Inicio Horarios Contactar

Presentación
Onde estamos
Historia
Programación 2017-2018
Horarios
Organización
Publicacións
Ligazóns
Noticias
Curso 2017-2018
Curso 2016-2017
Curso 2015-2016
Curso 2014-2015
Curso 2013-2014
Curso 2012-2013
Curso 2011-2012
Curso 2010-2011
Curso 2009-2010
Curso 2008-2009
Curso 2007-2008
Curso 2006-2007
Curso 2005-2006
Curso 2004-2005
Curso 2003-2004

AxendaAmosar axenda completa

En castellano

08/09/2009

DEVOLVENDO A VISITA

O pasado 1 de Maio a imaxe da Virxe dos Milagres visitou a cidade de Ourense e recibiu o cariño de miles de Ourensanos que a acollemos agradecidos por tantos favores como nos alcanza do seu Fillo.
Agora, na súa novena, moitos fregueses desprazáronse ó Monte Mido para devolverlle a visita e pedirlle que nos fortaleza na fe e axude a renovar e promover a nosa vida eucarística. O noso templo amosaba nas celebracións os ocos dos moitos que tanto nos Milagres como nos Remedios honraban á Nai.

A noite do 5 ó 6 de setembro, un grupo de 15 mozos da Parroquia dirixíanse camiñando á Casa da Nai no Monte Medo para orar e presentarlle os seus sonos e inquedanzas pedindo a súa protección ó tempo que lle agradecían os seus favores. Cansados e cos pés feridos polo camiño regresaron cheos de ilusión e con gañas de repetir o vindeiro ano. Como os peregrinos xudeus a Xerusalén a súa despedida foi: O ano que vén no Monte Medo.
Grazas a todos os que ano a ano organizan e acompañan ó grupo de mozos.

 

24/08/2009

ÚLTIMO GRUPO DE PRIMEIRAS COMUÑÓNS

O día 15 de Agosto, festa da Asunción da Nosa Señora, celebraron a Primeira Comuñón 6 nenos na nosa comunidade parroquial. Durante a semana, a pesar do calor estival, reunímonos unha hora cada día para preparar a celebración. E, grazas á colaboración de todos, houbo un clima magnifico: Silencio, canto, participación… O que debería ser o normal nunha celebración. Foi un día de festa.

Así conclúen os grupos de celebración da Primeira Comuñón do curso pastoral 2008-2009. Ó redor de 50 nenos e nenas celebraron a Primeira Comuñón na Parroquia neste curso. A todos noraboa e agardamos en Outubro volver a vernos para continuar a catequese e cada domingo na Eucaristía.

O BORRADOR DA PROGRAMACIÓN 2009-2010

A partir da revisión e propostas do Consello de Pastoral, despois de recoller a opinión dos grupos, e da Programación Pastoral Diocesana xa está a disposición dos grupos o folleto coas propostas para a programación pastoral e o calendario para o novo curso pastoral 2009-2010.

A primeiros de Setembro reunirase a Comisión Permanente do Consello Pastoral para establecer o itinerario a seguir para que os diferentes grupos o estuden e adapten ás necesidades da comunidade e posibilidades do grupo. E o día dous de Outubro, con todas as propostas realizadas, o Consello aprobará a Programación Pastoral para este curso.

VOU A INICIAR PRIMEIRO DE PRIMARIA E QUERO FACER A PRIMEIRA COMUÑÓN AOS 9 ANOS

A partir do día 15 de Setembro e ata o 10 de Outubro, os pais dos nenos e nenas que inician este curso Primeiro de Primaria (6 anos) no colexio e desexen facer a Primeira Comuñón na idade mínima establecida na Diocese (9 anos) deben inscribilos en Primeiro curso de Catequese. Os dous primeiros anos de preparación á Primeira Comuñón realízanse en familia cuns materiais que ofrece a Parroquia e tres reunións de nenos ó ano e catro para os pais. O terceiro ano realízase na comunidade parroquial acompañados de catequistas.

A Primeira Comuñón implica preparación adecuada á súa idade e participación na Eucaristía dominical. Hai unha idade mínima pero non máxima. O ideal é facela cando se está disposto a vivila cada domingo, non simplemente para facer unha festa familiar.

PARA SER PADRIÑO ¿QUE FAI FALTA?

O Código de Dereito Canónico establece que a todo bautizando daráselle un padriño, unha madriña ou un padriño e unha madriña. Nin dous padriños, nin dúas madriñas, nin outros xogos de números que a veces cuestiónanse (tres padriños…). Para ser padriño requírense uns mínimos de modo que o padriño poida ser testemuña da fe e acompañante do seu afillado, xunto cos seus pais, no seu proceso de iniciación cristiá. De aí que a primeira condición e máis básica é ter completada a Iniciación Cristiá: Bautismo, Confirmación e Eucaristía. Loxicamente de estar casado estalo pola Igrexa e vivir a fe con normalidade na súa vida, o que implica unha práctica habitual da Eucaristía dominical. Se un non ten concluída a Iniciación Cristiá, porque lle falta a Confirmación ¿que testemuño dá?

E se non estou Confirmado, porque no seu momento non me puiden preparar ou non quixen e agora desexo recibir este sacramento, ¿que podo facer?. Achegarte á Parroquia para determinar un proceso de preparación de modo que cando haxa Confirmacións poidas recibila coherentemente. Esta preparación implica un mínimo dun curso pastoral (Outubro a Xuño) e ó final decidirase a idoneidade do candidato segundo a súa práctica da fe. Loxicamente se adaptará á situación do candidato, pero non se pode recibir un sacramento sen preparación e un mínimo de garantías de vida cristiá. Estamos nun momento en que a fe ten que ser unha opción e non unha herdanza e, non abonda recibir uns sacramentos e ter certificados, hai que vivila e celebrala en comunidade, non simplemente por libre e como a min me apetece.

 

29/07/2009

FESTAS DO APÓSTOLO 2009

Con gran solemnidade a nosa Parroquia celebrou ó seu patrono o Apóstolo Santiago o día 25 de Xullo. Tras a preparación coa Novena, o día 25 ás doce comezou a tradicional procesión polas rúas do barrio. Detrás da cruz e as bandeiras, acompañadas por persoas dos diferentes grupos parroquiais, participaban as diferentes asociacións veciñais, culturais e deportivas do barrio así como a Raíña das Festas e as súas damas de honra e a comisión de festas do Apóstolo 2009. No medio, a imaxe do Santo Patrón, unha preciosa talla barroca de Santiago peregrino, co seu acio de uvas colgado do brazo lembranza da gratitude dos pontinos que lle pedían que os axudase e protexese nas súas colleitas, levado a ombros dun grupo de fieis. Detrás, presidindo a procesión, o clero e a continuación, como é tradición dende o traspaso do Concello de Ponte Canedo a Ourense, o Excmo Sr. Alcalde da cidade coa súa corporación municipal e todo o séquito que os acompaña nesta presencia institucional nas nosas festas. Pechaba a marcha un nutrido grupo de pontinos e pontinas acompañados por familiares e amigos que se achegan a gozar en familia estas xornadas de festas.

Xa no templo, continuou a celebración da Santa Misa na que participan os fieis nos distintos ministerios e o coro parroquial que, co seu bo facer, solemniza e dá un ton de oración festiva a esta fermosa celebración.

Gracias a cantos, ano tras ano con gran esforzo, regálannos eses días de festa onde divertimento, cultura, espírito de veciñanza e fe entrelázanse harmonicamente. E agárdanos o vindeiro ano Santo Compostelán no que esperamos que a colaboración e participación de todos siga medrando.

 

PRIMEIRAS COMUÑÓNS

O pasado día 26 de Xullo, ás doce da mañá, o templo parroquial vestíase de festa para celebrar a Primeira Comuñón dun grupo de catorce nenos e nenas. Acompañados polos seus pais, familiares e amigos que enchían o templo parroquial, participaron con gozo por primeira vez no banquete da Eucaristía. Aínda que custou ó principio, foise logrando un clima festivo e de celebración litúrxica que permitiu vivir este momento con gozo e espírito de oración.

Neste ano, en que se nos convida a adorar a Xesuscristo real e permanentemente presente na Eucaristía, temos que seguir insistindo na urxencia e necesidade de que cantos acudan a unha celebración litúrxica se informen das esixencias da mesma e contribúan coa súa actitude a crear o clima que estas celebracións requiren. A gran maioría si o fai, faltan eses dous ou tres que co mal uso do móbil, das cámaras e de falar a destempo entorpecen o bo e harmónico desenvolvemento que o "ars celebrandi" pide.

Agardamos que pouco a pouco sigamos mellorando para axudar ós nenos e nenas a vivir con fe e ledicia este día tan importante para eles.

GRACIAS AVÓS

Era domingo o día 26 de xullo pero non foi óbice para que ás 11 da mañá, dentro das festas do noso barrio, lembrásemos a San Xoaquín e Santa Ana e con eles render unha sentida homenaxe de gratitude ós nosos avós. Eles transmitíronnos o espírito pontino e o orgullo dun barrio señorial, aberto e acolledor. Eles conservan e transmiten eses valores que non pasan cos anos nin as modas. Eles son unha forza social moi importante na nosa sociedade e portadores dunha sabedoría que se aprende na universidade da vida.

Co templo abarrotado e acompañados polo Excmo Presidente da Excma Deputación Provincial e o Sr. Subdelegado do Goberno e representantes municipais naturais do barrio, a raíña e as súas damas, a comisión de festas e o bo facer da Rondalla Alecrín da Sociedade Artístico-recreativa A Troya, vivimos un ano máis unha celebración festiva e emotiva.

Gracias avós, seguide aportando a vosa sabedoría e axudádenos a saber combinar con respecto e sentido tradición, progreso e fe.

REFLEXIÓN – PROGRAMACIÓN

Co tríptico da Programación Pastoral para o Curso Pastoral 2009-2010 elaborado nas XIII xornadas de programación diocesana en Os Milagres e a revisión do Consello de Pastoral parroquial do curso 2008-2009, estamos no período de reflexión e redacción do borrador da Programación pastoral Parroquial para o vindeiro curso. Propostas de acción e calendario de actividades que, nos diferentes grupos parroquiais, estudaranse, revisaránse e adaptaránse durante o vindeiro mes de Setembro para presentalo ó Consello de Pastoral para a súa aprobación a primeiros de Outubro.

Feliz verán e descanso a todos e que as vacacións sexan rexeneradoras do corpo, a mente e o espírito para reanudar o novo curso pastoral con ilusións renovadas.

 

15/06/2009

O TEMPLO PÉCHASE

Do vindeiro día 29 de xuño ó 3 de xullo, o templo parroquial permanecerá pechado para realizar obras de limpeza e mantemento. A celebración da Eucaristía trasládase durante a semana ó salón parroquial.

As pequenas molestias que nos ocasiona agardamos redunden en ter un templo máis acolledor onde poidamos celebrar a fe cada día máis a gusto.

 

PREPARANDO AS FESTAS

Unh ano máis achégase a festa do noso patrono Santiago apóstolo.

Grazas á colaboración do centro de restauración da fundación Santa María da Diocese de Ourense restauramos a imaxe de Santiago que, dende fai anos, tiña rota unha man e realizouse unha limpeza do rostro de Santiago peregrino agardando unha restauración máis profunda da súa preciosa talla.

 

 

O CONSELLO DE PASTORAL AVALIA O CURSO

O pasado día 22 de xuño ás 20 h, no salón parroquial, reunímonos os membros do Consello de Pastoral Parroquial para revisar a marcha da parroquia. A partir das revisións aportadas por todos os membros dos diferentes grupos parroquiais analizamos a marcha da parroquia. Constátase que hai un traballo moi grande e ben realizado nos diferentes grupos e equipos. Así mesmo hai un equilibrio entre ensinanza, celebración e compromiso sociocaritativo. Co todo constátase que traballamos de maneira moi atomizada, cada grupo no seu, e é necesario potenciar o sentido comunitario do noso traballo como esixencia da Eucaristía celebrada.

Agora queda todo un tempo de verán para interiorizar e afondar en todo o que vivimos ao longo deste curso de xeito que produza en nós froito abundante. Na revisión quedan propostas para, a partir da programación diocesana dos Milagres, elaborar o programa pastoral do curso 2009-2010.

A nosa gratitude a todas as persoas que, ano tras ano, con xenerosidade e entrega admirable fan posible a misión que o Señor nos confiou. ¡Feliz verán a todos!.


15/06/2009

SEI DE QUEN ME FIEI

Con gozo compartimos a celebración da Ordenación Sacerdotal de Dn. Luis Cachaldora Gago o día 31 de Maio na Parroquia das Santas Margaritas de Córdoba e a súa Primeira Misa na nosa Parroquia o día 4 de Xuño.

Luis naceu no corazón do Ponte: A rúa do Rincón, onde vive a súa familia. Foi monaguillo da nosa parroquia, logo pasou polo Seminario de Ourense e Santiago e, por eses camiños que só Deus coñece, ingresou na Congregación dos misioneiros do Espírito Santo (os espiritanos). Eles, con paciencia e tacto, souberon acompañar a súa vocación e agardar o momento oportuno para recoller o froito: A súa ordenación presbiteral.

Dende esta páxina agradecémoslle o ter presente á súa Parroquia, onde se bautizou, celebrou a súa primeira comuñón e confirmación, viviu os primeiros pasos da súa fe e que queira celebrar aquí a súa Primeira Misa. Dn. Xesús, o noso Párroco que o acompañou tantas noites e horas, dende a casa do Pai viviría con gozo este momento por el soñado. E non menos agradecería o teu xesto de ir ó seu Longos natal e depositar sobre a súa tumba un ramo de flores e celebrar polo seu descanso a Eucaristía. Grazas Luis e grazas ós misioneiros espiritanos e á comunidade parroquial das Santas Margaritas que con tanto cariño e delicadeza acolléronnos, prepararon e celebraron a túa ordenación.

A ti que es dos que son "máis que" (es Pontino que é máis que ser ourensano, do Barça que é máis que un clube e misioneiro que é máis que simple cura), non deixes de medrar en entrega a Deus e ós irmáns onde a Igrexa te precise.

RECIBIDE O ESPIRITO SANTO

O día 5 de xuño ás 20 h. Dn. Xosé Antonio Gil Sousa, director do Instituto Teolóxico Divino Maestro de Ourense, en representación do Sr. Bispo, confirmaba a preto de 70 mozos e mozas da nosa Parroquia e de Vilar de Astrés, Cudeiro e Canedo.

Foi un día de festa e ledicia para eles e os seus familiares que os acompañaban, así como as súas catequistas que durante dous anos preparáronos para este momento. Á celebración seguiu o ágape no salón parroquial para os familiares e a súa festa no baixo.

Noraboa e que vos deixedes guiar polo Espírito para seguir medrando como cristiáns. E, como vos dicían os rapaces que continúan a súa formación cristiá nos grupos de mozos da Parroquia, contamos con vós para Outubro.

COS POBRES DE ACÁ E OS DE ALÁ

O pasado día 7 de Xuño presidía a celebración da Eucaristía na nosa Parroquia Dn. Antonio, misioneiro ourensano en Zambia. Era a festa da Santísima Trindade, do Deus amor. O equipo de animación misioneira, grazas á xenerosidade de moitos fregueses, fíxolle entrega dun donativo de mil cinco euros para o seu proxecto parroquial.

Nese mesmo día celebrabamos a colecta a favor de Cáritas Diocesana e, en tempos de crise, a nosa comunidade amosou unha vez máis a súa xenerosidade aportando 1.660,00 €. Así, sen ruído nin algaradas, os cristiáns amosamos como se vive a solidariedade a pé de obra, na proximidade e sinxeleza dunha entrega que nace de celebrar a Eucaristía con sentido.

Oxalá cale o exemplo e celebremos con maior austeridade vodas e primeiras comuñóns e así poidamos ser máis solidarios cos que sofren.

27/05/2009

ENCONTRO DE INMIGRANTES

Unha cincuentena de persoas do equipo de Cáritas e de diversos países: Cuba, Colombia, Brasil, Argentina, Ecuador… reunímonos un ano máis na casa parroquial para compartir inquedanzas e un momento de diálogo festivo e distendido. Os máis pequenos compartiron xogos cos nenos e nenas do Junior e Caixón de xastre, mentres os maiores compartían as súas inquedanzas e preocupacións.

Os inmigrantes que acudiron séntense contentos entre nós, a pesar das súas dificultades, e agradecidos á comunidade parroquial pola acollida e o apoio brindados. Nós precisámolos e eles precísannos, ¿por que tantos problemas para acollelos? Por riba de todo deben estar as persoas, pois un inmigrante non é unha mercadoría de traballo barato, senón unhas persoas con sentimentos e sonos que, en aras dun nivel de vida que probablemente é superior ó real, non debemos impedir que se realicen. Grazas pola riqueza humana e de fe que nos aportades e ata o vindeiro encontro.

A FESTA DOS NENOS

O día da Ascensión, 19 nenos e nenas da comunidade parroquial, despois de tres anos de preparación catequética, celebraron a súa Primeira Comuñón. Foi un día de festa para eles e a súa familia e para toda a comunidade parroquial.

 

Agardamos que o testemuño dos seus sexa estímulo para que "o que hoxe celebran medre e dea froitos nas súas vidas" de modo que sexan uns cidadáns crentes que "saiban estar" en calquera lugar onde se atopen dando testemuño da súa fe.

ÁFRICA NO CORAZÓN

O equipo de Animación misioneira segue o seu traballo calado de buscar axudas para que os nosos misioneiros diocesanos no continente africano poidan contribuír ó desenvolvemento das comunidades que acompañan. Coa súa acción de venda de plantas axudarán a Juan Núñez no seu proxecto de formación de axentes de pastoral e a unha comunidade de capuchinos irlandeses que, nunha misión próxima a Juan, viven nunha situación de precariedade.

Agora quen chama á nosa porta é Antonio que en Zambia desexa iniciar un proxecto para o que precisa catro mil euros. A xenerosidade de moitas persoas da comunidade, en colaboración co Equipo de Animación misioneira, fixeron posible que, en só unha semana, reuníranse 900 €. Cantidade que, a través da Delegación Diocesana de misións, entregarémoslle antes da súa partida para a súa misión. Animamos ós que o desexen a colaborar. O que pode asemellar pouco, xunto a outros remata sendo moito e iso sí, unha certeza: As axuda chegan íntegras ó seu destino, non o dubiden e, se alguén ten dúbidas, que veña a traballar como voluntario e verá que é así.

Moitas grazas a todos pola súa xenerosidade e que sirva de alento ós nosos misioneiros e misioneiras.

DEUS ACOMPÁÑAME NA ENFERMIDADE

O VI Domingo de Pascua, 24 persoas recibiron a Unción de enfermos na celebración da Eucaristía das 11 da mañá. A eles hai que sumar outras 6 persoas que nas súas casas, por non poder saír, celebraron este Sacramento a través do cal Cristo resucitado faise presente no noso camiño para curar as feridas do pecado na nosa alma e concedernos a saúde, se convén.

Grazas a Deus, e ó empeño pastoral da comunidade, cada día son máis persoas as que van descubrindo que a Santa Unción é un sacramento para a enfermidade que hai que recibir conscientemente e non cando un non se decata de nada. Non é a Extremaunción, senón a Unción dos enfermos, un sacramento para a enfermidade. Poden recibilo persoas de idade avanzada a quen o paso dos anos mina na súa fortaleza, persoas cunha enfermidade crónica seria, antes dunha operación e cando un sente as súas forzas vitais ameazadas pola enfermidade. A través del, Deus faise presente na nosa debilidade, para darnos fortaleza para soportar con esperanza a crise que toda enfermidade provoca na nosa vida.

OS GRUPOS BÍBLICOS REUNÍMONOS NOS MILAGROS

Vinte persoas da nosa comunidade, todos eles participantes nos Grupos de estudo e meditación da Biblia, participarán con outros grupos da Diocese no encontro que a Vigairía de Pastoral organiza nos Milagros o vindeiro día 31 de Maio.

 

É unha xornada de festa e estudo da Palabra de Deus que nos alenta ó ver como outros irmáns e comunidades medran, xuntamente con nós, a través da lectura crente da Sagrada Biblia.

 

22/05/2009

E Ó FINAL… VOLTAR A VISTA Ó CAMIÑO ANDADO

O pasado día 5 de maio a Comisión Permanente do Consello de Pastoral Parroquial reuníuse para preparar os materiais para a revisión do curso 2008-2009.

Agora todos os grupos viven ese proceso de revisar, dende a mirada da fe, o camiño que xuntos tentamos percorrer ao longo deste curso en orde a que "dende a vivencia da Eucaristía, traballar, con novo ardor, pola xustiza e a caridade".

Logo, coas aportacións, os representantes de cada grupo no Consello de Pastoral prepararán a valoración xeral da marcha da Parroquia e deseñarán, coas propostas, o camiño para o vindeiro curso en espera das propostas da Programación Diocesana.

Ó FINAL DO CAMIÑO COMPARTIR A LEDICIA DE SERVIR

O equipo de Cáritas Parroquial celebrou con gozo o final das reunións, que non do traballo, deste curso. Ó calor da Palabra sentimos a invitación a facer da nosa vida un servizo ós máis pobres.

Logo compartimos xuntos un momento de festa ó redor duns pinchos compartidos por todos e dos exquisitos prostres elaborados por diferentes membros do equipo.

Nun clima de fraternidade e ledicia vivimos o final das nosas reunións deste curso. Sen embargo o traballo non remata pois "ós pobres sempre os teredes con vós" e seguen precisando axuda todos os días e durante todo o ano.

 

21/04/2009

A SANTIÑA PEREGRINA

O vindeiro día 1 de Maio a imaxe da Virxe dos Milagros visita a nosa cidade. Cincuenta anos despois da súa anterior visita, deixa o seu fogar no Santuario do Monte Medo, a onde todos os anos miles e miles de ourensanos acudimos a visitala, para vir a vernos á nosa cidade. Ás 16,30 h. agárdanos na Praza Maior.

A nosa comunidade parroquial está convidada a participar animando o rezo do quinto misterio do Rosario que se rezará dende a Praza Maior á Santa Igrexa Catedral.

Convidamos a todos os membros da comunidade parroquial a facer un esforzo e participar amosando o seu cariño a tan boa Nai.

 

17/04/2009

E DOMINGO, XUNTOS NA MISA LEDOS NA ESPERANZA

Esquézome, xa non me acordo… É a época da memoria fráxil, o tempo que se vai a máis velocidade da que o Ave asemella querer chegar á nosa cidade e a sensación de que o que aconteceu onte, asemella xa perderse no túnel do tempo… Pero hai cousas que non pasan. E tras a Pascua anual volve a lembranza da Pascua semanal: O Domingo.

A nosa Diocese, e con ela a nosa parroquia bérranos outra vez: Sen o domingo non podemos vivir. Un domingo cuxo centro é a Eucaristía, fonte e meta da nosa misión. Celebrar para vivir, vivir para celebrar facendo da vida un don no servizo como nos pide Xesús en cada Eucaristía onde, no seu Corpo feito alimento, dásenos para axudarnos a vencer o egoísmo e darnos ós máis necesitados.

Queira Deus que esta nova Campaña nos axude a afianzar e renovar "con novo ardor" a nosa vivencia do día do Señor.

FELICES PASCUAS A TODOS E A TODAS

¡Cristo resucitou, aleluia!

Queremos facer chegar a todos a nosa ledicia pascual. Ós de preto, ós de lonxe, ós crentes, ós non tanto; ós que pasan e ós que se pringan; ós que consideran isto desfasado e ós que o actualizan; ós que rin ás gargalladas e ós que sofren baixo o peso da súa cruz; ós enfermos e ós que teñen saúde; ós que teñen bo humor e ós de caras longas; ós que respectan ós demais mantendo a firmeza das súas conviccións e ós intransixentes que non saben respectar; .. a todos, absolutamente a todos unha bafarada de aire cheo de esperanza: O NOSO MUNDO ESTÁ NAS BOAS MANS DUN DEUS QUE VIVE E CAMIÑA CON NÓS… Se queres recoñecelo no camiño, escoita o berro dos que camiñan ó teu lado

¡¡Felices pascuas!!

O TRIDUO PASCUAL DA CRISE

Con Laudes ás 10 e confesións de 10,15 ata as 13 h, comezaba o Xoves 9 de abril, a celebración do triduo pascual deste ano 2009 marcado pola crise. Curiosamente a realidade do barrio falaba de "éxodo" de cantos se plantexan este tempo como tempo de vacacións. Aparentemente a crise non asemella tal, sen embargo a realidade lémbranos que sí o é para os máis desfavorecidos.

Na tarde do Xoves Santo o Equipo de Cáritas preparou a celebración da Cena do Señor cuia colecta destinouse ós pobres . A participación foi numerosa e fervorosa por parte da comunidade.
Tras a reserva no Monumento, que tentaba axudarnos a orar asumindo a programación pastoral da nosa Diocese asumindo dende a Eucaristía con "novo ardor" o compromiso pola Xustiza e a caridade vivimos intensos momentos de oración: Nunca o Señor estivo so neste día. Moitas persoas en quendas e espontaneamente orando ante o Señor, os mozos un ano máis velando toda a noite, laudes, momentos de reflexión na mañá do Venres leváronnos en clima de oración á Celebración da Morte do Señor e a adoración da Cruz. A tarde do Venres foi momento de silencio e pregaria só rota polo sentimento das "saetas" a Cristo crucificado e a súa Nai dolorosa. E o silencio orante na mañá do Sábado con Laudes e o, xa clásico, Viacrucis de María, foinos preparando para a gran noite.

A chuvia ameazaba, facía frío, pero a festa agardada impedía deixarse vencer pola comodidade. Abarrote na Vixilia Pascual: Canto, participación… un sentirse ben, a pesar da hora e media que durou a Gran Vixilia Pascual, a nai de todas as Vixilias e un final gozoso para dicir, dende o corazón: ¡¡Felices, Pascuas, Cristo resucitou!!

E co final do triduo a gratitude a un equipo moi numeroso de persoas que, con gran sacrificio e dedicación, mimaron cada detalle de cada celebración, para axudarnos a celebrar e vivir a gran Semana dos cristiáns. Agora a testemuñar ante o mundo que Cristo Vive amando ós irmáns.

A RÚA ENCHÉUSE DE “HOSANNA”

Como todos os anos o Domingo de Ramos encheu as rúas do noso barrio do barullo de nenos, mozos e adultos que cos seus ramos e palmas celebramos a entrada triunfal do Señor en Xerusalén.

Comezamos coa bendición dos ramos no adro do templo enchendo a xente, non só o adro, senón a rúa de Avd. das Caldas diante do templo parroquial, para logo, entre cantos, seguir a Cristo polas rúas do noso barrio para regresar ó templo onde continuamos a nosa celebración cunha participación admirable polo seu silencio, canto e respostas dos participantes.

Gracias a cantos o fixeron posible un ano máis, co seu esforzo e sacrificio e a nosa invitación, ós que non o fixeron, a vivir esta experiencia gozosa.

CORESMA 09: SEGUINDO O CAMIÑO DA CRUZ

Chegamos ó final do noso proceso coresmal tentando abrir a porta ó Señor para que el, dende o interior e coa súa gracia, nos transforme.

Venres a Venres meditamos o camiño da Cruz axudados polos diferentes grupos parroquiais preparándonos para a Pascua en solidariedade coas vítimas de tantas situacións de inxustiza como vivimos no noso mundo.

Agora quédanos agradecer a nenos, mozos e adultos o seu grao de area, estación tras estación e viacrucis tras viacrucis, para axudarnos a interiorizar a dor humana asociada a dor do noso Salvador para ser cireneos que axuden a Cristo hoxe a cargar coa Cruz cunha actitude compasiva.

 

01/03/2009

O COMPARTIR NAS PRIMEIRAS COMUNIDADES

Os grupos de Cáritas da cidade que traballamos coordinados e algunhas persoas interesadas no tema que se nos uniron, celebramos unha xornada de reflexión na Casa Parroquial de Santiago das Caldas, dirixida por Dn. Xosé Antonio González García, sacerdote da Diocese de Lugo e profesor de Sagrada Escritura do ITC.

Cunha linguaxe próxima e alcanzable debullou unha primeira reflexión sobre "Compartir,… a forza dun ideal" e unha segunda, despois dun merecido café, "Compartir,… a difícil realidade". Primeiro amosóusenos o ideal das primeiras comunidades cristiás como estrela orientadora do noso camiñar e logo a realidade dos problemas e dificultades das comunidades paulinas, en concreto a de Corinto, para manter a tensión dese ideal.

Foi unha xornada de gozoso encontro, moi ilustrativa e alentadora no camiño de vivir, dentro do ano xubilar paulino, cada día un pouco máis a programación pastoral diocesana. O ideal, aínda que non se alcance, non perde valor e segue sempre no horizonte como reclamo e invitación a reorientar o noso camiño.

 

27/02/2009

ATRÉVETE E DÉIXAO ENTRAR

Comezou a Coresma co rito da imposición da cinza. Moitos foron os fieis que participaron nesta celebración coa cal, ano tras ano, iniciamos o noso camiño cara a Pascua. Non só a xente maior, senón un nutrido grupo de mozos e os nenos que, a pesar de ser día de vacacións, encheron a nave central do Templo.

Con gozo e alentados polo lema do noso Arciprestadego "atrévete e déixao entrar", dispómonos a avanzar cara a Pascua co desexo de que o Señor nos renove dende o interior e así poidamos celebrar con gozo a festa da Resurrección.

EU RECIBÍN UNHA TRADICIÓN …

No inicio do camiño cara a Pascua a comunidade convocounos a unha sesión de Lectio Divina no Templo.

O texto a meditar e orar era o Capítulo 11 da Primeira Carta ós Corintios.

Á luz do texto ollamos á nosa vida deixándonos interpelar ante os signos de ruptura e división que se dan nas nosas celebracións e, alentados pola pregaria, acollemos a chamada a celebrar e vivir máis coherentemente as nosas eucaristías.

 

26/02/2009

CURSIÑO DE ECLESIOLOXÍA

A HOAC de Ourense celebrou a pasada fin de semana, 21 e 22 de febreiro, un cursiño de Eclesioloxía na Casa Parroquial.

O cursiño foi dirixido por Don Gaudencio González, sacerdote da Diocese de León.

Asistiron ó cursiño os militantes da HOAC de Ourense así como algúns compañeiros das Dioceses galegas onde a HOAC ten presenza como son Ferrol e Vigo, ademais dalgunhas persoas convidadas pertencentes ó Equipo de Cáritas Parroquial e catequistas.

O cursiño finalizou o domingo celebrando a Eucaristía na comunidade parroquial.

25/02/2009

MOITAS GRACIAS

Co gallo do comezo da Coresma, as Visitadoras parroquiais distribuimos a revista parroquial: “Parroquia en camiño”.

Percorremos tódalas rúas da Parroquia levando a cada buzón a revista na que se inclúen tódolos horarios e actos da Coresma e Semana Santa, así como algún artículos que nos axudarán a reflexionar sobre este tempo de renovación que é a Coresma.

Agradecemos a acollida que nos brindaron abrindo os portais para facer posible a nosa tarefa.

 

17/02/2009

A PARROQUIA NO CURSIÑO DIOCESANO

Un grupo de fregueses desprazámonos o Sábado día 14 de Febreiro ó Seminario Maior para participar no cursiño Diocesano sobre o Maxisterio de Benedicto XVI.

Unha xornada en que, sumados ós profesores de relixión, afondamos no rico maxisterio de Benedicto XVI.

 

SEGUIMOS EN CAMIÑO... REUNIÓN DO CONSELLO DE PASTORAL

O día 11 de Febreiro reuníuse o Consello de Pastoral Parroquial para revisar a marcha do curso. Esta reunión ordinaria tiña como novidade a renovación dos membros dos grupos de Catequistas de Confirmación, Catequese de Postcomunión, Roupeiriño, Cáritas, Vela no Templo, nenos do Junior, Catequistas de Primeira Comuñón, Equipo de Liturxia e incorporáronse os mozos e mozas do catecumenado de Confirmación.

A valoración da marcha da comunidade é moi positiva pero é necesario seguir afrontando os problemas que se presentan como a falta de participación dos nenos (parella á dos pais) adolescentes e mozos na Eucaristía dominical. Debemos conscientes de que vivimos tempos de "disidencia pasiva" (non se di nada, pero tampouco se compromete un o que pode).

Percíbese que os grupos traballan e funcionan admirablemente pero hai un fallo no aspecto comunitario, así mesmo se percibe que se descarga o traballo nalgunhas persoas e non todos aportan o que poden. Seguimos en camiño e xuntos seguiremos abrindo camiños.

SEMANA DA FAMILIA

Un importante grupo de persoas, (89 o primeiro día e 79 o segundo) participaron na VI Semana da Familia cuxo tema era "A familia, célula viva da sociedade". Dña Cristina, Dn. Paco e Dña Olga presentáronnos os grandes principios que a Doutrina Social da Igrexa propón sobre a familia.
Agradecemos á Delegación Diocesana de Familia a súa contribución a reflexionar e sentimos e asumimos o reto que nos fan de reflexionar sobre a nosa participación. Certamente é libre pero interpélanos: Hai inscritos en catequese 416 nenos e nenas, somos ó redor de 16.000 fregueses na parroquia (certo non todos católicos), pero ¿é unha resposta proporcional? Non pretendemos que sexa queixa, nin acusación senón invitación a reflexionar. Hai pais que nos manifestaron as súas dificultades para participar (o que entendemos), pero ¿é o esforzo que debemos facer?

Agardamos que todos reflexionemos sobre os nosos deberes e o próximo ano a resposta sexa mellor, sendo moi digna de valorar a deste ano e vaia o noso agradecemento a cantos fixeron un esforzo, digno do noso agradecemento, para participar.

 

05/02/2009

CELEBRAR A EUCARISTÍA COS MÁIS PEQUENOS

Durante o mes de xaneiro, os máis pequenos da nosa comunidade parroquial foron protagonistas, xunto cos seus pais, das diferentes celebracións da Eucaristía dominical.

O domingo día 18, os nenos e nenas que están no primeiro ano da súa preparación á Primeira Comuñón, axudáronnos a vivir unha celebración gozosa e festiva, o mesmo que o día 25 fixeron os nenos de Catequese de Segundo na Casa.

E o día 1 de febrero, véspera da festa da Presentación do Señor, 27 nenos e nenas celebraban o primeiro aniversario do seu Bautizo acompañados polos seus pais e toda a comunidade parroquial.

Esperamos que estas celebracións sirvan para que os máis pequenos se vaian incorporando pouco a pouco á vida da Igrexa e medren como cristiáns coa axuda dos seus pais e de toda a comunidade parroquial.


26/01/2009

ENCONTRO DE FORMACIÓN

O día 24 de Xaneiro de 17 a 20 h reunímonos no salón parroquial preto de 40 persoas de diferentes grupos parroquiais para reflexionar sobre o papel do leigo no mundo e a súa espiritualidade.

Tras a invocación do Espírito Santo, presentouse o tema e a continuación nun sinxelo traballo de grupos reflexionamos sobre as esixencias da fe no noso barrio en orde a tomar conciencia da necesidade de que os leigos participen nos movementos e asociacións civís co fin de facer chegar o evanxeo ós afastados.

Foi un momento de convivencia, reflexión e celebración valorado moi positivamente polos asistentes, aínda que botan de menos a participación dalgúns grupos que seguen ausentes maioritariamente destes encontros previstos na programación pastoral da parroquia para impulsar a programación diocesana. Agardamos que pouco a pouco vaian tomando conciencia da importancia de participar.

A PARROQUIA NO CICLO DE CONFERENCIAS DO LICEO

Varios membros da nosa comunidade parroquial participaron no ciclo de Conferencias organizadas pola Vigairía de Pastoral con motivo do Octavario da Unidade dos cristiáns no bimilenario do nacemento de San Paulo e o Sínodo da Palabra. Cultura, interconfesionalidade, ecumenismo e a Palabra de Deus foron temas que os diversos ponentes foron debullando ante un numeroso auditorio que superou sempre o centenar de persoas.

Agradecemos ós pontinos que, cruzando o río, fixeron o esforzo por facer presente á comunidade Parroquial neste gran ciclo diocesano, como mostra de comuñón coas actividades da nosa Igrexa local e convidamos a todos a facer un esforzo por participar cada día máis na vida diocesana.

Segue aberta ata o día 30 de Xaneiro no Liceo, que nos brindou unha espléndida acollida, a exposición do irmán Luis de Oseira que animamos a visitar a todos os que poidan.

 

28/12/2008

CURSIÑO DA HOAC

A HOAC de Ourense invítavos a que compartades connosco un cursiño para axudarnos a fundamenta-la nosa fe na Igrexa, que se celebrará, Deus mediante, na casa parroquial das Caldas (Avda. das Caldas, nº 28- baixo, A Ponte), os días 21 e 22 de febreiro do 2009, é dicir, sábado de 10 á 13 e de 16 á 20 e, o domingo, de 10 á 13 con celebración da Eucaristía incluída e coa posibilidade de comida si se desexa.

Co gallo de que a organización sexa un pouco digna e merecente dos asistentes, rógase que se comunique asistentcia ao teléfono 988 60 68 44, antes do quince de febreiro.

CELEBRACIÓN DA HOAC

A HOAC de Ourense celebrou o día dezaoito de decembro, a súa tradicional festa de Nadal. A celebración consistíu nun Retiro de case dúas horas e nunha frugal cea a base de pinchos.Como é costume na HOAC tódolos anos por estas datas, ao redor do Nadal, celebra unha pequena festa, como preparación para a que as festas navideñas non sexan só para a galería, senón que sexa algo que marque a nosa vida como hoacistas.

A celebración consiste uns anos nunha Celebración da Palabre e outros, coma este ano, nun Retiro.
¡Bo Nadal!

 

21/12/2008

CELEBRANDO A ESPERANZA

O grupo de mozos da Parroquia reunímonos o venres día 19 de decembro, para celebrar o final deste trimestre. Ás 20,30 h, puntualmente como sempre, nos reunimos no salón onde celebramos a fe cunha oración participada por todos os membros dos diferentes grupos. Antes prepararámola nos grupos para prepararnos á celebración do Nadal.

Logo dirixímonos ó sótano e alí compartimos uns pinchos, bailamos e celebramos os cumpleanos de todos os que pasaron de ano neste trimestre. Amenizaron a festa os que viñeron con traxe de gala, os guapos e guapas de turno e despedímonos ata o ensaio da Misa de Reis. Feliz Nadal a todos e a todas.

NADAL COMPARTIDO

Nadal é Ledicia,
Nadal é Compartir.
As catequistas xúntanse
para unidas vivir.

Chipiróns, zamburiñas,
chouriciños e xamón,
e para as que gardan a liña
ensalada a mogollón.

Aquí xa non importa
o carné de identidade,
o que moia é a enerxía
que Xesuscristo nos dá.

Tres grupos parroquiais
xúntanse para cenar,
oxalá cunda o exemplo
en toda a humanidade.

FELICIDADE PARA TODOS E QUE CADA DÍA SEXA NADAL

ENCONTRO DE GRUPOS DE CÁRITAS

O mércores día 17 de decembro, corenta voluntarios dos grupos de Cáritas das Parroquias da Asunción de Nª Sª, Cristo Rei, Sagrado Corazón, Nª Sª de Fátima, San Xosé de Vistahermosa, San Pio X e Santiago das Caldas, coa participación de Dn. Evaristo, Dn. Ignacio e Dña Patricia de Cáritas Diocesana, compartimos un momento de convivencia, reflexión e pregaria no Salón Parroquial de Santiago das Caldas.

Ás 6,30 comezou o encontro coa invocación do Espírito Santo e a presentación do tema a cargo de Dña Maité Bermúdez do Departamento de Inmigración de Cáritas de Santiago. Cunha linguaxe sinxela e testemuñal compartiu con nós os programas que eles realizan con inmigrantes axudándonos a abrir camiños na nosa labor coas persoas doutros pobos e culturas coas que nos atopamos na nosa misión pastoral. Tras a presentación do tema, seguiu un traballo de grupos que nos axudou a coñecernos e compartir inquedanzas, ademais de afondar no tema, e unha posta en común cun coloquio aberto que permitiu aclarar dúbidas e coñecer os proxectos da nosa Cáritas Diocesana.

Toda a vida compartida recolleuna Dn. Bruno nunha sinxela pero viva celebración, ó final da cal compartimos un sinxelo ágape antes de separarnos levando no noso corazón enerxías renovadas e o desexo de reencontrarnos no próximo. Feliz Nadal a todos.

VISITA ÁS CLARISAS

O sábado 13 de decembro, algúns membros do equipo de Animación Misioneira, trasladámonos ata o convento que as Irmás Clarisas teñen en Vilar de Astrés. Era unha visita moitas veces anunciada pero que ata ese momento non se realizara.

Un pouco antes das cinco e media, chegamos ó Convento onde nos recibiron cos brazos abertos e puxeron á nosa disposición unha sala para poder ter a reunión mensual que habitualmente ten o Equipo. Unha vez finalizada dita reunión, as irmás convidáronnos a un café con pastas e con elas mantivemos unha cordial e entretida charla, amosando pola súa parte un gran interese nas actividades que leva a cabo o Equipo. Antes de finalizar a visita, rezamos coas irmás as Vésperas do domingo.

Grazas ás Irmás Clarisas pola súa hospitalidade, a súa acollida e a súa oración constante.

 

19/12/2008

NA HONRA DE SANTIAGO MASARNAU

As Conferencias de San Vicente de Paul de Ourense celebraron na nosa Parroquia o III Domingo de Advento ás 19 horas, a Eucaristia no aniversario da morte de Dn. Santiago Masarnau fundador das Conferencias de San Vicente en España.

Presidiu a celebración o Consiliario Dn. Aurelio Gil quen, na homilía, glosou a figura de Santiago Masarnau, como modelo no servicio ós pobres tras a súa conversión nunha Coresma. Un xoven que "vivía a vida" e cando se atopou con Xesuscristo decidiu buscar un sentido novo no servicio ós preferidos do Señor: Os pobres.

A nosa noraboa tanto ó Consello Diocesano das Conferencias como ós membros da Conferencia de San Vicente da nosa Parroquia.

RETIRO PARROQUIAL

Un pequeno grupo de membros da comunidade parroquial uníronse ós do Arciprestadego Ourense Oeste para vivir unha xornada de oración no Seminario Maior. A xornada de retiro estivo dirixida por Dn. Bruno, Copárroco do Sagrado Corazón de A Carballeira coa profundidade e bo facer de sempre.

Agardamos que ó próximo, en Marzo, sexamos máis os que nos animemos a deixar, por un momento, as nosas tarefas e dedicar un tempo á oración en comuñón con irmáns e irmás doutras parroquias como expresión da nosa eclesialidade.


CELEBRACIÓN DO EQUIPO DE LITURXIA

O Mércores día 10 de decembro, o Equipo de Liturxia da comunidade parroquial reunímonos para celebrar a nosa fe e compartir un momento de fraternidade ó final do trimestre.

A celebración, preparada por algúns membros do equipo, axudounos a reflexionar sobre as comidas de Xesús como espacio de comuñón e signo da salvación no medio deste tempo onde o comer xuntos se prodiga, aínda que a crise faga que este ano sexan máis frugales as cenas.

Logo compartimos un sinxelo aperitivo, acorde coa austeridade que propomos como modo de vida. Agora, quédanos preparar o Nadal e vivir o que queda do Advento con entusiasmo e gozo.

NOVO EQUIPO DE SON

O advento trouxo unha boa noticia: Un novo equipo de megafonía dixital permite que a asemblea parroquial poida escoitar con maior nitidez.

É a primeira parroquia da Provincia en dispor dun equipo dixital formado por unha columna con 18 altavoces que sonoriza todo o templo.

A empresa ELEMAR foi a encargada de instalar o equipo que agardamos remedie as deficiencias que, dende Maio de 2006, cando un raio queimou o equipo anterior, viñamos sufrindo.

 

PRETO DE 3000 KG. E MOITO MÁIS…

O equipo de Cáritas Parroquial distribuiu entre os días 9 e 10 de Decembro, preto de tres mil quilos de alimentos procedentes do Banco de Alimentos a través da Unión Europea a máis de cen familias da nosa Parroquia.
O traballo dos voluntarios e a colaboración de moitos dos propios beneficiarios permitiu realizar a distribución con rapidez e eficacia.

Ao longo deste ano o Equipo de Cáritas distribuiu preto de doce mil Quilos de alimentos procedentes deste destino. A elo hai que sumar os aportados por outras entidades colaboradoras con esta Cáritas Parroquial e o que aportan moitos fregueses, así como o que se adquire co diñeiro recadado na Campaña de Nadal.

Pero non só se distribúen alimentos; acóllese, oriéntase, axuda a atopar traballo, solucionan problemas … A labor social de Cáritas Parroquial é admirable. Gracias a todos os voluntarios e a cantos coa súa colaboración, calada, permiten paliar un pouco a necesidade de quen o sistema non permite gozar do que en xustiza lles pertence como dereito: Vivir dignamente.

A CAMPAÑA DE NADAL EN MARCHA

Un ano máis co inicio do Advento, Cáritas Parroquial e as Conferencias de San Vicente de Paul convídannos a todos a colaborar cos nosos donativos para constituír un fondo que permita facer fronte ás múltiples necesidades que a pobreza e a exclusión social presenta a moitas persoas da nosa parroquia ao longo do ano.

Como vén sendo tradicional son moitas as persoas que fan nos seus orzamentos un oco ós máis pobres. Tamén os nenos de catequese, dos seus aforriños, aportan un quilo de alimentos non perecedoiros que se almacenan para axudar a paliar a pobreza de moitas persoas durante todo o ano.

Agardamos e desexamos que cada día sexan máis persoas, empresas e colectivos os que se sumen a esta obra social da Parroquia a través de Cáritas Parroquial e as Conferencias de San Vicente, prestando axuda a mais de cen familias da nosa comunidade.

 

26/11/2008

MAGOSTO E MANTA EN CARRACEDO

Quince mozos dos grupos parroquiais démonos cita o Sábado 22 de novembro pola tarde e o domingo 23 na Casa Reitoral de Carracedo para celebrar o Magosto.

Dn. Julio Grande, o párroco desta Parroquia, acolleunos fenomenalmente, como sempre. Alí compartimos momentos de oración como as I Vésperas da Solemnidade de Cristo Rei e a Eucaristía do Domingo coa comunidade parroquial; xogos, entre os que destacou a "iniciación dos que acudían por primeira vez" co xogo da manta.

Ó calor do lume daquela artística lareira asamos os chourizos, as castañas e o churrasco e lembramos a historia de Carlitos, o fantasma que vive nestes paraxes. O Domingo pola tarde regresamos a casa coa ilusión de repetir e botando de menos ós compañeiros de grupos que elixiron outras opcións na súa vida (estudar ou ir a outros lugares) e a daqueles que a "gripe" impediu participar. Agardamos que para a próxima sexamos algúns máis.

A PARROQUIA NO CURSO DE DSI

O Sábado, día 22 de Novembro un nutrido grupo de membros da nosa comunidade parroquial participamos no Curso de Doutrina Social da Igrexa organizado pola Fundación Santa María Nai e a Vigairía de Pastoral.

As conferencias correron a cargo do Profesor Antonio María Baggio quen disertou sobre a Doutrina Social da Igrexa e a súa actualidade no mundo de hoxe.

Un bo número de persoas, ademais dos alumnos do Curso de Doutrina Social da Igrexa organizado pola Fundación Santa María Nai, seguiron con atención as contribucións do profesor italiano. Coñecer, difundir e, sobre todo, aplicar á vida a DSI é un medio para levar adiante a programación pastoral da nosa Diocese. É de agradecer o servizo que a nosa Diocese pon á nosa disposición e oxalá cada día haxa máis persoas que se arrisquen a dedicar unha parte do seu tempo a formarse para dar razón da súa fe na vida social.

A Parroquia axudará a dar continuidade a estes cursos coa escola parroquial de DSI, aberta a todos os fregueses e persoas que desexen adherirse.

 

18/11/2008

¡VIVA O MAGOSTO!

Preto de cen nenos e nenas da catequese parroquial e do Junior acompañados polas súas catequistas e educadores camiñaron cara o Seminario Maior o Sábado día 15 de Novembro para celebrar o Magosto. Nun día espléndido gozamos das castañas, os chourizos, os xogos e a convivencia entre todos sen móbiles, nin vídeo xogos, nin mp3… xogando ós gatos e ratos, á corda, ó brilé, futbol, baloncesto, saltar a fogueira…

O regreso, cansados pero cheos de ledicia, tróuxonos de novo a casa precisados dunha boa ducha e con gañas de volver o próximo ano e agardando as fotos un destes domingos para rirnos un pouco.

 

17/11/2008

ENCONTROS DE FORMACIÓN PARROQUIAL

Os días 5 e 6 de Novembro atopámonos preto de 40 persoas dos diferentes grupos para celebrar o primeiro encontro intergrupal da nosa comunidade parroquial. Os obxectivos destes encontros son vernos e coñecernos, dado que ó atoparnos en grupos diferentes e en horarios distintos corremos o risco de estar na mesma misión e non coñecernos; e por outro lado, formarnos para dar razón da nosa esperanza no medio do ambiente social onde vivimos.

Neste primeiro encontro reflexionamos sobre a "Eucaristía e misión" e a "Pastoral social", en orde a poder impulsar con maior ardor a programación pastoral diocesana e parroquial.

Despois da oración e da presentación do tema, un tempo de traballo de grupos permítenos coñecernos compartindo a nosa maneira de pensar. Logo coa posta en común e a valoración concluímos este primeiro encontro valorado moi positivamente polos participantes.

 

16/11/2008

A HOAC CELEBRA O MAGOSTO

O pasado domingo, día nove de novembro do dous mil oito, unha trintena de Militantes e simpatizantes da HOAC de Ourense, se deron cita no pobo de San Facundo de Cea para celebra-la tradicional festa do magosto.

Como xa é un costume, a HOAC de Ourense se reune para celebra-lo magosto e ao mesmo tempo ter unha xornada de convivencia e de fraternidade entre os seus membros e todos aqueles que dun xeito ou doutro se sinten preto dela, é dicir, aos que chamamos simpatizantes.

O día ten tamén o atractivo de comparti-la Eucaristía coa comunidade parroquial na que celebra o magosto, neste caso foi San Facundo de Cea. A Santa Misa foi preparada pola HOAC.


13/11/2008

EMPEZOU CAIXÓN DE XASTRE

Neste curso pastoral 2008-2009, iniciamos unha nova actividade pastoral: o "Caixón de Xastre" e o taller de Teatro. A primeira reunión destas dúas actividades foi o pasado sábado día oito, e levarase a cabo durante dous sábados ó mes ata finalizar o curso.

Este primeiro sábado dedicouse a explicar a todos os nenos en que se basa o que imos facer e comezamos xogando. Reunímonos máis dunha ducia de rapaces e algúns non tan rapaces... e entre xogos e avisos pasóusenos a tarde voando e con moitas gañas de repetir, segundo manifestaron os participantes.

Dende aquí animarvos a participar porque aínda quedan moitos máis ratos de diversión por diante. Vémonos o vindeiro día 29, acordándonos de traer algo para non mancharnos ó facer a nosa primeira manualidade.

 

04/11/2008

EMPEZOU O CURSO DA DOUTRINA SOCIAL DA IGREXA

Este é o sexto ano que retomamos esta iniciativa de coñecer a DSI. A diferenza é que neste ano, alentados pola programación pastoral no seu obxectivo preferente primeiro, atopamos un eco e unha resposta moi superior a outros anos. Trinta persoas participaron na primeira sesión. Un bo grupo da Parroquia de San Pio X acompáñanos, un signo de como é posible a colaboración e facer cousas en común.

A primeira sesión foi unha introdución á Doutrina Social da Igrexa en orde a lembrar a súa identidade, suxeito, metodoloxía, percorrido histórico e documentos principais, así como os grandes principios que deben orientar o compromiso dos leigos no medio dos afáns temporais.

TODOS EN MARCHA…

O curso pastoral 2008-2009 está xa en camiño. Nenos, mozos, adultos e maiores, todos iniciaron as súas actividades. Chama a atención o lixeiro descenso de nenos en catequese de poscomuñón, quizais consecuencia do agobio de actividades a que se ven sometidos hoxe. Por outro lado é de loar a asistencia de pais-nais ás reunións convocadas e o aumento de persoas na vela no templo.

Agardamos que a ilusión non decaia e vaiamos recuperando as sinais da nosa identidade como crentes, sobre todo a Eucaristía dominical, fonte e meta da misión da comunidade parroquial.

UN, DOUS, TRES… PROBANDO EQUIPO DE SON

Facía xa tempo que na nosa comunidade parroquial había queixas debido ó mal funcionamento do equipo de megafonía do templo. Os diferentes amaños non emendaron as deficiencias e, o equipo de economía, decidiu renovar a megafonía. Por elo levamos quince días probando diferentes equipos. Ata finais de Outubro estivemos probando unha columna dixital que, unha soa, sonoriza todo o templo. Agora estamos probando outro equipo analóxico.

Agardamos que xuntos, aportando cada un a nosa valoración, atopemos o medio alcanzable á nosa economía que nos permita que no templo se óia e se entenda de xeito que a participación nas celebracións se vexa facilitada.

TODOS OS SANTOS: SEGUIMOS FIEIS Á CITA

Un anos máis, a pesar de que o tempo ameazaba chuvia, volvémonos a reunir na cidade do silencio. Acompañados polo noso pastor e bispo Dn Luis, oramos polos nosos familiares, amigos e veciños defuntos no cemiterio de As Caldas.

A pesar de que o número de sepulturas diminúe cada ano no noso camposanto, un nutrido grupo de familias reúnense para lembrar ós seus seres queridos e xuntos escoitar a Palabra de Deus e renovar e afianzar a nosa esperanza na resurrección.

Que o Pai da Vida lles dea o descanso e, ós que aínda peregrinamos, a esperanza e o consolo.


27/10/2008

O EQUIPO DE ANIMACIÓN MISIONEIRA FAI BALANCE

O Equipo de Animación Misioneira valorou como moi positivo o traballo realizado durante o Outubro-misioneiro. Todos os membros do equipo puxeron o seu grao de area preparando as diferentes celebracións, animando o Rosario misioneiro, difundindo carteis polo barrio e alentando o espírito de apertura á misión na nosa comunidade. Certo que algunhas cousas quedáronse, unha vez máis, en desexos como foi a hucha misioneira e a dificultade de iniciar a catequese xusto na semana do DOMUND. Tamén, como adoita acontecer sempre, houbo algúns membros do equipo que cargaron con máis traballo.

Agora ollamos ó futuro e estase preparando o Nadal misioneiro coa felicitación do Nadal ós misioneiros e a preparación da operación Sementadores de Estrelas.

Pero sobre todo o Equipo de Animación misioneira quere agradecer ós membros da comunidade parroquial a súa xenerosa colaboración económica e a súa oración. En tempos de crise a xenerosidade dos pontinos rebordouse e máis de 3.500 € foron a súa xenerosa contribución (máis de 1.000 € máis que o ano anterior). No nome dos misioneiros gracias e ánimo, que xuntos podemos facer un mundo máis humano e, por elo, máis acorde ó plan de Deus.

TODOS EN CAMIÑO

Todos os grupos que a parroquia promove son para facernos medrar na fe. Pero hai algo que nos preocupa e é o agobiar ós nenos con actividades extraescolares onde a catequese non se valora por parte de pais que, só uns meses antes, pediron a Primeira Comuñón.

Hai que valorar a resposta dun colectivo moi importante de pais que están participando nas reunións de pais e acompañan ós seus fillos e fillas á catequese. A súa colaboración é imprescindible e non podemos esquecer que nas opcións que facemos amosamos as nosas prioridades. De pouco serve dicir que somos cristiáns se logo calquera actividade é prioritaria e a Eucaristía dominical tampouco ocupa un lugar importante na nosa vida.

A Parroquia seguirá ofrecendo o seu proceso de catequese ós moitos nenos e pais que seguen sendo fieis e buscando a forma de facilitar o máis posible a participación de todos pero lembrando que a catequese é un proceso que vai de primeiro de catequese (coincidindo con primeiro de primaria) ata segundo de ESO. Agradecemos a todos os pais que responderon, unha gran maioría, a súa colaboración e a garantía de que as normas establecidas serán respectadas.

UN ANO MÁIS EMPEZA A DOUTRINA SOCIAL DA IGREXA

Xa van sete anos dende que comezamos aquel humilde proxecto nomeado dun xeito un pouco presuntuoso: Escola de Doutrina Social da Igrexa. Unhas 16 persoas mensualmente acudiron a esta oferta. Seguindo as ensinanzas e recomendacións da Igrexa fomos coñecendo a natureza, historia, documentos e diversos temas das esixencias sociais do Evanxeo debulladas polo Maxisterio da Igrexa.

Este ano a oferta ábrese a outras comunidades e temos noticias de que algunha parroquia participará cun grupo importante. Unha oferta máis, que non compite coa diocesana senón que, de modo máis humilde, pretende axudar a vivir e participar naquela.

Agardamos que o vindeiro martes nos vexamos un grupo importante de persoas.

VISITA Á CIDADE DO SILENCIO

O vindeiro Sábado, día 1 de Novembro, ás 4 da tarde, presididos polo Sñr. Bispo reunirémonos no Cemiterio das Caldas para honrar ós nosos devanceiros. ¡Son tantas cousas as que lles temos que agradecer! Alí faremos memoria deles e afianzaremos a nosa esperanza na Resurrección futura.

O Domingo día 2, ás 12, na Eucaristía oraremos por todos os nosos irmáns e irmás que remataron o seu peregrinar neste mundo.

Felices os mortos que morren no Señor, que descansen das súas fatigas porque as súas obras acompáñanos. Amén.

 

10/10/2008

AS SINAIS ESTÁN POSTAS… AGORA A FACER O CAMIÑO

O Mércores día 8 celebrou a súa reunión o Consello de Pastoral Parroquial co obxectivo de estudar o Proxecto de Programación pastoral. Tras analizar as propostas e contribucións dos grupos aprobouse a Programación que nos indica o camiño a seguir neste curso pastoral para levar a cabo a misión que se nos confia.

Agora queda, coa graza de Deus, o esforzo e compromiso de cada un e de toda a comunidade para seguir as sinais que a programación nos vai marcando.

Que San Paulo, ó apóstolo das xentes, e Santiago, o noso patrono, nos alenten nesta misión.

LÁMPADA É A TÚA PALABRA PARA OS MEUS PASOS

Cerca de 50 persoas participaron na presentación do traballo dos Grupos Bíblicos deste curso pastoral 2008-2009.

Despois a oración inicial e a presentación do programa diocesano lembróusenos como este curso remataremos o tema dos Profetas iniciado o curso pasado. A continuación presentóusenos a figura de San Paulo no ano do bimilenario do seu nacemento.

A próxima semana cada grupo comeza a súa tarefa coa esperanza de que, cada día máis a Palabra de Deus sexa lámpada que guie o noso camiñar. Neste ano sinodal, agardamos que a luz emanada do Sínodo de Bispos que se está celebrando en Roma, nos axude a vivir a Palabra como fonte e guia na misión da Igrexa.

AQUÍ ESTAMOS

O vindeiro día 13 de Outubro ponse en marcha xa en todos os grupos o curso pastoral 2008-2009. Nenos, adolescentes, mozos e adultos, todos co alento do Espírito, camiñaremos na mesma dirección tras a pegadas do Mestre.

Neste mes das Misións, e tendo por guia a San Paulo, o maior misioneiro de todos os tempos, queremos renovar o noso ardor e con novo impulso poñernos en camiño alimentados e fortalecidos pola Eucaristía fonte e cumio da nosa misión.

A Parroquia quere ser "fonte" onde atopemos o clima de recuperación do cansazo e as feridas da vida cotiá. Aberta a todos ten que axudarnos a discernir as situacións persoais de modo que todos, superando o noso individualismo, vaiamos uníndonos nun proxecto común, cada un segundo as súas cualidades e as forzas que Deus lle dea.

Que María nos acompañe e, este curso sexa un grato e satisfactorio camiño que nos axude a progresar en santidade.

 

30/09/2008

XUNTOS PROGRAMAMOS O NOVO CURSO

O día 27 de setembro ás tres da tarde, partiamos para Rianxo un grupo de mozos e animadores. O noso obxectivo era planificar o curso Pastoral 2008-2009 no ámbito referente á Pastoral Xuvenil da Parroquia. Eramos un grupo diverso: Había persoas confirmadas no último ano e outras máis veteranas xa nos grupos xuvenís.

Foi un día de convivencia no que gozamos da praia e a piscina, gracias a un día espléndido de sol e traballamos no borrador da programación da pastoral xuvenil da Parroquia. Non faltou a oración ó comezo de cada sesión de traballo, as Vésperas á caída da tarde do sábado e a Eucaristía dominical no oratorio da fermosa e acolledora casa das MM Franciscanas de Rianxo, que nos acollen sempre con moito cariño.

As nosas propostas presentaranas ó Consello de Pastoral os nosos representantes e agardamos que, xuntos e coa forza do Espírito Santo, recuperemos a ilusión e moitos mozos se animen a encher de entusiasmo a comunidade parroquial.

Ó CALOR DA PALABRA

O sábado día 27 de setembro ás 10 da mañá, acudimos puntualmente á cita. Convocábanos a Vigairía de Pastoral a reunirnos para retomar de novo o traballo da lectura crente da Palabra de Deus. Un grupiño da nosa comunidade, de animadores de grupos e algúns membros dos mesmos, con gozo participamos neste encontro que xa é unha cita prevista ano tras ano no noso calendario.

As ideas e contribucións recibidas foron moitas. Demasiadas para o pouco tempo do que se dispuña polo que nalgún momento fixosenos un pouco pesado. Pero a riqueza recibida foi moita e agardamos, ó calor da Palabra, seguir camiñando en comuñón coa nosa Diocese.

PASO A PASO… A PROGRAMACIÓN PASTORAL CAMIÑO DO CPP

O novo curso pastoral vai comezando a súa andadura. Como unha vella máquina de tren, os grupos empezan a engraxar as súas bielas para poñerse en marcha. Á presentación da programación diocesana segue o estudo do Proxecto-borrador e logo as correccións e contribucións que cada grupo considera oportunas. Son moitas as contribucións que se fan e que o Consello de Pastoral Parroquial terá a misión de aprobar na súa reunión ordinaria do día 8 de Outubro.

Que Santiago apóstolo e San Paulo nos axuden e guien para que esta ferramenta nos axude a seguir sendo humildes traballadores da viña do Señor ó servicio da nosa Igrexa local.


09/09/2008

FAISE CAMIÑO Ó ANDAR…

Un día despois (algúns traballan os Sábados pola mañá) de que a Xuventude Diocesana peregrinase ós Milagres, un grupo de dez mozos da Parroquia de Santiago das Caldas emprendía o camiño cara o Santuario para renovar o seu compromiso cristián ós pés da "Santiña".

Con moita ilusión e ledicia (tarta de cumpleanos incluída) fixeron, paso a paso, o camiño dende o templo parroquial ó Santuario do Monte Medo onde participaron (en canto o sono o permitía) na Santa Misa, oraron un momento en silencio e logo, despois dun reconfortante chocolate con churros na tradicional "Churrería Lolita" o regreso a casa. Alí acollíaos Dn. Oscar, sacerdote vinculado á nosa Parroquia, e acompañábaos na oración e o descanso.
E ó chegar… ¡¡a durmir!!. Pois non. Algúns dirixíronse ás termas de A Chavasqueira para recuperarse da camiñata. No ano da auga e estando nesta beira do río, non podía haber mellor final.

E, como a xuventude é tempo de enerxía, non só pensan na do ano que vén, senón xa na inminente convivencia dos días 27 e 28 de Setembro para programar o vindeiro curso pastoral.

02/09/2008

XA ESTAMOS EN MARCHA….

Coa reunión da Comisión permanente do Consello de Pastoral ponse en marcha o novo curso pastoral 2008-2009. Nunha reunión iniciada cun momento de oración aprobamos o Proxecto de programación pastoral e o proceso que se vai seguir para que todos os grupos o vaian traballando e axustando ás súas posibilidades, tendo en conta a programación pastoral da nosa Diocese. Así mesmo demos o noso visto bo ó novo número da revista Parroquia en camiño e ó calendario de traballo ata a reunión do Consello.

A partir de agora o material está a disposición dos responsables de grupo para que estes convoquen ós membros dos seus grupos e xuntos, coa luz do Espírito Santo, deseñar o camiño a percorrer durante este curso, tendo como guia a Palabra de Deus que nos chega por medio do Apóstolo San Paulo, no bimilenario do seu nacemento.

Bo camiño pastoral.

BOLETIN PARROQUIA EN CAMIÑO

¡Xa imos polo terceiro! En orde a evitar as longas listas de avisos do final da Eucaristía, o que a alargaba innecesariamente e rompía o seu ritmo celebrativo, no Consello de Pastoral de Xuño-08 decidimos elaborar o "Boletín, Parroquia en camiño". Entrégase todos os últimos domingos de mes e contén reflexións, algunha oración, un espazo cómico e todos os avisos das actividades da Parroquia do mes seguinte. A experiencia vai calando e o pasado 31 de Agosto repartíronse máis de trescentos exemplares.

Agardamos que nos axude a seguir mellorando as nosas celebracións ó tempo que os nosos fieis están ben informados das actividades da Parroquia.

MELLORANDO A NOSA WEB

Durante o verán o responsable da Web estivo realizando algúns traballos de mellora da mesma e inserindo unha información máis completa. Agardamos que, co novo curso, todos poidades gozar das melloras.

Agardamos que proximamente o "boletín Parroquia en camiño" estea colgado e a disposición de todos os fregueses. Publicación que agardamos enviar tamén por correo electrónico a todos aqueles fregueses censados de quen temos o seu email, así como información sobre a preparación e celebración de sacramentos na Parroquia.

Gustaríanos contar coa colaboración de todos e facer da nosa web unha ventá cara o interior da comunidade.

PREPARANDO AS MALETAS…

A excursión parroquial a Helsinky, Tallín e San Petersburgo está xa lista. As máis de corenta persoas que participarán nela están confeccionando as súas maletas cheas de ilusión e gañas de gozar duns días de convivencia coñecendo outras culturas e pobos que lles enriquezan intelectual e espiritualmente.

Agardamos que todos teñan un bo viaxe e, á súa volta nos enriquezan, ós que nos quedamos, con todo o que eles reciban. ¡¡Boa viaxe!!

 

www.santiagocaldas.org © 2017 Parroquia de Santiago
Avda. de las Caldas, 28. 32001 Ourense
info@santiagocaldas.org (+34) 988 211 954