Inicio Horarios Contactar

Presentación
Onde estamos
Historia
Programación 2017-2018
Horarios
Organización
Publicacións
Ligazóns
Noticias
Curso 2017-2018
Curso 2016-2017
Curso 2015-2016
Curso 2014-2015
Curso 2013-2014
Curso 2012-2013
Curso 2011-2012
Curso 2010-2011
Curso 2009-2010
Curso 2008-2009
Curso 2007-2008
Curso 2006-2007
Curso 2005-2006
Curso 2004-2005
Curso 2003-2004

AxendaAmosar axenda completa

En castellano

14/08/2008

PRIMEIRAS COMUÑÓNS DA ASUNCIÓN

O día 15 de Agosto, festa da Asunción da nosa Señora, oito nenos e nenas da nosa Parroquia celebraban con gozo, acompañados dos seus familiares, amigos e toda a comunidade a súa Primeira Comuñón.

É o derradeiro grupo deste curso no que se achegaron por primeira vez ó banquete da Eucaristía 55 nenos e nenas.

Agardemos que, coa forza do Pan de Vida, o testemuño dos seus e toda a comunidade sigan sendo fieis á Eucaristía de cada domingo, o día do Señor e ó seu proceso de Catequese de Iniciación cristiá. En Outubro vémonos.

PREPARANDO O PROXECTO PASTORAL DO CURSO 2008-2009

Co tríptico da Programación diocesana quentiño e recén saído das xornadas de programación de Os Milagres e a revisión do curso pasado, xa está case listo o proxecto de programación pastoral do Curso 2008-2009.

Agardamos que para fins de Agosto estea listo e todos os grupos poidan dedicar Setembro a estudalo e facelo o máis concreto e realista posible para seguir traballando na misión confiada en comuñón coa Igrexa diocesana.

SAN XOAQUIN E SANTA ANA, O DÍA DOS AVÓS

O día 26 de Xullo ás 12, no marco das nosas festas patronais, a Parroquia celebrou o día dos "avós". Unha celebración entrañable que leva máis de cinco anos celebrándose cunha Misa solemne cantada pola "Rondalla Alecrín" da Sociedade Artística A Troya, que logo ó final ofrece un concerto no Salón Parroquial e a Comisión de festas ofrece ós asistentes un viño español.

Este ano, por razóns de forza maior, non nos puido acompañar o Sr. Bispo e si acompañounos, como sempre Dn. Xosé Luis Baltar, presidente da Excma Deputación Provincial e os concelleiros do barrio.

A todos, o noso agradecemento, así como ós membros da Comisión de festas polo seu traballo abnegado durante tantas horas para regalarnos estes días de festas. Queira Deus e Santiago que sempre haxa veciños dispostos a colaborar.

Que San Xoaquín e Santa Ana, acompañen e guien ós nosos avós que teñen un papel tan importante na sociedade de hoxe e na transmisión da fe.

 

FESTAS PATRONAIS

Como vén sendo tradición, o noso barrio gozou duns días de festa na honra de Santiago Apóstolo os días 24-25-26 e 27 de Xullo.

As rúas cheas de xentes dos barrios e pobos veciños, familiares e amigos dos pontinos que se quedan (tristemente unha maioría vaise para evitar as molestias que ocasionan o ruído e a aglomeración) deron unha cor e aire gozoso ás nosas rúas. A música, os feirantes, o deporte e multitude de atraccións fixeron que por uns días A Ponte fóra o centro neurálxico da cidade. A pesar da crise de todas as festas, "As festas de A Ponte" son as mellores de Ourense, non en van, como ben nos lembrou o pregoeiro Dn. Xosé Lorenzo, "Pepe Perla", seguen sendo as festas dun vello "concello anexionado" pola cidade. Non deberían esquecelo nunca os que sexan os nosos rexedores municipais.

E no marco destas celebracións a Misa solemne e procesión con participación dunha parte da Corporación Municipal presidida polo Sr. Alcalde, Dn Francisco Rodríguez, a quen agradecemos, un ano máis, a súa presenza. A procesión, seguida por numerosos fieis realizou o seu percorrido tradicional e, a continuación, a Misa solemne cantada polo coro parroquial e co noso templo abarrotado e engalanado. Rematou a celebración co canto do Himno a Santiago e o Himno galego, non en van é o día da nosa terra

Que Santiago Apóstolo nos siga guiando no peregrinar "polos vieiros dá vida".

 

28/06/2008

NORABOA…¡OSCAR!

"O Señor estivo grande con nós e estamos alegres"… Ó fin chegou o momento tan soñado e agardado. O día 28 de xuño ás 11 da mañá o Sr. Bispo da Diocese, Dn Luis Quinteiro confería o ministerio do Presbiterado ós tres diáconos da nosa diocese. Entre eles atopábase Oscar que compartiu coa nosa comunidade parroquial a última etapa da súa formación: A etapa de pastoral.

Unha celebración vivida intensamente por todos, en especial polos tres ordenados ós que acompañaban un nutrido grupo de sacerdotes, os seus familiares e fregueses da comunidades nas que viviron o seu diaconado.

O domingo día 29, ás 12, presidirá a Eucaristía na nosa comunidade . Todos nos sentimos gozosos de que chegues á meta e agora, coa graza de Deus, fagas da túa vida un servizo para o ben da Igrexa. ¡Noraboa!

03/06/2008

EQUIPO DE CÁRITAS: GRAZAS E PUNTO SEGUIDO

O equipo de Cáritas parroquial de Santiago das Caldas reuníuse o día 2 de Xuño para celebrar a fe, revisar o curso, preparar o encontro interparroquial e compartir un sinxelo ágape de fin deste curso pastoral.

Non nos imos de vacacións, simplemente pouco a pouco vai disminuíndo o ritmo do noso traballo para repousar todo o moito que ao longo deste ano recibimos do Señor por medio dos compañeiros de equipo, dos irmáns e irmás doutras parroquias e, sobre todo dos pobres. Eles lembráronnos a presenza de Deus chamando á nosa porta e son sempre acicate no noso camiño tras as pegadas de Xesús.

Pedimos ó Señor, colirio para limpar os nosos ollos e ver ás persoas como fillos e fillas de Deus que vén ó noso encontro nas súas ledicias, penas e necesidades; a súa graza para temperar a nosa fe e ser capaces de amosala no mundo e un gran amor que nos converta o corazón e axude a converter en vida o que celebramos en cada Eucaristía.

Pero a tarefa segue, porque "pobres terédelos sempre entre vós" e non adoitan ter vacacións e se as teñen son forzosas, por elo a porta segue aberta.

02/06/2008

A FESTA DA PALABRA

Vinteuna persoas da nosa comunidade Parroquial gozamos dun día de convivencia nos Milagres en torno á Palabra de Deus. De 11 Parroquias da Diocese reunímonos máis de 200 persoas para vivir unha xornada de reflexión, oración e festa.

A Vigairía de Pastoral preparou este encontro como final dos grupos que, nas diferentes comunidades da Diocese seguen a "Lectio divina". A xornada comezou pasadas as 11,30 da mañá coa presentación dos grupos e do encontro e un canto á Virxe no Salón de Actos do Colexio dos Milagres. Logo, Dn. José Antonio Gil Sousa presentounos o contido do Sínodo sobre "A Palabra de Deus na vida e misión da Igrexa" que se celebrará en Outubro próximo en Roma. A continuación entronizamos o libro da Palaba de Deus cunha celebración sinxela e Dn. Julio Grande Seara axudounos a afondar no texto que sería obxecto da Lectio divina deste encontro: Xn.1,35-42.

Despois dun breve descanso, reunímonos por grupos formados por compoñentes das diversas parroquias e, despois de presentarnos e compartir o que aportan os grupos bíblicos á nosa vida, realizamos a dinámica da Lectio divina do texto de San Xoán, para concluír ás 14,15 cunha breve posta en común e pasar a compartir a comida xuntos. Nun clima de romaría e de festa, animada por Dn. Tomás, párroco de Xinzo, sorprendeunos a hora da celebración da Palabra presidida polo noso pastor e Bispo que nos acompañou durante toda a xornada participando nun grupo de Lectio divina, como un máis.

Tras as celebración, con gozo e ledicia voltamos ós nosos lugares de orixe agradecendo á Vigairía de Pastoral esta xornada e agardando que para o próximo ano máis comunidades se apunten a esta iniciativa de coñecer, meditar e vivir a Palabra de Deus.


20/05/2008

FUN FORASTEIRO E ACOLLÉSTESME

Preto de 40 persoas, entre membros de Cáritas Parroquial e inmigrantes, compartimos unha tarde de encontro, diálogo e confraternización. Persoas de Rumanía, Colombia, Arxentina, Cuba, República Dominicana, Uruguay, Venezuela, Honduras e A Ponte, convertemos a Casa Parroquial no que queremos que sexa: Un referente de encontro e convivencia fraterna.

O encontro, planificado polo equipo de Cáritas parroquial na programación pastoral deste curso, iniciouse cun momento de oración. Logo, en diferentes grupos, dialogamos sobre os problemas que máis afectan ós inmigrantes que chegan á nosa cidade e o que agardan de nós. Mentres os maiores dialogaban sobre os seus problemas os máis pequenos gozaban de xogos acompañados por Puri, a quen agradecemos a súa inestimable colaboración e a súa dispoñibilidade en todo momento.

As súas contribucións son sumamente enriquecedoras para nós e interpélannos a renovar o noso empeño pola fraternidade e a xustiza dende as nosas conviccións crentes. Á soidade de deixar a súa terra e ós seus únese, en ocasións, unha acollida fría, a desconfianza, a burocracia, algúns tratos pouco dignos e incluso "racistas", a explotación en moitos traballos onde se lles paga menos do debido e esixenselles máis horas… Toda unha interpelación para a nosa sociedade e Igrexa dende a vida e experiencia de persoas concretas con sentimentos e desexos de abrirse un futuro mellor para eles e os seus.

Despois de poñer en común o comentado nos grupos e acoller as súas iniciativas a ter máis encontros, a ofrecerlles espazos de asesoría e orientación… compartimos un lixeiro ágape no que non faltaron os produtos típicos dos seus países.

 

Grazas polo que nos aportades e, aínda que non sempre poidamos solucionar os vosos problemas, aquí atoparedes un fogar e unha palabra amable.


19/05/2008

COÑECER QUÉ É CÁRITAS

Os grupos de confirmandos deste curso, asisten os días 16 e 23 de maio a unhas charlas informativas sobre Cáritas en xeral e Cáritas parroquial en particular.


Estas charlas son impartidas por dous membros do equipo de Cáritas parroquial.


Con estas xornadas queren poñer en práctica aquilo de que "unha fe sen obras é unha fe morta".

12/05/2008

BENVIDOS Á MESA DO SEÑOR POR PRIMEIRA VEZ

Con motivo da festa da Ascensión, 11 nenos e nenas celebraron a súa Primeira Comuñón na nosa comunidade parroquial. Foi un día de festa onde os seus amigos, pais e familia participaron con gran recollemento neste momento importante non só para eles, senón tamén para toda a comunidade parroquial.

Benvidos á mesa do Señor e agardámosvos cada domingo e para o vindeiro curso en catequese os Mércores de 6 a 7.

ENCONTRO DE LECTORES DO ARCIPRESTADEGO OURENSE-NORTE

O pasado día 7 de Maio máis de 42 persoas das Parroquias do Arciprestadego Ourense-Norte, que habitualmente exercen nas súas comunidades o ministerio de Lectores, asistiron ó encontro que sobre o ministerio do lector tivo lugar no Salón Parroquial da nosa comunidade.
A charla, dirixida por Fran, vicario Parroquial de Santa Teresita, iluminounos sobre este servizo á comunidade e as condicións que require de quen é "o útlimo eslabón" para que a Palabra de Deus chegue a nós.
A nosa felicitación ó Equipo de Liturxia Arciprestal que este curso amosounos que, se queremos, se poden facer cousas xuntos. Un mínimo programa de Advento e Coresma e este encontro son boa manifestación de elo. Que non decaia.

AGARDÁMOSVOS...

Estamos chegando ó fin do curso pastoral e un bo número de adolescentes da nosa comunidade rematan o seu proceso de iniciación cristiá coa Celebración da Confirmación. Os grupos de mozos reuníronse con eles para presentarlles o traballo que nos seus grupos realizan e convidalos a seguir vinculados á Parroquia.
A reunión, na que nos acompañaron os catequistas de Confirmación, comezou cun momento de oración e unha presentación por parte de dúas rapazas do grupo de mozos das razóns polas que seguen nos mesmos. A continuación, cunha montaxe, informáronos das actividades que realizan e, mediante unha sondaxe, convidáronos a expoñer as súas propostas de cara ó próximo curso.
Finalmente xogamos todos a "gústanche os teus veciños". Agardamos que a forza do Espírito os alente e anime a seguir e xuntos medrar na nosa fe e implicación na Igrexa.

A PREPARACION DA REVISIÓN DO CURSO EN MARCHA

A Comisión permanente do Consello de Pastoral reuníuse o día 5 de Maio ás 7 da tarde para elaborar o plan a seguir para a revisión do Curso Pastoral 2007-2008. Ós grupos entregaráselles unha plantilla para que ao longo deste mes e ata primeiros de Xuño revisen a marcha da programación.

Tamén se lles envíou ós representantes do CPP a carta de convocatoria e a orde do día da reunión do Consello para valorar a revisión realizada polos grupos e as súas propostas con vistas ó próximo curso.
.

02/05/2008

CONVIVENCIA DE CONFIRMACIÓN

Os días 19 e 20 de abril, un grupo de confirmandos do Arciprestadego Ourense-Norte levaron a cabo a convivencia anual nos Salesianos de Allariz baixo o lema: "Recuperar o sentido do domingo".

 

Durante estes dous días, a oración, a formación, o traballo en grupos, a convivencia e a diversión entre eles, xunto coa visita que de costume facemos ás Clarisas, fixo que todo se desenrolase nun clima agradable e nun regreso feliz.


01/05/2008

CRUZANDO O RÍO PARA IR VER Á NOSA NAI

O día 4 de maio comeza a Novena na honra da nosa Señora de Fátima no barrio de O Couto. Ás 21 horas desprazarémonos ó Santuario para celebrar a Eucaristía con todos os peregrinos que nos queiran acompañar. É unha boa forma de iniciar o mes de Maio e un xesto que queremos, de antemán, agradecer ós reitores do Santuario que, ano tras ano, convídannos a renovar a nosa fe ós pés da nosa Nai.


Agardamos que moitos fregueses nos acompañen e participen nesta celebración que, con tanto cariño e mimo, o Equipo de Liturxia da nosa comunidade está preparando. María do Evanxeo, muller da Eucaristía axúdanos a vivir o domingo con verdadeiro espírito pascual.

A PASCUA DO ENFERMO

O sexto domingo de Pascua, vinteseis persoas enfermas e maiores da nosa comunidade celebraron na comunidade o Sacramento da Unción de enfermos. Temos que agradecerlles o seu testemuño e axudarnos a descubrir que Deus está presente ó noso carón nos momentos difíciles e críticos da nosa vida, cando as forzas nos fraquean e a saúde non nos acompaña. Agradecemos tamén ós seus familiares o acompañalos e agardamos que nos axude a descubrir o sentido e valor deste sacramento que Xesuscristo nos deixou á Igrexa para sentirlo a nosa beira.

Rematada a celebración, outros tres irmáns recibiron a Unción nas súas casas porque a súa situación non lles permitía achegarse á comunidade. É de agradecer a eles o seguir sentíndose membros da comunidade e ós seus familiares o acompañalos e coidalos con tanto cariño e facilitarlles que sigan coidando a súa fe.

Oxalá o seu testemuño sexa estímulo para moitos máis. ¡É duro ver como persoas de Misa e comuñón diaria, cando a saúde ou as forzas fraquéanlles, desaparecen da comunidade e perdemos todo contacto e todo coidado e alimento comunitario da súa fe! María, saúde dos enfermos roga por nós.

PLANTAS QUE DAN FROITOS DE AMOR

O derradeiro e caluroso fin de semana de abril, o Equipo de Animación Misioneira da nosa comunidade parroquial, levaba a cabo a súa xa tradicional venda de plantas para financiar os proxectos misioneiros que durante este curso se planificaran.

Nesta ocasión, o que se recaude irá destinado para financiar proxectos de formación en dúas comunidades africanas: unha delas, Gilgel Beles en Etiopía onde está o Pai Juan González Núñez, misioneiro Comboniano, e a outra é a parroquia de San Felipe na Diocese de Maroua ó norte de Camerún onde está Juan Antonio que é misioneiro Espiritano (da Congregación do Espírito Santo).

Grazas á comunidade parroquial que, unha vez máis, colaborou de forma tan xenerosa a que cada día sexan máis os que coñezan a Boa Nova do Evanxeo. María, Raíña das Misións, acompaña ós misioneiros na súa tarefa evanxelizadora.

 

29/04/2008

EUCARISTÍA DE TERCEIRO DE POSTCOMUÑÓN

Na Eucaristía das 12 da mañá do domingo día 20, os nenos e nenas de terceiro de postcomunión celebraban ante a comunidade a Eucaristía de entrega do Noso Pai e solicitaban á comunidade ser admitidos ó catecumenado de Confirmación.

Acompañados das súas catequistas e Oscar prepararon con esmero a celebración na que participaron todos con gran entusiasmo.

A comunidade acóllevos e aléntavos a seguir o voso proceso de iniciación cristiá camiño da súa culminación co Sacramento da Confirmación.

23/04/2008

CÁRITAS CELEBRA A PASCUA

O pasado luns día 21, o equipo de Cáritas Parroquial celebramos a Pascua. A celebración comezou co rezo de Vésperas e logo compartimos unha lixeira cena. A convivencia entre todos os membros do Equipo e do roupeiro axúdanos a medrar en amizade e compartir os problemas con que cada día nos atopamos de modo distendido.


Esta celebración é estímulo e alento para afrontar o traballo do último trimestre e preparar o día de Cáritas na xornada do Corpus.

¡NORABOA RAPACES!

Dende os comezos, os nosos nenos e mozos veñen participando no Festival da Canción misioneira. Un evento onde, aínda que nos gusta gañar, o importante é participar e cantar a eses homes e mulleres que o están dando todo polo Evanxeo entre os máis pobres.

Este ano, os mozos, tivérono difícil. Primeiro porque os estudios e o traballo teñen a moitos deles lonxe durante a semana e ensaiar é unha odisea. Logo porque a calidade dos demais participantes é moi alta. Pero despois de tres anos no cumio, o segundo posto é un éxito. Grazas mozas e mozos pola vosa ilusión e esforzo e a seguir, porque os misioneiros meréceno e é un motivo para vernos e reavivar as chamas da nosa fe e amizade. "Corda rota" non está tan rota e segue soando moi ben.

E detrás, pisando forte, veñen os "Picariños" que con entusiasmo e ilusión participaron no infantil. Esta vez non se trouxeron ningún premio pero, se nalgún momento é certo iso de que o importante é participar, é cando os nosos misioneiros andan polo medio. A nosa noraboa ós gañadores.

A eles e a quen lles alentan e acompañan: Dora, Epi, Fernando, grazas e noraboa.

A CAMPAÑA DO DOMINGO

A nosa comunidade parroquial uníuse a toda a diocese celebrando a Campaña "para recuperar o domingo". Foron moitas as actividades realizadas para axudar ós membros da comunidade a descubrir a importancia do domingo na nosa vida cristiá. Comezamos participando un grupo importante no Cursiño Diocesano en Novembro 07. Logo ese mesmo cursiño o celebramos na Parroquia onde participaron máis de 50 persoas. Unha síntesis do mesmo se deu nas reunións de pais de todos os cursos de catequese entregando a todos os pais, a través dos seus fillos, un folleto elaborado polo equipo de liturxia parroquial sobre o domingo.

Dende Semana Santa a fachada do noso templo convida a todos a lembrar a importancia do domingo coa pancarta: "É domingo. Xuntos na misa, ledos na esperanza". Ós que entran se lles lembra no interior do templo con outra.

O himno da Campaña é coñecido e cantado polos fieis e nos grupos de catequese dedicouse unha sesión a reflexionar sobre a vivencia do domingo. Así mesmo os mozos confirmandos dedicaron convivencias e reunións a interiorizar a importancia do domingo para a nosa vida cristiá. Máis de cinco mil cartas do Bispo chegaron ós fogares dos nosos fieis e a elo hai que sumar todo o material da campaña que a Diocese puxo á nosa disposición.

Agora empeza a semente a fructificar. Quizais pase un tempo de medra no interior calado e oculto, pero agardamos, coa graza de Deus, que un día fructifique nunha comunidade que opta por Cristo na comunidade da Igrexa e comprométese co seu proxecto no medio do mundo. Que Santiago e María nos axuden para que digamos de verdade "sen o domingo non podemos vivir".

 

08/04/2008

PROXECTOS MISIONEIROS

A fin de semana do 26 e 27 de abril, o Equipo de Animación Misioneira da Parroquia invitaos a colaborar na financiación de dous proxectos de formación en África, cos misioneiros combonianos e cos misioneiros espiritanos.

Para eso, no adro do Templo venderánse plantas de interior e exterior.


Por anticipado agradecémoslles a súa xenerosa colaboración.

07/04/2008

CONVIVENCIA E DOMINGO

Un grupo de mozos dos grupos parroquiais desprazámonos o Sábado día 5 ó albergue "Abeiro" de Vilar de Ordelles, onde as responsables do mesmo nos acolleron con moito cariño. A convivencia estaba programada dende inicio de curso. Tras instalarnos no albergue dirixímonos a San Pedro de Rochas camiñando. No camiño, con gran ledicia, camiñamos baixo a "ameaza graciosa" do xogo do vampiro.
Apenas chegamos, sedentos polo forte calor, coñecemos a historia deste recóndito e fermoso cenobio. Logo dedicamos un tempo ó silencio e a meditación que foi moi ben valorado polos participantes e axudounos a tomar conciencia, entre outras cousas, do moito que distorsionan os ruídos da civilización (coches, berros da xente…).
Ó regresar á casa compartimos a nosa experiencia e dialogamos sobre as nosas vivencias e problemas para rematar o día cunha celebración do perdón. Coa caída da noite e o frío que chegaba retirámonos a cear, xogar e compartir xuntos unha fermosa velada.

As poucas horas de sono axudáronnos a recuperar forzas para dedicar a mañá a preparar a Eucaristía e reflexionar sobre a campaña do domingo que está desenrolando a nosa Igrexa diocesana. Ó final da mañá celebramos a Eucaristía e preparamos a celebración do domingo 13 de Abril coa parroquia.
Despois de comer, revisamos a xornada, recollemos e limpamos e desprazámonos a coñecer a "Ribeira Sacra" para voltar a casa ó final do domingo e con gañas de volver outra vez.

 

24/03/2008

SEMANA SANTA 2008

Con moito recollemento e participación vivimos, na comunidade parroquial, as celebracións do triduo pascual. É de destacar non só o número de fieis que, dende o Xoves pola mañá en Laudes e a celebración da Reconciliación, participaron en todas as celebracións, senón, sobre todo, o fervor e recollemento con que os vivimos.

O momento culminante foi a gran Vixilia Pascual. Comezamos no adro, baixo a chuvia e o frío dun ceo encapotado que ocultaba a primeira lúa chea de primaveira, e, pouco a pouco, o clima celebrativo foi enchéndonos do gozo da gran noticia: ¡¡Cristo resucitou!! Aleluia.

Agora queda dar grazas a Deus e a todas as persoas, moitas, que xenerosamente traballaron para axudarnos a vivir estes misterios. O coro parroquial e a Coral de Sobrado do Bispo que o Venres solemnizou a Paixón do Señor, o Equipo de Cáritas e de Liturxia e tantas e tantas persoas, cada unha coas súas cualidades e tempo, ó servizo dunhas celebracións sinxelas, pero vividas. Que agora sexan fonte de vida nova. ¡¡Aleluia, Cristo vive, vivamos como El!.

 

16/03/2008

HOSANNA… COMEZOU A SEMANA SANTA

Coa celebración do Domingo de Ramos inaugurouse a celebración da Semana Santa.
Cun tempo primaveral, a Procesión convocou a un numerosísimo grupo de fieis que percorreron as rúas do barrio conmemorando a entrada do Señor en Xerusalén. Rematada a Procesión, seguiu a celebración da Eucaristía co templo abarrotado.

O Equipo de Liturxia preparou e coordinou a celebración que foi participada por todos os asistentes tanto cun profundo e respectuoso silencio como participando nas respostas e cantos. Agardemos que esta festa non decaía e vivamos con gozo o triduo Pascual.

15/03/2008

EUCARISTÍA ENTREGA MANDAMENTOS

O domingo día 8 de marzo ás 12 da mañá, os nenos e nenas de 1º de Postcomunión (4º de catequese), celebramos a Eucaristía de entrega dos Mandamentos, seguindo co proceso de formación que forma parte da nosa iniciación cristiá. Durante a semana anterior, preparámola e ensaiamos coas nosas catequistas e o domingo estivemos acompañados dos nosos pais e de toda a comunidade parroquial.


Ó final, entregáronnos un recordo deste día: unha tarxeta que tiña a forma das Táboas da Lei e na que estaban escritos os dez mandamentos da lei de Deus.

Grazas ás catequistas, ós nosos pais e á comunidade por acompañarnos na nosa formación como cristiáns.

08/03/2008

EUCARISTÍA PETICIÓN PRIMEIRA COMUÑÓN

Os nenos e nenas de Primeira Comuñón, que este ano van recibir a Xesús por primeira vez nos seus corazóns, pediron ante a comunidade parroquial, na Eucaristía do domingo día 2 de marzo ás 12:00 horas, ser aceptados para poder facer a súa Primeira Comuñón. E a comunidade aceptounos.

Ó final da Eucaristía, déuselles un recordatorio coas respostas da Misa.


Como comunidade reunida cada domingo na Eucaristía, sexamos un exemplo de unión e amor para estes nenos.

06/03/2008

VIA CRUCIS DE 2º E 3º DE POSTCOMUÑÓN

O venres, 29 de febreiro ás 19,15 h. tivemos o Vía crucis os grupos de 2º e 3º de Postcomuñón (5º e 6º). Nel, e por primeira vez, participaron os nenos xunto coas catequistas.


Foi unha experiencia nova para eles que valoraron moi positivamente. Aínda que o texto utilizado era breve tendo en conta a participación dos nenos, os asistentes quedaron satisfeitos e felicitaron ós nenos.


Só nos queda agradecer, ós nenos e familias que asistiron e participaron, a súa dispoñibilidade.

21/02/2008

VIA CRUCIS DOS XÓVENES

O pasado venres, 15 de febreiro, os mozos da nosa parroquia axudáronnos a vivir e meditar o camiño da Cruz cun Vía crucis no que percorremos diferentes territorios de contemplación e oración ante o Crucificado.


Foi un Vía crucis especial, posto que non seguiu o esquema habitual coas suas catorce estacións. Nesta ocasión oramos ante a Cruz, en primeiro lugar contemplando a Cristo crucificado, tendo como fondo a pasaxe da Escritura que di: "Mirarán ó que traspasaron" e a continuación lembrando algúns momentos densos da vida de Xesús: meditando a traizón de Xudas e a negación de Pedro; o xesto da Verónica e do Cireneo e a actitude do Bo Ladrón, para rematar adheríndonos ó camiño de Xesús cun xesto de adoración á cruz.


Todos os que alí estabamos vivimos con recollemento e atención este momento de oración que agardamos sirva para axudarnos a seguir con esperanza este camiño coresmal cara a Gran Semana dos cristiáns.

18/02/2008

A EUCARISTÍA: A SÚA MÍSTICA SOCIAL

O Sábado día 16 de 5 a 8 da tarde, no Salón Parroquial atopámonos, de novo, membros dos equipos das Cáritas Parroquiales de Nª Sª da Asunción, Cristo Rei, Nª Sª de Fátima, Sagrado Corazón, San Xosé de Vistahermosa e Santiago das Caldas, para reflexionar sobre a Eucaristía misterio que se ha de vivir á luz da Exhortación Pos-sinodal "Sacramentum caritatis" de Benedicto XVI.

Tras a acollida e invocación ao Espírito Santo, fíxose unha breve presentación do contido do documento que previamente traballaramos nos nosos respectivos grupos. Pasamos a continuación a compartir as nosas reflexións en grupos integrados por membros de todas as Cáritas Parroquiais e preparamos a Eucaristía con que concluímos o encontro. Antes de despedirnos dedicamos un momento á convivencia festiva ó redor dun café.


Nos prepararnos xa para o vindeiro encontro xa que nos axudan a medrar en sintonía, identidade e comuñón no noso empeño en axudar ás nosas comunidades a ser solidarias e compartir os seus bens cos máis pobres facendo que fe e vida camiñen cada día máis unidas.

CONSELLO DE PASTORAL

O pasado Mércores día 13, réunironse os membros do Consello de Pastoral en reunión ordinaria para revisar a marcha da comunidade parroquial neste primeiro cuatrimestre do curso pastoral.

Despois da oración, dirixida por Dn. Oscar, a Secretaria Dña. Conchita Dacal leunos o acta da reunión da sesión de Outubro que se aprobou sen ningunha enmenda. Seguidamente, moderados polo Copárroco-moderador, Dn. Francisco, pasamos a compartir a valoración da marcha da programación pastoral deste curso.

Constátanse moitos avances pero tamén se fai unha invitación a todos os grupos a revisar e buscar medios para intensificar a vivencia da comuñón no ámbito parroquial. Así mesmo se constata que é necesario tomar como algo propio a Páxina Web da parroquia e que cada grupo asuma organizarse para enviar noticias das accións que realizan. Do mesmo se constata como a gran maioría dos grupos están colaborando con OMNES aportando datos para o área de pastoral pero débese mellorar o camiño iniciado sendo máis concreto e aportando os materiais que se utilizan para compartir coa diocese.


A continuación, moderados polo Copárroco, Dn. Luis Pérez, informóusenos da marcha da xestión económica da Parroquia e a nova situación económica da Igrexa.
Rematou a reunión coa información sobre a Campaña do Domingo e a importancia de que ó Consello traiamos as contribucións de todos os membros da comunidade: Nenos, mozos e adultos de xeito que poidamos deseñar as estratexias pastorais necesarias para levar a cabo, coa axuda de Deus, a misión evanxelizadora do ambiente social onde vivimos.

ESCOLA DE DSI

O pasado Martes días 12, ás 20 h tivo lugar no Salón Parroquial a sesión da escola de Doutrina Social da Igrexa. Nela abordamos a segunda parte da reflexión sobre o tema da "Ideoloxía de xénero", vendo a orixe da mesma e as súas ideas centrais.


Constatamos a actualidade deste tema e a incidencia que está tendo na actualidade á hora de planificar políticas familiares ou doutro tipo que teñen unha forte incidencia na vida da familia e, a través dela na transmisión e educación da fe.


A próxima sesión terá lugar o día 11 de marzo ás 20 h e nela estudaremos A Populorum progressio, documento da DSI que nos legou Pablo VI, neste ano no que se cumpren corenta anos da súa publicación.

PREPARANDO A SEMANA DA FAMILIA

O pasado Luns día 11 o equipo de Copárrocos reuníronse co Equipo de Matrimonios que este ano foron designados pola Delegación de Pastoral familiar para impartir as charlas da Semana da familia que se celebrarán no Salón Parroquial os días 18 e 19 de Febreiro ás 20,30 h.


Tras informarnos do tema, acordouse que a Parroquia realizará a difusión e invitación a todos os fregueses e de modo especial entre os pais dos nenos e nenas de catequese. Así mesmo se optimizarán as montaxes de Power point preparados pola Delegación engadindo unha oración para iniciar as sesións e a preparación da presentación da semana.


Agardamos que sexa útil para todos e nos axude a afondar na realidade do consumo e a súa incidencia na vida familiar ó abordar o tema deste ano: "Consumo, logo existo".

12/02/2008

EXCURSIÓN A MANZANEDA

O pasado sábado 9 de febreiro, 65 nenos e nenas de catequese e Movemento Junior da parroquia, acompañados por 7 catequistas e educadores, gozamos dun día en Manzaneda.
Dende as nove e cuarto agardábannos, fronte á Igrexa de Santiago das Caldas, dous autocares que nos levarían ó noso destino. Todos albergabamos a esperanza de atoparnos con neve e con esa ilusión comezamos a viaxe. Ó chegar a Castro Caldelas fíxose unha breve parada para estirar as pernas e gozar do sol e do aire puro da zona. A medida que nos achegabamos a Manzaneda, a ledicia íase facendo cada vez maior, posto que se empezaban a ver os primeiros signos de que poderiamos gozar da neve.


Xa na cume da montaña dispuxémonos a buscar o lugar máis idóneo para poder poñer en práctica "as nosas dotes de esquiadores". E atopámolo: unha pequena ladeira cuberta de neve que, aínda que algo dura, nos serviu a pequenos e maiores para pasar un bo rato esvarándonos por ela e levar algún que outro "traspés".
Ó redor das dúas da tarde dispuxémonos para comer compartindo o que cada un levaba e gozando do sol e da compañía.
Antes de que se puxese o sol iniciamos o regreso, parando outra vez en Castro Caldelas, pero nesta ocasión durante algo máis de tempo para poder visitar o Castelo e buscar, segundo os máis pequenos, a súa "pantasma" que non apareceu por ningún lado.
Ás seis e media da tarde chegabamos a Ourense, cansados pero moi contentos e con gañas de repetir a experiencia

08/02/2008

LECTIO DIVINA Ó INICIO DA CORESMA

"Se non vos convertedes, todos igualmente pereceredes" (Lc.13,1-9). Paso a paso vaise consolidando esta experiencia de Lectio Divina aberta no templo.

Máis de setenta persoas oraron este primeiro Xoves de Coresma, 7 de febreiro, acollendo a chamada do Señor a ler os signos dos tempos e apresurar a nosa preparación confiando na paciencia de Deus que sempre nos dá unha nova oportunidade.


A Palabra de Deus é a que nos chama á conversión e nos alenta no noso peregrinar cara a Pascoa.


MASIVA CELEBRACIÓN DO MÉRCORES DE CINSA

Unha gran cantidade de fieis encheron o templo nas diversas celebracións coas que o Mércores, 6 de Febreiro, iniciabamos a Coresma.


Destacou a celebración da Palabra das 6 da tarde onde os nenos de catequese reuníronse para celebrar a Cinsa. Máis de douscentos nenos participaron con devoción e ledicia neste inicio do "santo tempo de coresma".


Ás sete da tarde, co templo abarrotado, moitos fieis iniciaron con este xesto o camiño cara a Pascoa. Coa graza de Deus agardamos erguernos, voltar e recuperar a celebración comunitaria da Eucaristía dominical.

06/02/2008

FESTA DA PRESENTACIÓN DO SEÑOR

O domingo, día 3 de febreiro, con motivo da festa das Candelas, celebrouse na Eucaristía das 12 da mañá, o aniversario do Bautismo dos nenos e nenas bautizados na parroquia o ano pasado.


Ó redor de 23 parellas renovaron xunto cos seus fillos e fillas os compromisos do Bautismo e o seu testemuño, como pais, de seguir axudando ós seus fillos no crecemento da súa fe.


Ó rematar a celebración, entregóuselles un "marca páxinas" de recordo cunha oración pola familia. ¡Felicidades a todos!

05/02/2008

AS CATEQUISTAS DE CONFIRMACIÓN FÓRMANSE

Chega o Carnaval e os rapaces de confirmación disfrázanse e gozan da festa. Mentres, as catequistas seguen formándose para estar sempre preparadas para axudalos, acompañalos, guialos,... e tratar de ser elas mesmas mellores cristiás e mellores testemuñas de Cristo.

Pero, como dicía a nosa santa, o Señor anda entre os pucheiros. E ¿Por que non imos sentirnos na súa presenza tomando un café e unhas orellas de carnaval, preparadas con todo o cariño por unha catequista? E entre a forza do Espírito e a merenda non haberá tarefa que se nos resista.

 

28/01/2008

UN ALTO NO CAMIÑO

Paso a paso estamos xa na metade do curso pastoral 2007-2008. E é un bo momento para facer un alto no camiño e deixarnos interpelar por Deus na nosa pequena historia persoal e parroquial. Revisar non é culpabilizarse. Revisar é pararnos a pensar e ver como imos acollendo a graza de Deus e como ela nos vai transformando en mellores discípulos. Deus segue facéndose presente na historia, nesta historia, e conta con nós. E fálanos por medio dos feitos, das situacións que vivimos na nosa vida persoal, familiar, parroquial, na vida dos nosos grupos e de toda a comunidade.


Os diferentes grupos están adicando un tempo para ver como imos asumindo o programado e como nos axuda a medrar, non só persoalmente, senón nesa difícil tarefa, que tamén é don, da comuñón no medio dun ambiente tan individualista. A revisión é tempo de graza para converternos ó camiño do Evanxeo. Unha chamada á conversión que se dirixe a cada grupo e a cada membro e a toda a comunidade. A miúdo pensamos que o que ten que converterse é o veciño, e non nos damos conta de que o primeiro que ten que converterse son eu.
Así imos preparando a reunión ordinaria do Consello de Pastoral Parroquial tratando de medrar en corresponsabilidade, pois a misión de evanxelizar o ambiente social da nosa parroquia é tarefa de todos.

INSCRICIÓN DOS NENOS Á PRIMEIRA CONFESIÓN E EUCARISTÍA

A partir do día 28 de xaneiro, os pais dos nenos que fixeron tres anos de preparación á Primeira Confesión e Eucaristía (dous na casa e un na comunidade parroquial), poden inscribilos na data que consideren máis idónea para celebrar a Primeira Comuñón. As primeiras comuñóns son comunitarias e en comunidade. É dicir, celébranse en grupo e en días fixos, pero se algún neno, por razóns persoais debe facela noutro día, será sempre nunha Eucaristía parroquial, non en Misas particulares. Así mesmo respecto á idade e preparación seguirase a normativa diocesana ó respecto.

As datas e horarios dos grupos de celebración da Primeira Comuñón son:

  • ASCENSIÓN: 3 de maio (sábado) ás 20:00 horas e 4 de maio (domingo) ás 13:00 horas.
  • CORPUS: 24 de maio (sábado) ás 20:00 horas e 25 de maio (domingo) ás 13:00 horas. O sábado 24 de maio hai bautizos ás 19:00 horas.
  • SANTIAGO: 26 de xullo (sábado) ás 20:00 horas e 27 de xullo (domingo) ás 12.00 horas. O sábado 26 de xullo hai bautizos ás 19:00 horas.
  • ASUNCIÓN: 15 de agosto ás 12:00 horas.

O número máximo por grupo é de 26 nenos.

Desexamos que os pais e os nenos sexan cada día máis conscientes de que celebrar a Primeira Eucaristía e Confesión implica logo participar habitualmente na Eucaristía dominical e continuar o proceso de catequese de Iniciación cristiá na etapa de pos comuñón. Iniciación cristiá que culmina coa recepción do Sacramento da Confirmación, pero non é o final (a xubilación) da Parroquia, senón a súa inserción como adultos crentes e corresponsables na vida da mesma e na sociedade. Agardamos que os cristiáns sexamos cada día máis conscientes das esixencias da nosa fe e valoremos aqueles signos que nos identifican como tales e nos permiten dar un testemuño claro da nosa identidade, xunto co compromiso e vida evanxélica na familia, o traballo, o lecer, a cultura…

OS NENOS DE SEGUNDO NA CASA GOZARON DA SUA CELEBRACIÓN

Dicir que a Misa é unha festa non é nin unha canción, nin debería de ser un tópico que soa a mentira, senón unha experiencia viva. O domingo 27 de xaneiro, día da Infancia Misioneira, os nenos de segundo de catequese na casa, cos seus sete aniños, demostráronnos co seu entusiasmo e actitude participativa que a Misa pode ser unha festa sen ser un xolgorio. Acompañados dos seus pais encheron o templo e gozaron da celebración do seu avance no proceso de catequese de preparación á Primeira Eucaristía e Confesión.

Ó final un obsequio que lles axuda a lembrar algunhas das oracións do cristián (case se quedaron sen el por un despiste) axudaralles a lembrar este día e serviralles de invitación a volver cada domingo a celebrar coa comunidade a vida semanal e a nosa fe en Xesús resucitado. Ademais, neste día, alegrámonos con Fernando, que celebraba o seu cumpre… xa vai maiorciño, pero coa súa flamante xuventude segue fiel á comunidade e colabora, de modo xeneroso e eficaz (como tantas e tantas persoas) na nosa Web, no coro, nos grupos de mozos, Junior e Animación misioneira. E aínda lle queda tempo para, algunha noite, saír a dar un "concerto" con Elvis. Felicidades.

PARROQUIA EN CAMIÑO CHEGA DE NOVO

Nesta semana previa ó Carnaval e inicio da Coresma, as Visitadoras parroquiais farán chegar ós buzóns dos veciños que viven no territorio da Parroquia, un novo número da revista Parroquia en camiño. Nela atópase, detallado, o informe económico da parroquia do ano 2007. Como todos os anos a comunidade explícanos como xestionou os recursos que, entre todos, xenerosamente lle demos. O equipo de economía fai unha labor admirable ó servizo desta tarefa, de modo que os bens sirvan ó fin da comunidade: Evanxelizar.

Desexamos que haxa máis membros da comunidade que aporten iniciativas e propostas para unha xestión cada vez máis eficaz, de xeito que cada día cumpramos mellor a misión encomendada. Dende aquí agradecer a xenerosidade dos nosos fregueses e, sobre todo, o tempo de tantos e tantas voluntarios e voluntarias que fan realidade aquelo de "o pouco con Deus e moito". Grazas a todos e que a nosa xenerosidade siga medrando para o ben da Igrexa.

NOTA: Podes atopar a revista en formato PDF no apartado documentos desta Web.

FEBREIRO INICIARASE CON FORZA

Febreiro ábrese cunha actividade intensa na vida parroquial: O día 1, é primeiro Venres e lévase a comuñón ós enfermos da comunidade. Pero o día 2 celébrase a festa das Candelas e con ela a bendición das velas nas celebracións da Eucaristía das 11,30 da mañá e das 7 da tarde. Neste día os membros de Vida Ascendente celebran a súa festa, lembrando ós anciáns Simeón e Ana que acolleron ó Neno que os seus pais presentaban no templo.

E o domingo, 3 de febreiro, celebraremos o aniversario do bautismo de todos os nenos que o ano 2007 bautizáronse na Parroquia. Acompañados dos seus pais renovarán aquel día e, de novo, recibirán a invitación a vivila participando na vida da comunidade e educando ós seus fillos na fe, coa súa palabra e, sobre todo, co testemuño dunha fe vivida no día a día e cada domingo na súa comunidade. A nosa noraboa a todos.

CHEGA A CORESMA: "Erguereime… volverei… celebraremos…"

O vindeiro día 6 de Febreiro iniciaremos, un ano máis, o tempo de Coresma. Un tempo de graza, cuasi sacramento, que nos permite renovar a nosa vida cristiá para celebrar con gozo a Pascua do Señor. Reproducimos os horarios e accións da comunidade para axudarnos a vivir este tempo e que todos teñen na derradeira páxina de Parroquia en Camiño deste ano.

Programa do Equipo de Liturxia para a Coresma

Lema: Érguereime… volverei… celebraremos.

Pretende ser unha invitación a camiñar con Cristo, contemplando o seu rostro para progresar na santidade e vivir a comuñón. Para eso temos que deixar a un lado o individualismo e recuperar o sentido comunitario. Pechados no noso eu illámonos dos demais e de Deus.

PISTAS:
Cada domingo colocar na pantalla ou nun cartel (ou ambas cousas) o lema e a pista de esforzo desa semana. Tamén se poden colocar algunhas preguntas para revisar a anterior. Farase ó comezo da Eucaristía, durante a homilía, na que se fará referencia á anterior e o compromiso será a seguinte.

Primeira semana de Coresma:
1. Un día SEN consumismo, para ter un día CON consumo responsable
Segunda semana de Coresma:
2. Un día SEN televisión, para ter un día CON diálogo familiar
Terceira semana de Coresma:
3. Un día SEN présas, para ter un día COAS cousas importantes atendidas
Cuarta semana de Coresma:
4. Un día SEN eu, para ter un día COS demais
Quinta semana de Coresma:
5. Un día SEN lecer, para ter un día COA tarefa de que outros o pasen ben.

  • Elaborar algúns guións de oración para grupos de nenos, mozos e adultos.
  • Preparar o retiro incidindo na parroquia como "escola e fogar de comuñón" en conexión coa Eucaristía dominical como visibilización e fundamentación desa comuñón (comungar a Cristo, implica comungar no seu corpo místico)
  • Distribuír o folleto do Domingo a todos.
  • Laudes os Martes e Xoves, no marco da exposición do Santísimo que se realizará (ademais dos Xoves) estes días de 10 a 11,15 e os domingos despois da misa da tarde.
  • Laudes os domingos pero fóra da Misa de 9,30 para non alargala: Antes ás 9,15 ou despois ás 10.
  • Elaborar un tríptico sobre a reconciliación e exame de conciencia co esquema do ritual para a reconciliación dun só penitente.
  • Colocar os carteis dos compromisos semanais na Casa Parroquial e pedir ós catequistas e educadores que os teñan en conta no seu traballo con nenos, adolescentes, mozos e adultos.
  • Nos grupos reflexionar o documento: "Para optimizar as nosas reunións", dedicando tempo a reflexionar a vitalidade das nosas reunións.
  • Os vía crucis: Avisarase ós grupos con tempo para que os elaboren tendo en conta o compromiso de cada semana e a vivencia do día do Señor (domingo) coa súa esixencia de participar na asemblea dominical e o compromiso fraterno que implica (Natureza, pobres, cultura, compromiso social no barrio…) Así mesmo convídase a que non se plantee o Vía crucis como "do meu grupo", senón da comunidade e cando se poida se participe nel, aínda que o organice outro grupo. Se algún grupo precisa un material base, que o pida ou que o busque en Internet ou nas diversas publicacións (non para copiar, senón para adaptar).

HORARIOS DE CORESMA E SEMANA SANTA

Mércores de Cinsa (6 de febreiro): Eucaristía con imposición da cinsa ás 10,00h (Castelán), 19,00h (Galego).
- Para nenos de catequese, celebración da Palabra con imposición da cinsa ás 18,00 h.

Charlas Coresmais 25, 26 e 27 de Febreiro:
Templo: de 16,30h a 17,15h dirixidas por Dn. Luis Pérez González.
Salón Parroquial: de 20,00h a 21,15h, dirixidas por Dn. Oscar Martínez Caamaño, Diácono da Parroquia de Santiago das Caldas.

Laudes-Vésperas e Exposición do Santísimo
- Laudes: Martes e Xoves ás 10,00h. Inícianse coa exposición do Santísimo que permanece exposto ata as 11:15 h.
-Laudes Domingo antes ou despois de Misa de 9,30h
- Vésperas: Mércores ás 19,20h.
- Exposición do Santísimo: Xoves ás 19,20h e Domingo ás 19,40h.

Lectio Divina-Oración coa Palabra de Deus: 7 de Febreiro de 19:30 a 20:30h

Celebración Penitencial e Confesións
-28 de febreiro 2008 de 4,30 a 5,15 e de 20 a 21 horas.
-Xoves Santo de 10 a 13 horas no templo.
-Todos os días de semana ½ h. antes da Misa.
-Domingos: de 9 a 9,25 e de 6,30 a 6,50.

Triduo de oración polos enfermos: 9, 10 e 11 de Febreiro

Semana da Familia: 18 e 19 de Febreiro ás 20:30h no Salón Parroquial para pais e nais de familia.

Retiro Arcipestral: 1 de Marzo de 16:30 a 20:30h

Triduo vocacional: 17, 18 e 19 de marzo

Vía Crucis: Ás 7,25 da tarde.

  • 8.02.08: Equipo de Cáritas.
  • 15.02.08: Grupos de Mozos e Animación Misioneira.
  • 22.02.08: Catequese de 1º de Confirmación.
  • 29.02.08: Catequistas de 2º e 3º de Postcomuñón.
  • 7.03.08: Catequese de 2º de Confirmación.
  • 14.03.08: Cat. de 3º de P. Comuñón e 1º de Postc.
  • 17.03.08: H.O.A.C.
  • 18.03.08: Grupos de Lexión de María, Vida Ascendente e Vela Templo.
  • 19.03.08: Visitadoras, CSVP e Roupeiriño.

Domingo de Ramos (16 de marzo)
Sábado: 19,00 horas.
Domingo: 9,30, 11,00 (solemne), 13,00 h
(ATENCIÓN: Non hai misa de 12) e 19,00 h

Xoves Santo (20 de marzo)
10:00h: Laudes e logo confesións toda a mañá.
17:00h Misa en galego
18:30h Celebración da Cea do Señor e reserva no Monumento.
A partir deste momento e ata despois da celebración da Morte do Señor o templo permanecerá aberto ininterrupidamente.
As persoas que desexen colaborar nos turnos de Vela agradécese que o comuniquen na parroquia.
De 12 da noite a 6 da madrugada velarán os Mozos.
11:00h Hora santa de oración ante o Monumento.

Venres Santo (21 de marzo)
10,00h: Oficio de lecturas
11,30h: Hora Santa ante o Monumento
17,00h: Celebración da morte do Señor.


Sábado Santo (22 de marzo)
11,30h: Viacrucis mariano: Equipo de Liturxia
22,30h: Solemne Vixilia Pascual.

Domingo de Pascua (23 de marzo)
NON HAI MISA DE 9,30
11,00h, 12,00h e 13,00h (Bautizos), 19,00 h.

NOTAS
A semana da Octava de Pascua (24 ó 30 de marzo) non hai actividades pastorais e na parroquia só se atende o culto e asuntos urxentes.
O DOMINGO 30 de Marzo comeza a Campaña Diocesana do día do Señor en toda a Diocese de Ourense. Ese día hai cambio horario e a Misa da tarde pasa a ser ás 20 h. tanto pola semana, como os domingos.
O domingo 27 de Abril celebración comunitaria da Unción de Enfermos na Misa de 11 para as persoas ancianas e enfermos que o desexen.

22/01/2008

OS MAIS PEQUENOS FIXERON DA EUCARISTÍA UNHA FESTA

Un dos problemas que percibimos nas nosas celebracións do domingo é a falta de sentido festivo. O domingo 20 de Xaneiro a comunidade acolleu ós nenos de primeiro de Catequese de preparación á Primeira comuñón. Cos seus seis aniños e acompañados dos seus pais, amosáronnos como se pode recuperar o sentido gozoso e festivo das nosas eucaristías: Participando todos.
Con estas celebracións, ademais de celebrar a fe, preténdese axudar á comunidade a asumir a súa responsabilidade na educación na fe dos seus membros. Todos somos corresponsables no anuncio do Evanxeo e na admisión ou non dos novos membros á comunidade por medio dos sacramentos da Iniciación cristiá.

Este encontro dominical é unha oportunidade para lembrar ós pais a súa responsabilidade e a urxencia do seu testemuño. Non é só preparar a uns nenos mediante unhas fichas para a Primeira comuñón. Tanto os nenos como os pais, para ser admitidos deben, ao longo deste tempo, dar signos claros de vivir e valorar a Eucaristía dominical, participando habitualmente nela. Xa agardamos ós demais grupos que avanzan no seu proceso catecumenal cara a Primeira Eucaristía e Confirmación.

21/01/2008

ENCONTRO DE FORMACIÓN

Na tarde do Sábado 19 de Xaneiro, de 4,30 a 8, reunímonos no Salón Parroquial corenta e dous membros da comunidade parroquial para convivir e reflexionar. Seguindo as conclusións do primeiro encontro sobre Novo milenio ineunte, onde se nos convidaba a promover as estruturas de comuñón, este encontro axudounos a acrecentar a proximidade entre as persoas que colaboramos nos diferentes grupos e movementos da parroquia. Pero ademais, seguindo o obxectivo preferente 3º da programación diocesana, reflexionamos sobre o "Domingo, signo de identidade da comunidade parroquial", en orde a saber dar razón da nosa fe no medio do mundo.


O encontro comezou cun momento de oración e seguidamente unha charla sobre "A herdanza do domingo". Logo, en pequenos grupos, reflexionamos sobre os cambios que percibimos na forma de vivir o domingo, as súas causas e consecuencias e como recuperar o domingo na nosa comunidade. E chegou o momento de convivencia e compartir un momento informal compartindo un café. A continuación tivemos outra charla sobre "A identidade do domingo" e rematamos poñendo en común o reflexionado nos grupos cunha reflexión breve sobre os problemas pastorais do domingo. E rematamos cun momento de oración este segundo encontro de grupos deste curso.


Ó final a valoración de todos foi altamente positiva. Agora queda, ós que participamos, levar a experiencia e compartila nos nosos grupos para que cada día sexan máis os que se animen.

14/01/2008

AS CONTAS CLARAS

O día 9 de xaneiro reuníuse o Consello parroquial de asuntos económicos para avaliar a marcha económica da parroquia durante o ano 2007. Este é o resumo abreviado da contas da nosa parroquia:

INGRESOS
GASTOS
DIFERENZA
91.911,43 €
82.831,23 €
9.080,20 €

O informe detallado das contas atópase a disposición dos fregueses.

Grazas a todos os que, durante todo o ano, colaboran ó sostemento da parroquia coas súas contribucións. O xeito mais eficaz de colaborar coa parroquia é a aportación medianta a COOPERACIÓN PARROQUIAL. O mínimo desexable sería 18 € por familia e ano e a partires de ahí cada ún segundo as súas posibilidades. Aínda hai un bó número de familias que cooperan con 12 € ó ano; sería bó que reflexionasen sobre esa aportación e se aumentase, ó menos, a 15 € por familia e ano. A forma de facer efectiva esta cooperación é na oficina da parroquia, na sacristía do Templo, que o cobrador leve os recibos á casa ou ben facendo un ingreso no Banco Pastor na conta da parroquia facendo constar, neste caso, tódolos datos precisos para que sexa posible a sú perfecta identificación (nome, apelidos, dirección e facer constar expresamente que é para cooperación parroquial).

Lembrar que a partir de agora cambian as formas de financiamento, de xeito que a Igrexa disporá do que os católicos, ou quen valoren o seu labor, decidan.
Por tanto é unha chamada á nosa responsabilidade como católicos. As nosas comunidades disporán dos bens que nós decidamos e en consecuencia os servizos serán da calidade dos bens de que dispoñamos. Temos, pois, que preocuparnos de que cando nos cubran a declaración do IRPF se respecte a nosa decisión e se marque a X na casiña da Igrexa, o que non impide que se poida marcar tamén a casiña destinada a outros fins de orde social, xa que o 0,7 % non se distribúe entre ambos, senón que dos impostos que paga cada un, o 0,7 destinaríase á Igrexa e o 0,7 destinaríase a outros fins de orde social.

É moi importante que os católicos manifestemos a nosa vontade e tomemos as rendas da nosa fe. Respectamos ós non crentes, pero deles pedimos o mesmo respecto cara os que cremos. Agora a Igrexa é libre, e só ten que render contas ós seus fieis e a aqueles, que sen ser crentes, contribúen á súa misión.

ENCONTRO DE FORMACIÓN

O vindeiro día 19 de xaneiro, de 4,30 a 8 da tarde, no Salón parroquial, celebrarase o segundo encontro de formación deste curso. Seguindo a programación diocesana para este curso, reflexionaremos sobre o "Domingo, signo de identidade da comunidade parroquial".

O desenvolvemento do encontro será o seguinte:
4,30: Acollida e oración.
4,40: Presentación: A herdanza do domingo.
5,15: Traballo de grupo: Os problemas do domingo e propostas de solución.
6,00: Descanso e café.
6,30: Presentación: A identidade do domingo.
7,15: Posta en común e iluminación dos problemas do domingo.
7,45: Celebración e conclusións.

Convidamos a todos a facer un esforzo e formarnos para así poder contribuír a recuperar o domingo como "festa primordial dos cristiáns"

26/12/2007

GLORIA A DEUS NAS ALTURAS

O día 25 na Misa parroquial das doce, os nenos que se preparan para recibir este ano a Primeira comuñón foron protagonistas da Celebración do nacemento do Señor. Eles, acompañados polos seus pais e catequistas, fóronnos ilustrando os diversos momentos deste misterio da encarnación: A anunciación, as peripecias de Xosé e María buscando pousada e a adoración dos pastores.

Agradecémoslles o seu esforzo a eles e ós seus pais e que encheran de colorido e ledicia a celebración deste gran misterio da nosa fe. Os moitos fieis que asistiron, participaron na celebración cun profundo silencio e ledicia festiva cantando panxoliñas. Un momento de especial densidade foi a adoración do neno iniciado cunha nana polos nenos e seguido dun silencio denso. Que o Deus feito home nos encha da súa paz.

24/12/2007

O BELÉN ESTÁ DISPOSTO

Os mozos, un ano máis, confeccionaron o Belén parroquial. Con ilusión, entusiasmo e imaxinación deron forma á estampa do nadal.

 

O día 24, na celebración da Eucaristía, bendicimos e inauguramos o Belén agardando que as súas figuras nos lembren o misterio da Encarnación e nos axuden a vivilo con profunda fe.


23/12/2007

CARITAS, A TENRURA DE DEUS NA COMUNIDADE

A Campaña de Nadal está sendo unha mostra máis da solidariedade dun sector importante da comunidade. Máis de seis mil euros lévanse recadados para constituír un fondo de solidariedade que permita facer fronte ás situacións de necesidade que van xurdindo ao longo do ano. Este momento forte da Campaña complétase con donativos que ao longo do ano moitas persoas destinan ós máis pobres.

Neste último mes, o equipo de Cáritas parroquial distribuíu máis de catro mil quilos de alimentos procedentes dos excedentes da UE a través do Banco de Alimentos e a contribución da Operación Quilo da asociación Amencer.

Tamén os mozos e os nenos colaboraron á OK aportando e coordinando a recollida de alimentos e colaborando na súa distribución.

Agardamos que no ano novo a solidariedade siga medrando e sexa o signo da tenrura de Deus no medio da comunidade.

22/12/2007

O EQUIPO DE LITURXIA CELEBROU O FIN DE TRIMESTRE

Cunha celebración da Palabra e un ágape fraterno os membros do Equipo de liturxia parroquial celebraron o final deste trimestre.

 

A preparación das celebracións e a formación deron contido ós encontros deste curso. Agardamos que no novo ano sigamos, con ilusión, alentando a vida litúrxica da comunidade e a vivencia do día do Señor.

 

21/12/2007

A ESCOLA DE DOUTRINA SOCIAL DA IGREXA CUMPRIU O SEU PROGRAMA

Ó finalizar o trimestre, o grupo de persoas que participamos na escola parroquial de DSI cumprimos os nosos obxectivos, establecidos na programación parroquial.

De modo pausado e máis participativo que no ano anterior afondamos no tema da Laicidade, co desexo de ir redescubrindo o noso lugar como crentes no medio desta sociedade. A oración, a reflexión e o traballo de grupos vannos axudando a abrir horizontes de xeito que poidamos ser sal e fermento no medio da sociedade e axentes de encontro e comuñón e non de crispación e enfrontamento.

O novo curso comezará o 22 de Xaneiro coa reflexión sobre o tema: A ideoloxía de xénero..

20/12/2007

CELEBRACIÓNS DE ADVENTO-NADAL

Nestas datas, antes do descanso do nadal, os diferentes grupos parroquiais celebraron encontros e momentos de oración para intensificar a súa preparación para o Nadal.

Comezaron os grupos de Vida Ascendente, Roupeiriño, Lexión de María, Visitadoras e Vela no templo cunha celebración da Palabra e un café. Logo foron os diferentes grupos de catequese os que celebraron as súas escenificacións e celebracións de Advento-Nadal, destacando os máis pequenos acompañados polos seus pais.

Os demais grupos de catequistas, Cáritas, Equipo de Liturxia, Conferencias e Mozos pola súa parte compartiron diversos momentos que axudan a medrar en amizade ós membros de cada grupo.

Agardemos que todo elo sirva para que na pousada do noso corazón haxa sitio para acoller ó Salvador e Él nos axude a medrar en sabedoría, graza e comuñón fraterna.

 

14/12/2007

A HOAC DE OURENSE CELEBRA O ADVENTO

A HOAC de Ourense celebrou o pasado xoves, día trece, festividade de Santa Lucía, a preparación do Nadal unha celebración de Advento.
Tódolos anos, coma é un costume, os militantes da HOAC se reúnen á carón do altar para festexa-lo Nadal, este ano e por circunstancias externas, adiantaron a súa celebración cunha celebración da Palabra sobre este tempo forte en que estamos, o Advento.
A celebración consistiu na recitación de Salmos e na lectura da Palabra de Deus que nos invita á conversión e á esperanza para os tempos que veñen, poñendo en común, o que esa Palabra nos suxire a cada un, levándonos a uns compromisos concretos e nunhas actitudes para vivir mellor a nosa fe, pedindo o Neno que nace os mellores desexos non só para HOAC, senón tamén para a sociedade e para o mundo.
A Celebración rematou cunhas horas de convivencia e festa na que non faltaron os pinchos e os brindes para un novo ano e unha vida nova.

08/12/2007

A CAMPAÑA DE NADAL EN MARCHA

Coa chegada do Nadal, o Equipo de Cáritas e as Conferencias de San Vicente de Paul da Parroquia convídannos a ter presentes ós máis pobres da comunidade lanzando a Campaña de Nadal.
Como todos os anos, convídannos a ser xenerosos para constituír, cos nosos donativos, un fondo de diñeiro para facer fronte ás necesidades que se presentan na Parroquia durante todo o ano. Para eso o primeiro que nos presentan é a xestión e o traballo do ano 2007.

INFORME ECONÓMICO XANEIRO-OUTUBRO 07

INGRESOS

GASTOS

Concepto

Cantidade €

Concepto

Cantidade €

Campaña de Nadal 06

1.125,00

Axuda a familias: aluguer

2.666,87

Donativos

1.726,00

Alimentos tenda

464,67

Aniversarios comunitarios

603,67

Transeúntes

99,85

Devolución de préstamos

1.355,00

ATOX

601,00

Proxectos misións

1.095,54

Conferencias de S. Vicente

520,00

Recup. gastos mantemento

12,15

Proxecto Home

180,30

TOTAL

5.917,36

Revista

1.309,90

RESUMO

Gastos financeiros

18,21

INGRESOS

5.917,36

Préstamos

6.870,45

GASTOS

13.999,25

Delegación de Misións

1.200,00

REMANENTE ANTERIOR

20.470,26

Varios

68,00

Saldo positivo

12.388,37

TOTAL

13.999,25

- Durante o ano axudouse a 63 familias periodicamente.
- Na campaña de alimentos excedentes da UE axudouse a 85 familias 4 veces ó ano.
- Cos alimentos da Operación Quilo, a 53 familias.
- Con roupa, a 34 familias sempre que o precisan.
A xente que acode a solicitar axuda adoitan ser nais solas con nenos a cargo, persoas maiores solas e con poucos medios, familias en situación de enfermidades prolongadas, emigrantes sen papeis mentres atopan traballo, piso…
Constátase que a gran maioría da xente que pide axuda, precísaa realmente. Se se coñece algún caso de fraude e estase realmente seguro, é tarefa de todos axudar a evitalo.
Agora tócanos a nós propornos un estilo de vida máis austero e solidario e un pouco menos consumista. Grazas a moitos pequenos donativos pódese facer moito ben a persoas que non atopan saída noutras institucións. O Equipo de Cáritas, as Conferencias e os Servizos sociais traballan en estreita colaboración de xeito que as persoas reciban a atención necesaria de modo rápido e eficaz, pero que non se favoreza que os mesmos sexan os que reciben de todas partes. Ós transeúntes, se non funciona o fogar do transeunte, dáselles de comer, pero non se aboan billetes para viaxes, nin outro tipo de axudas. Pero non só se dá alimentos, búscase traballo coa colaboración de empresarios e persoas que precisan empregadas de fogar. Moitos atoparon xa futuro grazas ó apoio, nun momento de necesidade, brindado polos voluntarios de Cáritas Parroquial. Non o esquezamos ¡CARITAS PARROQUIAL SOMOS TODOS!

28/11/2007

FÓMONOS DE CURSIÑO COA DIOCESE

Sete membros da comunidade participamos o pasado Sábado día 17 de novembro no Cursiño sobre o Día do Señor, organizado pola Vigairía de Pastoral da Diocese de Ourense. Unha oportunidade para afondar na herdanza, identidade e problemática pastoral do domingo que nos debe axudar a vivir, celebrar e recuperar a festa primordial dos cristiáns.
Esta actividade responde á programación pastoral diocesana deste curso pastoral en orde a dinamizar e mellorar a celebración da Eucaristía. Foi unha xornada moi fría pero enriquecedora para as máis de 60 persoas que nos demos cita no Salón do Seminario Maior diocesano.

OS MOZOS TIVERON O SEU MAGOSTO

Estaba programado e era un día agardado: Volvemos á casa de Carracedo. Alí compartimos moitos momentos de convivencia, de oración e reflexión. E, este ano, volviamos a celebrar o Magosto. Saímos o Sábado 17 de novembro ás cinco da tarde en coche os 21 membros dos grupos de mozos. Despois de tomar posicións na casa, e un breve momento de oración, dispuxémonos a gozar co gran xogo da OCA. Unha oportunidade de compartir, cooperar e divertirnos xuntos. Logo a fogata, asar os chourizos e as castañas e a cena. En todo ese tempo fomos enchendo un panel con frases célebres que, no medio da broma, ían saíndo dos máis inspirados. Coa noite chegaron as istorias de terror e a queimada. A noite fíxose longa e só os máis ousados se mantiveron en vela, temerosos da manifestación do "espírito de Carlitos" (unha estremecedora historia acontecida nesta casa). Cos primeiros raios do sol dunha branca mañá chegou o almorzo, a oración da maña e a preparación da Eucaristía despois dun apaixonado debate xurdido espontaneamente. Á unha participamos na Eucaristía coa comunidade parroquial de Carracedo rematada a cal preparamos o churrasco para comer. Tras a valoración da convivencia e a limpeza da casa, regresamos ás nosas casas necesitados de descanso pero coa ilusión de voltar. Agradecemos a boa acollida da comunidade de Carracedo e de Dn. Julio Grande, encargado da Parroquia e Delegado de Xuventude que compartiu con nós todo o tempo que as súas ocupacións llo permitiron.

NENOS E CATEQUISTAS GOZARON DUN DÍA DE MAGOSTO

A semana estivo chuviosa pero o Sábado apareceu un día espléndido de sol. Preto de 80 nenos e nenas de catequese e Junior acompañados das súas catequistas e educadores saíron ás 11,30 h. do adro parroquial e dirixíronse ó Seminario Maior onde gozaron de Xogos e o magosto. Eles pasárono en grande, pero non menos gozaron as súas catequistas coa canción do "Piripipi".
Ás cinco da tarde regresaron de novo, cansados pero cheos de ledicia enchendo de bullicio as rúas do barrio cos seus berros de "menos exames e máis magostos".
Agora toca agardar outro ano coa ilusión de voltar e gozar da convivencia e a ledicia dos compañeiros.

OUTRO ANO MÁIS SEGUIMOS UNIDOS

32 membros das Cáritas das Parroquias de Nª Sª de Fátima, Sagrado Corazón, a Asunción de Nª Sª, Cristo Rei e Santiago das Caldas reunímonos o sábado día 24 de Novembro de 5 a 8 da tarde nos locais da Parroquia de Santiago das Caldas. O tema que reflexionamos foi "Evanxelización e Caridade". A oración compartida, a reflexión, o café e o traballo de grupos, ó tempo que nos animan, axúdannos a progresar na nosa identidade. Cada encontro é chamada a voltar ás nosas comunidades cheos de ilusión para alentar a tarefa evanxelizadora das nosas parroquias.
Nesta ocasión acompañounos o novo Delegado de Cáritas Diocesana, o que nos enche de ledicia e ilusión. Que o amor de Deus nos axude a medrar en comuñón.

PASIÑO A PASIÑO VANSE CONSOLIDANDO

A experiencia da Oración de Laudes, Martes e Xoves pola mañá vaise consolidando na comunidade Parroquial. Un grupo dunhas quince persoas reúnense ás 10 da mañá para orar coa Oración das Horas. Unha oportunidade de comezar a xornada loando a Deus coa oración da Igrexa, manter o Templo aberto e facer realidade a recomendación do Apóstolo de "orar sen desfalecer". A experiencia, que comezou vacilante, vaise asentando e resultando gratificante para cantos participan.

 

09/11/2007

"POÑO AS MIÑAS PALABRAS NA TÚA BOCA"

O pasado Xoves día 8 ás 19,30 h. celebrabamos o encontro de "Lectio divina" aberto a todos no templo parroquial. Estes encontros, ademais de axudarnos a comprender e orar coa Palabra de Deus, axúdannos a vivir e celebrar con maior sentido a Eucaristía.

Un centenar de persoas participaron neste encontro que nos achegou á figura e vocación do Profeta Xeremías. Despois dun momento de preparación acollemos o libro da Palabra de Deus e a proclamación do texto (Xr.1,4-19). Tras un breve silencio, por medio de dous monitores axudóusenos a afondar na súa comprensión situándoo no seu contexto. De novo proclamamos o relato e preguntámonos que nos di hoxe a nós. Tras un silencio meditativo, oramos elevando ó Señor a nosa pregaria para concluír cantando a María, a oínte e vivente da Palabra de Deus.

Agardamos que esta experiencia siga enganchando a máis membros da comunidade de modo que comprendendo mellor a Palabra de Deus, a vivamos e anunciemos.

03/11/2007

ENCONTROS DE FORMACIÓN: SABER VIVIR EN COMUÑÓN

De novo, a todos os que de modo máis directo estamos implicados na vida da comunidade parroquial, convócasenos a un encontro de formación. O obxectivo destes encontros é dobre: Por un lado coñecernos e por outro formarnos para dar razón da nosa esperanza a quen nolo pide.

Este primeiro celebrarase os días 5 e 6 de Novembro de 20 a 21,30 h. e, xunto coa oración e o traballo de grupos, reflexionaremos sobre as Claves para evanxelizar hoxe e o documento de Xoán Paulo II, "Novo millennio ineunte", compromiso adquirido na derradeira visita pastoral de Febreiro de 2007.

02/11/2007

Ó CARÓN DOS QUE SE FORON

Un ano máis, a tarde do día de todos os santos, moitos acudimos fielmente á "cidade do silencio e a paz", para facer memoria e orar polos nosos seres queridos mortos. Puntualmente ás catro o Sñr. Bispo, que sempre nos acompaña neste día, dirixiu unha oración polo descanso dos nosos defuntos e unha invitación a afianzar a nosa fe e a nosa esperanza na vida eterna, mentres traballamos por unha sociedade reconciliada.

Agardamos e cremos que a nosa oración, en virtude da comuñón dos santos, será proveitosa ós nosos defuntos e, sen dúbida, o é para nós.

31/10/2007

A ESCOLA DE DSI INICIA A SÚA ANDADURA

Un ano mais a escola parroquial de DSI comezou a sús andadura coa participación de 15 membros. Ó longo deste curso combinaremos a reflexión dos membros do grupo coas aportacións de documentos e expertos en cada un dos temas.

O inicio do curso empezou coa análise das corrientes negativas de pensamento que están influindo na nosa sociedade e condicionan a nosa vivencia da fe. A escola pretende ser unha axuda os seus membros para aprender a situarse como crentes no ambiente social que nos toca vivir desde os valores do Evanxeo.

Esperamos que esta oportunidade sexa proveitosa para todos e redunde no ben de toda a comunidade.

22/10/2007

¡¡¡DITOSOS OS QUE CREN!!!

Eran as 20,35 horas cando iniciabamos a celebración da Vixilia do DOMUND no templo parroquial de Santiago das Caldas con tres cuartos do seu aforo cheo, presididos polo Bispo da nosa Diocese, Dn. Luis Quinteiro.

A celebración iniciábase coa invitación a dispornos para vivir este encontro de oración. Un xesto vistoso abría a celebración: Un matrimonio dos ENS, dous nenos do Junior, dous Mozos do MXAC, unha persoa maior de Vida Ascendente e outra das Conferencia de San Vicente de Paúl e dúas relixiosas do Divino Maestro, portaban unhas grandes bandexas de barro con tres velas de cores simbolizando os cinco continentes e un velón branco. Era o signo da nosa catolicidade: Un mesmo Señor, unha mesma fe, únennos a crentes de todo o mundo e entre nós seguidores de Xesús neste curruncho da terra, sen minguar a nosa diversidade. A luz da fe ilumina un mundo de fraternidade nacido á luz da Palabra de Deus proclamada e testemuñada por tantos misioneiros e misioneiras. Ó lado desas velas, pedras, lembranza de todos os crentes do mundo que imos construíndo a Igrexa coas nosas pequenas historias, as da maioría anónimas, pero, por elo mesmo, fundamentais.

Despois do xesto iníciase a celebración propiamente dita coa procesión e o canto. Dn. Alejandro, un santanderino misioneiro comboniano en África, disponnos á oración co salmo 118, aportando o testemuño de como as comunidades de misión, apenas rompe o día e antes de ir ó traballo, reúnense para escoitar a Palabra de Deus e orar. Tras o rezo do salmo e a oración presidencial acollemos o libro da Palabra de Deus. Despois da proclamación do Evanxeo, o noso Pastor e Bispo, alentounos coa súa reflexión glosando o mensaxe do Papa Benedicto XVI para esta xornada do DOMUND 07, convidándonos a ser unha Igrexa misioneira aquí e sentindo como propia a misión diocesana de Jipijapa (Ecuador). Tras un breve silencio de interiorización, profesamos e renovamos a nosa fe, signándonos con auga bendita en lembranza do noso bautismo. E concluíu a Vixilia cunha longa pregaria polas Igrexas dos cinco continentes e a nosa Igrexa local. Tras o canto do Nosopai e a oración do DOMUND, finalizou a nosa pregaria cun canto que expresaba o noso compromiso: "Envíasnos polo mundo a anunciar a boa nova".

Agora quédanos un sincero grazas. Grazas ó Sñr. Bispo por presidila e á Delegación de Misións, Dn. Adelino, Josefa, e Dn. Manuel Rodicio (aínda que lonxe) por confiar en nós para a súa elaboración e preparación. Grazas a Dn. Alejandro polo seu breve, pero sustancioso testemuño. Grazas a cantos vos desprazastes para orar con nós, polo entusiasmo con que participastes (notábase que o vivíades), a vosa maneira de estar, de orar, de participar cantando e contestando, signo do que debe ser unha asemblea celebrante. Grazas a todos os que contribuístes ó seu desenvolvemento exercendo algún ministerio na mesma (contando cos celebrantes fostes 32 persoas as que colaborastes ó seu desenvolvemento de modo directo). E grazas á comunidade parroquial: Monaguillos e os seus pais, mozos, nenos, adultos, lectores, coro, os diáconos da nosa diocese … e o Equipo de Animación misioneira polo seu traballo antes, durante e ó rematar a mesma.

Que María, raíña das misións, nos alente e esta celebración sexa fonte dun novo impulso misioneiro na nosa Igrexa diocesana e sirva de estímulo ós nosos misioneiros e misioneiras.

04/10/2007

OS XÓVENES DA PARROQUIA PROGRAMAN O CURSO

Os días 29 e 30 de Setembro en San Cosme de Barreiros reunímonos un grupo de xóvenes e animadores para programar o curso, convivir e gozar da natureza e o paisaxe e celebrar con gozo a nosa fe.

Despois da longa viaxe e a visita ó contorno, reunímonos para estudar e analizar as propostas de programación e concretar as nosas contribucións de modo que todos sexamos protagonistas. Neste curso queremos poñer o acento na participación na Eucaristía dominical, o coñecemento do Evanxeo de Marcos e participar na vida do MXAC a nivel diocesano. Como momentos fortes destacan as convivencias a nivel parroquial, ademais das organizadas polo MXAC na diocese e as reunións semanais co seu momento de oración, reflexión, convivencia. .. Unha parte importante do tempo ocuparao a Campaña do MXAC sobre o consumo. Tamén queremos coidar momentos e espazos de encontro e convivencia fóra das horas de reunión e marcámonos como momento importante o encontro do domingo despois da Misa de doce.

Agardamos que ós que estamos e perseveramos, se unan os confirmados no último verán e, así mesmo, seguir contando co testemuño e a presenza (aínda que sexa esporádica) daqueles ós que a universidade separou das reunións pero seguen con nós.

Que o Apóstolo Santiago nos guíe no peregrinar desta nova etapa do noso camiño tras as pegadas do Mestre.

 

4/09/2007

OS GRUPOS BÍBLICOS PÓÑENSE EN MARCHA

O sábado día 22 de setembro, de 10 a 13,40h puxéronse en marcha os Grupos Bíblicos deste curso pastoral 2007-2008 co cursiño impartido polo Equipo Bíblico diocesano (Dn. José Pérez Domínguez, Dn. José A. Gil Sousa e Dn. Julio Grande).

Once persoas da nosa comunidade parroquial participaron neste encontro, antesala do inicio dos grupos bíblicos da nosa parroquia.

Temario do curso: Itinerario de vida cristiá á luz dos profetas.

Metodoloxía que seguiremos neste curso: Unha reunión mensual. A primeira dedicarase ó estudo do texto e a segunda á oración.

Encontro de presentación xeral dos grupos bíblicos: 9 de Outubro ás 20 h no Salón Parroquial.

Os grupos bíblicos funcionan co seguinte horario:

  • Segundo Luns: Ás 8 da tarde, acompaña Oscar.
  • Segundo Martes: as 8, acompaña Luis.
  • Cuarto Luns: as 8, acompaña Paco.

Os grupos de catequistas seguen os grupos bíblicos en horario da súa reunión: Luns, Martes, Mércores e Venres de 6 a 7 e os Xoves de 7 a 8.

Toda persoa que o desexe pódese incorporar a calquera destes grupos e se houbese mais persoas constituiríanse outros. Ánimo a todos e coñezamos a Palabra de Deus para vivila.

BENVIDO

Dn. Oscar Martínez Caamaño, naceu en Pontecesures o día 27 de Outubro de 1983. Rematados os seus estudios de teoloxía no Instituto Teolóxico Divino Maestro, está en agarda de ser ordenado Diácono e realizará o ano de Pastoral na nosa comunidade parroquial.

Queremos acollelo con gratitude e cariño. Agardamos que se sinta entre nós como na súa propia casa e agradecemos todos os dons que, Deus o noso Pai, regalarános por medio del.

 

03/09/2007

EN CAMIÑO CARA O NOVO CURSO PASTORAL

A Comisión Permanente do Consello de Pastoral Parroquial reuníuse o día 28 de Agosto para planificar o traballo dos grupos en orden a elaborar a Programación Pastoral da Comunidade Parroquial para o curso 2007-2008.

A disposición de todos os grupos está, dende o 1 de Setembro, un proxecto-borrador que, recollendo as contribucións da revisión do curso pasado e as propostas da Programación Diocesana, é o punto de partida para a reflexión dos grupos durante este mes en orden a elaborar a programación definitiva. Así mesmo o calendario de datas propostas, que os grupos deberán asumir ou modificar.

Agora queda un tempo de reflexión, oración e traballo de grupos para que, baixo a guia do Espírito, atopemos o camiño para seguir avanzando en comuñón coa nosa Igrexa Diocesana. Ilusionante traballo a todos os grupos.

 

www.santiagocaldas.org © 2017 Parroquia de Santiago
Avda. de las Caldas, 28. 32001 Ourense
info@santiagocaldas.org (+34) 988 211 954