Inicio Horarios Contactar

Presentación
Onde estamos
Historia
A parroquia
Santiago
Don Xesús
O autor e a súa obra
Crónicas
Os párrocos
Programación 2017-2018
Horarios
Organización
Publicacións
Ligazóns
Noticias

AxendaAmosar axenda completa

En castellano

UN BISPO CUNHA CLARA VISIÓN DE FUTURO

O día 30 de Xullo de 1910 ás 7 da tarde bendicíuse e colocouse a primeira pedra do templo parroquial das Caldas, coa asistencia do Clero das Caldas e parroquias limítrofes e do Alcalde e corporación do Concello de Canedo, nesta parroquia que conta cun censo de 1.500 habitantes e só cunha pobre ermida afastada do núcleo da poboación. Xa o seu antecesor o Excmo. Sr. D. Pascual Carrascosa sentira a necesidade de dotar ó núcleo denominado Ponte Maior dunha Igrexa acorde coas súas necesidades. Para elo tivera ofrecementos dos veciños pero a súa falta de saúde impediullo. Na visita Pastoral Monseñor D. Eustaquio Illundain viu a urxencia de construír este templo, pois prevíase que a poboación se triplicara en poucos anos. Para elo visitou ó Alcalde de Canedo, que estimulou ós veciños a manter os ofrecementos anteriores. Sen embargo, o Bispo quería comezar canto antes, para o cal só pedía un terreo, e elixiu o máis céntrico, non só para o actual núcleo de poboación senón con vistas ó futuro. As ofertas dos veciños foron pobres pero o aceptounas e agradeceunas.

Os planos foron elaborados polo arquitecto de Bilbao D. Xosé María Basterra con tres naves de estilo oxival (BOO Agosto de 1910) e dirixiu as obras o arquitecto Sr. Vázquez Gulías, xunto co mestre Sr. Amor e o contratista Sr. Pintos que as executan con intelixentes obreiros. (BOO Decembro 1913)

“A Igrexa das Caldas (Ponte Maior) é sumamente bela, verdadeira obra de arte toda de cantería, de estilo oxival primario, escaso de adornos, pero elegante no trazado e uniforme na ornamentación; de tres naves con catro arcos forneiros, sumamente espaciosa a central e proporcionadísimas as laterais, de 8,0 metros de altura estas e de 15 aquela. A súa largura é de 32 metros, por 32 de ancho. Faltando por construír un par de capelas, unha a cada lado, medindo o arco seis metros de longo e outros seis a fachada-torre con pórtico; hoxendía ó exterior, polo Poñente, non aparece toda a esbeltez e grandiosidade da obra, por ter unha fachada ou peche provisional.

O retablo do ábside ou capela maior, único que hoxe ten, é de estilo oxival de máis ornamentación que o templo, pero gardando proporción con el. É obra do escultor Magariños, de Santiago. Artísticas vidreiras de mosaico e simbólicas embelecen o templo e cobren os rasgados ventanais do ábside e rosetóns e xanelas das naves.” (BOO de 1920 pg. 234)

CONSAGRACIÓN DA IGREXA DAS CALDAS

Levouse a cabo pola súa Excelencia Reverendísima o día 28 de Novembro de 1920.

“Trasladadas as reliquias dos santos Venusto e Xeneroso o Sábado 27 á tarde a unha casa contigua, leváronse procesionalmente ó seguinte día ó novo templo para colocalas no sepulcro do Altar Maior; unha vez alí fixo o Rvdmo. Prelado as cerimonias que prescribe o Pontifical Romano na dedicación dos templos. Asistiron de ministros desta cerimonia, así como na Misa pontifical que a continuación celebrou S.E. Ilustrísima, os moi ilustres señores Dignidades e Canónigos da Catedral, señores Sarasa, Cougil, Carrascal, Degano, Leirós e Labayen, os Beneficiarios señores Rodrigo, Baltar e Tovar. Os alumnos internos de Sagrada Teoloxía asistiron ó acto, cantando con moita afinación as antífonas e salmos propios desta solemnidade, e a Santa Misa.

O acto comezou ás oito e rematou ás doce en punto.” (BOO de 1920 pg.234)

HOMENAXE Ó RVDMO. PRELADO

Ó termo da celebración as autoridades e fregueses sorprenderon ó Prelado testemuñándolle a súa gratitude.

“O Sr. Serantes, deputado provincial, dirixiu unha mensaxe á súa Excelencia Rvdma. en nome dos veciños da Ponte. Mentres que unhas nenas descorrían o mantón de Manila con que estaba tapada unha fermosa lápida, colocada provisionalmente nun cabalete na explanada que media entre a estrada e o templo e na que se lía: HOMENAXE DE GRATITUDE Ó EXCMO. E RVMO. SEÑOR DOUTOR DON EUSTAQUIO ILUNDAIN E ESTEBAN PRECLARO BISPO DE OURENSE INSIGNE FUNDADOR DESTE MAGNIFICO TEMPLO O DÍA DA SÚA INAUGURACIÓN. OS FREGUESES DESTA PARROQUIA. MCMXX”

O discurso do Sr. Serantes di:

“Excmo. Sr.: Os veciños da Parroquia das Caldas, por iniciativa dunha señora bondadosa, pretenden significar, nunha lápida conmemorativa, a perdurable gratitude que senten cara V.E. por realizar esta obra, a cuia consagración solemnísima vimos de asistir. É modesta a homenaxe. Non corresponde, sen dúbida, á magnitude do motivo que a xustifica. Só polo sentimento colectivo que a inspira pode irmandarse e estar axuntada ó alto valor moral, espiritual e material da meritísima acción de V.E. Unida a outras moitas, prez e enaltecemento do voso pontificado, deixa por si soa nesta diocese entre nós perenne memoria do seu paso por ela.

Por isto eu vos rogo, excelentísimo señor, en nome de todos, que ó descubrirse neste momento esa táboa de mármore, vexades só na mesma o que o pensamento noso aspira a condensar na súa cicelada inscrición, non o que plasticamente vale.

O voso nome esclarecido por tantos motivos, mestre de tantas virtudes, queda xa soberanamente escrito nas pedras deste templo, grande en todo, na idea que o concibiu e na intelixencia e na man dos artífices que o dirixiron e levantaron, por xenerosa iniciativa de V.E. conxuntamente a esta lembranza viva. Desexa esta parroquia ligar permanentemente nesa sinxela lápida, encaixada nunha destas columnas, o modesto pero elocuente testemuño do recoñecemento público dun pobo agradecido, que, polo que tamén ten de virtude, é o que pode render a preclara dignidade de V.E.

Aceptádeo, señor, tan humilde e sinxelamente como se ofrece. E no elevamento do voso novo destino, que pese a todas as consideracións produce o fondo pesar da vosa ausencia de entre nós, acompañe a V.E. constantemente, entre as vosas gratas remembranzas da súa exemplarísima vida pastoral, a lembranza inextinguible deste momento nesta parroquia das Caldas, que elevará eternamente preces ó altísimo polo voso engrandecemento.”

O Prelado emocionado, respondeu agradecido. Pola tarde celebrouse, acompañado dun gran número de fieis, o traslado do Santísimo da antiga Igrexa á nova. Seguidamente un devoto exercicio coa plática do señor Cura Párroco D. Germán F. Román, na que deu grazas ó Prelado, alentou á súa fregresía. A continuación fixo a reserva o Bispo e entoouse un Te Deum polos seminaristas. (Cfr. BOO. Decembro de 1920)

(Cfr. Ir. D, Laureano Tovar González, Ensaio biográfico do Excmo. Sr. Cardenal Illundain e Esteban, bispo que foi de Ourense e Arcebispo de Sevilla. Editorial Aramburu (Pamplona 1.942) pg.129-134)

OS SANTOS CUIAS RELIQUIAS CUSTODIA O NOSO TEMPLO

Moi pouco sabemos da vida destes santos cuias reliquias custodia a ara do altar maior do noso templo parroquial. Algúns datos lémbrannos o seu valor e valentía para testemuñar a fe coa súa propia vida e son alento para vivila co orgullo de quen se sabe acompañado por tan insignes testemuñas de Xesuscristo.

SAN VENUSTO

Pouco coñecemos da súa vida. Segundo os escasos datos forma parte dunha vintena de mártires cordobeses que pereceron nos albores do s. IV baixo a persecución de Diocleciano. Constituído o Imperio Romano como unha tetrarquía, España quedou dentro da rexión gobernada polo césar Constancio, quen atenuou nas zonas do seu mando as persecucións ós cristiáns, que tiveron como instigador no resto do Imperio ó césar Galerio. Dada esta circunstancia, é de supor que este martirio colectivo non acontecese antes do ano 303, no que apareceron os tres primeiros edictos, e que tivese lugar no 304, no que un novo edicto imperial condenaba ós cristiáns indiscriminadamente. O máis coñecido do grupo é San Zoilo pero o P. Flórez recolle, xunto a este, 20 nomes, que son: Crescente, Xulián, Nemesio, Fratria, Primitivo, Justino, Statheo, Novaciano, Clemente, Marcelino, Zedino, Félix, Venusto, Marcelo, Itálica, Lello, Capitón, Tinno, Timarco ou Tusco e Silvano.

A súa festa aparece no santoral do día 22 de Maio.

SAN XENEROSO

Aparece inscrito no martirologio romano e celébrase o día 17 de Xullo. Só consta que as reliquias do santo figuraban debaixo do altar maior da Igrexa de San Lourenzo na catedral de Tívoli. Nada coñecemos da súa vida. Só algunhas hipótese para identificalo. Para algúns é Xeneroso é o Bispo de Tívoli lembrado por Pacomio, pero sen dar o seu nome, que foi asesinado co seu pobo. Nun friso que hai na catedral de Tívoli, Xeneroso é representado como militar mentres confesa a fe diante do xuíz.

Sobre as reliquias destes mártires asíntase a nosa fe. Unha fe que Santiago Apóstolo predicou ata o finisterrae e que hoxe conservamos e somos chamados a testemuñar coa firmeza e valor dos mártires sobre cuias reliquias cada día e cada domingo celebramos o Sacramento do amor, a Eucaristía, fonte e cumio da nosa vida e misión.

www.santiagocaldas.org © 2017 Parroquia de Santiago
Avda. de las Caldas, 28. 32001 Ourense
info@santiagocaldas.org (+34) 988 211 954