultivar esta actitude de adoración na celebración da Eucaristía e fóra dela: Coidar o momento de acción de grazas despois da comuñón, visita ó Santísimo, participar na Exposición… E todo iso para adquirir esa sensibilidade que nos permita darnos conta dos problemas que nos rodean e comprometernos para cambialos.

Ese día atopámonos na celebración da Eucaristía cos máis pequenos da Catequese: Os nenos e nenas e os seus pais que están iniciando o seu proceso de preparación á Primeira Comuñón. Encheron o templo coa súa ledicia e guiados por unha familia que ía narrando a súa experiencia de participación nunha voda, foron seguindo a Eucaristía con gran ledicia. Foi un domingo de festa. Agardemos que os seus pais os acompañens cada domingo ao encontro coa comunidade cristiá.

COS NENOS DE SEGUNDO NA CASA

Estamos celebrando o segundo Ano Santo Xubilar compostelán do milenio. A nosa comunidade séntese de modo especial convocada a vivir este ano seguindo as pegadas de Santiago. Con ese motivo o terceiro domingo do tempo ordinario, un peregrino, narrando as súas vivencias do camiño, serviu de guia na celebración da Eucaristía cos nenos de segundo de Catequese na Casa. Cheos de gozo e acompañados dos seus pais encheron o templo e viviron con gran gozo esta experiencia que nos vai preparando para celebrar consciente e responsablemente, segundo a súa idade, a súa primeira confesión e comuñón.

Agradecemos a César a súa colaboración e aos pais dos nenos a súa dispoñibilidade. Que non sexa só un domingo senón domingo a domingo, para que todos vivamos e valorémos a Eucaristía como a fonte e cumio da nosa vida cristiá.

PARTICIPANDO NA II SEMANA DE TEOLOXÍA

Un grupo de persoas da comunidade parroquial seguiu con fidelidade as conferencias da II Semana de Teoloxía celebradas no Liceo do 19 ao 22 de Xaneiro. Unha experiencia de eclesialidade acompañados do noso Bispo e outros Bispos das dioceses galegas que nos axudou a afondar nos contidos que nos axudan a poñer en marcha a Programación pastoral deste curso Pastoral 2009-2010. O camiño de Santiago ao seu paso por Ourense e as súas pegadas no arte e a cultura, o sentido da peregrinación a Compostela, a busca da identidade do sacerdote do século XXI e a adoración a Xesuscristo realmente presente na Eucaristía, foron os temas debullados, por Dn. Miguel Angel, e os Sres. Bispos Dn. Julián Barrio, Dn. Manuel Sánchez Monje e Dn. Alfonso Carrasco.
Agora quédanos saber compartir cos demais membros da comunidade todo o que nos aportaron.

A Semana concluíu coa celebración da Vixilia do Octavario de oración pola Unidade dos cristiáns na Santa Igrexa Catedral, onde tivémos a oportunidade de colaborar economicamente cos damnificados de Haití.

BOTAR A REDE NA REDE

Benedicto XVI, na súa mensaxe con motivo da Xornada das comunicacións sociais, convida a tódolos sacerdotes a utilizar as novas tecnoloxías e as súas oportunidades para anunciar o Evanxeo a todos. A Igrexa, que sempre utilizou as novas tecnoloxías ao servizo do Evanxeo, ten un reto hoxe co novo púlpito que ofrece internet. Unha tarefa na que a nosa parroquia leva anos empeñada como mostra esta mesma páxina web e o empeño e colaboración na posta en funcionamento do programa de xestión integral da Diocese de Ourense OMNES. Un campo onde todos, sobre todo mozos, poden atopar un modo de colaborar ao servizo da Igrexa.

Por medio dos mil correos que se envían, blogs, redes sociais… etc… un pode dar testemuño da súa fe e amosar a súa coherencia coa mesma en lugar de deixarse levar por correntes, invitacións ou manifestacións contrarias á Igrexa e, moitas veces, sen fundamento real algún máis que a sensibilidade ou ideoloxía, sempre respectable se é fundada, do que a propón. Oxalá saibamos botar a rede na rede para que moitos descubran o que o Evanxeo pode aportar á súa busca da felicidade e a convivencia e rexeneración social.

 

17/01/2010

OPORTUNIDADES PARA FORMARNOS NA FE

Cada día a formación na fe para dar razón do que cremos aparece como máis urxente. Desde a comunidade parroquial convídase a todos a facer un esforzo e aproveitar a oportunidade que a nosa Diocese bríndanos coa II Semana de Pastoral que se celebrará no Liceo ás 20,10 h do 19 ó 22 de Xaneiro, así como á Vixilia de Oración pola Unidade dos Cristiáns que terá lugar na S.I.Catedral do Sábado 23 ás 20 h. Unha oportunidade singular para escoitar a catro Bispo da nosa Arquidiocese e ó Delegado Episcopal do Ano Santo sobre aspectos concernentes ó Camiño de Santiago, ó Ano Santo, o Ano Sacerdotal e a Adoración Eucarística.

Así mesmo o día 30 de xaneiro, de 17 a 20 h no Salón Parroquial ofrécese unha xornada de reflexión parroquial sobre a Iniciación Cristiá e a súa situación na Parroquia, así como a súa urxencia neste tempo de laicismo. Unha xornada de convivencia, reflexión e oración para todo o que a queira aproveitar.

REUNIÓN DA COMISIÓN PERMANENTE DO CONSELLO DE PASTORAL

O día 12 de Xaneiro ás 5 da tarde os membros da Comisión Permanente do Consello de Pastoral reuníronse para preparar a reunión ordinaria do Consello de Pastoral do vindeiro día 10 de Febreiro. Nela deseñouse o proceso a seguir polos grupos para revisar a marcha da Programación Pastoral e a orde do día onde o Consello Parroquial de Asuntos Económicos informaranos da marcha da economía parroquial e os orzamentos do novo ano.

Está a disposición de tódolos responsables de grupo o material para ir preparando a súa contribución ó Consello que deben entregar antes do 2 de febreiro de modo que se poida enviar o material definitivo aos membros do Consello.

DE VOLTA AO TRABALLO

As vacacións do Nadal supoñen un minorar o ritmo de traballo parroquial. Os nenos fan un parón na catequese, os grupos tómanse uns días de descanso e iso fai que o traballo descenda un pouco. Sí aumenta o ritmo para o Equipo de Caritas cuxos voluntarios multiplícanse para procurar que a ninguén falte o mínimo para celebrar o Nadal dignamente. Tamén os membros do Equipo de Liturxia ven que o seu traballo medra para preparar con solemnidade as celebracións de Nadal, Sagrada Familia, Ano Novo e Reis.

E agora, trala celebración do Bautismo do Señor, de novo retómanse as actividades coa mirada posta xa no proxecto coresmal para nos preparar á celebración da Pascua. De novo os grupos comezan a súa andadura preparando a reunión do Consello de Pastoral e a nova revista comeza o seu proceso de elaboración. Neste Ano Santo Compostelán, pedimos a Deus que nos guie no peregrinar da nosa fe.

XA VEÑEN OS REIS…

O día 6 de xaneiro, os grupos de mozos colaboraron na celebración solemne da Epifanía representando escenas diversas do Evanxeo referidas a visita dos Magos ó acabado de nacer. Un ano máis co templo cheo de fieis vivimos unha celebración gozosa da manifestación da salvación de Deus a tódolos pobos.

 

A nosa máis cordial felicitación ó grupo de mozos pola súa colaboración.

CELEBRANDO QUE DEUS NACEU

Na tarde do 24 de Decembro coa participación do coro parroquial, inauguramos a celebración das festas do Nadal coa bendición do Belén preparado, un ano máis, polos grupos de mozos da Parroquia.
O día 25 de Decembro os nenos que se están preparando para a Primeira Comuñón axudáronnos a vivir e celebrar con gozo e solemnidade o Nacemento do Señor representando durante a celebración diversas escenas do nacemento.

Logo todos adoramos ao Neno acabado de nacer acompañados do Coro parroquial que con Panxoliñas axudounos á oración. Foi unha xornada gozosa na que nos acompañaron moitos familiares que acudiran a pasar a Noite Boa coas súas familias que viven no Parroquia. A todos, ¡Feliz Nadal!
Felicitamos aos nenos que participaron e aos seus pais pola colaboración ofrecida.

 

17/12/2009

O EQUIPO DE LITURXIA CELEBRA O FIN DUN TRIMESTRE

Os membros do Equipo de Liturxia parroquial reunímonos o Martes día 15 para dar gracias a Deus por iste primeiro trimestre do ano que vai tocando ó seu fin. Cun rato de oración ante o Santísimo exposto iniciamos o noso encontro para rematar cun sinxelo ágape fraternal.

 

Foi un momento de experiencia de adoración que nos axuda a poder alentar e animar a vivencia destes momentos na comunidade e preparalos con maior esmero. Agora queda o traballo de preparar o Nadal-Epifanía.

XUNTOS DANDO GRACIAS A DEUS

Nunha tarde fría un bo número de persoas dos grupos de Vida Ascendente, Visitadoras, Lexión de María, Vela no Templo e Roupeiriño reunímonos ante o Santísimo para dar gracias a Deus e preparar a súa vida no próximo Nadal.

Despois dun rato longo e pausado de oración, con momentos intensos de silencio e participación común, pasamos a compartir un café como final desta primeira etapa do curso pastoral. Agora quedan uns días para ultimar as tarefas pendentes antes do descanso do Nadal, para reemprender a tarefa con renovada ilusión.

 

11/12/2009

VIMOS AO SEÑOR

O día 9 de Decembro, setenta e tres membros da comunidade parroquial participaron nunha sesión de Lectura Orante da Palabra de Deus no templo parroquial. O texto elixido para esta ocasión era do capítulo 20 de San Xoán: A aparición ós discípulos e o episodio de Tomás. O canto a cargo do coro parroquial, os comentarios realizados polo equipo de lectores e as oracións a cargo do Diácono que presidía a celebración, crearon un clima de oración que nos permitiu afirmar co texto: ¡Vimos ó Señor!

Estas xornadas teñen como obxectivo achegar a Palabra de Deus a todo o pobo cristián e axudarnos a descubrir o gusto pola lectura e meditación da Palabra de Deus de xeito que poidamos vivir e celebrar con maior froito a Eucaristía.

 

09/12/2009

OS RAPACES DE SEGUNDO DE CONFIRMACIÓN…

Chega decembro. Mes frío de temperaturas, pero cálido en moitos corazóns, que agardan anhelantes a chegada do Neno que nos trae a Salvación. En moitos fogares fanse os preparativos, cómpranse comida e regalos, adórnase a casa, felicítase ós amigos e familiares. Todo isto axuda a crear un ambiente distinto, máis ledo, humano e solidario.

Os rapaces que recibirán o vindeiro mes de maio a súa Confirmación acoden á parroquia e tamén se preparan interiormente. Oran cada día nos grupos de catequese, len a Palabra de Deus e reflexionan sobre ela, afondan no coñecemento de Xesús e tratan de comprometerse con El… Achegáronse á figura de María vendo unha película sobre ela, fixeron unha Celebración de Advento, colaboran activamente na Operación Quilo parroquial…, felicitaron a misioneiros… Que a comunidade parroquial os teña presentes e oren por eles para que entre todos construamos unha Igrexa mellor.

 

01/12/2009

O TEU SALARIO É A MIÑA ESPERANZA

Cando chega o Nadal, Caritas chama á porta do noso corazón. Do ano 2008 ó 2009 aumentou nun 54,5% o número de usuarios dos servicios de Caritas Ourense. Hai quen di: "A crise non é tanto, os bares seguen cheos…". E pode ser verdade. Moitos dos nosos cidadáns son xubilados (o 30 % ou máis), hai un número importante de funcionarios e non todos perderon o traballo. Para cantos temos un soldo (sexa maior ou menor), a crise incluso pode ser positiva (algunhas cousas baixaron de prezo). Pero non é así para moitos parados, familias que traballaban e tiñan a súa hipoteca que podían ir pagando e agora no paro (aínda cobrándoo) non poden. E cando hai nenos polo medio, as cousas son máis duras aínda.

E fáisenos unha invitación: COMPARTIR UN DÍA DE SALARIO. O que gaño nun mes divídoo por 30 e o resultado sería o criterio orientativo para compartir. ¿É iso invariable? É orientativo e, loxicamente, voluntario. Cada un debe compartir desde unha análise da súa situación pero un debe dar "ata que lle doia". Ese será o mellor signo de que non deu do que lle sobra. E sobre todo desde un enfoque dunha vida austera. E ter coidado co perigo de autoxustificar o noso consumismo. Están moi ben as reunións de amigos, as cenas familiares, os regalos, o fin de ano… pero cando se xoga o imprescindible para vivir pensa: ¿E se eu estivese do outro lado, que me gustaría?. Feliz Nadal e procura que para os pobres sexa Nadal todo o ano.

ADVENTO 09

Un ano máis inaugurámos o Advento. O Equipo de Liturxia traballou duro para axudarnos a vivilo con profundidade. Toda unha serie de signos externos que pretenden axudarnos a "fortalecernos interiormente" para "preparar o camiño do Señor" e recuperar a esperanza porque "achégase a nosa liberación". Un lema: "Deus vén, pero moitos non o agardan… Ven e habita entre nós", que nos convida a discernir se de verdade agardamos ó Señor. E en iso inciden os carteis: Deus vén… acólleo compartindo.

Cantos, adoración, vésperas e laudes, celebracións da Palabra e a confesión xunto coa Eucaristía, son chamadas para sentir, desde dentro, a chamada a compartir un día de salario cos membros máis necesitados da comunidade. Oxalá este Advento sexa unha verdadeira renovación desde o máis profundo do noso ser.

CARITAS SEN BUROCRACIA Ó LADO DOS MÁIS NECESITADOS

Os voluntarios de Caritas parroquial en colaboración coa Cruz Vermella distribuíron 4.750 kg. de alimentos entre 107 familias que teñen o seu domicilio na parroquia e reúnen os criterios requiridos para iso.
Agora queda a preparación da Campaña de Nadal en colaboración con AMENCER.

É importante a axuda material pero moito máis as horas que os voluntarios dedican a escoitar e acompañar ás persoas. O obxectivo de Caritas é a promoción e que as persoas sexan autónomas e se vallan por si mesmas. Sen embargo, en épocas de crise como a actual, é necesario priorizar o necesario e facelo discernindo as situacións pero evitando caer na burocracia que fai que as axudas urxentes cheguen tarde ou se malgasten os recursos.

A CRISE TEN ROSTROS HUMANOS

O 21 de Novembro ás 17 horas, preto de cincuenta voluntarios de Caritas das Parroquias de San Xosé de Vistahermosa, Nª Sª de Fátima, Sagrado Corazón, San Pio X, Nª Sª da Asunción, Cristo Rei e Santiago das Caldas, reunímonos para ter un encontro interparroquial de formación e convivencia. Acompañáronnos Dn. Evaristo e Dña María del Carmen de Caritas Diocesana.

Foi Caritas Diocesana, por medio de Dña María del Carmen, quen nos axudou a afondar e reflexionar sobre a crise e, sobre todo, sobre rostros humanos que hai detrás e que son os que sofren as súas consecuencias. Pero a crise pode e debe ser unha oportunidade para un rearme ético que nos permita traballar por un desenvolvemento integral de toda persoa e de toda a persoa.

 

09/11/2009

A MAXIA DUN MAGOSTO EN CARRACEDO

Dezaseis mozos e o equipo de animadores que os acompañan, démonos cita o fin de semana na casa reitoral de Carracedo para celebra-lo Magosto-09. Co bo desexo de participar no da Diocese (aínda que logo as ocupacións deportivas de case todos o impediu), saímos ás 18,40 h do Sábado. Alí agardábano-lo Sancristán da Parroquia coas chaves para acollernos.

Despois de nos instalar e distribuír as tarefas, preparámo-la cena uns mentres outros gozaban dos arredores, a pesar da chuvia, e puideron sentir a boa acollida do pobo de Carracedo que celebraba unha festa veciñal. Trala cena, viñeron os xogos entre os que destaca (cando hai xente nova) "a manta". E así a noite prolongouse con escasas horas para durmir (uns porque non tiñan gañas e a outros porque non os deixaron).

Á mañá, tras un rato de oración e reflexión, participamos na Misa parroquial e logo preparamos un suculento churrasco e as castañas. E trala sobremesa, recoller, revisar a xornada e o regreso a casa cunha sensación: Sóubonos a pouco e o grupo pide máis tempo. Agardamos que esta convivencia nos axude a seguir crecendo como grupo e animar a máis mozos da Parroquia a seguir participando na vida da comunidade.

28/10/2009

TEMPOS NOVOS…RESPOSTAS NOVAS

Baixo este título comezou na nosa parroquia, ás oito da tarde do martes 27 de outubro, a Escola de Doutrina Social da Igrexa. Esta escola pretende ser unha ferramenta para unha lectura crente da realidade que debe ser permanente, tal e como nos indica o Concilio Vaticano II.

Durante este curso, e dada a situación de crise que vivimos, propómonos coñece-la encíclica do Papa Benedicto XVI "Caritas in veritate" (Caridade na verdade) como medio para capacitarnos para dar razón da nosa esperanza e que debe traducirse nun estilo de vida fondamente cristián indo ó esencial e non perdernos no opinable.

A dinámica que segue a Escola comeza coa oración que nos axuda non só a vivir máis senón a vivir máis coherentemente como cristiáns. Despois dunha pequena introdución ó tema, en pequenos grupos compártese a visión persoal sobre o mesmo como forma de enriquecemento e finalmente ponse en común o aportado nos grupos e, mediante unha exposición clara e aména coñécese o que aporta a Doutrina Social da Igrexa. Isto é o que fixeron as 20 persoas que asistiron á primeira sesión.
Queira o Señor que, coa axuda do Espírito Santo, a Escola siga medrando.

06/10/2009

COAS FAMILIAS AFECTADAS POLA CRISE

Caritas Parroquial distribuíu 3.384 kg de alimentos procedentes dos excedentes da UE a 107 familias que viven no territorio da Parroquia (281 persoas).
Grazas ó traballo dos voluntarios de Caritas e á inestimable colaboración da empresa Aceites Abril, que pon á nosa disposición un camión e o persoal que o conduce para transportar os alimentos dende a nave onde Cruz Vermella os distribúe aos locais da casa Parroquial.
Caritas Parroquial acolle, informa, acompaña e trata de solucionar aqueles problemas sociais que están ó seu alcance grazas á colaboración de moitos fregueses cos seus donativos, outros co seu tempo, e a moitas entidades privadas que aportan alimentos, traballo, donativos, transporte… que facilitan a labor dos voluntarios e permiten facer un pouco máis levadeira a precariedade das familias necesitadas que viven na Parroquia.

Caritas somos todos e cada un pode colaborar segundo as súas posibilidades: Donativos, alimentos, ofrecer traballo, informar de casos de necesidade ou da situación dos beneficiarios con toda discreción… Hai moitas formas de colaborar e vivir aquilo que nos pide o Evanxeo: "Tiven fame e déstesme de comer". A nosa labor non é meramente humanitaria, é evanxelizadora.

CONTIGO Á FIN DO MUNDO

O primeiro fin de semana de Outubro, un grupo de mozos da Parroquia de Santiago das Caldas viviron un fin de semana de convivencia.

Coincidindo coa festa de San Francisco de Asís e preto de celebrar as Témporas de Acción de Grazas realizamos un percorrido que nos levou a Fisterra, Ézaro, Carnota, Lira, Muros e, á meta, Porto do Son. Alí, na Casa da nosa Diocese, preparamos a programación de curso, celebramos a fe, fixemos festa e compartimos as tarefas necesarias para crear un clima fraternal.

A pesar da moita chuvia, que nos impediu pisar a area da praia, gozamos deste fin de semana e agardamos a próxima.

O CONSELLO DE PASTORAL APROBOU A PROGRAMACIÓN PASTORAL DO CURSO 2009-2010

Na súa reunión ordinaria do día 2 de Outubro do 2009, os membros do Consello de Pastoral Parroquial aprobamos a Programación Pastoral.

Despois de presentar o Proxecto a todos os grupos e recoller as súas contribucións, o Consello aprobou os obxectivos, accións e calendario que nos axudará a impulsar a programación Diocesana na nosa comunidade e dar un paso máis na nosa tarefa de coñecer, amar e seguir a Xesuscristo sendo testemuñas da fe no medio do contorno social en que nos atopamos.

Que Santiago Apóstolo nos guíe e acompañe no noso camiño.

 

27/09/2009

RENOVADO O NOMEAMENTO DO EQUIPO DE PÁRROCOS

Con data de 15 de Setembro de 2009, o Sr. Bispo da Diocese de Ourense, Dn. Luis Quinteiro Fiuza, prorrogou o nomeamento dos Rvdos. Srs. D. Francisco Pernas de Dios e D. Luis Pérez González como párrocos "in solidum" da parroquia de Santiago das Caldas de Ourense por 6 anos.

Así mesmo confírmase ó Rvd. Dn. Francisco Pernas de Dios Director da cura pastoral, para que dirixa a actividade conxunta e responda dela diante do Bispo.

UNS QUE VEÑEN, OUTROS QUE SE VAN

Coa chegada do novo curso pastoral a nosa comunidade vese enriquecida coa presenza de Dn. Néstor, Diácono da nosa Diocese, que realizará con nós a súa etapa de Pastoral. Dámoslle a benvida á nosa comunidade onde agardamos se sinta acollido e querido como na súa nova familia que somos.

Agradecemos tamén a Dn. Oscar Martínez Caamaño a súa entrega, ilusión e ledicia durante estes case dous anos nos que compartiu con nós os afáns pastorais desta comunidade e desexámoslle unha frutífera labor pastoral dedicado plenamente ás comunidades parroquiais que viña acompañando xa en Castrelo do Val, Penín, Vences e Retorta.

CURSO NOVO … ILUSIÓNS RENOVADAS…

Pouco a pouco as persoas que participan nos diferentes grupos parroquiais vanse poñendo en marcha. Nesta segunda quincena de Setembro os grupos reúnense para analizar, corrixir, completar, concretar… as propostas contidas no Proxecto de Pastoral deseñado para o curso pastoral 2009-2010.

Coas aportacións de todos os grupos, o Consello de Pastoral Parroquial reunirase o próximo día dous de Outubro para aprobar a programación pastoral deste curso.

 

www.santiagocaldas.org © 2017 Parroquia de Santiago
Avda. de las Caldas, 28. 32001 Ourense
info@santiagocaldas.org (+34) 988 211 954