Inicio Horarios Contactar

Presentación
Onde estamos
Historia
Programación 2017-2018
Horarios
Organización
Publicacións
Ligazóns
Noticias
Curso 2017-2018
Curso 2016-2017
Curso 2015-2016
Curso 2014-2015
Curso 2013-2014
Curso 2012-2013
Curso 2011-2012
Curso 2010-2011
Curso 2009-2010
Curso 2008-2009
Curso 2007-2008
Curso 2006-2007
Curso 2005-2006
Curso 2004-2005
Curso 2003-2004

AxendaAmosar axenda completa

En castellano

30/07/2005

AS NOSAS FESTAS

A Parroquia de Santiago viviu con gran solemnidade as festas na honra do seu Patrón Santiago Apóstolo os días 23, 24, 25 e 26 de Xullo de 2005.

A Comisión presidida por D. Xosé Gregorio Prol Cid e composta por D. Manuel Varela Iglesias (Vicepresidente), Dª Maricamen Parada Serra (Secretaria), D. Francisco Doforno Nóvoa (Tesoureiro), D. Xosé Luis Lópes Gómes, D. Jorge Rodríguez Santos, D. Ramiro Arean Vázquez, D. Eladio Diz Ojea e D. Xosé Lorenzo Doallo, brindou ós veciños uns días de gozosas festas.

O Sábado ás 19 horas celebraron o seu Bautizo cinco nenos e nenas (Andrea, Iago, Carmen, Aida e Laura); ás 20 h. celebraron a súa Primeira Comuñón 7 nenos e nenas e o Domingo ás 12 h  13 nenos e nenas.

O día 25 ás doce celebrouse, con gran solemnidade, a procesión polas rúas do barrio. Abría a comitiva a Banda de Gaitas e detrás a Cruz e as bandeiras dos diferentes movementos parroquiais. Seguía a representación das asociacións do barrio (AA.VV Ponte Canedo e Asociación cultural Ponte Canedo do Miño), a Raíña das festas Dª Yvonne González Ledo e as súas damas Dª María Diz Castro e Dª Olga Martínez Álvarez, que participaron na celebración proclamando as lecturas da Palabra de Deus e a oración dos fieis, a Comisión de festas e a imaxe do Patrón, que portaba flamante o seu acio das primeiras uvas das viñas do contorno. Detrás marchaba o Copárroco D. Luis Pérez acompañado polos sacerdotes D. Camilo Salgado e D. Manuel Rodicio e o diácono D. Carlos Rodríguez Ricla. Detrás, acompañados do colorido das mazas, a corporación municipal, na que se notou a ausencia dalgúns membros, a banda municipal e un numeroso grupo de fieis. Ó regreso ó templo celebrouse a Eucaristía preparada polo Equipo de Liturxia, animando o canto o Coro Parroquial. Rematou a celebración co Himno ó Apóstolo e o Himno galego, como vén sendo tradicional nesta Parroquia dende hai moitos anos.

O día 26, festa de Santa Ana, sumouse á celebración na que se homenaxea ós maiores da comunidade parroquial o Señor Bispo D. Luis Quinteiro Fiuza e acompañáronnos o Sr. Alcalde D. Manuel Cabezas Enríquez e o Ecmo. Sr. Presidente da Excma. Deputación Provincial D. Xosé Luis Baltar Pumar.

Rematada a Eucaristía, a Rondalla Alecrín da Asociación Artística e Recreativa "A Troya", que animou o canto, brindounos un entrañable concerto antes de compartir un viño español no Salón Parroquial.

Os pontinos e pontinas descansan do ajetreo destes días de festa popular tras a queima do ninot agardando que o próximo ano poidan gozar doutros días de ledicia e ilusión nas, sen dúbida, mellores festas populares da cidade. ¡¡Grazas á comisión do ano 2005 polo seu traballo e os nosos mellores desexos e colaboración á nova comisión do vindeiro ano!!!

 

11/06/2005

INCRIBLE: ACTUALIZAMOS AS NOTICIAS DA WEB

A verdade é que co tempo que levabamos sen actualizar a sección de noticias (¡¡¡4 meses!!!) é todo un acontecemento que o fagamos. Vaise deixando, vaise deixando ... e claro, as noticias acumúlanse (os encargados das noticias propuxemos que non se fixesen máis cousas na parroquia para que non se nos acumulase o traballo pero "non colou" :D )

Ben, pois alá van uns cantos artigos, que 4 meses dan para moito, e máis nunha parroquia tan activa como a nosa. De lelos todos case que é mellor comenzar polo último e ir subindo, en orde cronolóxica.

CONFIRMACIÓNS

O pasado venres 10 de Xuño ás 8 da tarde celebráronse as confirmacións na nosa parroquia. Foron máis de 70 os mozos e mozas que deron este paso decisivo na súa vida como cristiáns. A celebración estivo presidida polo vicario de pastoral, e tras ela houbo unha festa na casa parroquial para os recén confirmados.

FUTUVER VISÍTANOS

Dous membros da empresa Futuver, responsable da xestión do programa Gestobispado, visitaron a nosa parroquia, en orde a optimizar a posta en marcha da aplicación informática da comunidade.

Seguimos convidando a todos os nosos fregueses a inscribirse no novo censo parroquial facilitando así a posta en marcha da aplicación de informatización de todos os datos da parroquia.

PARA NON TER MEDO

O día 23 de Maio persoas de diferentes grupos das parroquias de Nosa Señora de Fátima, Sagrado Corazón, San Pio X e Santiago das Caldas, encheron o salón parroquial para escoitar unha charla sobre o libro do apocalipse a cargo de Don Xosé Antonio González, biblista da diocese de Lugo e profesor do I.T.C. (Instituto Teolóxico Compostelán).

Seguindo o traballado durante o curso na lectura crente do libro do Apocalipse, convidounos a coñecelo e a captar a mensaxe de esperanza que oculta tras dunha linguaxe simbólica, que ás veces resúltanos difícil de comprender.

REMATA O CURSO

O 31 de Maio rematan as reunións dos diferentes grupos por este curso. Todos os grupos da parroquia ata o día 8 de Xuño, realizarán a revisión das tarefas levadas a cabo durante este curso e formularán propostas para o próximo. Valoracións e propostas que se estudarán no próximo consello de pastoral que se vai celebrar o día 20 de Xuño.

UNHA FLOR UNHA OPORTUNIDADE

A fin de semana do 22 de Maio o Equipo de Animación Misioneira da parroquia realizou a súa acción para recadar fondos cos que financiar os proxectos de colaboración asumidos este ano.

A acción levada a cabo foi a venda de flores, coa que se lograron 1248 € en donativos, que sumados a outros ingresos por doazóns das monxas de Vilar de Astrés e do 2º premio do festival xuvenil da canción misioneira do ano 2004 fixeron un total de 1725 €, que se repartirán entre os seguintes proxectos:

  1. Colaboración na construción dunha Igrexa e unha Casa Parroquial en Camerún, onde está o misioneiro Luis Cachaldora.
  2. Axuda para a construción dun centro comunitario para reunións de catequistas en Abaetetuba (Brasil), onde está o misioneiro Adolfo Zon.
  3. Axuda á construción dunha ponte en Bambilo (Congo), onde está o misioneiro comboniano Senén Gándara.

O Equipo agradece a xenerosa colaboración de toda a comunidade parroquial, que unha vez máis o fixo posible.

DEPORTE E EDUCACIÓN

Vimos de descubrir un nova faceta do noso equipo favorito de fútbol: a solidaria.

O pasado día 18 de maio tivo lugar un triangular entre os dous equipos que probablemente son máis representativos da nosa cidade: Ourense Fútbol Sala e Frigoríficos Florindo de Carballiño, contra o noso equipo, o Chispas F.S.

O resultado en goles non importou demasiado xa que todos gañamos ó final. Todo o recadado con este partido foi dedicado ó proxecto diocesano "escola para todos" na misión de Jipijapa (Ecuador). E aínda que non queremos pecar de malas persoas temos que dicir que os Chispas non lograron nin un mísero empate... pero tendo en conta a entidade dos rivais ímolos perdoar por esta vez.

Dende aquí agradecer a todos os que asistiron ó evento o seu apoio e ánimo. Agradecer tamén ós integrantes dos equipos do Ourense F.S. e Frigoríficos Florindo o seu apoio desinteresado en todo momento, e agradecer ó concello a colaboración en materia de infraestrutura e persoal. A todos moitas grazas.

E un último apunte: neste partido descubrimos á nova "perla" da canteira dos Chispas. Trátase do Sr. Bispo D. Luis Quinteiro, que deixou mostra da súa calidade no saque de honra do triangular... aínda que logo viu o partido dende a grada. ¿Será esta a arma segrada do noso cura Luis para disputar o europeo...?

PEREGRINACIÓN PARROQUIAL A Nª SRA. DE FÁTIMA (O COUTO)

A parroquia da Ponte visita a Nosa Señora de FátimaO día 4 de Maio ás 21 horas, moitos fregueses da parroquia de Santiago das Caldas realizaron a xa tradicional peregrinación ó santuario da nosa Señora de Fátima (O Couto) co gallo da súa novena.

A celebración da eucaristía foi un momento de fervor, gozo e festa preparada polo equipo de liturxia, coa inestimable colaboración do coro parroquial.

Un ano mais agradecemos ós reitores do seminario a boa acollida dispensada.

CAMIÑO DE PONTEVEDRA

Corda RotaPois marchamos a Pontevedra.

Era o festival rexional da Canción Misioneira, e había que ir porque gañamos o festival provincial (ver artigo máis abaixo). Pero non fomos sos. Tamén foron os grupos de Barbadás e Belle, e a xente da Delegación de Misións, incluíndo ó delegado Manolo Rodicio.

Houbo grupos de todos os lugares de Galicia onde se celebra o festival. Todos interpretamos as nosas cancións e pasamos unha tarde entretida, para logo regresar a casa.

PRIMEIRAS COMUÑÓNS

Estos son os nenos que recibiron a súa primeira comuñon o 8 de Maio. ¡Noraboa!Son moitos os nenos que durante este curso celebrarán ou celebraron xa a súa primeira comuñón na comunidade parroquial:

  • Día 7 de Maio ás 20 horas: 4 nenos
  • Día 8 de Maio ás 20 horas: 13 nenos
  • Día 28 de Maio ás 20 horas: 8 nenos
  • Día 29 de Maio ás 13 horas: 20 nenos
  • Día 23 de Xullo ás 20 horas: 6 nenos
  • Día 23 de Xullo ás 12 horas: 13 nenos
  • Día 14 de Agosto ás 12 horas: 12 nenos

En total, 77 nenos. A nosa noraboa a todos eles e as súas familias.

DÍA DA H.O.A.C. 2005

Participantes no día da H.O.A.C.Unha veintena de persoas entre militantes e simpatizantes da H.O.A.C. reuníronse en Vigo con outros militantes de Galicia parar celebrar o día da H.O.A.C.

Foi unha xornada festiva na que non faltou a reflexión sobre a situación da precariedade laboral da muller, enriquecida co testemuño de inmigrantes e sindicalistas.

A destacar: A celebración da eucaristía, a comida compartida, un momento de festa con representacións a cargo dos militantes de diferentes equipos e a visita ó monte da Guía, que rematou este día de encontro e convivencia.

"HABEMUS PAPAM"

Con gozo a comunidade agradeceu a Deus o regalo do novo pontífice, Benedicto XVI, ó tempo que lle pedimos ó Espírito Santo que o ilumine para que saiba guiar a nave da Igrexa por camiños de diálogo e apertura en fidelidade ó Concilio Vaticano II.

¡¡ A POLA COPA DE EUROPA !!

Un equipo moi unidoO noso equipo favorito non deixa de darnos sorpresas. Primeiro foi o seu lanzamento á conquista das competicións oficiais, despois chegou o seu salto ós medios de comunicación, con maxireportaxe en Canal Plus e entrevista para O Largueiro incluídas. Os periódicos autonómicos quedaban pequenos...

Bromas aparte, a súa dedicación e esforzo merece un recoñecemento por parte de todos nós, xa que ademais de "sacar tempo de debaixo das pedras para poder xogar e ir adestrar" como nos dixo algún dos seus integrantes, non o deben facer moi mal, xa que están xogando as prazas para o ascenso de categoría.

Ademais a sorpresa chega cando nos decatamos que é moi posible que xoguen unha competición a nivel europeo para equipos de curas, que se celebrará en Croacia, algo semellante a un europeo de clubes.

Ó final os "Galácticos" van ter que renderse ante os "Divinos" xa que agora só estes poden gañar a copa de Europa.

SEGUIRÉMOLO TENTANDO

Último ensaio...Non puido ser.

É que dous anos seguidos é moi difícil, dicían algúns, pero tentarémolo con todas as nosas forzas.

Aínda coa resaca do día anterior (ver artigo seguinte), chegamos ó pavillón todos apresurados. Eramos os primeiros e había que poñerse a ensaiar a toda présa... comezan os primeiros nervios, pero agora é cando agroma todo o traballo feito antes e os ensaios saen a pedir de boca. A ver que tal despois no escenario, di Dora.

A hora da verdade... Despois dunha breve presentación por parte dos presentadores da gala subimos ó escenario. Para moitos era a primeira vez... e iso sempre é especial. Olladas de nerviosismo... onde me poño eu?... que non chego ó micro... os máis veteranos van ordenado un pouco o grupo. Ollada ó público e a empezar.

A pesar duns inicios un pouco titubeantes a canción sae moi ben, todo isto a xuízo de Dora, que non parou un momento de moverse e tararear no asento.

Aplausos, moitos aplausos, os nervios van desaparecendo pouco a pouco mentres baixamos do escenario para volver un pouco máis tarde, xusto o que tarda o outro grupo en empezar a cantar a súa canción. Que ben o fan... Uyyy isto vai ser mais difícil do que semellaba..

Tiñamos ata un baile... como María IsabelAgora mentres os demais grupos actúan, matamos os nervios a base de larpeiradas e caramelos que algúns maiores trouxeron.

Dende aquí queremos darlle as gracias por un lado a Dora e toda a xente da parroquia que todos os anos están aí axudándonos a que isto saia adiante. E por outro, a todos os nosos pais e amigos que nos acompañan ano tras ano dándonos todo o seu apoio.

Picariños' fan club...E chegou o momento do veredicto final. Despois dun longo rato de deliberación decidimos que fora un dos novos o que subise ó escenario, iso sí, acompañado dos chourizos da sorte que o día anterior funcionaran tan ben.

Pero semella que gastaran todo o seu poder, porque esta vez só recibimos de mans do Sr. Bispo unha pequena lembranza da nosa participación. Pero non importa, aínda que non lograsemos premio este ano, pasámolo moi ben, tanto nos ensaios como hoxe. Ademais somos moi mozos e aínda nos quedan unha morea de participacións, así que o ano que ven volveremos cunha canción nova e como non... cuns chourizos novos que funcionen.

... E OS GAÑADORES SON: ... ¡¡¡¡¡ CORDA ROTA !!!!!

Sonrisas nerviosas ó inicioe o primeiro premio é... para a canción... ¡Pan de Irmandade! ¡Grupo Corda Rota!

Despois de oír estas palabras de boca de Luis Rodríguez, copresentador da gala todos saltamos das nosas cadeiras como se queimasen; logo: apertas, bicos, bágoas, risas...

Isto de empezar polo final é un pouco raro, pero é que tiñamos tantas gañas de dar esta noticia que non podiamos agardar ó final do artigo para dicilo. Tantos anos tentándoo, tantos desgustos e desilusións... vamos que ó final perdémonos por cinco minutos de nada...

Comenzan os acordesRecapitulemos un pouco, isto comezou en branco... que si, que sí... en branco. É dicir cun papel en branco na mesa de Paco (que como todos os anos dicía: non se se terei tempo... entre a parroquia, os Chispas e unha morea de cousas non sei se terei tempo) pero a ilusión puido máis que o cansazo e xa temos a letra.

Logo chegou a quenda de Fernando, que tamén sobrado de tempo encargouse de lle poñer música ó texto. Abonda dicir que unha semana antes do final a canción non estaba completa aínda.

... Esto soa benFomos ensaiando os anacos que xa tiñamos e coa xente que podía vir; por exemplo, coa nosa gaiteira Olaia, non ensaiamos nunca ata a mesma semana do festival. Incluso o día anterior estivemos ata ben entrada a noite dando os últimos retoques.

E chegou o día. Pola mañá durante os ensaios comezan os nervios ó ver que os demais grupos traballaron moito e non vai ser nada fácil, pero tamén estamos convencidos da nosa canción, como todos os anos. Quince minutos para axustar os micros para a tarde... e a comer o que poida.

Grazas a tod@s polos vosos ánimos Dúas cousas chamáronnos a atención pola tarde: o primeiro que as entradas só facían mención ó festival infantil, que era ó día seguinte. "Esquecéronse de nós" dicían algúns.

O segundo era que este ano o escenario estaba "moi currado". Había unha réplica das burgas e dúas pantallas xigantes ós lados do escenario... coma nun concerto. Que luxo, un dez á organización que cada ano procura mellorar un pouco máis. A ver como o logran o ano que vén, porque deixaron o listón moi alto nesta edición.

Fernándo Gómez, mellor músicaPrimeiro Luis e Mónica, os presentadores da gala déronnos a benvida a todos, e logo os grupos comezaron a interpretar as súas cancións.

Como nós actuabamos de últimos, puidemos ver todas as actuacións. Resultado: os nervios a tope porque semellaban todas boíiiisimas... pero tivo súa parte positiva. Primeiro estivemos de picnic a base de regaliz e chocolate e logo de troula con todos os que nos acompañaron, tanto da parroquia como familiares, ós que dende aquí queremos dar as nosas gracias, por acompañarnos e apoiarnos, gañemos ou perdamos.

¡¡Só teño dúas mans!!...canción: Pan de Irmandade. Canta ou grupo: Corda Rota.

Despois de oír isto, comezaron os cinco minutos da verdade, nos que puxemos todo da nosa parte para que a canción saíse o mellor posible, a pesar dos nervios ¡e da afonía de Gloria! (ese fin de semana non puido ensaiar para reservar a pouca voz que tiña para o festival).

Ó rematar o último acorde, aplauso, olladas, risas de nerviosismo...

Hai que felicitar á xente de Sonorde, que este ano conseguiu unha sonorización impecable.

Unha imaxe para lembrar... CORDA ROTA Mentres o xurado deliberaba, tratabamos de asustar o noso nerviosismo facendo as nosas propias apostas de quen podía gañar, segundos... Curiosamente agás os nosos "fans" do público ningún apostou polo que ía acontecer un anaco máis tarde.

De repente salta a alarma: xa están aquí, os do xurado xa remataron... nervios a tope, corazón a duascentas pulsacións. ¿Quen sobe ó escenario para representarnos..? con todos os nervios esquecerámonos diso. Votación rápida, e tócalle a Patricia o embolao...

Primeiro cena e despois de marcha... hai que celebraloO que pasou a continuación quedará para sempre na memoria de todos nós como un sono feito realidade, xa que nin no mellor deles agardariámonos isto:

Mellor letra en galego: Paco Pernas por Pan de Irmandade...

Mellor letra: Paco Pernas por Pan de Irmandade...

Mellor música: Fernando Gómez por Pan de Irmandade...

A cada frase destas seguía un salto e aplausos a rabiar acompañados do berro a coro do nome dos dous. Dalgunha forma había que botar fóra o nerviosismo que ía en aumento... tres de tres premios, é un sono. Agora chegara o momento da verdade.

e..., mellor canción!!! como non..(aquí iría o que non nos aguantamos sen dicirvos ó principio)

Todos os nervios transfórmanse agora en berros de desafogo e risas aínda que tamén moitas bágoas. A emoción pode coa maioría. Son tantos anos tentándoo..., dicía Dora. Despois... pouca cousa, só imos dicir que marchamos de cena e despois de festa pola zona de marcha para celebralo (aínda que a "terceira idade" cansouse moi rápido; xa se sabe: os anos...)

Dende aquí dedicar un anaquiño deste premio a todos o que durante todos estes anos pasaron polo grupo, e para Dora que todos os anos se desvive para levar isto a bo porto, a Paco porque sempre remata sacando tempo para nós e a todos os que nos apoian festival tras festival... e imos parando que xa semellamos ó Almodovar...

¡¡¡GRACIAS A TODOS E NOS VEMOS EN PONTEVEDRA!!!

OURENSE NON O ESQUECERÁ FACILMENTE

Vigilia diocesana de los jóvenes por "su Papa"A diocese de Ourense despediu ó Papa Xoán Paulo II en dúas vixilias, unha delas dos mozos, que sempre estiveron preto do Pontífice.

Nas celebracións da eucaristía parroquial orouse tamén polo seu descanso eterno.

Así agradecíase a Deus o seu fecundo pontificado.

 

 

ACONTECEU EN SEMANA SANTA

Mozos dol MJAC parroquial que participaron na vela do Xoves SantoMonumento

 

 

 

 

 

 

Celebracion parroquial da Vixilia da LuzAs celebracións de Semana Santa deste ano foron amplamente concorridas. Chamou a atención o deseño do monumento, en forma de custodia.

Foron moi participadas as celebracións do Xoves Santo, Venres Santo e a gran Vixilia Pascual.

Ademais, unha veintena de mozos da parroquia fixeron vela ante o monumento durante a noite do Xoves Santo. O equipo de liturxia por outro lado, editará proximamente nun CD todas as celebracións e os recursos empregados nas mesmas.

 

12/02/2005

EUCARISTÍA DA PRESENTACION DO SEÑOR

O pasado día 6 de febreiro, 44 familias que bautizaron ós seus fillos durante o ano 2004 reuníronse na eucaristía das doce da mañá para celebrar a festa da presentación do señor.

Na celebración, renovaron os compromisos bautismais e presentaron os seus fillos ó señor.

Pese ó elevado número de bebés, a eucaristía puido celebrarse sen máis problemas que algo máis de ruído do habitual.

 

05/02/2005

VISITA Ó TAMEIRÓN

O día 5 de febreiro, 16 membros da nosa parroquia participaron xunto cos veciños do Tameirón (A Gudiña) na celebración da festa de San Francisco Blanco.

Esta festas comezaron coa eucaristía presidida polo señor Bispo, a cal axudamos a amenizar cos nosos cantos.

Ó saír da celebración gozaron dunha sesión vermú, con bailes, na que aproveitaron para quentarse os pés.

Unha vez rematada a comida, volveron de regreso, con moitas gañas de repeti-lo ano que vén.

CHEGA A "PASTORAL DEPORTIVA"

Visto o día 5 de xaneiro no diario deportivo de tirada nacional "AS":

-Gañaron os cregos: Na 3ª do fútbol sala de Ourense xogan o Chispas, equipo formado por curas de varios pobos da provincia, e os Diablos Vermellos, de Xunqueira de Ambía. Enfrontáronse onte e os cregos gañaron ós diaños por 4-2. Un voceiro dos Vermellos manifestou: "Os cregos penetraron unha e outra vez, non soubemos preservarnos e metéronnos catro sen despeinarse". Tela.-

Pois sí... algún dos cregos eses ós que se refire o artículo son da nosa parroquia. D. Luis, D. Paco e Carlos son "titulares indiscutibles" do equipo. Se os do Real Madrid son os "galácticos" entón estes deben de se-los "divinos" ¿non?... Sobre todo porque algún ten as "Pernas de Dios".

Dende aquí queremos desexarlles moita sorte nesta nova e sorprendente faceta e que cheguen a liga de honra.

E para os incrédulos, a páxina do periódico dixital pódese ver pulsando aquí.

ASEMBLEA H.O.A.C.

O día 27 de xaneiro, a H.O.A.C. de Ourense celebrou unha asemblea na casa parroquial da Ponte.

O fin da mesma, foi aproba-los orzamentos para este curso, obxectivo que se conseguiu.

Ó final da asemblea houbo un momento de distensión en que tamén participaron outras simpatizantes do movemento. Consistiu en compartir uns pinchos que previamente trouxeran tódolos asistentes.

IMOS Á NEVE

O vindeiro día 26 de febreiro, o grupo de xóvenes do M.J.A.C. (Movemento de Xóvenes de Acción Católica) da parroquia xunto con catequistas, organizan a xa case tradicional excursión a Manzaneda.

Nesta excursión poden participar tódolos nen@s e xóvenes que asisten a grupos ou a catequese na parroquia a partir de cuarto de catequese. Para poder asistir, é imprescindible entregar na secretaría da casa parroquial ou ó catequista a autorización que se dará nos grupos da parroquia. O prezo será de 10 euros.

Cada un debe levar: a comida e a bebida para ese día, roupa para mudarse (mínimo: pantalón, calcetíns, roupa interior e sudadeira), e moitas gañas de divertirse.

Sairemos ás 9:30 da mañá e volveremos ás 18:30. Pola mañá realizaremos xogos na neve e comeremos na estación de montaña. Despois de comer, visitarémo-lo pobo de Castro Caldelas.

 

16/01/2005

¡FELIZ ANIVERSARIO !

Semella que foi onte, e xa pasou un ano dende que comezou unha aventura que algúns tidaron de "demasiado futurista", pero que agora é xa algo cotidiano na vida da parroquia.

Referímonos por suposto á nosa web, que o pasado día 5 cumpriu un ano de vida. Un ano de ilusións, imaxes e cambios dos que todos fomos partícipes.

Agardamos que dentro dun ano nos volvamos ver aquí para seguir compartindo novas ilusións e proxectos. E non queremos deixar pasa-la oportunidade de da-las gracias a tódolos que fan posible co seu traballo e paciencia que isto siga adiante, GRACIAS A TODOS.

VISITA REAL

Para sorpresa de todos, o pasado día 6 de xaneiro, durante a celebración da eucaristía das doce, as súas maxestades os reis de Oriente visitaron ós nenos (e non tan nenos) da parroquia.

Melchor, Gaspar, Baltasar e todo o seu séquito real, apareceron de súpeto non se sabe moi ben de onde e nos acompañaron a todos para lembrárno-lo que aconteceu en Belén hai mais de dous mil anos.

A representación correu a cargo dun grupo de xóvenes voluntarios da parroquia, axudados por Luis e Antonio, que despois de moitos ensaios espertaron a ilusión de tódolos que asistimos.

Mención aparte merece a "actuación" dunha moi xoven estrela. Trátase de Paulo, o neno que fixo o papel de Xesús. Pese á súa corta idade, tan só tres meses, aguantó toda a celebración sen o máis mínimo xesto de cansazo.

Ó final da celebración, as súas maxestades repartiron doces e caramelos a tódolos que se portaron ben ó longo do ano, e carbón ó resto. Despois despedíronse ata o ano próximo e volveron de regreso ás súas casas para descansar dunha noite longa e de moito traballo.

EUCARISTÍA DE NADAL

Na Eucaristía das doce do día 25 de Decembro, tivémo-la oportunidade de ver unha recreación do nacemento de Xesús.

Foi representada por un grupo de xóvenes e nenos da parroquia, axudados por Luis e Antonio.

Un dos momentos memorables da representación foi cando Xosé e María lle cantaron unha nana ó neno para que durmise. A pouca experiencia da parella nestas situacións xogoulles unha mala pasada e, cousas do directo, houbo algún pequeno desconcerto, que foi salvado cunha gran dose de improvisación por parte dos dous.

Ó final da celebración unha peculiar felicitación natalicia arrincou as risas de tódolos asistentes.

 

30/12/2004

INAUGURACIÓN DO BELÉN

Durante a eucaristía do día 24 de decembro, quedou inaugurado o nacemento que os xóvenes da parroquia montan na entrada do templo parroquial.

Este ano conta con novos edificios, construídos por un grupo de xóvenes dirixidos por Carlos Ricla.

Polo lado negativo temos que este ano debido á escaseza de chuvias non contará co xa lendario río.

Dende aquí queremos da-las gracias a tódolos que co seu traballo desinteresado, fixeron posible que outro ano poidamos gozar del.

FESTIVAL DE NADAL

O pasado día 20 de decembro gozamos dunha nova edición do xa tradicional festival natalicio da parroquia.

Estivo acertadamente dirixido como en veces anteriores por Xosé Manuel Sobrino, que ademais se encargou de organizar a tódolos participantes.

O apartado humorístico estivo representado nesta ocasión por dúas xóvenes promesas como son Daniel e Norma, e dous grandes veteranos, Pepe Prol e Marité Rodríguez.

Este ano tivémo-la sorte de poder contar coa presencia do Presidente de clube deportivo Ourense, o pontino Quino Muñoz, que respondeu ás preguntas doutro pontino, Pepe González, locutor de cadea Ser. Esta entrevista amosounos outras "facetas" menos coñecidas de Quino.

Outra das actuacións destacadas foi a do grupo de teatro das aulas da terceira idade. Antes Marisa Xusto explicounos un pouco como funcionan e a que se dedican nestas aulas.

O final de festa púxoo a actuación da coral parroquial, dirixida por Epi Nóvoa, e a presentación dunha novedosa tarxeta de felicitación parroquial, que non deixou a ninguén indiferente...

ENCONTRO COS DIÁCONOS

Membros do equipo de economía da parroquia, desprazáronse o día 20 de decembro ó Seminario Maior para informar ós diáconos da nosa diocese do sentido, misión e funcionamento do equipo parroquial de asuntos económicos.

EXCURSIÓN A OPORTO

Un grupo de cincuenta e cinco persoas da parroquia participaron nunha excursión á cidade portuguesa de Porto o día 11 de decembro.

Os integrantes desta excursión participaran previamente na que este verán visitou Austria, tamén organizada dende a parroquia.

Saíron dende a Casa Parroquial pola mañá cedo, xa que a viaxe en autobús é relativamente longa. Unha vez en Porto, visitaron as tradicionais adegas da cidade e os monumentos máis representativos desta.

Chegaron a Ourense unha vez entrada a noite, todos bastante cansados da xornada aínda que con gañas re repetir pronto...

 

08/12/2004

O BELÉN PONSE EN MARCHA

Cada vez falta menos para a inauguración do belén que a parroquia monta na entrada do templo parroquial.

Así que como tódolos anos, algúns voluntarios dos grupos de xóvenes da parroquia levan xa uns cantos sábados traballando para que todo luza o día da inauguración. Polo momento estanse dedicando a construír novas edificacións para a decoración.

Despois chegará o momento de comezar coa montaxe do belén, que como tódolos anos, suporá un novo reto ó enxeño e á imaxinación de todos, sobre todo no que ó tema acuático se refire.

MAGOSTO DOS NENOS

O día 20 de novembro, os nenos de catequese parroquial de cuarto, quinto e sexto de primaria xunto cos do movemento Junior da diocese celebraron o magosto.

Saímos pola mañá camiñado cara o seminario maior. Ó chegar xuntamos leña e fixemos unha fogueira para asa-las castañas. Logo, xogamos ó fútbol, ó brilé, á comba...

Á hora da comida cada un foi sentando onde puido e relaxámonos un pouco. A sobremesa non foi menos movida que a mañá e seguimos gozando a tope do bo día que fixo.

O camiño de regreso a casa, aínda que era costa abaixo, fixosenos algo empinado. Menos mal que logramos amenizalo con cancións e risas.

Máis fotos pinchando aquí.

CENA ENCONTRO

Os participantes da viaxe parroquial a Austria e Munich celebraron o día 6 de novembro unha cena encontro para lembrar todo o acontecido durante esta viaxe. Aproveitouse a ocasión para ver unha reportaxe fotográfica da viaxe. Ó mesmo tempo propúxose realizar unha viaxe a Porto o próximo 11 de decembro.

MAGOSTO HOAC

O día sete de novembro, os militantes da H.O.A.C. celebraron o seu magosto.

Este ano xuntáronse na casa parroquial de Carracedo, A Peroxa. Ademais dos militantes, asistiron como convidados algúns simpatizantes.

A novidade deste ano radicou en que se compartiu a comida cos xóvenes do MJAC que se atopaban na casa de convivencia. A Eucaristía foi compartida cos fregueses da parroquia. Foi unha xornada moi distendida, na que nos acompañou o bo tempo.

CONVIVENCIA - MAGOSTO DO MJAC

Durante os días 6 e 7 de novembro, os membros do Movemento de xóvenes de acción católica da parroquia, celebraron o seu magosto-convivencia anual.

Levouse a cabo na casa parroquial de carracedo (A Peroxa). Este ano tivo a particularidade de que a comida do domingo celebrouse en común cos membros do grupo da HOAC parroquial.

O magosto tivo un programa principalmente lúdico no que non faltaron un duro e longo rastrexo, unha noite de fogueira e unha sesión de cine para non esquecer. Aínda que o que moitos non poderán esquecer é o difícil que resulta levantarse pola mañá, despois de estar toda a noite de festa.

En resumo, un fin de semana de convivencia e de xogos, que se volverá a repetir dentro dun ano.

CURSIÑO DE FORMACIÓN

O sábado día 30 de outubro, levouse a cabo o primeiro dos encontros de formación deste curso.

O tema a tratar foi iniciación cristiá e familia, e iniciouse cunha breve oración e a presentación. A continuación houbo un breve momento de distensión para compartir un café.

Logo levouse cabo un traballo de grupos cunha posta en común. Finalizouse cunha celebración da palabra preparada polo equipo de liturxia.

O próximo dos encontros terá lugar os días 11, 12 e 13 de xaneiro, de oito a nove e media da noite.

DOMUND 2004

Este ano a eucaristía do Domund estivo presidida por don Manuel Rodicio Pozo (delegado diocesano de misións) e preparada polo equipo de animación misioneira. O lema do Domund deste ano foi "É a hora do teu compromiso misioneiro". Iniciouse a celebración coa montaxe dun puzzle cuio mensaxe era: xuntos faremos un mundo mellor. Mentres escoitabamos de fondo a canción "O tren da solidariedade".

PEREGRINACIÓN XUVENIL ÓS MILAGRES

Os xóvenes da parroquia, levaron a cabo o pasado día 4 de setembro a súa xa tradicional peregrinación a pé ata o santuario dos Milagres, no concello de Baños de Molgas.

Participaron trinta mozos da parroquia, ós que se uniron algúns mais durante o percorrido. A saída foi como tódolos anos dende o parque da Ponte, ás once da noite.

Este ano a climatoloxía non asemellou se-la súa aliada, xa que durante toda a tarde estivo chovendo torrencialmente. Non obstante á hora de saír, a temperatura era moi agradable para camiñar. Isto non foi así durante todo o percorrido, xa que houbo momentos nos que se puideron contar ata cinco treboadas ó redor de onde camiñaban. Pero só cando xa practicamente estaban ás portas do santuario foi cando lles pillou o ballón.

Despois de asistir á celebración da eucaristía, e do merecido chocolate con churros ben quente, volveron de regreso, esta vez en autobús.

 

11/10/2004

EUCARISTÍA DE INAUGURACIÓN DO CURSO PASTORAL

O pasado domingo día 3 de Outubro, inaugurouse o curso pastoral cunha solemne celebración da eucaristía, participada por representantes de tódolos grupos parroquiais.

O equipo de liturxia preparou a celebración e ambientación do templo, cos carteis que recollen as ideas centrais da programación deste curso.

ASEMBLEA DE INICIO DE CURSO DA H.O.A.C.

Inicio de curso da HOAC Os días 2 e 3 de Outubro os militantes da H.O.A.C. (Irmandade Obreira de Acción Católica) celebraron un cursiño sobre "Revisión de Vida Obreira e Método de sondaxe sistemática", dirixido polo militante de Getafe Luís Rodríguez de Vodas.

O día 7 de Outubro ás 20:30 horas, a H.O.A.C. celebrou a súa asemblea de inicio de curso para aproba-la programación para o novo curso 2004-2005.

 

OS GRUPOS BÍBLICOS PÓÑENSE EN MARCHA

Grupos BíblicosO día 4 de Outubro, ás 20 horas no salón parroquial, celebrouse un encontro ó que asistiron 55 persoas para inaugura-los grupos bíblicos do curso 2004-2005.

O encontro estivo dirixido por D. Manuel Rodicio Pozo, especialista en Sagrada Escritura e responsable dos grupos bíblicos diocesanos.

O traballo deste ano versará sobre o Apocalipse. Os grupos funcionarán a partir de agora con diferentes horarios.

REUNIÓN DE INICIO DE CURSO DO CONSELLO DE PASTORAL

O día 6 de Outubro reuniuse o Consello de Pastoral Parroquial para aproba-la programación parroquial para o curso 2004-2005.

Despois dunha pequena celebración, levouse a cabo a posta en común das propostas dos diferentes grupos que forman a parroquia.

Ó finaliza-la reunión quedou aprobada toda a programación deste curso pastoral.

 

www.santiagocaldas.org © 2017 Parroquia de Santiago
Avda. de las Caldas, 28. 32001 Ourense
info@santiagocaldas.org (+34) 988 211 954