Inicio Horarios Contactar

Presentación
Onde estamos
Historia
A parroquia
Santiago
Don Xesús
O autor e a súa obra
Crónicas
Os párrocos
Programación 2016-2017
Horarios
Organización
Publicacións
Ligazóns
Noticias

AxendaAmosar axenda completa

En castellano

UNHA RICA BIOGRAFÍA NUNHAS POUCAS DATAS

Don Jesús Pousa Rodríguez

D. Xesús Pousa Rodríguez nace en Longos o 25 de Abril de 1919 do matrimonio formado por D. Ricardo Pousa e Dª. Rosa Rodríguez.

Estudia na escola do seu pobo co seu mestre, D. Xosé Leiro, e máis tarde ingresa no Seminario, onde cursa os seus estudios que culminará en Comillas, despois de incorporarse a fías cando cursaba segundo de Teoloxía.

En Comillas estudia Dereito e iníciase na pastoral social, e afonda a súa espiritualidade baixo a dirección do Pai Nieto.

É ordenado sacerdote o 18 de Xuño de 1943 de mans do Iltr. D. Daniel Lorente, Bispo de Segovia, especializado en catequese en Comillas, e celebra a súa primeira Misa na súa Parroquia natal de Longos o 27 de Xullo do mesmo ano.

Volve a Comillas no curso 1943-1944 a rematar os seus estudios, para regresar despois a Ourense, onde o 3 de Outubro de 1944 é nomeado Profesor do Seminario polo Bispo da Diocese, tarefa que compaxinará coas de Coadxutor da Parroquia de Santiago das Caldas, cuio Párroco era naquel momento D. Germán Fernández Román.

En Xuño de 1945 é nomeado formador do Seminario.

O 10 de Outubro de 1946 chega á Parroquia de Santiago e poucos días despois asígnaselle o seu primeiro Coadxutor, D. Antonio Rodríguez Nieto. Uns 6.000 habitantes, nun barrio obreiro, con grandes almacéns e 1.400 ferroviarios e moitas necesidades materiais e espirituais.

Xubílase en Xaneiro de 1990, despois de algo máis de 40 anos de intensa labor pastoral ó servicio da comunidade de Santiago das Caldas.

Falece no Hospital o día 4 de Abril de 2004, Domingo de Ramos, e os seus funerais celébranse o 6 de Abril na Parroquia de Santiago das Caldas dende onde os seus restos mortais son levados a repousar no Cemiterio Parroquial de Longos, o seu pobo natal.

 

UNHA MEMORIA VIVA

“HAI HOMES QUE LOITAN UN DÍA
E SON BOS,
HAI OUTROS QUE LOITAN UN ANO
E SON MELLORES,
HAI QUENES LOITAN MOITOS ANOS
E SON MOI BOS,
PERO HAI OS QUE LOITAN TODA A VIDA:
ESES SON OS IMPRESCINDIBLES”

Bertolt Brecht.

Alguén dixo que unha persoa morre do todo cando se esquece. Sería unha grande ingratitude que a comunidade Parroquial de Santiago das Caldas deixase caer no esquecemento a Don Xesús. Un bo pastor que gastou e desgastou a súa vida ó servicio do Evanxeo e dos seus fregueses.

A súa obra perdura máis alá dos anos da súa vida nesta terra posto que a base da organización parroquial é a que o asentou hai moitos anos, alá polos anos 50.

O DÍA QUE AQUEL REBELDE DIXO BASTA

Contoume nalgunha ocasión que sendo sacerdote mozo tivo que asistir ó enterro dunha personaxe importante da súa zona. Cando a comitiva fúnebre pasaba polo centro do pobo, unha humilde señora saíu ó balcón e dixo: “Adiós, pai das trampas”. Aquela frase cravóuselle na alma. Ollou cara atrás e, segundo el contaba, pensou: “Pai das trampas e unha morea de curas detrás del”. Alí empezou a pensar que había que avanzar cara un modelo novo de parroquia onde as diferencias entre os fregueses desaparecesen. Pouco despois o Concilio pedirá que non se fagan distincións por razóns económicas, de condición social… (SC.31).

Progresivamente foi eliminando toda diferencia ata lograr unha organización parroquial que favorecese este estilo comunitario onde cada un aporta segundo as súas posibilidades e cada un recibe segundo as súas necesidades. A súa espiritualidade fondamente evanxélica axúdao a perseverar nesta liña non sen grandes dificultades, posto que non sempre é ben entendido o trato igual nunha sociedade fondamente individualista.

UN DESENVOLVEMENTO HARMÓNICO DA LABOR PASTORAL

Monseńor Jesús PousaDon Xesús eira un home inconformista, un buscador incansable, cun desexo que o guiaba: Axudar ós seus fregueses a se achegaren a Deus. Para elo traballou pola súa formación cristiá promovendo movementos de pastoral obreira, a catequese presacramental, e a nena dos seus ollos: as súas visitadoras parroquiais. Para elo precisábanse locais e aí quedou a súa gran obra: A Casa Parroquial. Esforzouse por dignificar o templo e o culto. Eran admirables as súas homilías pola súa implicación, linguaxe sinxelo e coloquial, o emprego de xestos e anécdotas… Tiña moi presente que unha comunidade viva nace e aliméntase da Eucaristía e rexenérase na Penitencia. Pero non abonda só con formarse e celebrar, hai que comprometerse cos pobres e loitar por un mundo máis xusto. En tempos de moita necesidade ninguén que se atopase con Don Xesús en situación precaria saíu sen axuda. ¡Cantas persoas e familias terían que recoñecer a súa xenerosidade! Formación-celebración e compromiso social eran as grandes coordenadas da súa misión.

OS SEUS COLABORADORES

Don Xesús contou no seu ministerio con moitos e moi bos colaboradores ó seu lado. Dicíase que escollía ós seus coadxutores. Non sei o que hai de certo, se creo que a algún tocounos por puras casualidades da vida ou por acción da Providencia de Deus. Si é certo que entre os seus Coadxutores cóntanse moitos e moi venerables sacerdotes. Citamos a relación dos mesmos:

D. Antonio Rodríguez Nieto (1949), D. Emilio Salgado Vádes (1950), D. Xosé Caseiro Rodríguez (1953), D. Antonio González García (1954), D. Manuel Lorenzo Argibay (1955), D. Ramón Gómez Vázquez (1956), D. Emilio Crecho González (1957), D. Rafael Nogueiras Gómez (1960), D. Xosé Benito Sieiro González (1961), D. Xosé Vicente Vázquez Rodríguez (1962), D. Xosé Estévez Míguez (1967), D. Arturo Camba Gómez (1968), D. Emilio Pérez Igrexas (1968), D. Xosé Aurelio Carracedo Rodríguez (1969), D. Cesáreo Fernández García (1971), D. Jaime Marquina Vázquez (1974), D. Ramón Gómez Vázquez (1976), D. Ignacio Vázquez Domínguez (1977), D. Manuel Pérez Vences (1979), D. Xulio Rodríguez López (1980), D. Camilo Salgado Vázquez (1983) e D. Francisco Pernas de Dios (1985).

Tamén contou con algúns sacerdotes adscritos, como D. Prudencio Torres, D. Xosé Ramón Sobrado Pombais e D. Francisco Ruíz Sobrino.

Así, nos últimos anos a Parroquia de Santiago das Caldas estivo rexida por D. Cornelio, D. Germán e D. Xesús como Párrocos. Tras a xubilación de D. Xesús quedou á fronte D. Camilo Salgado ata que en Xuño nomeouse un equipo de Párrocos, á fronte do cal estaba D. Francisco Manuel Enríquez Pérez.

En todos eles atopou Don Xesús bos colaboradores e todos aprendemos del o celo dun pastor entregado á súa misión, que coñecía ós seus, e eles recoñecíano. Isto non significa que non houbese problemas e que en toda obra humana e en toda persoa haxa fallos e ás veces momentos de tensión, pero sen dúbida que as luces brillan moito máis que as sombras na longa tarefa dun bo pastor. Moitos dos seus colaboradores xa están con el na casa do Pai. Agardamos que alí xuntos celebren o premio que Deus concede ós que loitan todos os días da súa vida, e dende o regazo do Pai alenten ós que aínda seguimos.

Ós que continuamos a súa obra tócanos manter viva a súa memoria para que nunca morran aqueles que nos alentaron e axudaron a crer.

O SEU LEGADO

Recollemos a continuación fragmentos dun caderno que el titulou "Mensaxes dun cura de barrio", escrito tras a súa xubilación, e que fan referencia ao seu labor pastoral dentro da parroquia.

“Coas mulleres puxen en marcha o roupeiro eucarístico. Cosían para fóra, e co que gañaban renovaban as vestiduras da parroquia. Un grupo de señoras foi a Montserrat e na sancristía do mosteiro estudou e copiou os modelos de casullas e vestiduras. Ó mesmo tempo, púxenas en contacto coas benedictinas de Barcelona, e estas mandábanlles os debuxos de casullas e vestiduras litúrxicas. Así comezou o roupeiriño eucarístico, e sigue con preto de 50 anos de existencia. Paga a pena revisar as vestiduras da parroquia para testificar, cos propios ollos, a obra dun grupo de señoras entregadas con cariño a unha obra moi práctica.”

(...)

“Organicei na miña parroquia o equipo de auxiliares ou visitadoras. Elixín para o oficio ao mellor que coñecía da parroquia e lanceinas á tarefa.

“O equipo de auxiliares parroquiais tíñanos moi informados de todo o que pasaba na parroquia: o que dicían dos curas, as súas necesidades, as súas queixas. Estimo que é moi importante saber que opina de nós o pobo. "Quen di a xente que son eu", dicía Xesús. Un vai corrixindo, vai anotando cousas e vaise acomodando a todo o que sexa conquistar a confianza do pobo.

“O equipo de auxiliares tíñanos ó día en todo, coñeciamos ás familias novas na parroquia, freaban a acción das sectas e animaban a vida parroquial. A obra sigue en pé despois de 45 anos de existencia. Quero dende aquí render unha homenaxe de gratitude aos meus auxiliares parroquiais e encomendarme ás súas oracións. Sei que todas son almas orantes.”

Xesús Pousa Rodríguez

www.santiagocaldas.org © 2016 Parroquia de Santiago
Avda. de las Caldas, 28. 32001 Ourense
info@santiagocaldas.org (+34) 988 211 954