Inicio Horarios Contactar

Presentación
Onde estamos
Historia
A parroquia
Santiago
Don Xesús
O autor e a súa obra
Crónicas
Os párrocos
Programación 2017-2018
Horarios
Organización
Publicacións
Ligazóns
Noticias

AxendaAmosar axenda completa

En castellano

O AUTOR E A SÚA OBRA

O TEMPLO PARROQUIAL

O autor do templo parroquial é o arquitecto vasco Don Xosé María de Basterra, home impregnado do gusto polo gótico que fai uso desta inspiración en toda a súa obra, non só na de terminación de obras existentes senón tamén na de nova obra, como é o caso deste templo.

Unha característica do traballo deste autor, é o uso dunha soa torre central nas fachadas das Igrexas que proxecta. As torres, divídeas en varios corpos de diversas formas, circulares, poligonales ou rectangulares, e sempre rematadas por un corpo semellante a unha frecha que se eleva cara o Ceo.

Obras súas esténdense por toda España. Entre elas, están a Igrexa dos Xesuítas de Bilbao, e a de Nosa Señora de Begoña, tamén en Bilbao, e da que tan só realizou a torre para rematar a Igrexa.

OS RETABLOS

O autor dos retablos é Máximo Magariños, escultor galego creador dunha escola de talla en Santiago de Compostela, que deixou abundantísimas obras pola rexión.

Magariños, era fundamentalmente un traballador da madeira, un ebanista virtuoso, e incluso, un gran retablista que adaptaba a súa obra ó recinto para o cal a construía.

Foi un imaxineiro relixioso, prendido na tonalidade expresiva do gótico florido, en cuia estilística se inspirou e mantivo durante toda a súa vida.

A variedade temática e cronolóxica da súa iconografía testemuña, unha vez máis, os gustos eclécticos de Magariños, que o encadran no movemento “ecléctico” de finais do século XIX e principios do XX.

Máximo Magariños é autor de numerosas imaxes que poboan as Igrexas de toda Galicia. Da súa obra, como retablista, sobresaen os retablos da Catedral de Santiago: son o da Capela da Virxe Branca, ou das Españas, que data de 1906, e o da Capela das Reliquias, talla en cedro e que lembra ó de San Nicolás de Burgos dos Colonia. Nestes retablos, ó igual que no comentado, as imaxes son obra súa.

O RETABLO DO ÁBSIDE

Este retablo, ambientado dentro do recinto para o cal se construíu, adopta unha estrutura de fachada gótica na que todo é pura filigrana de tracería oxival.

Está formado por tres rúas de dimensións semellantes, encadradas por uns altos estípetes que se decoran con imitacións de tres larguísimas xanelas oxivais, cubertas cuns gabletes tan agudos que rematan como frechas, formando unha cruz no cume. Os que encadran a rúa central son máis altos, e na súa decoración engádese unha tracería que imita os ventanais góticos do século XIII, e que se cobre con outro gablete.

As rúas laterais divídense en dúas rúas cada unha, separadas por outro estípete máis sinxelo e estreito que se coroa cuns anxos de pequeno tamaño, orantes de corpo enteiro e de composición vertical acentuada polas ás, que xuntas se asoman por encima da cabeza.

Horizontalmente, está dividido en dous corpos que se superpoñen a un pequeno banco decorado con tracería gótica, e separados por unha crestería. Sobre o segundo corpo, a rúa central presenta un terceiro corpo en forma de fornelo, que alberga a imaxe barroca do santo titular baixo un dosel poligonal formado por arcos apuntados, adornados cunha especie de festón e apoiados os laterais en dúas columnas, cuxo fuste ten arrimado un anxo. Os ángulos do dosel, teñen outros tres, todos iguais ós xa descritos. O fornelo coróase cunha especie de torre piramidal calada con tracería e moi aguda, coroada por unha cruz de brazos iguais.

Debaixo deste fornelo e no segundo corpo, aparece outro dosel, que alberga o Crucifixo; está formado por un arco apuntado conopial ou cóncavo convexo.

Nas rúas laterais e baixo doseles sinxelos sitúanse, no segundo corpo, catro alto relevos dedicados á vida de Santiago Apóstolo. O primeiro corpo, adórnase con tracería nas rúas centrais e con motivos ovais e heráldicos nas laterais.

Todo neste retablo é rutilantemente dourado.

OS RELEVOS

As rúas laterais da dereita teñen dous relevos cuxo tema é: a morte de Santiago nun e a Oración do Horto no outro. Son de composición plana, aínda que está presente neles un motivo arquitectónico nun, e unha árbore no outro, xa que estes obxectos só serven para enmarcar a escena e non dan ningunha profundidade ó relevo, e así a árbore estende as súas pólas lateralmente e os edificios converxen no centro.

Na esquerda sitúanse os relevos da Transfiguración de Cristo e da Batalla de Clavijo. Son tamén de composición plana, e esta vez sen fondo algún nin obxectos que se presten a confusión. O da batalla, presenta a Santiago Matamouros, figura ecuestre cuxo cabalo non presenta escorzo algún.

Estes relevos, están formados por entrepanos dourados nos que se presentan figuras moi movidas, cuxo movemento faise patente nas súas roupas que asemellan movidas polo vento. A súa talla é dun gran virtuosismo.

O CRUCIFIXO

É unha escultura de gran equilibrio, realizada en madeira con policromía mate imitando a cor natural da pel. É un Cristo de perdón, vivo, cuia cabeza lixeiramente inclinada cara o lado dereito, repousa a barbilla no corpo. A súa ollada diríxese ó penitente, cara quen baixa os seus ollos. O seu rostro, non é lacerante, xa que non presenta feridas sangrantes, e a súa expresión está chea de dulzura implorante e misericordiosa. A coroa de espiñas, está tallada nel e non produce feridas.

O seu corpo, esbelto, non presenta gran escorzo; os xeonllos, xuntos, apenas sofren desprazamento lateral que altere a verticalidade do corpo. Os seus pés crúzanse, e sobrepóñense unidos por un só cravo. Un amplo pano de pureza, moi ceñido ó corpo, anóase no seu lado dereito sen corda.

O seu corpo tampouco presenta motivos lacerantes, pois a ferida do custado, non é sangrante.

A Cruz, de madeiros planos, e clásica na imaxinería do momento.

O PATRONO

É unha escultura de bo tamaño en madeira policromada de varias cores planos, que representa a Santiago Apóstolo camiñante co manto recollido nos brazos. Os pregamentos do manto crébanse, formando numerosas engurras de liñas amplas que o ciñen ó corpo amosando a actitude andante da imaxe.

Presenta un gran naturalismo nado do estudo do natural. Representa un home de certa idade, de pelo curto e barba longa, que se inscribe nun triángulo puntiagudo que dá á cara aparencia alongada e forma de triángulo tamén.

Esta imaxe está dotada de gran movemento, que se patentiza na súa composición diagonal e nos contornos sinuosos do seu corpo que presenta gran escorzo.

O CALVARIO

Ó entrar á dereita, no primeiro tramo da nave lateral dese lado, atopamos un pequeno retablo de madeira dedicado ó Calvario, e no que xunto ó Crucifixo, están a Dolorosa e San Xoán Apóstolo.

O CRUCIFIXO

É unha talla de maior tamaño que a do retablo maior, como aquela realizada en madeira policromada. A súa policromía, de encarnacións mates e morenas.

Este é un Cristo expirante, de cabeza alzada, de maneira que a súa ollada diríxese cara arriba, ollando ó Pai. Non é unha imaxe lacerante, pois no seu rostro non hai nin feridas sangrantes nin na súa expresión complacencia no dor desgarrado, senón que sinala angustia e sentimento de esperanza. O seu cabelo é curto e apártase do rostro. A coroa está tallada na mesma.

O seu corpo, de canon esbelto e extremidades longas, tampouco presenta laceración e as pegadas da Paixón son escasas. Os seus pés, tamén sobrepuestos, están unidos por un só cravo.

O pano de pureza está suxeito por cordón e ábrese como zarandeado polo vento cara a esquerda, e con gran movemento desprázase a ese lado separándose do corpo. Ten tamén un certo movemento de esvarar polas pernas, que imprime esbeltez ó corpo.

SAN XOÁN

É unha escultura de bo tamaño, de madeira policromada en cores planas. É unha policromía rica e de gran finura. Representa un home xoven e de aspecto un tanto andróxino, cuia faz lembranza un pouco ó anxo das Oliveiras de Salcillo.

A súa cabeleira solta e retirada do rostro, ó que enmarca, é de amplos bucles que caen polo lombo.

Todo nel irradia calma, serenidade e gran elegancia; as súas mans e brazos, cruzados sobre o peito sen apenas desprazamento; os seus ollos, lixeiramente elevados cara Cristo, acentúan o seu aspecto sereno.

Os pregamentos do seu manto, recollido polo movemento dos brazos, forman amplas e minuciosas engurras verticais; unhas, como formando abano, e case horizontais outras, seguindo a liña dos brazos.

A DOLOROSA

É unha imaxe de vestir de igual tamaño que o San Xoán. As súas mans están xuntas e cruzadas sobre o peito. O seu rostro non se comprace na dor desgarrada e angustioso, senón que ofrece unha serena resignación.

Esta imaxe foi doada pola señora Jesusa Puga de Lois en marzo de 1926.

 

Fotografía realizada por Mani Moretón

www.santiagocaldas.org © 2017 Parroquia de Santiago
Avda. de las Caldas, 28. 32001 Ourense
info@santiagocaldas.org (+34) 988 211 954